Danza: un cova moi interesante

Para celebrar a presentación da Guía de viños e augardentes 2006-2007, convidáronnos a unha botella de “Danza”, un espumoso de Valdeorras, que non aparece na guía (non ten D.O), das Adegas Día e Noite que rexe o noso amigo Pepe Rodríguez. “Danza” é un cova –ollo: nin un cava nin un champán– cunha burbulla aínda un pouco grosa, que dá, porén, godello e sabor inequívoco a mazá. Etiquetado en galego e cunha tipografía dificilmente lexible (no entanto cunha moi boa presentación), anúnciase como “Danza é ledicia, danza é maxia”. Este cova tan interesante, aparecido no mercado para este Nadal, foi unha sorpresa moi agradable. Agardamos a nota de cata do mestre Paadín. Convido a probalo sen prexuízos, esquecéndose daquel horrible “Fin de siglo” da pasada década. Outro paso importante para os viños galegos.

Etiquetas: ,

Bibliotecas, Lectura, Edición (Conclusións)

Quedáronnos atrás as conclusións elaboradas pola AGE tras o IIIº Simposio O Libro e a lectura. Reproducímolas polo seu indubidable interese:
  1. A práctica lectora configúrase dende hai tempo coma un dos termómetros básicos para medir o nivel de desenvolvemento social, económico, político e cultural das sociedades. O acceso aos libros por parte da cidadanía é unha necesidade obxectiva que cómpre atender axeitadamente. O libro e a lectura son axentes básicos de socialización e, por tanto, elementos fundamentais na construción dunha Galicia nova.
  2. A lectura pública é un servizo necesario que a Administración e os poderes públicos deben considerar dun xeito regular e constante nos seus planos estratéxicos. Tal servizo, con carácter universal e igualitario, debe atinxir á totalidade da poboación, por riba de diferencias sociais, económicas, ambientais, culturais ou xeográficas, xa que está profundamente vencellado á formación do capital humano, á cualidade democrática e participativa dos individuos e das sociedades, e á capacidade de desenvolvemento das mesmas.
  3. Os arredor de 430 puntos de lectura que constitúen na actualidade a rede de Bibliotecas Públicas de Galicia non están suficientemente dotados. O 45% dos fondos bibliotecarios quedaron hai tempo obsoletos. Os recursos económicos para a adquisición de libros está moi por debaixo das medias europeas e mesmo da media española. Cómpre unha actuación decidida na dotación de recursos bibliotecarios, e cómpre facelo dun xeito constante e anual, contando cos profesionais da lectura pública, e integrados nos orzamentos das consellerías correspondentes.
  4. Sen unha xeitada rede de servizo de lectura pública, dotada de espazos, persoal cualificado e medios, tal como sucede nas sociedades desenvolvidas do noso contorno, non parece posible un deseño de modernización da sociedade galega consonte as necesidades do século XXI.
  5. Complementarias ás Bibliotecas Públicas son as Bibliotecas Escolares, factor capital no desenvolvemento dun sistema educativo renovado e homologable a outros modelos do noso contorno. Conscientes de que os pasos a dar deben ser progresivos, invitamos aos poderes públicos a un pronunciamento decidido a prol da dotación de recursos dentro do sistema: bibliotecas escolares, ben dotadas e ben atendidas, en todos os centros docentes sen exclusión, como parte da estratexia educativa; centros de documentación, información e acceso ao coñecemento, dirixidos moi especialmente ás novas xeracións. Consideramos necesaria, xa que logo, a creación dun corpo de profesionais especializados neste tipo de servizo dentro dos centros, conectados en rede nun programa xeral de aproveitamento de recursos e documentos, non só para o soporte tradicional do libros senón en todo canto atinxe ás Novas Tecnoloxías (TIC).
  6. Dende a Asociación Galega de Editores ofrecemos os nosos servizos, atencións, coñecementos e apoios, ás iniciativas de desenvolvemento e fortalecemento da rede bibliotecaria e das estratexias a prol de animación á lectura, conscientes da súa importancia na construción dunha Galicia instalada de seu nas necesidades do século.
    Asumimos como reto a necesidade de diversificar as nosas liñas editoriais, mesmo abríndonos aos novos soportes da edición, posibilitando deste xeito o fornecemento á rede bibliotecaria dos materiais necesarios en lingua galega.
    O coñecemento dos novos soportes de edición e as súas posibilidades, a busca de solucións imaxinativas que permitan superar atrancos, e a consecución dos apoios necesarios que fagan viables novos proxectos, convértense en tarefa urxente para o sector editorial galego e a industria cultural.
    Apoiamos aos profesionais da biblioteca na procura dun espazo estable dentro do sistema cultural, educativo e de servizos á sociedade, na medida en que son parte decisiva na formación do capital humano e na implementación da Sociedade da Información e o Coñecemento.
    Animamos a implementar decididamente as Novas Tecnoloxías da Comunicación no servizo bilbiotecario, conectándoo cos recursos dispoñibles e mais cos que poidan xurdir, así como co resto dos axentes do libro e a lectura, moi especialmente os libreiros.

