Onte 531: Biografía de referencia

Na presentación en Couceiro, a crítica Chus Nogueira cualificou Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro como «un libro excepcional, a biografía de referencia sobre Celso Emilio Ferreiro». Para Nogueira no libro de Ramón Nicolás «sorprenden a magnitude, a amplitude e rigor dun traballo que o converten nun libro de referencia». “Que hai de extraordinario nesta biografía?” preguntouse Nogueira. «Paixón, honestidade, elegancia e delicadeza para abordar cuestións biográficas, vontade de estilo e unha estrutura coral, polifónica na que tanto podemos ler a voz do investigador, do propio Celso, as voces autorizadas convocadas e a voz dun narrador que se vai interpolando e que nos achega ao que poderiamos considerar como “unha biografía novelada” moi atractiva». Concluíu Nogueira salientando que eran estes «textos moi fermosos que levan a un man a man entre o biógrafo e o biografado, entre o investigador e o narrador, reforzando a inmersión no universo Celso Emilio, harmonizando dúas técnicas do relato biográfico aparentemente enfrontadas». Foi a de Chus Nogueira unha presentación magnífica, modélica pola súa claridade didáctica e profundidade crítica!

Onte 530: A confesión do electricista

A confesión que José Manuel Fernández Castiñeiras, “Manoliño do Rego”, o electricista acusado de roubar o Códice Calixtino, escrita da súa propia man e presentada diante do xulgado de instrución de Santiago, é un relato tremendo, impresionante sobre o que “víu e vivíu” na catedral de Santiago, para el “unha areíña” do moito que coñeceu alí ao longo de máis de tres décadas. Tras a súa caligrafía vacilante, Castiñeiras relata os amores, os odios, os ciúmes e as chantaxes que el coñeceu no entorno catedralicio, un relato moito máis audaz co da sorprendente novela publicada hai un par de semanas por Vázquez Taín, o xuíz instrutor do caso. Rematada a traballosa lectura da confesión, entendín que este axuste de contas do electricista co deán e a denuncia de que “roubaban diñeiro todos” na catedral non achega novidades substanciais no caso, aínda que axude a entender motivacións e comportamentos dos seus protagonistas. A realidade e a ficción facendo cambadelas. Quedei parvo.

Onte 529: Trasacordo afortunado

Un equipo de fútbol profesional crea un espazo simbólico facilitador dos soños e afáns dos seus seareiros. Mais tamén é unha comunidade de convivencia de milleiros de persoas que, por riba das súas preferencias ideolóxicas e diferenzas xeracionais, asumen anceios compartidos. Aí, quizais, radica o celme da identidade de cada equipo que «sempre é máis ca un club».

Menos mal que o Celta trasacordou sobre a marcha, no mediodía de onte, e Salva Ballesta non acompañará a Abel Resino como segundo adestrador. Un alivio!, xa que a presenza no banco de Balaídos dun individuo tan intolerante e de ideoloxía antidemocrática só agoiraría moitos conflitos e o deterioro do proxecto social e comunitario do noso club. Sería incomprensible para unha afección tan pacífica e lírica coma a celeste que despois de prescindir dunha persoa entrañable e acolledora, como foi Paco Herrera, ocupase o banco do Fragoso un fanático de extrema dereita (de quen non se sabe que o queiran noutro equipo) disposto a darnos cumpridas leccións da súa «españolidade» fetén.

En todo caso, tras o trasacordo afortunado, ao que non foi alleo a rápida mobilización dos seareiros nas redes sociais, dá noxo que boa parte dos medios da vila e corte («dos milagres») ataque de forma feroz ao Celta pola súa decisión lexítima, coma se o noso club non tivese o pleno dereito de escoller a súa identidade e reclutar con plena liberdade aos seus colaboradores. Agardo que Abel Resino teña moita sorte, a pesar dun comezo na súa andaina tan pouco prometedor.

