Gañadoras do Iº Premio de Micronovela de Soutomaior

Hoxe dimos a coñecer o fallo do Iº premio de Micronovela organizado polo concello de Soutomaior. Entre as corenta e oito noveliñas presentadas (máis de dous mil cincocentos folios), os tres membros do xurado escollemos como gañadora “Diario do efecto bolboreta” de Andrea Maceiras Lafuente, xove narradora de Cambre, estudante de 3º de Filoloxía da Universidade da Coruña. A obra gañadora do accesit foi a titulada “Virxinia” de Pilar Ortega Pereiro, profesora de Tecnoloxía no IES Pedra de Auga de Ponteareas.
A micronovela gañadora relata, seguindo a teoría de Lorenz, unha orixinal e divertida viaxe dun matemático galego e sentimental que persegue o bater de ás dunha bolboreta de Beijín a Nova York para comprobar a veracidade do chamado efecto bolboreta.
Ningunha das dúas gañadoras ten obra publicada ningunha, a pesar de xa ter acadados outros premios literarios anteriores. Unha auténtica sorpresa. As noveletas premiadas serán editadas a finais da vindeira primavera.
Actualización (16-02-2008): A noticia da entrega en Vigo Metropolitano e La Voz de Galicia.

Moi axeitado este anuncio de promoción da lectura rescatado por Espazo de lectura (magnífico blog!)
Via Cabrafanada.

Sendeiro rural de Galicia

Paco Armada acaba de abrir un blog dedicado ao GR.94, o sendeiro rural de Galicia, homologado pola Federación Galega de Montañismo. Seguindo este vieiro para camiñantes, perfectamente sinalizado, pódese chegar de Vigo a Compostela sen pisar o asfalto. Recomendo a visita a este novo espazo web, onde Armada pretende ir informando sobre os contidos do libro de título homónimo que acabamos de poñer nas librarías. Armada acomete agora outro dos seus proxectos máis queridos: a rota do Miño, dende A Pastoriza á Guarda.

Etiquetas:

Jujel

Preme. Que é este sitio? O seu obxectivo é: “Funcionar coma servizo público para que moitos galegos a poidan usar coma páxina de inicio, mellorar o filtrado das buscas de Google e estudar o impacto dun medio na Internet onde se manifestan estes fenómenos fonéticos galegos.”
Beizóns, creo que isto é unha marabilla.

Ler libros na pantalla

A editorial Harper Collins ofrece no seu espazo web a posibilidade de ler libros completos (como a versión en inglés do libro máis recente de Paulo Coelho), aínda que non poden ser descargados nin copiado nin impresos. Os textos estarán dispoñibles para os lectores durante un mes. A directora da editorial considera que “o mellor xeito de vender libros é permitir ao lector a lectura do seu contido”. Tamén hai posibilidades de facelo dende o iphone. O dispositivo funciona de forma bastante amigable. Esta é unha iniciativa chamada a abrir un debate profundo sobre o emprego da rede na promoción editorial e da lectura, máis aínda cando está promovida por un dos grupos de edición máis poderosos do mundo. Seguirémola para poder valorala acaidamente.

Etiquetas:

Penúltimos en lectura

No artigo da semana volvo sobre a análise dos datos do Barómetro de hábitos de lectura 2007 e reitero a proposta de dedicar o vindeiro 2009 como “Ano da Lectura“.
Imaxe: Club de lectura. Biblioteca Monte Alto. Obrigado.

Etiquetas: