«Non dubidaría», reflexión na semana de educación pola paz

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/sUCq8avx4do" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Para Xesús R.Jares, sempre

Esta semana, con motivo da festa do 30 de xaneiro, as nosas escolas volverán encherse de globos pola paz. A celebración deste «Día Escolar da non violencia e pola Paz» remóntase en Galicia a 1984, ano no que comezaron as actividades de educación pola paz no Colexio Público García Barbón de Vigo. Unha iniciativa que prendeu como lume esperanzado na sociedade escolar galega. Os actos alegóricos como a solta de pombas ou globos no patio de cada centro; a confección de carteis; a elaboración de manifestos; as cadeas humanas na rúa do Príncipe; a realización de programas de radio foron algunhas das actividades que se desenvolvían nesta xornada reivindicativa e que agora son unha rutina que non falta en centro educativo ningún.

Daquelas primeiras celebracións dos oitenta xerminou o movemento galego de educadores pola paz, que dende entón celebra cada ano os seus encontros e promove investigacións, materiais didácticos e publicacións que desenvolven unha cultura para a paz e para a educación nos dereitos humanos. Fito sobranceiro do compromiso destes profesionais, organizados arredor do grupo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, foi «Construír a Paz. Cultura para a paz», un proxecto interdisciplinar promovido polo inesquecible Xesús R. Jares, o infatigable motor e estudoso deste movemento, no que participaron máis de cento trinta persoas de todo o mundo, que se plasmou nun libro solidario do mesmo título, editado por Xerais, e nunha exposición de pintura, escultura, fotografía e ilustración que percorreu as cidades galegas. Aquel proxecto, colectivo e solidario –os beneficios tirados da venda do libro e das obras de arte empregáronse para apoiar un programa de educación para o desenvolvemento no Brasil–, contribuíu a irradiar dende Galicia unha mirada global sobre a paz, tratando de repensar esta idea en todas as esferas e ámbitos da acción humana.

A comezos desta segunda década do século XXI persiste a vulneración dos dereitos humanos en todos os continentes.  As dúas principais potencias do planeta continúan sen ratificar os dous principais tratados internacionais de dereitos humanos (Os Estados Unidos presididos polo Premio Nobel da Paz 2009 o «Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais» e a China o «Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos») asinados por ambos os dous nos anos noventa e que, porén, aínda como non ratificaron non están obrigados a cumprir as súas disposicións. Profundízanse os desequilibrios entre o Norte e o Sur do planeta (como demostra a recente crise humanitaria tras o terremoto de Haití). Institucionalízase a xenofobia e a aporofobia, a violencia apodérase de determinados entornos urbanos, rebrota a marxinación e a exclusión de amplos sectores da poboación. Constrúense muros que separan os seres humanos para protexer os privilexios dunha minoría. Continúa a violencia machista contra as mulleres e non cesan os conflitos bélicos como os de Afganistán e Irak e as guerras ocultas en case trinta puntos do planeta. Vivimos nun tempo, onde a nosa actitude cívica diante desta situación non pode ser nin a da resignación nin a da indiferencia. Un motivo de reflexión educativa para esta semana da paz que mañá comeza nos nosos centros.

Unha retirada a tempo

Superado o rubicón que supuxo a folga e a manifestación do 21 (un éxito rotundo), bo sería que, máis alá do apoio telúrico da «maioría silenciosa», invocado polos promotores das «Bases do decreto de plurilingüismo», valorásemos devagariño e coa maior racionalidade os apoios as críticas e as suxestións recibidas polo documento do Goberno Galego. No entanto, tras o malestar que xerou na Xunta o documento da RAG, como despois das importantes decepcións que supuxo o rexeitamento do documento por parte de colectivos, previsiblemente afíns, como o sindicato ANPE ou a patronal de centros concertados relixiosos católicos FEREGA, quizais Feijoo (neste conflito sabe que está só e pechado nun círculo) non debera teimar en percorrer durante máis tempo un camiño que só agranda a ferida da fractura social no país. Por moito que apupen algúns comentaristas, unha retirada do documento a tempo pode evitar males maiores. Velaí un camiño perfectamente posible para retomar o consenso dende a sede parlamentaria.

