De biblioteca universitaria a CRAI

A presentación que Ana Bande preparou para o IIIº Simposio O Libro e a Lectura permite comprender cómo é posible transformar unha biblioteca universitaria nun Centro de Recursos para a Aprendizaxe e a Investigación (CRAI). Moi interesante.

Etiquetas:

Sete saias


Gústame este vídeo, a estrea de Sete saias.

LV, xornal gratuito en galego

A aparición de LV, o primeiro xornal gratuito en galego, promovido polo grupo de comunicación artellado arredor de El Progreso, é unha sorpresa mercedora do noso maior entusiasmo. Cunha tirada de 50.000 exemplares, LV, con sede en Santiago, será distribuído de luns a venres nas sete grandes cidades galegas.
A aparición da prensa analóxica gratuita é unha das novidades máis significativas do xornalismo actual, mais aínda cando a súa aceptación polos lectores novos semella unha tendencia de éxito rotundo en todos os países. Está claro que, ao abeiro do cambio político, algo por fin se está movendo nos medios en Galicia. Agardamos a data de saída do primeiro número, que suporá o feito histórico de contar xa con dous diarios en galego.

Actualización (o4-12-2006): interesante anotación sobre LV de Juan Varela.

Etiquetas: , ,

BNG: o valor da unidade e o pluralismo

A primeira reflexión urxente sobre o resultado da Asemblea do BNG, especialmente no que atinxe á composición do Consello Nacional e da Executiva, é que a organización política nacionalista sae moi reforzada polo valor que lle proporcionan a unidade e a asunción democrática do pluralismo. Esta apertura dunha nova etapa dun BNG de todos é unha moi boa noticia, como o son, tamén, a volta á dirección nacionalista de Xosé Manuel Beiras e o feito que nesta Executiva, por vez primeira na historia dunha organización política en Galicia, exista unha maioría de mulleres (8 sobre 15 membros).
Con este resultado o éxito da Asemblea do BNG é indubidable, como o persoal de Anxo Quintana (que conseguiu artellar unha executiva de consenso, moi renovada) e o dos tres grupos críticos (Encontro Irmandiño, Pola Base e Alternativa) que conseguiron unha presenza significativa nos órganos de dirección. O BNG sae da Asemblea en moito mellores condicións que entrou para encarar con maior fortaleza a súa necesaria remontada electoral. Velaí o valor da unidade e o pluralismo, valores que a cidadanía adoita saber recoñecer nas organizacións políticas.

Etiquetas:

BNG: 32 voces

O máis intelixente do que lin sobre a primeira xornada da Asemblea do BNG é a reflexión de Manuel M. Barreiro. O analista político máis lúcido co que hoxe contamos acerta de cheo cando diagnostica que os problemas actuais do BNG van moito máis alá das mudanzas que se poidan introducir no seu modelo organizativo. A renovación da proposta programática (tanto estratéxica como sectorial) e a súa capacidade de establecer un dialogo participativo e desprexuizado coa sociedade civil (en primeiro termo co electorado nacionalista que non milita no BNG) serían dúas das condicións para evitar o previsible declive electoral ao que, a pesar da acción de goberno, está abocada a organización de Quintana e Francisco Rodríguez. Fálase deses temas nesta Asemblea?
Etiquetas:

Uso educativo dos blogs

Esta presentación de Tiscar sobre o uso educativo dos blogs é modélica, tanto pola claridade na presentación e estruturación das ideas como no formato. Non coñecía o slideshare que permite subir presentacións unha utilidade interesantísima). Beizóns, Tiscar.
Etiquetas:,

