Campo do Fragoso CXXIV

DETERMINACIÓN

É unha beizón para o celtismo a determinación coa que o equipo está encarando cada unha das finais que lle restan na súa pelexa durísima co Valladolid por unha praza de ascenso directo. Asumida e expresada por Paco Herrera, esta convicción de que son necesarias tantas vitorias coma partidos funciona coma unha motivación eficacísima para todo o cadro de xogadores. Fronte ao Alcoiano do galego Luís César Sampedro o Celta demostrou, ademais, que nestas xornadas volveu atopar o seu mellor punto de xogo, ese equilibrio ideal entre solidez defensiva, que permite manter a porta a cero, e unha enorme capacidade atacante, que ofrece á bancada a fantasía dun fermoso xogo combinativo e permite golear con asombrosa facilidade. Onte, dende o asubío inicial, quedou ben clariño que o Celta quere e pode ascender. O equipo saíu coma un trebón e marcou no minuto 2, cando aínda non estaban sentados todos os seareiros. Álex López, o infatigable e intelixente temoneiro do equipo, aproveitou un rexeite do primeiro remate de Aspas para enviar dende fóra da área un formidable pexegazo cruzado ao pao esquerdo, superando así ao porteiro alacantino. Era imposible comezar mellor. Mais é innegable que tivo o seu mérito que o Alcoiano non lle perdese a cara ao partido e durante vinte e pico minutos pretendese incomodar á defensa galega na súa área. A pesar de que chegaban até alí con certa facilidade, os visitantes non conseguían máis xa que naquela liña mandaba a nosa conxeniada parella de centrais, probablemente outra das claves do éxito actual do equipo, xa que a rapidez e anticipación de Oier, un auténtico valadar, enfía as mil marabillas coa sobriedade de Túñez para gañar todos os balóns altos e a visión do de Bertamiráns para proxectar o xogo. A golpes de afouteza, que é como mellor lle presta atacar aos de Herrera, os nosos foron tecendo as súas combinacións e procurando abrir algúns furadiños. Así chegou o tanto de Aspas, pouco antes da media hora de xogo, que xa fai o número vinte da súa conta particular, unha barbaridade! Unha extraordinaria xogada de laboratorio: o porteiro noso saca longo sobre Bermejo, o cántabro controla e realiza unha asistencia interior maxistral sobre o mago de Moaña que canea veloz ao porteiro e marca. Minutos despois, o Celta puido pechar o partido tras un remate de cabeza que asomou ao longueiro. O ritmo do partido decaeu un chisco no inicio da segunda parte, a inevitable fase de toalla, na que o partido tolo xira dunha área á outra con escaso xeito. Daquela Quique de Lucas puido marcar tras un xutazo que salvou in extremis o porteiro. Como tamén puido facelo o Alcoiano nun magnífico saque de falta que Sergio desvíou a córner na súa mellor intervención. Cando apenas faltaba un cuarto de hora, Álex López liquidou o partido cun terceiro gol, o seu primeiro dobrete da tempada, aproveitando outro rexeite na segunda liña, tras outra extraordinaria xogada inicial de Aspas e unha serie interminable de remates na área pequena de varios dos nosos dianteiros. Minutos despois chegou o inevitable gol de Orellana, tras unha xogada delicadísima desas de alta escola do chileno, tras unha parede con Joán Tomás. Cun resultado tan confortable foi inevitable que durante os dez minutos restantes a bancada abandonase a súa contención habitual e “A Rianxeira” volvese a Balaídos. Os celtistas sabemos que o obxectivo xa está moi próximo, xa que sentimos como o arrecendo do mel comeza a impregnar os nosos beizos. Polo que vimos onte a determinación, a afouteza e corazón dos xogadores nosos está asegurada para enfrontar as seguintes finais.  Hai máis razóns ca nunca para crer neste Celta.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *