Onte 515: O colapso do capitalismo financeiro

É para min unha honra poder presentarlles a Óscar Scopa, editor, escritor, filósofo, sociólogo da moda, profesor do “Máster de Comunicación de Moda y Belleza” da Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente vive en Cangas do Morrazo, razón pola que é un novo veciño da área metropolitana viguesa, a quen recibimos co maior agarimo. Scopa é autor de varios libros de ensaio como Cavas y miñangos (1985), Fachada (1986), Camporégano (1997) e Nostálgicos de aristocracia. El siglo XX a través de la moda, el arte y la sociedad (2005). En 2000 preparou o monográfico Vogue España. 100 años de moda. É un dos investigadores sociais máis recoñecidos en España no eido da socioloxía da moda e da arte. No pasado mes de abril publicou o seu libro máis recente El fin del mundo ya tuvo lugar (Esto no es una crisis) onde propón unha lectura satírica, orixinal e moi clarificadora do que popularmente entendemos por crise, para el o colapso do proceso de acumulación de capital fantasma máis desaforado que poidamos lembrar na historia do capitalismo. Scopa argumenta, desde un punto de vista filosófico, non tanto sobre a economía, como sobre o «discurso da economía» ou do economicismo como centro das nosas vidas. Porén, o seu libro non se centra estritamente na actualidade, senón que a utiliza como punto de partida para o desenvolvemento teórico de diferentes valores do termo crise, inscrito no momento do traspaso da modernidade cara outra era que non comezou aínda. Analiza o paso dos totalitarismos modernos ao que el denomina «totalismos», que se desenvolven no marco do chamado «colapso da modernidade», tamén un fin de época, que produce unha perigosa sensación de abismo. Scopa utiliza os recursos da sátira para facerlle fronte ao deterioro económico, inventando o personaxe sociolóxico do «cooligan», un froito deturpado dos mundos do espectáculo, devastador para a cultura, froito da desaparición do poder da burguesía substituída polo trasnacional. Un ensaio moi interesante para suscitar unha reflexión profunda e desprexuizada sobre o que é o tempo presente. Un libro concibido para intentar saír da roda infernal que empurra a actuar só sobre o económico. Un libro que propón un acougo, un tempo para decidir cara onde queremos ir colectivamente. Parabéns a Scopa por este traballo excelente do que hoxe nos falará na súa primeira intervención en Vigo.

Texto que lin para presentar a conferencia que Óscar Scopa pronunciou no Club Faro de Vigo con motivo da presentación do seu libro «El fin del mundo ya tuvo lugar (Esto no es una crisis)».

Onte 514. #CuestiondeEducacion

Excelente foi o regreso do Salvados de Jordi Évole cun programa sobre a situación da educación pública en España. As entrevistas con Jurjo Torres Santomé e o director da escola Pública Antaviana, quizais foron menos espectaculares que a reportaxe sobre a Primaria finalandesa, mais foron moi eficaces para diagnosticar as nosas principais carencias. Ademais, o programa serviu para presentar o que son as necesidades reais do noso sistema escolar, a maior parte delas afastadas das propostas da LOMCE de Wert: un novo sistema de formación inicial, acceso e formación permanente do profesorado; unha maior autonomía da comunidade educativa para o desenvolvemento do curriculum; máis recursos para desenvolver programas de atención ao alumnado con necesidades educativas especiais; unha maior estabilidade do modelo organizativo e do marco curricular; unha participación máis activa das familias dentro e fóra da aula; a gratuidade de todos os servizos educativos e materiais didácticos; a integración dos centros nunha única rede pública… No programa foi para min moi impactante a testemuña dun cidadán finlandés que denuncuiou a existencia no seu país dunha xeración perdida (a dos que hoxe frisan os trinta anos) debido aos recortes que se efectuaron en educación a comezos dos anos 90. A exitosa experiencia finlandesa amosa que investir no profesorado é a clave para conseguir un sistema educativo que garante a igualdade de oportunidades e promova a cohesión social. Parabéns para Jordi Évole e o seu equipo capaz de presentar en menos dunha hora un diagnóstico e un modelo educativo alternativo á contrarreforma Wert.

Noventa anos co Celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á edición da Hístoria del Celta de Fernando Gallego.

Ao longo deste 2013 celebramos dúas efemérides que poñen en evidencia a centralidade de Vigo no proxecto colectivo de Galicia durante os dous últimos séculos: o cento cincuenta aniversario da publicación o 17 de maio de 1863, no prelo que o impresor Juan Compañel tiña na rúa Real, de “Cantares Gallegos”, o libro alboral de Rosalía de Castro; e o noventa aniversario da fundación o 23 de agosto de 1923 do Real Club Celta de Vigo, tras a fusión do Real Vigo Sporting e o Fortuna. Senllas efemérides que, máis alá da súa significación para a historia da literatura ou para o fútbol e deporte galegos, supoñen tamén unha oportunidade para a avivecer a nosa memoria e identidade colectivas.

Foi un 2 de febreiro de 1923 cando nas páxinas de “Faro de Vigo” o xornalista Manuel de Castro, “Handicap”, aseguraba que “o momento e as circunstancias parecían propicias para unha fusión do Vigo e do Fortuna”, os dous clubes vigueses de fútbol. Un deporte que se viña practicando no Malecón do recheo do porto desde 1895, traído polos mozos que traballaban no Cable Inglés e polos mariñeiros da escuadra británica fondeada na ría. Vigo foi unha das cidades pioneiras do balompé, sendo porén Vilagarcía a primeira poboación galega e española á que os ingleses levaron en 1875 un partido do seu moderno “foot-ball”.

Handicap propoñía a fusión dos clubes rivais, creados ambos os dous en 1905, coincidindo co primeiro campionato de fútbol de Galicia, coa intención de que Vigo e Galicia contasen cun “foot-ball máis serio, máis grande, coma nos corresponde, e non quedarnos nun plano inferior a outras rexións”. Handicap enxergaba, pois, o proxecto dun equipo galego de fútbol forte, capaz de medirse cos mellores de España e do estranxeiro. Un devezo para o que se convocou un concurso de nomes, aparecendo propostas como “Club Galicia”, “Real Atlético F.C.”, até quedar finalmente dúas “Breogán” e “Real Club Celta”. Un proxecto deportivo que coincidía co cultural e político acuñado pola revista “Nós” (“Galicia célula de universalidade”), publicación na que o xornalista vigués colaborou en 1922 cunha crónica en galego (unha das primeiras na nosa lingua) sobre a final do campionato de España que no campo de Coia xogaron o Barcelona e o Real Unión de Iruña. Hándicap, coma outro inesquecible xornalista galeguista daquel tempo de entusiasmo, Manuel Lustres Rivas (unha figura esquecida a reivindicar), consideraba, o fútbol como unha actividade modernizadora da sociedade. Para Lustres –director que foi de “Galicia. Diario de Vigo”, o xornal creado en 1923 por Valentín Paz Andrade, e máis tarde, até que foi paseado en 1936, redactor de “Faro de Vigo”– “o futbol é un relampo de vida europea, de arelas de superación en torneos de forza e destreza, de disciplina colectiva, sentimento de coordinación por grupos, método de loita”.

