Onte 257: O «Libro en rede» de Xerais

Anunciamos o proxecto «Libro en rede», os contidos dixitais para Lingua e literatura de 2º de ESO nos que vimos traballando nos últimos meses. Para nós constitúe un chimpo, un xeito de reinventarnos profesionalmente como editores educativos, ao tempo que unha achega novidosa á construción do proxecto colectivo de escola dixital galega. Axiña publicaremos en aberto, na web de Xerais, unha unidade completa de mostra. A providencia laica fixo que onte nacese Comba, a filla de Anaír e Noli, os motores principais do proxecto do «Libro en rede» e dos materiais de didácticos de Lingua e literatura de Xerais durante a última década. Beizóns para eles dous e longa vida para a meniña que «envía bicos de cerdeira nova».

Aquí pode consultarse a unidade de mostra.

Onte 256: A caridade de Rouco

Segundo o cardeal Rouco Varela, se a Igrexa se vise obrigada a pagar o IBI ás administracións locais polos seus edificios de culto, poderían diminuír ás súas accións sociais, singularmente a que desenvolve Cáritas. Non hai dúbida que o prelado vilalbés expresa con luva de veludo unha sutil ameaza ao Goberno de Rajoy, entendo que coa intención de que non se lle ocorra tomar nota da iniciativa do seu colega italiano que recentemente obrigou á igrexa católica a pagar impostos polos seus inmobles. A do IBI non é unha cuestión fiscalmente irrelevante, xa que, segundo estimacións da organización Europa Laica, o Estado español podería ingresar entre 2.500 e 3.000 millóns, unha cantidade equivalente aos últimos recurtes educativos. Este é outro dos privilexios fiscais dos que goza a igrexa católica, aos que habería que engadir a asignación que recibe pola vía do IRPF e os fondos que polo cadriño «social» do IRPF lle corresponden a Cáritas polo seu labor, por certo, valioso. En total 11.000 millóns de euros. Esta é a caridade que practica o cardeal Rouco, prefire que sexa toda a cidadanía quen pague as súas actividades! Como lembra o grupo parlamentario de IU: para cando queda a autofinanciación contemplada nos acordos de financiamento de 1979? E aínda din que vivimos nun estado aconfensional!

Onte 255: O Pedrón de Nova Escola Galega

Os membros de Nova Escola Galega non puidemos agochar a satisfacción por recibir o Pedrón de Ouro 2012. Tras aquel Premio da Crítica Galicia de 1987 na modalidade de Iniciativas Culturais, recoñécese agora a nosa traxectoria de defensa do modelo de escola pública galega e de promoción da innovación e renovación pedagóxica. O Pedrón, como salientou Mariló Candedo, a nosa presidenta,  é para nós aínda máis significativo cando coincide cos durísimos recurtes no ensino público e cando o modelo de galeguización educativa sofre un retroceso histórico. Nova Escola Galega é un proxecto colectivo e transversal de profesionais que asumimos como tarefa contribuír ao proceso de construción da nación dende o eido educativo. Facémolo dende a independencia e a autonomía con respecto ás organizacións políticas, sindicais e das administracións educativas, mais procurando sempre artellar redes colaborativas con outras organizacións profesionais, sociais e cívicas. Sabemos da importancia do Pedrón de Ouro, un recoñecemento que nos achega novos azos para continuar co noso afán.

