O Bou «Eva»

No artigo da semana en Faro de Vigo recconstrúo cos datos dispoñibles o relato do suicidio colectivo do bou «Eva», con motivo do setenta e cinco aniversario daquela traxedia.

A madrugada do 23 de abril de 1937 oito homes e unha muller, entre os 24 e os 44 anos, morreron, tras o asalto fascista ao bou Eva no que pretendían fuxir dende o peirao do Berbés. Aquel episodio estarrecedor, o maior suicidio colectivo da Guerra Civil, foi agochado polo franquismo e silenciado, ou polo menos escasamente difundido, durante o proceso da Reforma Política, a pesar de que a primeira noticia da traxedia xa a dera Rafael Dieste na súa crónica «Unha morte lanzal» publicada na revista Nova Galiza en Barcelona durante o mes de xuño de 1937. Setenta e cinco anos despois é de estrita xustiza recuperar a memoria daquelas nove persoas que morreron sen cometer outro delito que, despois de nove meses de esquivar a persecusión, pretender evadirse da represión franquista daquel terrible ano.

Eran catro comunistas –unha parella de recén casados Ángel Nogueira Nogueira e Carmen Miguel Agra, ademais de Luís Álvarez González, obreiro de Barreras, e Camilo Campos Méndez, barbeiro–; tres socialistas –o mariñeiro Manuel Martínez Moroño e os irmáns Fernando e José Rodrigúez Lorenzo, ambos os dous albaneis– e dous mestres galeguistas de Rianxo, curmáns de Castelao –José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao– que estiveran agochados durante uns meses en Vigo na casa de Ramiro Isla Couto, segundo confesou Valentín Paz Andrade no seu libro de conversas. Sabemos, tamén, que se salvou Domingo Pombo, daquela secretario do Partido Galeguista en Ferrol, que chegou un pouco tarde á cita do embarque. Até hai moi pouco, a súa historia non fora investigada en profundidade nos arquivos militares, traballo que acometeu o profesor Xesús Alonso Montero que publicará nos próximos meses un libro no que relata os pormenores do episodio. En todo caso, sabemos que era a intención dos fuxidos chegar a algúns dos portos republicáns do Cantábrico ou a Francia e trasladarse logo á España leal, como conseguiran outras fugas exitosas que partiran dos peiraos vigueses.

Fóra este o caso, como relata Dionísio Pereira no seu libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), do arrastreiro en parella do Grand Sole Emilia Márquez que, mediado o mes de marzo de 1937, desviou o seu rumbo cara a Bilbo onde desembarcaron os seus doce tripulantes. Aqueles nove antifascistas, que representaban unha boa parte da pluralidade política da Frente Popular, non tiveron tanta fortuna. Cando xa estaban a bordo do pesqueiro foron delatados, probablemente, por un tripulante e asaltados por un grupo de fascistas e membros da Garda Civil e Policía, que arrimaron un buque alxibe desde o que introduciron unha mangueira coa intención de anegar as bodegas do bou. Ao comprobar que os evadidos non saían, decidiron deitar auga fervendo e foi entón cando se foron escoitando os disparos dentro do Eva. Os fuxidos decidiran poñer fin ás súas vidas xa que para o profesor Alonso Montero «non se entregaron porque estaban convencidos de que ninguén os libraría da morte, da morte despois da sevicia da tortura». No rexistro civil de Vigo recóllese apenas que estas persoas faleceron por «un tiro de bala». Sabemos que todas as vítimas tiñan un tiro na tempa esquerda, coa excepción de Angel Nogueira na dereita, aínda que son moitos os aspectos por coñecer do acontecido no buque.

Valentín Paz Andrade foi o autor do primeiro poema en galego sobre a traxedia, «Na onda até Rianxo». Escrito en 1976 e publicado no libro Cen chaves de sombra (1979) homenaxea aos curmáns de Castelao: «Da nosa luz vivían e ao perdela […] no bou Eva apresado no Berbés,/ coa cámara chea de escapados,/ voluntarios da morte todos eles / adiantando o seu fín / á auto-execución se condenaron / como Sócrates náuticos». Anxo Angueira cantou ás vítimas no seu poemario Fóra do sagrado (2007): «Vigo Berbés trinta e seis / Berbés mariñeiros do mare e o bou Eva», «malpocadiños todos todos / nadando mortos no Berbés».

