Homenaxe á cidade da liberdade
/en Cidades, Narrativa, Presentacións/por bretemasO sábado 23, ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro celebrarase a “Homenaxe á Cidade da Liberdade”, un acto literario arredor da novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal. A entrada é de balde.
A boca da literatura e a da canción, as palabras e a música, a poesía e os tangos, entrelazan e levedan nunha conmoción sen tregua sobre o escenario. A fonte que inspira este encontro é a novela Os libros arden mal, de Manuel Rivas, que ten por escenario a cidade da Coruña. Desta obra, co gallo da súa publicación en Francia, o xornal Le Monde dixo que provoca no lector “emoción, asombro, marabilla e pracer”.
O punto de arrinque desta “historia dramática da cultura” é un feito real, o da queima de libros que tivo lugar en agosto de 1936 nas proximidades da dársena coruñesa. Aquelas fogueiras tentaban queimar para sempre o corazón libertario da cidade. Porque se hai unha esencia fundacional da Coruña é o amor pola liberdade.
Fronte a esa pulsión totalitaria, que trata de controlar o poder as mentes, resiste e xermola a enerxía do desexo e a re-existencia, a que se expresa a través da literatura, a música e a memoria das que o historiador Ranahit Guha chamou as “voces baixas” ou silenciadas da humanidade.
Esta posta en escena conta coa participación de: Manuel Rivas (narrador), Marcos Meléndrez (voz tangos), Gastón Rodríguez (guitarra), Pulpiño Viascón (voz, gaita, serrucho). Está prevista a participación doutros músicos invitados.
Benedetti ou a defensa da alegría
/en Autores, In memoriam, Poesía, Vídeos/por bretemasDéixanos textos memorables.
Un paso adiante, outro atrás
/en 17_de_maio, Goberno Feijoo, Lingua, Política/por bretemasTras o regreso esperanzado de Compostela da tarde de onte, hoxe volvemos a realidade e comprobamos que a saída ao conflito da derrogación do decreto de fomento do galego vai ser moi difícil. Tras a moi coidada «Operación Láncara» (na que se fían na mesma secuencia o manifesto da RAG, o nomeamento de Lorenzo e os actos de homenaxe a Piñeiro da RAG e do Goberno Galego), as primeiras declaracións do conselleiro de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística volven a intraquilizarnos moito. A verdade que nos deixan como estabamos antes do nomeamento de Lorenzo. Cos termos e argumentos que utiliza o conselleiro de Educación é imposible, hoxe por hoxe, recuperar o consenso alicerzado sobre o Plan Xeral de Normalización de 2004. Cantos pasos adiante, cantos atrás?
No entanto, dos importantes acontecementos da fin de semana podemos adiantar tres tendencias para sacarlles punta no debate:
– A importante manifestación (tanto polo número de persoas que convocou, como pola súa pluralidade) amosou que aínda existe un músculo cívico potente no país. Unha nova excelente, que impregna o comezo de lexislatura de forma esperanzadora.
– Non volveremos a reiterar que a lingua é un patrimonio de todos, sen excepción de clase ningunha; razón pola que a ausencia dos socialistas na manifestación de Compostela foi unha torpeza maiúscula. Como, tamén o é, a defensa “nominal” que do decreto de fomento do galego fai Mar Barcón empregando o castelán. Se con este xesto os socialistas pretenden visualizar o seu afastamento dos nacionalistas, amosan unha inxenuidade delirante.
– Porén, a posibilidade dun pacto encuberto entre o PPdeG e PSdeG sobre a reforma do decreto, que deixe fóra aos nacionalistas, é unha hipótese que cada vez semella máis verosímil. Eis está ese novo consenso do que se comeza a falar?
Libro en galego, datos para un diagnóstico
/en Comercio do libro, Cultura, Edición, Informes/por bretemasNo suplemento de El País Galicia dedicado ao 17 de maio publico un traballo arredor da situación do libro en galego. Reprodúzoo, xa que tampouco aparece na edición dixital do xornal.
