Homenaxe á cidade da liberdade

O sábado 23, ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro celebrarase a “Homenaxe á Cidade da Liberdade”, un acto literario arredor da novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal. A entrada é de balde.
A boca da literatura e a da canción, as palabras e a música, a poesía e os tangos, entrelazan e levedan nunha conmoción sen tregua sobre o escenario. A fonte que inspira este encontro é a novela Os libros arden mal, de Manuel Rivas, que ten por escenario a cidade da Coruña. Desta obra, co gallo da súa publicación en Francia, o xornal Le Monde dixo que provoca no lector “emoción, asombro, marabilla e pracer”.
O punto de arrinque desta “historia dramática da cultura” é un feito real, o da queima de libros que tivo lugar en agosto de 1936 nas proximidades da dársena coruñesa. Aquelas fogueiras tentaban queimar para sempre o corazón libertario da cidade. Porque se hai unha esencia fundacional da Coruña é o amor pola liberdade.
Fronte a esa pulsión totalitaria, que trata de controlar o poder as mentes, resiste e xermola a enerxía do desexo e a re-existencia, a que se expresa a través da literatura, a música e a memoria das que o historiador Ranahit Guha chamou as “voces baixas” ou silenciadas da humanidade.
Esta posta en escena conta coa participación de: Manuel Rivas (narrador), Marcos Meléndrez (voz tangos), Gastón Rodríguez (guitarra), Pulpiño Viascón (voz, gaita, serrucho). Está prevista a participación doutros músicos invitados.

3 comentarios
  1. Alfredo Ferreiro
    Alfredo Ferreiro Dice:

    Foi un espectáculo literario-musical dunha emotividade cativante. A verdade é que Rivas, ademais de saber escoller ben os seus artistas colaboradores (que foron un bon lote), soubo transmitir un coruñesismo cheo de sentimentos positivos sobre un presente que se ergue sobre unha historia libertaria repleta de heroicidades, despois decapitada polo franquismo. Heroicidades da muller e o home da rúa, da vangarda ideolóxica europea que eran os anarquistas herculinos do primeiro cuarto de século XX. Foi unha actuación memorábel en que o público, con Teatro Rosalía completo, tivo o aplauso a flor de pel desde os primeiros cinco minutos até o final. Así é un pracer asistir a actos literarios. Todos os que nos atrevemos a pisar os escenarios deberiamos tomar nota.

Trackbacks y pingbacks

Los comentarios están desactivados.