Encrucillada

Hoxe participo, xunto con Suso Iglesias, nun debate sobre o futuro da cultura e os medios de comunicación en Galicia, dentro dun ciclo organizado polo Ateneo de Pontevedra sobre prospectiva. Será unha boa oportunidade para volver reflexionar sobre a encrucillada histórica na que estamos. O miolo da miña intervención xirará arredor das seguintes cuestións:
  • Estamos nunha encrucillada histórica decisiva: Cando comezabamos a albiscar moi tímidos síntomas de normalización da industria cultural en galego, volvemos estar nunha nova encrucillada histórica decisiva: a posibilidade de que a cultura textual en lingua galega poida facer fronte ou non aos retos que nos propón a literacidade electrónica, a nova forma de entender a lectura e a escritura na sociedade da información e do coñecemento. Encrucillada que require solucionar, entre outros, tres grandes dilemas:
    Primeiro: o da nosa capacidade para superar colectivamente a actual fenda dixital que sufrimos, tanto a nivel de infraestruturas, de formación de usuarios como de presenza na sociedade da textualidade electrónica. Esta é para min unha das cuestión centrais para o futuro de todas as nosas industrias culturais. Se superamos esa fenda poderemos asumir que as posibilidades técnicas son novas posibilidades creativas e que vivimos inmersos nun novo paradigma da comunicación cultural: a da existencia dunha nova textualidade dixital que, moito máis alá do soporte que agora coñecemos e en transformación vertixinosa, vai supor a creación de novos xéneros de creación e acceso ao coñecemento, caracterizados pola súa multimodalidade e o seu plurilingüismo.
    Segundo: o da nosa vontade para desenvolver un novo modelo de comunicación lingüística, onde o galego sexa a lingua vehicular e de instalación da maior parte dunha poboación xa plurilingüe. O futuro do galego neste modelo, como primeiro eixo identitario e canle da creación cultural, e o seu futuro dentro da sociedade, van determinar en boa medida as posibilidades de desenvolvemento das industrias culturais en Galicia. Razón pola que entendo decisiva asegurar a presenza do galego como lingua vehicular da nova comunicación dixital. Todos os esforzos que fagamos, unindo o uso do galego á innovación tecnolóxica, serán escasos para gañar esta batalla decisiva.
    Terceiro: o do papel dos poderes públicos galegos con respecto ás cuestións da cultura e educación. Razón, tamén, pola que o papel que poidan xogar apoiando aos emprendedores das industrias culturais en galego, vai determinar en boa medida as posibilidades de éxito. E non me estou referindo a reivindicar, outra vez, unha cultura alicerzada nas subvencións públicas, nin moito menos (as industriais culturais han poder defender a viabilidade dos seus proxectos no mercado), senón cómo e ónde se van destinar os fondos públicos (escasos na era da fragmentación globalizada) destinados á fomentar o acceso aos produtos culturais como parte da calidade de vida da cidadanía.
    Aí temos, como auténtica espada de Damocles, o megalómano proxecto da chamada, ata agora, Cidade de Cultura, como gran condicionante que, de non ser reconducida con intelixencia e austeridade, ademais de procurar financiamento privado, pode ser un lastre, como xa estamos padecendo este ano e o vindeiro que impida saír da encrucillada. Cos orzamentos da Consellaría de Cultura de 2007 na man é moi difícil xustificar que se invistan sesenta millóns de euros nese edificio e se dediquen cantidades ben modestas duns poucos millóns de euros para toda política do libro e da lectura. Un tema moi difícil, si.

Resumindo: incorporarse ao paradigma da comunicación cultural electrónica, asegurar a presenza da lingua galega nese novo modelo de comunicación plurilingüe e deseñar políticas públicas que proporcionen posibilidades de acceso igualitario de todos os cidadáns aos bens e produtos culturais serían tres grandes retos aos que debemos enfrontarnos.

Actualización (03-12-2006): No artigo da semana amplío esta reflexión.

Etiquetas: , ,

Vidas exemplares, a presentación.

O martes 5, as 20:00 horas presentaremos Vidas exemplares de Uxía Casal no Bar Plaza de Ribeira. Estades convidados, xente do Barbanza.

Etiquetas: ,

Congreso Nacional de Bibliotecas Escolares

Xa están dispoñibles na rede as Conclusións do Primeiro Congreso Nacional de Bibliotecas Escolares (pdf) celebrado o pasado mes de outubro. Paréceme moi significativo que se insista na na necesidade de colaboración entre as bibliotecas escolares e as bibliotecas públicas; que se solicite ás administracións públicas a creación de centros de apoio que proporcionen servizos técnicos, formativos e documentais ás bibliotecas das redes; e, sobre todo, que se destaque que a configuración de redes de biliotecas escolares potencia a riqueza de recursos de información, a cualificación profesional, a calidade dos servizos e o intercambio de boas prácticas. Un documento interesante para arquivar.

Carrilanos, novo premio

Carrilanos, o documental de Rafael Cid sobre a epopea dos traballadores da vía, acaba de recibir un novo premio: á mellor obra de documentais longas do Extrema ´doc Festival de Cine Documental de Extremadura. Este galardón, que mañá recollerá en Cáceres o autor verinés, únese á longa relación de recoñecementos da obra: Mención Especial do Xurado do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense, o Primeiro Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, o Premio de Comunicación Francisco de Cossío de Castela e León e o Premio Galicia de Comunicación 2004 ao mellor labor de comunicación en televisión. Recoñecemento, tamén dos lectores e espectadores que nos obrigaron a facer unha segunda edición do libro e DVD e a continuar a súa xeira de presentacións polo país: o 14 de decembro na Coruña (da man do Ateneo Republicano de Galicia) e o 15 na Galería Sargadelos de Monforte.