Os editores galegos rexeitan as «Bases do decreto do pluriliguismo»

Membros da Xunta Directiva da AGE foron recibidos onte por autoridades da Consellaría de Educación (excusaron a súa ausencia tanto o conselleiro como o secretario xeral de Política Lingüística). No transcurso da reunión, os editores presentaron a súa valoración das «Bases para a elaboración dun decreto de plurilingüismo» que subscribe como punto de partida a filosofía do informe da RAG e rexeita, dende criterios estritamente empresariais, a redacción do apartado 8.1 do documento de «Bases», no que se fai referencia a edición e utilización dos libros de texto.

Os libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparte a materia. A Administración educativa promoverá a elboración de materiais na outra lingua oficial de Galicia e en lingua(s) estranxeiras(s).

Os editores manifestaron que de aprobarse esta redacción produciríase unha fragmentación do mercado dos materiais curriculares en Galicia que sería imposible de satisfacer por parte das editoriais, tanto pola necesidade de reducir as tiraxes, como polo aumento desorbitado dos custos de creación editorial que supoñería a edición simultánea en tres linguas. A esta reflexión engadiron que o sistema de elección de lingua por parte das familias, adiará a toma decisións dos centros educativos e fará imposible a fabricación dos materiais coa antelación precisa. Nesta liña, os editores reclamaron dispoñer dun calendario de produción racionalizado e coherente co programa de implantación da nova modalidade de gratuidade prevista polo actual Goberno Galego.

Os editores amosaron, ademais, a súa enorme preocupación sobre a eficacia pedagóxica do equilibrio entre as tres linguas escollidas, solución non contemplada á hora da redacción dos currículums actualmente en vigor. Sinalaron que «converter un terceira lingua non natural (fose inglés ou outra) en lingua vehicular para desenvolver os currículums vixentes, comprometería a viabilidade didáctica e calidade dos materiais, xa que a edición nunha lingua estranxeira implica unha adecuación dos proxectos editoriais aos niveis de competencia lingüística do alumnado (moi inferiores ao das súas dúas linguas natuais), o que suporía unha inevitable rebaixa dos contidos e un claro incumprimento da obriga de abordar a totalidade dos currículums.»

Por niveis educativos, os editores amosaron a súa aberta disconformidade co modelo establecido nas «Bases» para Educación Infantil que «parece contradicir o establecido no artigo 8 da “Carta Europea das Linguas Minorizadas”», xa que é moi probable que coa solución adoptada a edición en galego será minoritaria e dificultará continuar publicando unha oferta que veu mellorando moi sensiblemente nos últimos cursos. Con respecto á Primaria, os editores expuxeron que non lles parece lóxica de maneira ningunha a impartición en castelán (ou en inglés ou noutra lingua estranxeira) da área de Coñecemento do Medio, a área máis vencellada a nosa cultura propia (tradicións, costumes…), á nosa xeografía, aos nosos saberes tradicionais ou ao coñecemento dos nosos episodios históricos. Semellantes argumentos servirían tamén para as materias de Ciencias Sociais e Ciencias da Natureza da Secundaria Obrigatoria, co problema engadido de que semella moi pouco defendible a previsible mudanza de linguas vehiculares ao longo da historia escolar de cada alumno. O mesmo sucedería coa fragmentación da oferta lingüística das áreas optativas, tanto da ESO como das diversas modalidades do Bacharelato, nas que moi dificilmente será rendible a publicación de manuais. Por último, os editores amosaron a súa decepción polo tratamento lingüístico da Formación Profesional, etapa da que desaparecerían os materiais en galego, quedando reducida a presenza da nosa lingua á oferta dun Vocabulario Técnico de cada materia.