Onte 528: O Celta no precipicio

Tras o sucedido nesta fin de semana en Xetafe, o Celta quedou no precipicio, nunha situación case desesperada para manter a categoría. Se non abondase unha nova derrota froito da febleza defensiva e das escasas alternativas tácticas das que dispón o equipo, o conflito aberto entre Iago Aspas, o figuriña do equipo, e Paco Herrera, o adestrador, ameaza con estragar calquera esperanza de remontada.

Ambos os dous erraron, e moito. O dianteiro por non saudar ao seu compañeiro Santi Mina (debutante de 17 anos), cando foi substituído, un falta de deportividade inadmisible. O adestrador por criticar na roda de prensa ao seu xogador, agochando a súa responsabilidade nesta debacle que sitúa ao equipo a dúas vitorias da salvación. Ambos os dous amosaron co seu comportamento unha preocupante carencia do autocontrol exixible a deportistas adultos e profesionais, ademais de constituír un síntoma inequívoco do deterioro da convivencia no vestiario.

Aspas, que arrastra dende hai dous meses unha baixa forma alarmante, que non se pode achacar só ás lesións musculares, se pretende voar lonxe de Balaídos, deberá continuar madurando no control do seu comportamento na lameira. Unha perrencha deste tipo baixa a súa cotización deportiva e humana. Erra tamén o entrañable Herrera –ollo!, a quen non lle quito razón ningunha na súa explicación sobre a fráxil situación do xogador–, mais que non foi oportuno expresar en roda de prensa, moito menos para tapar as razóns dunha derrota tan contundente. Todos os adestradores están obrigados a asumir que as derrotas do seu equipo son da súa exclusiva responsabilidade, mentres as vitorias serán atribuíbles ao talento e afouteza dos seus xogadores. Outra regra non escrita dese deporte evidencialista, que se manexa cos principios do «fútbol é fútbol», como escribíu o meu amigo Jacobo Buceta.

Nunca fun herrerista nin sequera nos días de euforia do ascenso. Nada teño na súa contra. Paco Herrera paréceme unha persoa honesta e comprometida co seu traballo, aínda que é moi difícil consideralo un adestrador dos de «nova xeración», como algúns de equipos (exitosos) da fasquía do noso (Jémez no Rallito ou Dukic no Valladolid poden ser dous exemplos). Máis aínda, hai varias tempadas, desde o cese de Fernando Vázquez e Félix Carnero, que levo reivindicando un profesional moderno deste novo tipo, tanto para a secretaría técnica coma para o banco do adestrador, coa única preferencia de que fosen tamén celtistas xenuínos. Aí é onde creo pode estar o eixo de consolidación dun proxecto deportivo viable ou dunha decadencia inevitable.

Diante da desfeita de Xetafe, Mouriño xa non pode agardar máis, e con toda a dor de corazón e gratitude polos días felices compartidos, debe substituír a Herrera. O cadro de xogadores e a afección precisan un novo aliciente para intentar saír do precipio. É moi difícil, mais áinda posible.

Actualización (7:49): Durante esta madrugada Herrera foi destituído. Abel Resino será o novo adestrador do Celta.

Onte 527: Cen pombas para don Paco

Cen pombas ceibáronse onte na alameda de Vigo para lembrar a don Paco. Foi unha iniciativa cívica da fundación Lois Peña Novo, en colaboración coa Federación Colombófila Galega, para celebrar o centenario de Francisco Fernández del Riego. Abríu a quenda de intervencións Xosé González Martínez que exaltou a figura de Del Riego «polas súas virtudes da constancia, a dignidade e a lealtade cos valores da noa cultura nacional».

Pola súa banda, Xesús Alonso Montero, tras lembrar as súas visitas viguesas a comezos dos anos 50, cando estudada na Complutense, nas que facía unha peregrinatio intelectual, definíu a don Paco «coma un libro aberto», ao tempo que agradeceu que fose o autor do primeiro manual de historia da literatura galega que lera, «publicada en castelá en 1951, mais que agora sabemos escribíu en galego, como demostran os manuscritos atopados hai uns meses no seu arquivo».