A traxedia do bou Eva, o auténtico Medulio contemporáneo, permaneceu silenciada durante sete décadas. O esforzo de persoas como Concha Nogueira Miguel, filla do matrimonio comunista falecido, de investigadores comprometidos como Xesús Alonso Montero, e doutros membros das asociacións que traballan pola recuperación da memoria republicana de Galicia, permitiron que este terrible suceso non fora nunca esquecido. Camiño xa dos corenta anos da caída da ditadura, non hai que ter medo a volver a mirada cara ao que sucedeu no dramático trinta e seis e nas décadas franquistas posteriores, porque a desmemoria é o peor virus que podemos inocular no noso futuro. Reconstruír o relato de acontecementos como os do bou Eva, recuperar a biografía daquelas vítimas, fixar o seu recordo cívico no peirao do Berbés son formas de sementar ronseis de paz e esperanza.

Onte 234: En defensa da sanidade e educación públicas

Milleiros de persoas manifestáronse en diversas cidades galegas, convocadas por CC.OO e UGT, en defensa da educación e sanidade públicas. É moi difícil entender as razóns polas que as organizacións nacionalistas, tanto sindicais como a maior parte das políticas, non participan nestas convocatorias cívicas. Sei que sucederá outro tanto nas convocatorias galegas do Primeiro de Maio, nas que tampouco haberá unidade de acción sindical. Nun momento decisivo como o que vivimos, onde os recurtes dos dereitos laborais e sociais ameazan co derrube completo do estado do benestar, as organizacións nacionalistas galegas teñen a obriga de estar onde a maioría social, a menos que pretendan quedar nas marxes, unha situación que deixaría a agra aberta para o medre do PSOE e de Esquerda Unida.

Onte 233: 265.600 = 20%

Segundo a EPA o número de parados foi en Galicia no primeiro trimestre de 2012 de 265.000 persoas, o que supón que a taxa de paro superará por vez primeira o 20%. Dúas cifras estremecedoras ás que se engade outra non menos preocupante, o desemprego incrementouse nun 10,4% con respecto ao trimestre anterior, unha porcentaxe superior á media estatal. Galicia desángrase demograficamente, perde as súas institucións financeiras, acada o maior número de desempregados da súa historia, faino a un ritmo superior á media estatal, aumenta as taxas de emigración da súa mocidade… Un panorama económico e social desolador. Triste balance que presenta o partido conformista para unha lexislatura perdida.

Campo do Fragoso CXXII

CREBACABEZAS

Os celtistas que acudimos decote a Balaídos –tras o derbi volvimos ser, máis ou menos, os dez mil e pico de sempre– sabemos que o noso equipo nunca defrauda emotivamente. Fronte ao Barsiña de Eusebio ofreceunos todos os estados de ánimo posibles, dende o entusiasmo dos vinte minutos iniciais, nos que Orellana puido marcar en tres ocasións, pasando polo aborrecemento durante o resto do primeiro tempo, a decepción tras do gol catalán, na que foi a súa primeira e única chegada clara, o pánico a un segundo gol, que nos deixaría noqueados para o ascenso directo, até a tranquilidade que supuxo acadar a remontada no primeiro cuarto de hora da segunda parte e a intensa ledicia final dunha goleada que puido ser aínda máis avultada. Máis non se pode pedir para un espectáculo. Se o pasado ano foron os tres centrais, esta fin de tempada, tras a lesión muscular de Oubiña, semella que a novidade táctica podería ser un trivote no medio campo coa intención de converter a Álex no líder da distribución do xogo atacante. Onte o ensaio deste esquema durante a primeira parte foi un completo fracaso. Tras unha saída fulgurante, o Celta deixoulle o balón e toda a iniciativa ao filial catalán, comezando a moverse a un insoportable e inexplicable ritmo de ballet, provocado en boa medida pola anemia participativa de Insa e Bustos, os dous medios que nunca atoparon o seu espazo. Nese estado de nugalla chegou o gol do Barsiña, no minuto 33, tras un fallo de marca de Bustos e un erro en cadea de toda a defensa nosa. Semellou un auténtico agasallo de reis para o riquiño de Eusebio polas súas tempadas en Vigo nas que descubriu a Hugo Mallo ou Túñez e deu oportunidade a outros xogadores da canteira. Até o descanso, un Celta roto visitou os territorios do medo, xogou cos perigos da ruleta rusa, puidendo liquidar boa parte das súas aspiracións da tempada. Por ventura, coa reanudación Paco Herrera acertou de cheo cando recompuxo o seu crebacabezas táctico. Deixou no banco a Insa, o noso Bartleby, e a Quique de Lucas, un dianteiro nunha lamentable baixa forma. A entrada de Joán Tomás e, sobre todo, de Toni revolucionou o equipo en ataque. Con outra marcha máis, cunha enerxía renovada abondaron uns minutos para que Bermejo aproveitase con grande tranquilidade un erro dun dos defensas cataláns para marcar cun globiño sobre o porteiro o gol do empate. Continuou apretando o Celta e buscando a posesión da pelota, intensidade que permitiu, apenas catro minutos despois, que Bermejo, tras unha valiosa recuperación nos tres cuartos do campo visitante, centrase dende a banda dereita para que Orellana marcase case a pracer. Co marcador por diante, tras a entrada no campo de Aspas, con Toni dirixindo as contras dende a dereita e cunha grande mobilidade de Orellana, o Celta rompeu o partido cunha facilidade asombrosa. O Barsiña esborrallouse coma area entre os dedos. Aos dous goles de Iago, tras senllas sociedades con Fabián Orellana, puideron sumarse o punteirolo que o internacional chileno enviou ao longueiro e algunha das oportunidades de Toni, un xogador que onte pola súa actitude mereceu marcar. A clave da rabiosa remontada, que puido supoñer un marcador de escándalo, estivo na acertada recomposición de Herrera do debuxo do equipo, abrindo o xogo polas bandas e atrasando a posición de Álex López no mediocentro. Un resultado magnífico que volve enganchar ao Celta na loita polo ascenso directo, un obxectivo que tal como está de forte o Valladolid require aspirar ao pleno de vitorias. Esa é a difícil angueira que o equipo ten por diante.

Onte 232: Dark butterfly

Librouro quedou moi pequena para acoller a performance de presentación de Dark butterfly, a novela de Rexina Vega. Unha intervención artística magnífica de seis mulleres (Begoña Outeiro, Paz Raña, Lucía Riveiros Vázquez, Iolanda Zúñiga, Rosa Enríquez e a propia narradora), que conforman comunidade no Facebook galego, para visibilizar unha obra tan pavorosa como heroica. O documental de Manuel Forcadela achegounos a ese territorio da fraxilidade, unha experiencia humana dolorosa, onde as palabras teñen un papel curativo. Dark butterfly mestura fíos de vida con referencias literarias nun exercicio de escrita catártico, case terapéutico. Unha expresión das posibilidades da literatura como forma de coñecemento, mais tamén como denuncia da estigmatización que a sociedade actual realiza desta enfermidade, a esquizofrenia, sexa nas institucións psiquiátricas ou nas terapias farmacolóxicas. Unha novela que supón a confirmación literaria dunha autora afouta capaz de explorar as caras agochdas da condición humana.

Onte 231: Sermos Galiza

Coincidindo co aniversario dos Mártires de Carral, apareceu a edición dixital de Sermos Galiza, unha magnífica noticia para o proceso de construción nacional e para o reforzamento do ecosistema da lectura en galego. Gustei da súa vontade de ofrecer unha axenda informativa ampla (no só política) en clave nacionalista, a súa aposta pola presenza nas redes e contar sen complexos con insercións publicitarias, o que supón un exercicio moi de agradecer de corresponsabilidade social sobre o futuro deste novo e importante medio en galego. Anúnciase para o 17 de maio a aparición do semanario en papel, outra noticia para a esperanza. Beizóns para as persoas promotoras do proxecto, todos os azos para as profesionais e longa vida para Sermos Galiza!

Onte 230: Xaime Illa

Simpaticei sempre con don Xaime Illa polo seu carácer emprendedor e polo seu interese en contactar cos máis novos, unha actitude entusiasta e didáctica forxada durante a súa mocidade galeguista e republicana. O sintagma que penso mellor lle acaía é o de Construír Galicia, título tamén dun dos seus libros máis valiosos, editado pola Fundación Otero Pedraio cando recibíu o Premio Trasalba, no que escolmou algúns dos seus moitos artigos de carácter económico e político. Co pasamento de Xaime Illa péchase a Xeración Galaxia, un fato de colosos que enlazaron aos nacionalistas de fin de século coa da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos. A pesar das adversidades, o relato da construción nacional de Galicia continúa e continuará. Beizón para don Xaime Illa, artellador paciente de proxectos colectivos e modelo de coherencia e rectitude moral.

Onte 229: Fracaso de Messi e Guardiola

Messi non é deus, é apenas un ser humano. Demostrouno xutando o penalti ao longueiro e, logo, enviando outro pexegazo ao poste, cando os seareiros do Barça xa enxergaban a final da Champions. Messi é o modelo máis perfecto que coñecemos de intelixencia en acción sobre a lameira, capaz de escintilar co seu alustro decisivo nas situacións máis difíciles. Mais onte non conseguíu proxectar esa luz, o seu equipo foi derrotado pola orde, a disciplina, a potencia, a afouteza do Chelsea, cualidades que se amosaron moito máis decisivas co repetido e previsible baile de salón catalán. Desta volta a forza da disciplina titánica da destrución impúxose sobre a beleza da expresión combinatoria da creación. Un partido que dá moito que pensar sobre o carácter simbólico deste xogo de pelota. Esta eliminación é o primeiro grande fracaso de Lionel na súa extraordinaria carreira no Barcelona. Probablemente, ademais, será unha importante derrota de Guardiola, a quen na eliminatoria sobroulle rixidez táctica e faltáronlle recursos de ataque (saudades de Villa). Eis a grandeza do fútbol cuxo relato pode ter, coma no serán de onte, un final imprevisto e desacougante. Quedamos magoados, fútbol é fútbol.

Onte 228: Isto é Vigo

«Agradezo a afluencia de público e personalidades neste acto mais tamén as voces iradas dos que protestan; isto é Vigo, o punto máis dinámico e máis tenso e creativo de Galicia. De aquí naceu todo. Naceron as grandes empresas industriais e as do espírito de renovación de Galicia. Aquí publicou Rosalía Cantares galegos. Aquí Valentín Paz Andrade acometeu a súa tarefa». Máis ou menos estas foron as palabras coas que Xosé Luís Méndez Ferrín iniciou a súa intervención na presentación institucional da reedición de Galicia como tarea preparada por Xerais na que estaban presentes o presidente da Xunta, o conselleiro de Educación e Cultura, o delegado do Goberno e outros cargos públicos, mentres á porta da delegación da Xunta de Galicia un grupo de traballadores asubiaban detrás dunha pancarta na que rezaba «Non máis despidos nas axencias da Consellaría de Traballo e Familia». Afouto e brillante parlamento do presidente da RAG que logo salientou como «en Galicia como tarea Valentín recolleu o grande programa político do nacionalismo galego durante o franquismo». Sinalou que «neste libro os lectores de hoxe atoparán o auténtico viguismo, o que denuncia que Vigo e o seu hinterland teñen as comunicacións por terra colapsadas, como tamén sucede agora», así como «está presente a reclamación dunha entidade financeira propia, con sede en Vigo, aínda que non sei que pensaría Valentín se fose testemuña de como hoxe van desaparecendo as caixas de aforros». Grande Ferrín, beizón, por unha intervención memorable!