    Santiago, 17 de novembro de 2006

O encaixe roto

«O encaixe roto» é o título dun conto escrito hai cen anos por Emilia Pardo Bazán, traducido por María Xosé Queizán dentro do volume Fenda, loucura e morte. Micaelita Aránguiz, unha rapaza da alta sociedade, rompendo todas as convencións sociais do seu tempo, decide cando o bispo lle preguntou se recibía a Bernardo por esposo, soltar un «non» tan claro como enérxico. Camiño do altar engancháraselle o valiosísimo volante de encaixe que pertencera á familia do noivo, unha auténtica marabilla! A noiva, ademais de comprobar decepcionada o retallo sobre o delicadísimo labor, observou a cara de Bernardo contraída e desfigurada por unha irritación vivísima e naquel instante fugaz –conta dona Emilia– «alzouse un pano, e detrás apareceu espida unha alma». Aquela expresión de ira, dureza e menosprezo, permitiulle a moza, nun momento de lucidez, librarse do destino que lle estaba reservado, negándose a seguilo.

Dona Emilia, observadora intelixente e audaz, incansable batalladora da causa feminista, denuncia con grande lucidez, neste relato o dereito da muller a decidir o seu propio destino e a acceder en igualde de condicións cos varóns a todos os ámbitos da vida pública. Despois de cen anos de loita feminista, ninguén é capaz de deter a maior revolución deste século que remata, a da paridade entre homes e mulleres. A pesar da igualdade formal acadada nas sociedades occidentais e a relevancia da muller no sistema educativo actual, aínda son moitos os obstáculos existentes que impiden falar dunha igualdade verdadeiramente real; obstáculos que atinxen tanto ao ámbito da vida privada como da pública, dicotomía onde reside a orixe de todas as desigualdades que oprimiron á muller.

Neste século modificáronse moito as leis, pero moito menos os costumes e a vida cotiá. Hoxe as mulleres soportan, entre a esperanza e o desacougo, unha dobre xornada de traballo, doméstica e profesional, ocupándose case en exclusiva do coidado dos fillos, dos vellos ou dos enfermos. A auténtica igualdade de oportunidades non existe no mundo do traballo, onde os máis baixos niveis salariais e os máis altos de desemprego castigan sempre as mulleres e onde son moitos os obstáculos de todo tipo que teñen que franquear para acadar un nivel paritario de participación nos órganos de decisión das empresas e institucións. A violencia sobre as mulleres segue sendo unha constante que non mellora co paso dos anos, un fenómeno con cifras espeluznantes: no mundo entre o 10% e o 40% das mulleres sofren algún tipo de violencia, dende a mutilación xenital ao tráfico de adolescentes; en España morre cada semana unha muller vítima de malos tratos. Violencia que constitúe un auténtico terrorismo de xénero, un verdadeiro problema de Estado, que amosa ás claras e con contundencia que a muller continúa a ser considerada máis como obxecto que como suxeito.

Avanzada xa a primeira década do novo século será necesario acometer a revolución pendente do xénero: transformando as actitudes e os comportamentos de homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, feminizando aos homes e por extensión a toda a sociedade, modificando as concepcións actuais do que é público e do que é privado; en definitiva, promovendo un cambio de mirada sobre as nosas formas de vida, tomando conciencia de que hai un estilo ignorado de facer as cousas. Será imprescindible tamén, que os gobernos e os homes nos impliquemos na loita contra a violencia de xénero e na corrección das desigualdades que aínda discriminan e afectan ás mulleres, indo moito máis alá de xestos electorais e cotas de participación máis ou menos efectivas. Hoxe ese encaixe roto, ese momento colectivo de lucidez, esa anticipación dun futuro roubado, é a consecución da igualdade efectiva entre homes e mulleres. A causa de toda a sociedade neste Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Comentario de textos

Crónicas do derbi. Un interesante exercicio de comentario de textos.