Xosé Luís Méndez Ferrín iniciou o seu discurso cartografando a xeografía viguesa de don Paco, cuxos límites estaban entre a Alameda e a rúa Reconquista, onde estaban as sedes de Galaxia e de Correos, nos que «como formiga laboriosa Paco entregaba os paquetes», polas rúas Velázquez Moreno, Progreso e Doutor Cadaval (onde vivíu), e na rúa Policarpo Sanz e na praza da Princesa, onde traballou e onde tiña a súa sede a fundación e biblioteca Penzol. Despois de sinalar a importancia do labor político de Del Riego, Ferrín detívose na importancia do seu traballo no mundo do libro galego. «Foi un editor activo, reclamaba orixinais, perseguía e incitaba a autores, eis Merlín e familia, pasaba orixinais, facía paquetes, foi a alma de Galaxia e da revista Grial». Sinalou tamén o seu traballo como bibliotecario, «establecendo na Biblioteca Penzol a súa ponte de mando». Ferrín lembrou a publicación en 1863 de Cantares gallegos, citou a Compañel e Chao, para asegurar despois que «hai un fío misterioso que une en Vigo a Del Riego con Rosalía, con Chao, La Oliva e Compañel». Rematou o presidente da Academia recordando as palabras coa que despediu a Francisco Fernández del Riego no seu pasamento o 27 de novembro de 2010: «Foi unha vontade de ferro, unha intelixencia lúcida, un corazón de ouro para a nación galega».

Pecharon o acto as intervencións de Anxo Lorenzo, que salientou a implicación da Xunta de Galicia co calendario do centenario de Francisco Fernández del Riego, e de Ana María Fernández del Riego, que en nome propio e das súas irmás, agradeceu o recoñecemento e destacou que «a memoria de Paco é inmorrente en Vigo». Por último, antes da solta das cen columbas, dous membros do grupo A Roda, Alfonso e Bernardo Xosé interpretaron «A miña burriña», unha canción coa que don Paco adoitaba iniciar a xoldra: «A miña burriña cando vai ao muíño, vai toda enfariñada, cheíña de frío; cheíña de frío e máis de xiada, ai, a miña burriña sempre vai cargada…».

Onte 526: Méndez Ferrín homenaxea a Xosé Ramón Pena

Xosé Luís Méndez Ferrín aproveitou a presentación de Como en Alxeria en Librouro para realizar unha homenaxe a Xosé Ramón Pena. Comezou o presidente da Academia Galega situando a Moncho Pena como «un dos escritores galegos a revisar no seu conxunto, xa que está na plenitude da vida», definíndoo despois como erudito, catedrático, grande historiador da literatura galega, poeta e magnífico novelista. Ferrín reivindicou o carácter erudito dun autor que «na humildade e na discreción ten outras das suas virtudes».

«Xosé Ramón Pena é un grande historiador da literatura galega. É o único ser humano que fixo unha historia da literatura galega completa. É un coñecedor pleno de toda a literatura nosa, dende a Idade Media ás Vangardas. É impensable non atoparse cos seus textos se queremos abordar calquera dos períodos ou autores da literatura galega», dixo Ferrín para insistir despois na importancia que «Moncho nos seus estudos citase sempre aos seus contemporáneos». Especial importancia concedeulle Ferrín ao ingreso de Xosé Ramón Pena no vello instituto, «na súa obra está latexando o vello modelo de catedrático de instituto, na mesma tradición de Xoán Vicente Viqueira, Ramón Otero Pedrayo ou Xosé Fernando Figueira Valverde, onde radica a pedra principal dos estudos da literatura galega, foi no instituo onde se descubríu a natureza da nosa literatura». «Pena é un coñecedor de linguas clásicas e contemporáneas. Un políglota capaz de ler en moitos idiomas, o que o coloca no universo da Xeración Nós. Busca as novidades directamente, sen pasar polas alfándegas de Babelia,  o que o fai un independentista malgré soi, e mesmo un comunista, a pesar de declararse socialdemócrata. Moncho é todo corazón. É un home que sabe rock and roll», apuntou retranqueiro Ferrín.