O 17 de maio é data acaída para facer un balance do estado de saúde do libro en galego. As estatísticas dispoñibles (tanto as elaboradas polo Ministerio de Cultura, a partir dos datos do ISBN, como as do estudo do comercio interior do libro da Federación de Gremios de Editores) amosan que o volume da produción editorial en galego (tanto no número de títulos editados como de exemplares impresos) se estabilizou dende 2004. Cos datos na man, non podemos negar que parou aquel formidable crecemento, que levou a multiplicar por dez o número de títulos publicados en galego (dende os 187 do ano 1980, cando comeza o proceso autonómico, aos 1.849 de 2004, unha marca non superada dende entón). Porén, o que medrou foi a edición realizada en Galicia que no ano 2007 acadou os 3.376 títulos, cifra que reduce a edición en galego até o 55% da realizada en Galicia. Nos últimos anos, semella consolidarse en Galicia, pois, a tendencia a un incremento importante da actividade editorial (nos últimos dez anos duplicouse o numero de empresas que forman parte da Asociación Galega de Editores, 43 en 2009, o que supoñen máis de 300 empregos directos), o que constitúe unha boa noticia para a nosa primeira industria cultural e, ao mesmo tempo, a unha ralentización da actividade editorial en galego e da súa cota de mercado..
A pesar desta ralentización do seu medre, o libro en galego está nas mellores marcas da súa historia. Así en 2007, último ano do que temos datos dispoñibles, editáronse 1,780 títulos e imprimíronse máis de dous millóns dous centos mil exemplares (case un por cidadán galego; non está mal). No entanto, convén precisar que desta produción máis do setenta por cento correspondeu a libros de texto, dicionarios e títulos de literatura infantil e xuvenil, o que amosa a gran dependencia da produción dos editores en galego con respecto a esta canle educativa. Outrosí sucede coa facturación (22 millóns de euros para todo o libro en galego), no que a dependencia dos produtos escolares ou paraescolares acada o oitenta por cento (unha barbaridade!). Esta tendencia de forte escolarización do libro en galego acentuose nestes últimos anos, tanto pola implantación dos novos currículums da reforma educativa (o que compensou o impacto negativo da modalidade de préstamo da gratuidade do libro escolar) como pola crise na que caeu o libro literario en galego.
En 2007 publicáronse 238 títulos literarios en galego, dos cales 113 foron de narrativa, 63 de poesía e teatro e 62 de ensaio e investigación literaria. Con respecto ao ano anterior, diminuíu o número de títulos en apenas o 1,90%, porén a perda foi moi notable no número de exemplares (nada máis e nada menos que 66.000) o que supón unha baixa do 15,10%. A pesar deste retroceso, o volume da produción literaria en galego en 2007 acadou os 291.000 exemplares de libros literarios en galego (o 13,60% dos impresos en galego). Con todo, continúa sendo o máis significativo o peso da edición de narrativa (133.000 exemplares, o 45,70% da produción literaria do ano); fronte ao menor de poesía e teatro (60.000 exemplares, o 20,61% da produción literaria do ano) e o sorprendente peso do ensaio e investigación literaria (98.000 exemplares, o 33,67% da produción literaria do ano).
O libro literario en galego acadou en 2007 unha facturación de 2,65 millóns de euros, o que supón o 12,00% do conxunto do sector en galego. Esta cifra supón unha diminución de 650.000 euros con respecto á de 2006 (un descenso do 20,00%) e unha perda do 2,90% de participación nas vendas do libro en galego. A narrativa en galego supuxo unha facturación de 1,97 millóns de euros (o 9,00% da facturación do libro en galego e o 74,33% da do noso libro literario), o que supón un descenso de 900.000 euros con respecto ao ano 2006 (un 31,59%) e unha perda de 4,1% con respecto á participación nas vendas totais). As vendas de poesía e teatro achegaron 280.000 euros (o 1,30% da facturación en galego e o 10,56% do noso mercado literario) e as de ensaio 400.000 euros (o 1,80% da facturación total e o 15,11% do mercado do libro literario).Tendo en conta que a facturación total do libro en Galicia foi en 2007 de 165,53 millóns de euros e a do libro literario en galego de 2,65 millóns de euros, podemos estimar a súa cota de mercado en Galicia no 1,60%. Outrosí podemos establecer para a narrativa en galego, cuxos 1,97 millóns de euros de facturación supoñen o 1,20% do mercado do libro en Galicia. Non esquezamos que o libro en galego no seu conxunto no ano 2007 acadou o 13,27% da cota do mercado do libro en Galicia.
