O dato: 47 €

Ten moita razón Náufrago lamentando o escaso consumo de produtos culturais da poboación galega. Os datos presentados polo Ministerio de Cultura son contundentes: no ano 2004 cada galego gastou en cultura unha media de 160 €, moi lonxe da media estatal de 224 €. Un índice que nos sitúa nos tres últimos lugares entre as Comunidades Autónomas, superando só a Castela-León e Extremadura.

Os editores galegos xa botáramos esta conta no referente ao consumo de libros é o resultado é moi semellante. En 2004 cada galego gastou en libros unha media de 47 € (inclúense os libros de texto con só dous cursos de préstamo), mentres que a media española foi de 65 €; cifras que volven a colocar a Galicia entre as tres comunidades que menos gastan en libros por habitante. Outro dato a ter moi en conta é que o total das vendas de libros (a prezo de libraría) supuxo en Galicia 144 millóns de euros, un 5% das totais do Estado, cifra moi inferior á da nosa poboación (6,6%) ou a porcentaxe da achega do noso PIB (5,8%) ao do Estado. Se a estes 144 millóns lle quitamos os 40 que se gastan en libros de texto, quedamos cunha facturación de pouco máis de 100 millóns de euros para todo o mercado do libro non escolar. Noutras palabras, os galegos gastamos moitos menos en libros do que nos correspondería por poboación e por capacidade adquisitiva.
Dificilmente poderemos desenvolver un sector de edición competitivo e unha rede de librarías de cultura tupida e de calidade en Galicia cun mercado interior do libro tan perezoso (a pesar de contar con lingua propia) e raquítico. Ampliar este mercado, a base de lectores e lectoras, semella a prioridade da nosa política cultural. Sen apostar por cocer máis pan da cultura, o demais será seguir botando foguetes para a galería. Ou non?

Teimas

Aínda que non adoito participar en cadeas, recollo o fío que me propón Máis alá para expresar cinco das miñas teimas (todas sobre o libro e a escritura). Aí van, pois:
  1. Escribir as notas de traballo e de escrita sempre con pluma en cadernos pautados ou blogs verticais con espiral, que vou numerando e conservando na biblioteca (as miñas brétemas, que así é como hai tempo que chamo a eses cadernos, naceron así). Cubrín un par de Moleskines, que merquei en Italia, mais non son as que máis me gustan.
  2. Reforzar as tapas destes blogs con tarxetas postais que compro ou consigo alí onde vou.
  3. Dobrar os lombos dos libros encadernados en rústica en tres partes: primeiro cuarto, a metade e os tres cuartos. Gústame velos así usados nos andeis, cando remato de lelos.
  4. Subliñar parágrafos ou escribir á marxe comentarios sobre os libros e manuscritos que vou lendo. Resúltame inevitable, tamén, sinalar as grallas, sobre todo cando releo algún dos libros que editamos. Sempre leo cun pilot 0.5 vermello ou lila na man.
  5. Ordenar os libros de narrativa da nosa biblioteca pola orde alfabética dos apelidos dos seus autores. Moléstame, intimimamente, cando vexo un fóra de sitio, o que, a pesar do meu tesón, sucede moitas veces.
Propoño que sigan esta roda teimoso, se lles presta, cinco dos meus amigos blogueiros: Txetxu, Rogerio, Kavafinho, Lolo e Juan Blanco Valdés.

Campo do Fragoso XII

COLEXIADO GALÁCTICO
Unha das razóns polas que me gusta acudir aos estadios de fútbol é porque sei que alí sempre se representa un drama lonxanamente parecido ao da vida, onde os actores interpretan papeis que en parte están escritos e en parte son improvisados. Así sucedeu onte en Balaídos onde un magnífico Celta interpretou ao longo dos noventa minutos todas as escenas poéticas de maior beleza física e de virtuosismo futbolístico, provocando emocións a eito, facendo vibrar á bancada como ata agora nunca sucedera na tempada, monologando a pracer coa pelota no campo contrario, fartándose de amendrentar a un rival que esquecera totalmente o seu papel de prima dona e que impotente e avergonzado pedía a cada pouco a axuda do intelixente colexiado, que apuntaba sempre na súa dirección. Eis o paradoxo deste espectáculo, onde pode suceder, como lle aconteceu onte á noite aos celestes, que os que mellor xogan e máis merecen a vitoria acaden só ao remate do encontro unha fermosa e dóce derrota. Quizais esta sexa a razón pola que a pesar do resultado adverso e de que o gol marabilloso de Silviña non subise ao marcador, a afección celeste marchase satisfeita e se reconciliase co xogo seu equipo e coa valentía dos cambios do seu coraxudo adestrador. Do papel representado polo Real Madrid apenas se pode dicir que, coa excepción dalgúns detalles técnicos de Zidane e dos eficaces contragolpes brasileiros, interpretou un xogo tosco, lento, aburrido, defensivamente durísimo e moi antideportivo, débendolle o resultado a un colexiado galáctico que non o quixo nunca incomodar.