Os editores galegos propuxeron que para lograr a consecución de idéntica competencia lingüística nas dúas linguas oficiais, como quedou establecido nos documentos curriculares vixentes, se deberían respectar cinco condicións: 1ª,  a prevalencia dos criterios pedagóxicos sobre calquera outros; 2ª, a elección da lingua vehicular das materias por parte das autoridades educativas (por medio do decreto); 3ª, a prioridade das dúas linguas oficiais; 4ª, A continuidade e mellora dos programas actuais de adquisición de inglés e do seu uso como lingua vehicular; e 5ª, a recuperación do consenso político e social que promoveu o propio PPdeG en lexislaturas anteriores.

A lingua é unha arma

Ben poderiamos difundir esta imaxe da nosa lingua pacifista, diante da semana da educación para a paz.

Beizóns ao xenial Xaquín Marín.

Grazas a Xavier Alcalá que rescatou esta peza memorable pubicada hai máis de trinta anos.

O Celta no Calderón foi un equipo colosal

Para os incombustibles seareiros celestes o partido colosal fronte ao Atletí demostra que eran fiables os síntomas de recuperación que percibiamos no xogo do equipo noso durante os dous útimos meses. A aposta de Eusebio pola canteira e por un esquema de xogo amable coa circulación da pelota comeza a dar os seus froitos, mesmo superando as dificultades de harmonizar as descargas eléctricas imprevisibles de Iago Aspas co tiraliñas que devarariño emprega Trashorras. Demostrouse onte no Calderón que é posible que as nosas dúas figuras compartan responsabilidades sobre a lameira, desbotando o prexuízo tan estendido entre a bancada e os propios medios de comunicación de que eran xogadores incompatibles. Unha grande noticia! Mais este Celta galego é moito máis que o de Moaña e o de Rábade. A firmeza defensiva de Noguerol e Túñez (unha parella de centrais que proporciona idéntica fortaleza á formada por Catalá e Jordi), o traballo polas bandas de Hugo Mallo e Roberto Lago, a capacidade recuperadora e o empuxe de Michu e Jonathan Vila, o desborde e a velocidade de Toni e Dani Abalo, mesmo o remate de Joselu (un xogador que vai acougando ao longo da tempada) prometen que o  Celta máis galego das dúas últimas décadas podería entrar nas semifinais de Copa e realizar unha boa segunda volta de campionato. Porén, a pesar do esperanzador do empate para afrontar o partido de volta (agardemos que o xoves Balaídos responda como o equipo merece), non podemos esquecer que esta liga de Segunda División é moi dura e  ingrata, como tampouco que saír das posicións comprometidas de descenso  é un obxectivo aínda non acadado. Gocemos mentres poidamos do partido colosal de onte. Abofé que non foi un espellismo. Agardemos confiados, quen díxo que o mellor non está por chegar?

Premio de Fervenzas Literarias

Recibo con sorpresa a noticia de que os lectores e lectoras de «Fervenzas Literarias» declararon estas Brétemas como o mellor blog de 2009. É este o primeiro recoñecemento que recibe o traballo do blog nestes cinco anos de andaina, razón pola que non podo estar máis que agradecido. Beizóns!

RAG, beizóns!

Síntome orgulloso de pertencer a un país que ten institucións propias como a Real Academia Galega. Xa expresamos a nosa opinión sobre os contidos do seu documento de análise das «Bases do decreto de plurilingüismo», un texto que pasará á historia de noso. Abondan poucos adxectivos: firme, rigoroso, delicado, extraordinario! Os membros do plenario da RAG, e especialmente os redactores que sintetizaron as achegas de todos os membros da institución (segundo os medios xornalísticos Xosé Luís Axeitos, Víctor Freixanes, Manuel Rivas, Francisco Fernández Rei e Xesús Ferro Ruibal), merecen as nosas maiores beizóns.