Contención da produción, forte escolarización e crise comercial dos títulos literarios aparecen como as tres principais tendencias detectadas para o devir actual do libro en galego. Síntomas claros dunha crise de crecemento e de racionalización e profesionalización do sector que non debe paralizarnos, xa que hai moitos outros indicios da envexable saúde da sociedade lectora en galego. Mais ese xa é outro traballo.
Un debate sobre as ameazas para o futuro do idioma
/en 17_de_maio, Goberno Feijoo, Lingua, Recurso_didáctico/por bretemasLa Opinión da Coruña publica hoxe a transcrición do debate que mantivemos Francisco Fernández Rei, Goretti Sanmartín e mais eu arredor das ameazas que detectamos para o futuro do idioma.
U-lo albergue?
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Vigo/por bretemasNo artigo da semana en Faro de Vigo abordo a polémica arredor da ubicación do albergue de emerxencia de Vigo. Reprodúzoo, xa que non aparece nas páxinas electrónicas do decano.
Os lectores de “Faro de Vigo” coñecen de primeira man a polémica existente sobre o futuro do edificio da Gota de Leite, onde estaba previsto ubicar o albergue municipal para as persoas sen teito e, agora, se pretende instalar á policía local. E como sucedeu xa coa polémica (non resolta) sobre a ubicación da biblioteca estatal, semella que son a improvisación, a falta de planificación e a escasa capacidade de diálogo as variables coas que os nosos políticos locais participan no conflito.
Como entender, se non, que tras a decisión da concellaría de benestar social (BNG) de pechar o albergue provisional instalado dende hai catro meses na antiga Escola de Hostelaría, xa que non cumpría os requisitos mínimos de habitabilidade, unha situación que foi denunciada en varias ocasións pola vicevaledora do Pobo e responsables da Federación Veciñal, os trinta usuarios diarios deste servizo quedasen literalmente “na rúa” dende a noite do pasado venres? Como explicar que, a pesar do peche deste albergue provisional e de estar finalizadas as obras de acondicionamento, a consellaría de Traballo e Benestar e a delegación metropolitana da Xunta de Galicia en Vigo (PPdeG) non autoricen a apertura do centro de emerxencia social do edificio da Gota de Leite, onde dende hai tempo está previsto dar servizo a esas cento cincuenta persoas sen teito que se estima viven na nosa área metropolitana? Como facer comprender á cidadanía viguesa a incapacidade dos dous polos do goberno municipal para acordar o uso do edificio da Gota de Leite, non o esquezamos, propiedade da Xunta de Galicia?: para o alcalde, o seu grupo socialista e o comité de persoal do concello, o lugar ideal para instalar a nova sede da Policía Local; para a concelleira de benestar social, o seu grupo nacionalista e a Rede Social Galicia Sur, que agrupa a máis de vinte ONG-s, a sede do centro de axuda a persoas desfavorecidas, que debe ser aberta coa maior urxencia.