O proceso de fundación do Real Club Celta de Vigo é un dos capítulos máis brillantes da “Historia del Celta. 90 años de pasión por Vigo” (Faro de Vigo, 2013) escrita polo xornalista Fernando Gallego. Unha historia deportiva detalladísima, documentada tras as páxinas de nove décadas do diario decano, onde se recollen as clasificacións, aliñacións e anécdotas capaces de construír un apaixonante relato épico sobre o representante máis xenuíno da afouteza e corazóns galaicos. Nestas páxinas, ilustradas con valiosa documentación gráfica, están todos os Celtas da memoria. O Celta dos nosos avós e bisavós, o de Nolete dos tempos da República e o da construción de Balaídos. O Celta dos nosos pais, aquel equipo coraxudo que perdeu en 1948 a súa primeira final de copa co Sevilla. O Celta da nosa nenez e mocidade, o do equipo ascensor dos setenta, mais tamén o Eurocelta de entre séculos, que aseñorou os campos do continente co seu fermoso xogo da serpe. O Celta de sempre, o que nos fixo gozar e chorar, nesa vertixe emotiva que imprimen as súas cores celestes. Nestes catro tomos de Fernando Gallego está o Celta de todas as xeracións, o celme do celtismo concibido coma unha comunidade sen fronteiras de entusiasmo lírico.

Unha obra na que tamén identificamos a historia de Vigo, esa cidade revolcada, mais de talante práctico e dinámico, capaz, coma o seu primeiro equipo de fútbol, de erguerse e reiventarse tras os fracasos ou diante das maiores dificultades. E como sinala no limiar da obra Ceferino de Blas, o grande estudoso e coñecedor da historia de “Faro de Vigo”, “os vigueses decidiron que o fútbol fose un elemento de unión, non de confrontación”. Nesa idea fulcral de integración e vertebración social e interxeracional reside o valor esencial do Celta a reinvidicar e potenciar neste seu noventa aniversario. Parabéns a Fernando Gallego e a “Faro de Vigo”, autor e editora desta monumental e tan recomendable historia celeste. Ala Celta!

Onte 513: Tirar do fío

Tras a incrible interpretación de Cospedal negando de raíz calquera relación da dirección do PP cos sobres de Bárcenas e a súa contabilidade oculta, era inevitable que Rajoy continúase na súa comparecencia (sen xornalistas e sen preguntas) polo mesmo camiño. Foille moi difícil, como demostra a súa cara demudada, máis apostou por xogalo todo á carta da súa credibilidade, da firmeza da súa palabra. Utilizou a estratexia do cinismo vitimista na que se culpabiliza de todo ao mensaxeiro (neste caso á prensa capitalina) nunha confusa teoría da conspiración «contra o seu partido, contra el coma presidente e contra España», na que chegou a incluír á súa feble e «leal oposición». Porén, tras ter faltado tantas veces a palabra dada á cidadanía, esta apelación á credibilidade, baseada na utilización do argumento de autoridade –mesmo co seu momento fachendoso de rexistrador «a min non me facía falta meterme en politica» ou a teatralización dramática da lectura do «falso, falso, falso»– non funciona. Rajoy lembroume ao patético Aznar do cumio dos Azores enredado nas súas mentiras ou aqueloutro voceiro arrichado dos «hilillos de plastilina» da crise do Prestige.  O sucedido onte demostra que Gürtel aínda pode dar moito de si, mesmo algunha sorpresiña para a política galega. Tanto os papeis de Bárcenas como as dilixencias previas do caso confirman os pagos en «B» que o Partido Popular de Galicia facía dos seus actos electorais, apenas un fío da conexión galega da trama, tras a que estaba o vilagarcián Pablo Crespo, que chegou a ser secretario de organización do partido en Galicia nos anos noventa. Como a estas alturas xa ninguén dubida que a crise dos sobres foi xerada dende dentro do propio PP, probablemente coa intención de substituír a Rajoy no marco dunha operación quizais máis cobizosa. Este escándalo é tremendo, apenas un iceberg dun sistema politico corrompido, un nobelo do que o xuíz instrutor do caso debe tirar do fío, un punto sen posible retorno.

Publicado en Galicia confidencial.