Detívose despois o autor de Arraianos na condición de Xosé Ramón Pena como «magnífico novelista desa xínea da que os lectores pegamos nas súas obras até acabalas, xa que todas as súas novelas son dixestibles, engaiolantes, desas que non acabamos nunca de separarnos porque nos atraen». Lembrou Ferrín O reverso do espello, a primeira novela de Pena, tamén a primeira que nos coloca nun mundo histórico. «Xosé Ramón Pena é un novelista histórico. Pode ser a contrarrevolución portuguesa ou a guerra da independencia alxeriana, sitúanos dentro dun problema sendo capaz de ser crible historicamente e suficientemente falso. “Foi así, pero non foi así”, xa que se trata dunha novela que como tal precisa de efectos de verdade». Rematou Ferrín falando de Como en Alxeria, «unha novela que conta unha historia que ten relación con aquel episodio tan duro da historia de Europa». «É unha novela sobre a irrupción dun grupo con cabeza e pensamento que intentou transformar a sociedade. Unha novela na que aparece o reflexo dunha gran polémica política que tivo lugar en Galicia. O enfrontamento do grupo de Piñeiro de Galaxia co da UPG. A historia non foi así [como aparece relatado na novela de Pena], pero o sentido da historia si». Ferrín finalizou advertindo que «esta non é unha novela con chave, o que lle dá un sentido moi feliz. Os personaxes reflíctense noutros, coma nun petróglifo, coma no grande xogo dos espellos, coma na grande literatura, coma na primeira novela de Xosé Ramón Pena». 

Onte 525: Amor de serea

Téñolle moita querenza á serie “Un misterio para Tintimán” de Jaureguizar. Onte entrou no almacén Amor de serea, o terceiro libro da serie, o que presenta as trepidantes aventuras en Vigo deste xornalista precoz, un personaxe nacido dunha combinación da paixón por coñecer de Tintín coa afouteza destemida do Indiana Jones.Tintimán viaxará á cidade de sal para resolver a desaparición dos galeóns de Rande e os seus tesouros agochados. Nesta viaxe descubrirá o carácter verniano da cidade e a orixe da súa industria metalúrxica. Jaureguizar acerta de cheo ao reivindicar o carácter de Vigo como cidade literaria (de Martín Codax a Cid Cabido e Marcos Calveiro), mais tamén como laboriosa abella da ribeira, homenaxeando a Antonio Sanjurjo Badía “Habilidades”, o primeiro emprendedor da nosa cosntrución naval (hogano tan ameazada). Jaureguizar continúa acompañando a Tintimán e xa anuncia unha nova aventura en Lugo, a cidade da muralla onde traballa. Amor de serea é un agasallo para a cidadanía viguesa. Unha lectura moi recomendable para vigueses e non vigueses, tamén para os lectores e lectoras máis novos.

Onte 524: «Chamamento polo galego»

Asinei o «Chamamento polo galego» solicitando que a Xunta acate as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o decreto de plurilingüismo de 2010.  O anuncio de iniciar os trámites para presentar recurso de casación diante do Supremo (un tribunal alleo a Galicia, que xulgaría unha materia de competencia exclusiva da nosa autonomía) é un xesto inadmisible de inequívoca intencionalidade política por parte dos responsables da Xunta de Galicia. De chegar a facelo, Feijoo amosaría a súa vontade partidista de non rectificar un decreto contestado pola cidadanía e que non foi avalado polo TSXG. Como sinala o «Chamamento polo galego», un texto plural e apartidario, apoiado inicialmente por case dous centos de cidadáns,  «o que ao idioma galego lle cómpre son políticas activas de apoio e promoción no ensino e nos demais ámbitos, políticas que deben fundarse nun amplo consenso político e social, como o plasmado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004».