É posible a mínima obxectividade en cuestións futbolísticas?

Etiquetas:

Galegos na rede

Tivo interese a mesa redonda na que participamos varios blogueiros no seo das xornadas de Enredad@s. Gustoume moito a intervención de Marcus Fernández que presentou un panorama moi clarificador e completo sobre a situación da Internet en Galicia, propoñendo unha reflexión sobre a nosa fenda dixital (existente sobre todo no mundo rural galego, onde as carencias de infraestruturas son clamorosas) e, ao mesmo tempo, amosando a diversidade e calidade das nosas publicacións electrónicas e soportes de participación social. A intervención de Wicho, coautor de Microsiervos, o blog español máis importante do mundo foi impecable, propia dun mestre blogueiro. A pesar de que xa tiña noticia da súa enorme audiencia, impresionáronme as estatísticas (actualmente sobre 70.000 visitas diarias), a presentación das funcións, que foron engadindo ao longo destes tres anos, e a reflexión sobre o papel dos buscadores no desenvolvemento do blog. Roberto Noguerol reflexionou sobre a funcións de moitos blogs que se limitan a revitalizar noticias que aparecen, xeralmente, na prensa impresa, especulando sobre a posibilidade de que os blogs, vítimas do seu éxito, vaian degradando no futuro o seu papel. José Manuel Lage, o único deputado galego con blog aberto, falou da utilidade dos blogs na participación política e amosou algunhas das experiencias deste tipo, na súa opinión, máis salientables. Por último, eu presentei os temas e as razóns destas brétemas. Cinco intervencións que, grazas á magnífica presentación moi contextualizadora de María Yáñez, contribuíron a debuxar un panorama sobre diversas tendencias e opinións sobre a posición actual dos galegos na rede.

Actualización (21-11-2006)
: a foto corresponde ao fotolog de Wicho, quen hoxe tamén publica unha crónica da Mesa Redonda. Pola súa banda, Roberto Noguerol publica outra crónica moi traballada e unha síntese moi clarificadora da súa intervención. Coincido con Wicho no feito decepcionante que os asistentes ás xornadas non reflectisen a súas impresións na rede. Unha mostra de que algo aínda non funciona como debera.
Etiquetas: , ,

Bibliotecas públicas

No artigo da semana denuncio, ao abeiro das sesións e conclusións do IIIº Simposio da AGE, a situación carencial das bibliotecas públicas en Galicia, facendo especial mención ás importantes diferenzas existentes entre as dúas maiores cidades galegas e propoñendo a posibilidade de crear un Consorcio Bibliotecario Galego como plataforma de xestión e colaboración entre a Xunta e os concellos.

Para ler dúas veces

Hoxe apareceu en Babelia unha crítica sobresaliente da edición en castelán da novela de Rivas. Aledámonos desta recepción tan positiva que coincide coa expresada nos blogs galegos por Martin Pawley, Folerpa, Cesare, O levantador de minas, R.R., ou por críticos como Fernán Vello, Sandra Faginas, Xosé Manuel Eyré, Xulio Valcárcel (mágoa que estas tres últimas non poidamos lelas na rede) e Manuel R. Alonso.
Penso que é moi significativo que no paratexto da edición de Alfaguara se inclúan algunhas frases destas críticas publicadas nos nosos blogs. Quén pode dubidar do recoñecemento que isto supón para estes traballos críticos e para os seus autores. Beizóns para eles.

Gennet Corcuera

O momento culminante da magnífica conferencia de onte de Pilar Pérez Esteve sobre as “Competencias lingüísticas no marco da Reforma Educativa” foi cando relatou a historia de Gennet Corcuera, a primeira española xordocega que chega á Universidade. Recordou que a estudante comentara nunha entrevista que o momento máis inesquecible da súa vida foi cando “comprendín que cada cousa ten o seu nome, foi coma romper unha cápsula de aceiro”. Poucas veces escoitamos unha referencia máis valiosa para explicar o valor da linguaxe para regular emocións e sentimentos, para entender como a lingua é a mediadora principal de todo tipo de aprendizaxes.

Panificadora

Se hai unha edificación que quero é a Panificadora. Nacín case ao pé deses formidables dez silos cilíndricos de formigón armado que son o berce da memoria da xeración do Polycomander. Vivín a nenez toda baixo o reloxo vital que marcaban as fornadas da Panificadora, esparexendo o arrecendo penentrante dos cornechos e boliños empaquetados na súa furna de papel, que no mediodía se confundía no calexón das Angustias coa fragrancia dos callos da taberna de Armando (só mellorados, na opinión do avó Beleiro, polos de Casa Ligero), ata a última, a dos bares, a que coincidía coa recollida do sol sobre a terraza acristalada da fábrica. Demoreime, moitas veces, diante do letreiro da Panificadora para aquelar coa pesada dos camións que traían o gran de Peñaranda de Bracamonte e co trasego constante das Savas do reparto que marcaban o latexar do barrio noso. Esculquei, tantas outras, o estado da chimenea, un faro de fume en plena rúa de Santiago, e o traballo do chafarís sobre o depósito de auga do tellado, procurando sinais da actividade daquela fábrica tan singular.

Mentiría se dixese que gustaba do pan da Panificadora. Gustabamos máis das barras de leña do señor Domingos, o panadeiro do Barrio do Cura, onde levabamos as tarteiras e as empanadas a cocer. O valor da Panificadora para nós non era o pan que preparaba, insípido e pouco sabedeiro (mesmo habíao sen sal, un pecado daquela), a súa importancia residía na súa dimensión imponente, como o eran as tolvas dos seus muíños, como o era a fábrica de fariña e pensos, como o era o obradoiro mecanizado todo, como o era o seu forno de gasoil. A Panificadora Viguesa pechou hai vinte e cinco anos e, dende entón, está en perigo inminente de desaparecer.

Construído entre 1923 e 1930 polo arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, coa intervención no deseño das instalacións fabrís e mecánicas dos enxeñeiros Otto Werner e Jorge Wuchl, o edificio da Panificadora é, xunto á factoría de conservas Bernardo Alfageme (felizmente en funcionamento) e a Metalúrxica (só queda a súa fachada), unha das xoias da arquitectura industrial viguesa do século XX. Outras pezas patrimoniais industriais, como a fábrica de conservas de Antonio Alonso no Guixar (magnífica mostra do estilo modernista, obra de Jenaro de la Fuente), hoxe son só recordos do Vigo que se perdeu, da cidade que destruímos, a conciencia, xeración a xeración, os propios vigueses.

A Panificadora non é un edificio máis: é a peza primeira do noso skyline, a ponte dun barco atracado no mesmo Campo de Granada. Unha construcción xeitosamente integrada na paixase urbana, no miolo do casco vello. A Panificadora é o palco de honra do anfiteatro que a cidade forma sobre a ría. A sobriedade constructiva, non exenta de arestas decoradas, a fortaleza do formigón, a grandeza dos silos, o seu perfil minimalista, o xogo do ferro e do cristal son elementos que simbolizan a modernidade, o afán industrial desta cidade que non se resigna a perder as súas fábricas.

Derrubar a Panificadora, como fixemos co Mercado la Laxe, co edificio Rubira, ou coa capela de Santa Rita (e tantas outras pezas do noso patrimonio arquitectónico), sería cometer outro crime contra a humanidade e a razón; sería destruír o corazón da nosa memoria, suporía derrubar o noso horizonte, contribuiría a estragar a nosa esperanza. O novo mundialismo sostible esixe, en Vigo como en todas as cidades do primeiro mundo, recuperar espazos urbanos máis que destruílos, a tarefa do futuro é rehabilitar máis que construír novo. Acudide hoxe á estrea do documental A cidade perdida. Estaredes afirmando a necesidade de salvar a Panificadora.

Bibliotecas Públicas en Galicia, un diagnóstico

Hilario Hernández abriu o IIIº Simposio O Libro e a Lectura cunha conferencia traballadísima sobre a situación das Bibliotecas Públicas (BP) en Galicia, con datos referidos a 2004 e 2005.
Hernández comezou a súa intervención definindo a biblioteca como “o servizo público que garante o acceso dos cidadáns en igualdade de oportunidades á cultura, á información e ao coñecemento”. Subliñou, logo, o seu carácter de servizo público universal e igualitario para toda a poboación; normalizado (a través de disposicións legais); responsabilidade da administración e organizado como sistema ou rede. Advertiu que no seu estudo sobre as BP, que consideraba como columna do sistema bibliotecario e da sociedade lectora, quedaban fóra as bibliotecas escolares, as académicas e as especializadas. Despois de referirse ao desenvolvemento normativo das BP en Galicia (detido en 1995) proporcionou os datos dispoñibles sobre procentaxe de lectores (poboación de 14 e máis anos) en 2005 por diferentes Comunidades Autónomas. Galicia sitúase, entre todas elas, en última posición, xunto a Estremadura. A partir dese momento foi debullando gran cantidade datos que permiten facer un acaído diagnóstico sobre a nosa carencial situación bibliotecaria pública. Entre os máis salientables, sinalamos os seguintes:
  • Habitantes por punto de servizo de BP: Galicia (6.424), España (9.349), UE (9.451).
  • M2 de BP por 1.000 habitantes: Galicia (30, 19, España (29,3), A Coruña, cidade (50,4), Vigo (11,1), Santiago (9,2).
  • Poboación inscrita en BP: Galicia (16,8%), España (21,1%), UE (26,7%). Case 240.000 dispoñían en 2004 carné de usuario dunha BP, dos que o 28% eran menores de 14 anos.
  • Visitas por habitante: Galicia (1,4), España (1,9), UE (4,8), Finlandia (18). As BP de Galicia en 2004 atenderon 3,8 millóns de visitas, das que 2,5 millóns rexistráronse na provincia da Coruña.
  • Visitas por habitante por cidades: A Coruña (5,9), Vigo (0,6), Santiago (0,4).
  • Préstamos por habitante: Galicia (0,43), España (1,09), UE (4,93).
  • Préstamos por habitantes por cidades: A Coruña (2,139, Vigo (0,14), Santiago (0,15). Xeralmente os índices de préstamo indican o índice de lectura da sociedade.
  • Libros por habitantes: Galicia (1,16), España (1,13), UE (1,80). Galicia contan nas súas bibliotecas con 3,2 millóns de libros que supoñen o 93,8% dos seus fondos. As pautas internacionais recomendan enre 1,5 e 2,5 libros por habitante.
  • Documentos sonoros, audiovisuais e electrónicos por 1.000 habitantes: Galicia (39), España (69), UE (147).
  • Adquisición de volumes por 1.000 habitantes: Galicia (80), España (82), UE (144).
  • Adquisición de libros por 1.000 habitantes por cidades: A Coruña (126), Santiago (35), Vigo (non consta que se adquirira ningún en 2004). As pautas recomendadas por IFLA/UNESCO están entre 150 e 250 libros por habitante e ano e a necesidade de renovar totalmente os fondos cada dez anos. As coleccións en Galicia teñen un marcado carácter patrimonial (de conservación), xa que o 47% dos fondos teñen unha antiguidade superior aos dez anos.
  • Gasto total en BP por habitante: Galicia (4,99 €), España (7,83 €), UE (17,53 €). Galicia gastou en BP, no ano 2004, 13,8 millóns de euros (7,7 na provincia da Coruña).
  • Gasto en persoal por habitante: Galicia (3,60 €), España (4,59 €), UE (10,36 €). As BP en Galicia eran atendidas en 2004 por un total de 532 traballadores (para 430 puntos, 1,2 por punto), xerando un gasto de 10,37 millóns de euros.
  • Gasto en persoal por habitante por cidades: A Coruña (12,68 €), Vigo (1,45 €), santiago (2,00 €). Na cidade da Coruña dispoñían de 4,6 traballadores de BP por cada 10.000 habitantes; en Lugo e Pontevedra, 3; en Ourense, 2; e en Vigo e Santiago, 1 por cada 10.000 habitantes.
  • Gasto en adquisicións por habitante: Galicia (0,54 €), España (1,11 €), UE (2,25 €). Galicia investiu 1,5 millóns de euros para renovar as coleccións.
  • Gasto total en BP por habitante por cidades: A Coruña (17,22 €, moi preto da cifra da UE), Vigo (1,77 €), Santiago (2,44 €). Un importante desequilibrio orzamentario existe entre as cidades galegas.
Traballando os datos poden tirarse moitas conclusións sobre o que realmente está sucendo na nosa rede de BP. Unha situación, coa honrosa excepción do concello da Coruña, extremadamente carencial.
Etiquetas: ,