Campo do Fragoso CXXIV

DETERMINACIÓN

É unha beizón para o celtismo a determinación coa que o equipo está encarando cada unha das finais que lle restan na súa pelexa durísima co Valladolid por unha praza de ascenso directo. Asumida e expresada por Paco Herrera, esta convicción de que son necesarias tantas vitorias coma partidos funciona coma unha motivación eficacísima para todo o cadro de xogadores. Fronte ao Alcoiano do galego Luís César Sampedro o Celta demostrou, ademais, que nestas xornadas volveu atopar o seu mellor punto de xogo, ese equilibrio ideal entre solidez defensiva, que permite manter a porta a cero, e unha enorme capacidade atacante, que ofrece á bancada a fantasía dun fermoso xogo combinativo e permite golear con asombrosa facilidade. Onte, dende o asubío inicial, quedou ben clariño que o Celta quere e pode ascender. O equipo saíu coma un trebón e marcou no minuto 2, cando aínda non estaban sentados todos os seareiros. Álex López, o infatigable e intelixente temoneiro do equipo, aproveitou un rexeite do primeiro remate de Aspas para enviar dende fóra da área un formidable pexegazo cruzado ao pao esquerdo, superando así ao porteiro alacantino. Era imposible comezar mellor. Mais é innegable que tivo o seu mérito que o Alcoiano non lle perdese a cara ao partido e durante vinte e pico minutos pretendese incomodar á defensa galega na súa área. A pesar de que chegaban até alí con certa facilidade, os visitantes non conseguían máis xa que naquela liña mandaba a nosa conxeniada parella de centrais, probablemente outra das claves do éxito actual do equipo, xa que a rapidez e anticipación de Oier, un auténtico valadar, enfía as mil marabillas coa sobriedade de Túñez para gañar todos os balóns altos e a visión do de Bertamiráns para proxectar o xogo. A golpes de afouteza, que é como mellor lle presta atacar aos de Herrera, os nosos foron tecendo as súas combinacións e procurando abrir algúns furadiños. Así chegou o tanto de Aspas, pouco antes da media hora de xogo, que xa fai o número vinte da súa conta particular, unha barbaridade! Unha extraordinaria xogada de laboratorio: o porteiro noso saca longo sobre Bermejo, o cántabro controla e realiza unha asistencia interior maxistral sobre o mago de Moaña que canea veloz ao porteiro e marca. Minutos despois, o Celta puido pechar o partido tras un remate de cabeza que asomou ao longueiro. O ritmo do partido decaeu un chisco no inicio da segunda parte, a inevitable fase de toalla, na que o partido tolo xira dunha área á outra con escaso xeito. Daquela Quique de Lucas puido marcar tras un xutazo que salvou in extremis o porteiro. Como tamén puido facelo o Alcoiano nun magnífico saque de falta que Sergio desvíou a córner na súa mellor intervención. Cando apenas faltaba un cuarto de hora, Álex López liquidou o partido cun terceiro gol, o seu primeiro dobrete da tempada, aproveitando outro rexeite na segunda liña, tras outra extraordinaria xogada inicial de Aspas e unha serie interminable de remates na área pequena de varios dos nosos dianteiros. Minutos despois chegou o inevitable gol de Orellana, tras unha xogada delicadísima desas de alta escola do chileno, tras unha parede con Joán Tomás. Cun resultado tan confortable foi inevitable que durante os dez minutos restantes a bancada abandonase a súa contención habitual e “A Rianxeira” volvese a Balaídos. Os celtistas sabemos que o obxectivo xa está moi próximo, xa que sentimos como o arrecendo do mel comeza a impregnar os nosos beizos. Polo que vimos onte a determinación, a afouteza e corazón dos xogadores nosos está asegurada para enfrontar as seguintes finais.  Hai máis razóns ca nunca para crer neste Celta.

Onte 254: O futuro do papel

Foi unha bonita experiencia participar como convidado na tertulia do programa «No es un día cualquiera» de RNE 1, que se celebrou en Pontevedra. Co afán didáctico que caracteriza o programa de Pepa Fernández, abordamos unha boa parte dos tópicos arredor do «futuro do papel», dende a posibilidade de desaparición das edicións impresas ás vantaxes e inconvenientes dos libros electrónicos. Como noutros debates semellantes, foi o meu interese introducir entre os temas a cuestión do futuro da lectura, situándoa por riba dos soportes utilizados, así como o de subliñar que neste periodo de tránsito a edición ten un carácter híbrido, na que coexiste a utilización de soportes impresos, dixitais e expandidos, e a lectura realízase tanto sobre textos como hipertextos. Nas intervencións e comentarios dos participantes chamoume a atención a unanimidade en considerar máis sostible, dende o punto de vista medioambiental, a edición electrónica ca impresa, así como a escasa atención ao futuro da rede de librarías. Opinións que obrigan a reflexionar.