Campo do Fragoso LXXXVIII

YELLOW SUBMARINE

A intervención do espíquer de Balaídos onte foi autenticamente xenial. Recibiu aos heroes do Madrigal con «Sementeira», a mítica canción de Fuxan os Ventos que fala de esperanza e compromiso, e despediu ironicamente aos colexiados, tras unha actuación deplorable (pésima, lamentable… escolla cadaquén o adxectivo), ao ritmo de «Yellow submarine», unha das cancións máis divertidas dos Beatles. Entre ambos os dous temas, desenvolveuse un encontro que tivo dous grandes protagonistas: Gregorio Bernabé García, un árbitro murciano con tantas maneiras de figura do espectáculo como escaso criterio técnico e moral, e Iago Aspas, o líder natural deste Celta da canteira, expulsado, cando remataba o primeiro tempo, por unha segunda tarxeta, tan rigorosa coma a primeira, por sacar unha falta antes que asubiase o colexiado (un terrible delito, sen dúbida). Esa maldita xogada escarallou un partido (sei que saberán desculpar o exabrupto), até entón, moi xeitoso, xogado a corazón aberto, con intensidade máis sen asomo ningún de violencia, por dous bos equipos que non se conformaban co empate. O Celta saíu na súa formación inicial con sete xogadores formados na Madroa, hoxe xa a auténtica selección galega, consolidando o proxecto de Eusebio de refacernos dende o paciente traballo da canteira. Apenas transcorridos dous minutos, Joselu xa rematou con enorme perigo un servizo excelente de Iago Aspas, un xogador en estado de graza, imprevisible, capaz de comunicar un estado de excitación e autoestima aos seus compañeiros descoñecido ata agora. Esta combinación alboral volvería a repetirse un cuarto de hora despois, cando Bravo, o porteiro donostiarra salvou in extremis outro cabezazo rotundo do noso dianteiro centro, tras un centro de Toni. Durante toda a primeira parte o xogo na lameira foi electrizante e vertical camiño de ambas as dúas áreas. Á altura da media hora de xogo, Falcón fixo dúas paradas extraordinarias que evitaron senllos goles feitos dos vascos que, a pesar do esforzo dese valadar chamado Bustos, foran nivelando o encontro. Porén, a beleza do espectáculo foi crebada polo colexiado con dúas tarxetas moi discutibles a Garai e Aspas e pola xa comentada expulsión da nosa figura. Unha perda absolutamente decisiva para o devir do encontro. Tras o descanso, e tras apupar o espíquer aos nosos coa sintonía de «Orzowei», Eusebio viuse obrigado a incorporar a Trashorras coa intención de compensar a inferioridade numérica cunha maior posesión do esférico. A solución non cuallou. Sen Aspas, os nosos perderon moita voltaxe, a nosa defensa (totalmente da canteira) vacilou na súa disciplina, e os donostiarras souberon aproveitar decontado eses furadiños para que Nsue marcase dende a área pequena no que sería o único (e fatal) erro de Falcón. Porén, os nosos sacando moito peito conseguiron que non aumentase a diferencia e tiveron un par de ocasións clarísimas para igualar o partido. Se chega entrar a vaselina de Joselu, salvada baixo o longueiro por un defensa, ou o remate de Jordi ao pao, non teño dúbidas de que o partido tería sido noso. Os tres puntos marcharon de Balaídos, mais as sensacións que achega este Celta de Eusebio foron boas. Semella que rematou o tempo do conformismo e amodiño comeza a tecerse unha nova rede de esperanza cos nomes de Mallo, Túñez, Jordi, Toni, Joselu, Oriol…, as figuras dese novo Celta que se enxerga no horizonte.

Foto da anotación: Óscar Vázquez (La Voz de Galicia)

Máis imaxes do partido (Xornal de Galicia).

Outra mobilidade é posible

No artigo da semana analizo algúns datos do informe sobre mobilidade local elaborado por Luis Espada, o Valedor do Cidadán de Vigo. A curto prazo en Vigo (como supoño que na maior parte das nosas cidades) é imprescindible invertir os indicadores actuais de mobilidade, que sinalan un abuso do coche particular e un servizo moi insuficiente de transporte colectivo.

Primeiro concurso mundial de pés de foto con libros

Esta paréceme unha idea fermosa para comezar un Ano do Libro e a Lectura (que en Galicia non se ve, aínda por ningures): a aventura de escribir un libro sobre os libros de forma compartida.

As fotografías son do mexicano Álvaro Alejandro e a iniciativa está promovida por Artes de México e polos nosos amigos de A leer México /IBBY (que promoven, tamén, un concurso sobre contos de fútbol, outra idea a emular).