«O quinto evanxeo de Gaspar Hauser» premiado en Rotterdam

O filme galego O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, dirixido polo ferrolán Alberto Gracia e con produción de Zeitun Films, vén de gañar o Premio da Fédération Internationale de la Presse Cinématographique, FIPRESCI, no Festival de Rotterdam. Ao premio optaban as dezanove estreas mundiais presentadas no certame dentro da sección Bright Future. Formaban parte do xurado os críticos Diego Lerer (da Arxentina, Inrockuptibles, OtrosCines), Robert Koehler (EEUU, Film Comment), Ronald Rovers (Holanda, Filmkrant, VPRO Gids), Boris Nelepo (Rusia, Séance.ru, Kinote.info, Mubi.com) e Nam Da-Eun (Corea do Sur, Cine21). Parabéns a Alberto Gracia e aos responsables de Zeitun Films por este novo galardón internacional.

Onte 512: Feijoo con Ameixeiras

A pesar doutro serán de intenso ballón, un bo grupiño de xente reuniuse na Libraría Paz de Pontevedra para presenciar a conversa sobre Todo OK entre o seu autor, Diego Ameixeiras, e Pedro Feijoo. Antes do diálogo entre os dous narradores, o autor d’ Os fillos do mar pronunciou unhas palabras nas que percorrendo o catálogo do novelista ourensán expresou as razóns polas que «Queremos a Diego».

Comezou Feijoo salientando  que «queremos a Diego porque, como membros dun sistema literario ameazado de sobrevivir Baixo mínimos, o seu é o mellor exemplo dun escritor novo e excelentemente dotado como narrador, ao tempo clásico e moderno, capaz de crear un universo literario propio onde se dá feliz encontro entre o autor e o seu público, un público capaz de esgotar unha edición completa en menos dun mes». Continuou lembrando que «malia ás veces pecar ese sistema noso de non ter máis ca Tres segundos de memoria, cómpre non esquecer que estamos a falar dun autor con sete títulos xa ás súas costas, e avalado por diferentes premios e recoñecementos, entre eles todo un Premio Xerais de Novela, aí é nada».

Feijoo sinalou, logo, que «queremos a Diego porque os lectores e lectoras devecemos polo seu xeito de narrar, claro, directo, parágrafos descarnados e diálogos sen ambaxes, rápidos e duros. Si, sabemos que ninguén coma el nos vai responder cando lle digamos “Diego, Dime algo sucio”». Non esqueceu Feijoo subliñar a achega de Ameixeiras na modernización dun «xénero tan arraigado na nosa narrativa como é o da novela negra, o que supón non pouca responsabilidade, por certo, que aí nos contemplan os Reigosa, os Jaureguízar, os Rivas…». Rematou a súa primeira intervención Feijoo confesando que «se en Galiza aínda se pode falar de xeracións literarias, eu quero formar parte daquela da que forme parte Diego». 

Onte 511: Co Capitán Aspanitas en Ourense

Volvemos a Ourense para desta volta participar na presentación d’ O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, a máis recente novela infantil de Ramón Caride ilustrada por Jaime Asensi. A obra naceu do personaxe do Capitán Aspanitas creado pola asociación Aspanas e a empresa de economía social Aspanas Termal S.L., na que traballan máis dun centenar de persoas con discapacidade. A coincidencia desta presentación (á que asistiron case dúascentas persoas) co Día Escolar da Non Violencia e pola Paz foi moi afortunada, xa que este superheroe ourensán encarna os valores da paz, a tolerancia, a solidariedade que se celebran nesta xornada que tanto animou o noso lembrado Suso Jares. Aspanitas (quizais mellor sería Aspaniñas, como propón o Carrabouxo) combate a inxustiza e as agresións ao medio ambiente alí onde se produzan. Un personaxe afouto personaxe infantil moi necesario en tempos de catástrofe moral coma os que hoxe vivimos. “Todos somos capitáns, compañeiros de lugar, coma nós…”, eis o retrouso do himno emocionante de Magín Blanco, que cantou na presentación acompañado por Tonhito de Poi. Unha presentación excelente para un libro e un proxecto de empresa de economía social que merece apoio e recoñecemento.