Definido en termos políticos o problema, compréndese doadamente que son as diferenzas (polo momento insalvables) entre os tres partidos as que deixan á intemperie aos usuarios deste servizo de emerxencia provisional, utilizado por numerosos transeúntes, mariñeiros, inmigrantes e algúns dos máis pobres e desfavorecidos de entre todos os nosos concidadáns. A descrición que realizan as ONGs sobre a situación destas persoas é desacougante. Calculan que ao longo do último ano nas rúas e prazas de Vigo morreron abandonadas, na máis absoluta soidade, unha ducia destas persoas (24 o pasado ano!), por mor das doenzas que arrastran e da súa propia situación de precariedade. A vítima máis recente foi Igor, un aparcacoches ucraíno de cincuenta anos, que faleceu a comezos deste mes nun banco do Berbés, apenas a cen metros das instalacións do albergue provisional recentemente pechado. Unha situación gravísima que, dende hai tempo, denuncian teimosamente coas súas mobilizacións a asociación de autoapoio Imán e o programa asistencial Sereos, entidades que reclaman a creación dunha rede de albergues municipais que proporcione a estas persoas excluídas un pouco de abrigo e axuda. Situación que, alertan os responsables dos servizos sociais, os debastadores efectos do desemprego podería ampliar a un maior número de persoas.
Porén, non son estes os criterios que se empregan para dirimir a ubicación do albergue vigués de emerxencia. Utilizando a estratexia do manual de campaña que tan bos resultados lle proporcionou na súa oposición ao pasado goberno bipartito, o Partido Popular adía a mantenta a apertura do albergue da Gota de Leite xa que deste xeito profundiza na fenda existente sobre esta cuestión entre socialistas e nacionalistas, ao tempo que lle serve ao seu portavoz municipal para denunciar a existencia de dous gobernos en Vigo e a falta de autoridade do alcalde, que non é capaz de cesar a esta concelleira que defende un criterio radicalmente diferente ao seu. Outrosí, sucede co alcalde quen pensa que a el non lle falta razón na súa pretensión de ubicar as instalacións da Policía Local, situadas no garaxe do concello dende hai décadas, nun edificio próximo que, por riba, leva un período baleiro e que reclama mesmo o cadro da propia policía. Mentres, a concelleira de benestar, con enorme impotencia, vese obrigada a asumir a responsabilidade do peche do albergue provisional. Un cadro político para botarse a chorar. Quen ten a valentía de introducir as doses de racionalidade e diálogo suficientes para solucionar o problema da apertura inmediata do albergue dende a perspectiva dos intereses xerais de todos os cidadáns sen excepción? Cada noite máis na que estas persoas sen teito continúen baixos os efectos da intemperie, será unha xornada de vergonza para o conxunto da cidadanía viguesa.
Casa da Lectura
/en Bibliotecas, Lectura/por bretemasEn varias ocasións temos gabado o gran traballo que realiza Espazo Lectura, un modelo de voluntariado pola lectura que traballa infatigablemente na comarca do Val Miñor. Hoxe, a asociación que preside Concha Costas, dá un paso moi importante coa inauguración da Casa da Lectura, un espazo para a convivencia lectora arranxado polos voluntarios e voluntarias na que fora Escola Infantil de Donas. As nosas beizóns para todos eles.
Book trailer XII: «O livro inclinado»
/en Book_trailer, Literatura infantil e xuvenil, Portugal, Promoción do libro, Vídeos/por bretemas[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/0EzJWtf9LbI" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Vía Blogtailors (grazas).
O nomeamento de Anxo Lorenzo
/en Goberno Feijoo, Lingua, Política/por bretemasFago miña a lúcida anotación de Fran Alonso. O nomeamento dunha persoa como Lorenzo,leal defensor do idioma de noso, debe ser entendida como o primeiro froito da mobilización da sociedade civil que conseguiu (polo momento) coutar o paso ás presións galegófobas. A decepción expresada por Galicia Bilingüe é unha mostra do acertado deste nomeamento. Polo ben do futuro idioma, agardamos os maiores éxitos de Lorenzo (aquí as súas primeiras declaracións)no seu dificilísimo traballo. O domingo, e a pesar das moi desafortunadas declaracións dos responsables da Mesa, estaremos en Compostela reafirmando o futuro da lingua de todos. Nestes momentos de enorme incerteza é imprescindible continuar con esta resposta cidadá.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.