Escribo para lerme

Discurso de agradecemento de Xabier P. Docampo from Martin Pawley on Vimeo. Palabras precisas e moi emocionantes do mestre: “Non me roubes o pais, non me roubes a lingua… […]. O día que perdamos a lingua non somos ningúen. A lingua é a nosa casa, a nosa patria.”
Pawley achega máis vídeos sobre esta homenaxe e sobre as exposicións do Salón. Grazas por achega tan valiosa.
Etiquetas:

2008, ano sen papel

É moi interesante esta anotación de Calidonia sobre as razóns que o levaron a mercar un Sony Reader que pode axudarnos a valorar as posibilidades deste dispositivo de lectura electrónica. Seguiremos as súas anotacións de usuario que semellan, polo comentario que nos deixa nunha das nosas, moi favorables e demostran que esta cuestión está “máis aberta que nunca”:

“Adianto que para min o único inconveniente é o prezo, o cal non é un inconveniente a ter en conta, se atendemos á evolución da tecnoloxía e do mercado.
O fetichismo ou o atractivo da presentación é unha cuestión que máis que un obstáculo á difusión destes trebellos é un criterio de segmentación do mercado de lectores. Quen lle confira a iso importancia é evidente que seguirán apostando por encher as estantes de papel. Quen non se importe con iso e coide que a obra, o contido, enche as súas expectativas de lectura, non terá, na miña opinión, ningún problema: nin de lectura (resolución superior á das edicións de peto), nin de portabilidade (2GB de libros nun moleskine!), nin de batería (centos de horas de lectura!).
Antes ao contrario, os dispositivos de lectura presentan vantaxes sen igual que entroncan co mundo dixital. Imaxinan os textos da Galipedia automaticamente convertidos a un libro que se pode consultar (e navegar!) neste dispositivo. É só un exemplo.
Por iso coido que non é só que o asunto no nestea pechado, senón que está máis aberto que nunca. E parece que si, que 2008 é xa o seu ano de despegue.”

Agradecemos a Calidonia tan interesante anotación. Quizais probemos con este dispositivo.

Campo do Fragoso LIII


OUTRO PASO ATRÁS
Pouco podemos obxectar á xusta vitoria do Castellón fronte a un Celta feble e caótico, infelizmente enrugado cando tiña que dar o chimpo decisivo para consolidarse como aspirante. O Castellón, moi ben dirixido por Pepe Murcia, amosouse durante todo o encontro como un dos máis sólidos e eficaces equipos (mesmo á altura do Numancia) que teñen visitado Balaídos esta tempada. Teceu unha rede moi estreita de catro defensas e outros tantos mediocampistas que os dianteiros celestes, a pesar de contar co manexo do balón, nunca foron capaces de superar, coa excepción, na primeira parte, dun magnífico longueirazo de Canobbio nun saque de falta dende a frontal da área. Porén, os castellonenses interpretaron moi sabiamente o xogo do contraataque da man da sociedade arxentina formada polos seus dous únicos dianteiros, Tabarés e Oberman, autores dos seus goles. Tabarés, tras unha absurda perda de balón dun descentrado Roberto Lago, cando non se levaban nin dez minutos de encontro, cabeceou como quixo un servizo magnífico que dende a banda dispuxo o seu compañeiro; apenas comezada a segunda parte, Oberman noqueou aos celestes cun cacheirón impoñente dende fóra da área que pillou na eira ao pobre do Esteban. Resultado tan desfavorable animou ao diletante López Caro a introducir trocos no seu conxunto, facendo debutar en Balaídos a Goran Maric e Sales, dous dianteiros que moi pouco axudaron a mellorar o triste panorama de impotencia dun equipo que dominaba mais que non creaba perigo real ningún. Paradoxicamente, só a lesión de Canobbio (o mellor dos nosos), que motivou a entrada de Larena, animou o encontro, xa que Jorge axiña conseguiu enganchar unha pelota a corenta metros e dirixir un globo precioso que pillou adiantado ao porteiro visitante. Este gol xenial do canario foi o mellor do partido. Con todo, é unha mágoa constatar, outra vez máis, que este equipo de López Caro non ten feituras de conxunto gañador nin posúe a intensidade, a precisión, o esquema de xogo e a intelixencia colectiva precisas para actuar como tal nos momentos decisivos. Mentres, o presidente e o director deportivo, os auténticos responsables desta impotencia desesperante, continuarán facendo declaracións inútiles sobre a calidade do cadro de xogadores, nas que xa non acreditamos os afeccionados. Onte o Celta deu outro paso atrás, isto é moi preocupante.
Etiquetas:

Do deus Momo aos merdeiros

Con motivo do domingo de Entroido, no artigo da semana lembro cómo se desenvolvía en 1877 o Carnaval en Vigo. Daquela era o deus Momo e a suá corte de damas e demos os quen protagonizaba un desfile que se celebraba dende o Campo de Granada ata a Alameda (onde este ano, felizmente, volveu a entroidada da man da Concellaría de Festas).

Etiquetas:

Xabier P. Docampo

Mágoa que non poidamos acompañar hoxe ao noso ben querido Xabier Puente Docampo na merecidísima homenaxe que lle rende o Salón do Libro de Pontevedra. Xabier leva feita unha contribución monumental ás nosas letras e ao noso afán colectivo de conformación dun criterio literario nos lectores de todas idades, que non se pode pagar cunhas poucas palabras. A súa concepción da narración, oral ou escrita (que no seu caso tanto ten, unha cousa coma a outra) como o máis sublime acto de amor, transforma cada un dos seus textos, sometidos a un proceso de depuración que acada cotas de auténtico delirio, en alfaias de emoción que permiten desvelar todas as marxes da condición humana. Ademais, Xabier é un animador educativo e cultural teimudo de creatividade desbordada (velaí o seu máis recente proxecto), e, sobre todo, unha persoa cabal na que poder espellarse como ser humano. Hai máis importantes razóns para abenzoalo? Beizóns, mestre! Con todos os abrazos.

Etiquetas:

Letras de Galicia

Dende onte podemos utilizar o web Letras de Galicia, un portal destinado a promover a literatura galega no exterior. Promovido pola Consellaría de Cultura, este espazo, xunto co catálogo de dereitos read.galicia, está chamado a converterse na peza principal dunha estratexia exportadora do noso sector editorial e da consolidación dunha marca (“Letras de Galicia”) para a súa visibbilidade no mercado internacional. Información sobre a literatura galega, sobre o estado da nosa edición ou sobre as axudas para a tradución son algúns dos contidos principais dun espazo ben deseñado e atractivo. Aparece só en castelán, aínda que sabemos se está preparando unha versión en inglés. Un paso adiante moi sólido, que merece as nosas beizóns.

Por que fracasan os e-books?

Esta explicación de Joaquín Rodríguez amosa moi claramente cáles son as razóns polas que ata agora veñen fracasando os e-books, os dispositivas de lectura electrónicos. Como ben sinala Martín Gómez (na anotación que enlzao, magnífica e oportunísima coma sempre) os dispositivos fracasaron por que non acertaron nin coa portabilidade (os libros impresos son máis versátiles aínda neste aspecto), nin coa comodidade para a lectura (a a interface das pantallas non superou á páxina de negro sobre branco do papel), nin coa usabilidade nin cun prezo suficientemente atractivo. Se a isto engadimos, que unhas tecnoloxías non teñen porque substituír ás anteriores e que o acceso aos contidos electrónicos continúa limitado, podemos agardar a existencia e a viabilidade dos libros analóxicos durantes uns cantos anos. Isto non quere dicir, porén, que este sexa un tema pechado.