Onte 523: A tristeza de Beiras

Grazas a You tube puiden ver á noite algunhas das intervencións do pleno do Parlamento galego en xornada pouco axeitada como a dun martes de entroido. Os dous discursos de Beiras, senllas pezas oratorias tan amargas coma luminosas, expresaron o seu profundo desacougo polo que denomina «dexeneración do Parlamento de Galiza». E polo visto e lido sobre o que ocorreu onte na cámara hai razóns abondas para a preocupación expresada polo líder de Anova.

A expulsión dun parlamentario de AGE na sesión da mañá, como hai quince días foi o intento de impedir a presenza na bancada dos convidados dos grupos da oposición, como o rigor extremo da presidencia na interpretación do regulamento con respecto aos deputados da oposición, son síntomas dun clima parlamentario áspero, froito da preocupación dos responsables populares da Mesa (como entendo do propio Goberno Galego) pola presenza e protagonismo na cámara dos grupos nacionalistas, especialmente de Beiras e dos seus «descoñecidos» deputados E non lles falta razón aos conservadores, xa que por moito que pese ao BNG e PSdeG-PSOE, nesta lexislatura a entrada dos membros de AGE activou no hemiciclo unha axenda e unha linguaxe política máis achegada ás preocupación cidadás, onde (como puidemos ver onte) se emprega con sutileza a sátira e a ironía e as cousas se chaman polo seu nome. Un gran acerto, unha nova atmosfera que abre horizontes para o traballo de toda a oposición.

A intervención de Beiras sobre as preferentes e subordinadas testemuña esta proximidade fraterna dun político humanista capaz de conmover e mobilizar coas súas palabras en sede parlamentaria. A coda da peza oratoria, apelando á corresponsabilidade cidadá para erradicar a corrupción de banqueiros e poderosos («a corrupción non está na política, está na sociedade», enfatizou Beiras alporizado), amosou a tristeza e sabia indignación de quen nestes momentos encabeza de facto a oposición parlamentaria e social en Galicia. Admirable Beiras!!!

Publicado en Galicia Confidencial.

Onte 522: A renuncia de Ratzinger

A renuncia de Bieito XVI é unha decisión honesta e coherente para evitar aquel espectáculo lamentable que foi a agonía pública de Wojtyla. Co histórico «xa non teño forzas, recoñezo a miña incapacidade para desenvolver o meu ministerio», Ratzinger asumíu a súa finitude, a súa condición de ser humano que xa non está nas condicións óptimas para desenvolver o labor para o que foi elixido. Un comportamento moi infrecuente, contracorrente, moralmente valioso, que agardo chegue a marcar tendencia.

Instalado na soidade vaticana e nas intrigas políticas da vaticalia e do seu vatileaks, o alemán intentou, ao longo do seu mandato, limpar a imaxe luxada da igrexa, tras medio século de abusos a menores, e mesmo chegou a recoñecer «os pecados e os delitos» cometidos por esta causa. Non tivo moita fortuna para facelo xa que debeu lidiar coas presións á contra dos poderosos movementos ultras (Lexionarios, Opus e Comunión e Liberación) incapaces de asumir esa lacra, grupos que se fixeron fortes na curia e no seu entorno durante o papado de Xoán Paulo II. A súa alma tridentina tampouco o axudou, levouno a un comportamento escasamente ecuménico, pechando vías de diálogo con outras igrexas, impedindo calquera avance sobre o papel das mulleres na igrexa (e na propia sociedade) ou mesmo a vacilar na negación do Holocausto coma un crime contra a humanidade.

Comentario á parte desta renuncia merece o feito de que esta primicia mundial saltase grazas ao coñecemento do latín de Giovanna Chirri, unha xornalista vaticanista da axencia italiana Ansa, demostrando canto axuda o coñecemento de linguas (aínda que sexan mortas) no xornalismo (e na vida).