Boas prácticas editoriais

Hoxe nas páxinas de La Voz continúa o debate desta semana sobre o pago de dereitos de autor. Sen dúbida, que a cuestión é imprescindible para a profesionalización da totalidade do sector editorial galego. Creo que entre as propostas que foron aparecendo hai dúas medidas que moito axudarían a resolver o conflito:
  • Asinatura dun protocolo de boas prácticas editoriais entre as diversas asociacións profesionais do sector do libro.
  • Creación de servizos de asesoría xurídica por parte dos diversos colectivos profesionais do sector que asegurasen se respectasen escrupulosamente os termos dos contratos de edición.

Memoria histórica

No artigo da semana, a raíz da publicación recente de dous libros magníficos, propoño tres tipos de accións claves para a recuperación da memoria histórica sobre a represión.

A fotografía corresponde a Volta dos Nove de Baiona.

Blog de Antón Castro

Tiña algunha noticia de que Antón Castro, o xornalista e escritor galego afincado en Zaragoza, tiña un blog literario. Atopeino hoxe ao chou e descubrín que, ademais das magníficas entrevistas e críticas sobre temas literarios, artísticos e sociais, fai unhas crónicas e artigos de fútbol preciosos. Unha boa demostración do seu grande talento como narrador e da súa experiencia como xornalista deportivo. Recomendo frecuentar o seu blog e acudir aos seus arquivos onde se poden atopar cousas coma esta ou estoutra paverísima sobre Porrúa (o editor de Corcubión) e “a forza dos libros”.

Intifada ghaiteira e outros feeds

Cada semana actualizo os meus feeds (xa chego case ao centenar). Hoxe engadín estes novos: Intifada ghaiteira (do que tiro a foto), Alicia crece, A tola do monte (vai un bico virtual), Apunta e Miccionario. Co comezo do ano isto volveu dar un chimpo e albisco que ao remate deste ano poderemos superar o milleiro de blos. Parabéns e azos para todos.

Beleza imperfecta

Gustei deste artigo sobre a nova arquitectura de Vigo, que aparece hoxe en Babelia. É alentador que esta mirada desde fóra exprese a beleza estrepitosa ou contraditoria dunha cidade revolcada, que tantas veces temos definido como á da abella da ribeira de xenerosidade escueta e latexo acelerado. Unha páxina xornalística que vale moito máis para a proxección internacional da cidade que esoutra propagandística, enchida de tópicos e nécoras, pola que o equipo de Corina debeu pagar estes días un potosí. Sen dúbida é un bo reclamo turístico ese de cidade de beleza imperfecta. Apuntareino na colección de metáforas viguesas que veño recollendo desde hai anos.

Lembras?

Aquí hai unha boa fonte para atopar imaxes daqueles libros da escola, as estampillas, os tebeos, as series, os xoguetes… Convénzome, unha vez máis, que na rede haiche de todo.

11 consellos para contaxiar o pracer de ler

Onte na comisión de traballo da Mesa polo Libro e a Lectura, que está elaborando o Plan de Lectura, debatimos diversas medidas destinadas a fomentar a lectura. O aumento dos índices lectores da poboación galega (hoxe déronse a coñecer os datos do último barómetro lector); a promoción e valoración da lingua, literatura e culturas nosas; o recoñecemento do papel dos mediadores e a súa formación; a visibilidade do libro e o favorecemento da súa consideración social na sociedade son algunhas da liñas estratéxicas sobre as que estivemos traballando e sobre ás que o continuaremos facendo no vindeiro mes.
Ao fío destas preocupacións, hoxe descubrín (outra vez vía Txetxu) o blog de Batichica, unha bibliotecaria mexicana que recolle magníficos textos sobre algunhas das nosas preocupacións (velaí a comuñón secreta da irmandade de lectores). Especial interese teñen estes once consellos para contaxiar o pracer de ler de Luis Olivera e a súa versión do decálogo do bo bibliotecario (ou a versión de Catuxa) de Umberto Eco. Recomendo a lectura destes enlaces preciosos dos que se poden tirar moi boas ideas para traballar sobre o plan de lectura galego.