Un Celta para tod@s


Outra magnífica peza de corazón celeste de Karpinha. Entramos con humildade nas dúas semanas decisivas da tempada.

Onte 253: Novela popular

Nunha presentación memorable, extraordinaria, diante de máis de 150 persoas que ateigaron o auditorio da Casa da Cultura de Negreira, Suso de Toro definiu As rapazas de Xan como «unha novela popular en todos os sentidos, xa que ten emoción, ten intriga, ten enredo, ten  un estilo marabilloso transformando a fala popular en lingua literaria». Remataba así unha intervención na que o autor de Sete palabras iniciara a glosa da primeira obra de Manuel Iglesias Turnes relatando o mito de Palas Atenea que nacera enteira, adulta e armada, da cabeza de Zeus para situar «unha novela que naceu enteira, cabalmente do mundo da infancia, esa fonte das persoas que mana dentro de nós». Referiuse logo Suso ao mundo retratado n’ As rapazas de Xan «é o que Manolo Turnes sinte que pertence, o que coñeceu na súa infancia, o que preexistía antes do seu nacemento, un mundo situado nun momento histórico moi concreto cando os pobres de Europa emigraban cara América»: «Esta novela fala, ademais, do franquismo, de como as aldeas vivían baixo o xugo da parroquia, das humillaciónse e do temor, dun pobo amedrentado polo crego ou pola parella da Garda Civil, fala dun pobo que quería vivir doutra maneira. Fala sen mixiricadas nin idealizacións da aldea, dun campo cheo de xente, moita xente de todas as xeracións. Nesta novela esta cabalmente todo o mundo que foi», rematou.

Onte 252: En Lugo con Waldemar

Tras asistir aos actos da mañá en Vigo, viaxei con Pedro Feijoo a Lugo para participar no serán da Feira do Libro. Utilizamos de novo o sistema de dobre sesión, primeiro presentamos Os fillos do mar e logo O misterioso Doutor Saa, a biografía sobre o ilusionista e prestidixitador de Portotmarín Conde de Waldemar preparada por Xosé Díaz e Belén Fernández. O serán constituíu unha reivindicación do papel da memoria nun país esquecedeiro, con especial atención aos vínculos de Waldemar coa cidade de Lugo, o lugar de regreso despois de calquera dos longos periplos polo mundo do mago. Xosé Díaz, despois de contar a anécdota deliciosa da galiña dos ovos de ouro, protagonizado polo doutor Saa e rescatada por Trapero Pardo, reclamou un lugar para o mago no rueiro da cidade. Belén Fernández abordou a figura de Waldemar como emigrante e aventureiro lembrando a súa aprendizaxe en París e o seu debú en Arxentina. Rematou adiantando a hipótese da súa probable influencia no fenómeno literario latinoamericano do realismo máxico. Un magnífico serán das letras.

Onte 251: Cultura ou barbarie!

Abeizoo «Bares e letras», a iniciativa promovida por Xabier DoCampo e outros artistas para festexar na cidade da Coruña o Día das Letras Galegas sen institucións de por medio. A partir das oito do serán máis de cincuenta «actores, músicos, escritores, poetas, paiasos e artistas en xeral» percorrerán 44 bares e restaurantes da cidade onde lerán, contarán, cantarán ou dramatizarán textos en galego coa intención de denunciar así a falta de programación municipal para este 17 de maio. Para rachar con este tempo de conformismo  é imprescindible a iniciativa cidadá, o exercicio da corresponsabilidade daquelas persoas todas que se negan a asumir como inevitable o durísimo retroceso nas políticas públicas de sanidade, educación, lingua e cultura. Á altura do 50 aniversario da efémeride creada por del Riego como «Día do libro e da lingua galegas», este 17 de maio, no que celebramos o carácter emprendedor e comprometido de Valentín Paz Andrade, reclama en todo o país d enoso un novo pulo por parte da cidadanía galega, organizada tanto en asociacións serodias ou grupos de afinidade como en colectivos efémeros concibidos para crear espazos compartidos de esperanza. Adiante, cultura ou barbarie!