Inundación

Levo dous días sen apenas poder postear por mor dunha inundación de augas sucias que tivemos na editorial. Sen alguén o dúbidaba: a auga e os libros lévanse moi mal. Sentímonos impotentes: non sabiamos como poder evitar unha catástrofe que ameazaba estragar o arquivo dos libros editados. Afortunadamente, despois de varios intentos, os especialistas en mecánica de fluídos conseguiron desatascar a entullada e hoxe intentamos volver á normalidade recuperando do pequeno naufraxio o que puidemos.

Etiquetas:

Dominio .gal

Cómpre traballar por conseguir a concesión do dominio para a nosa lingua e para a nosa cultura.

Etiquetas: ,

Ciber-romería

Beizóns, todos os meus parabéns! Semella que foi unha marabilla. Quen dubida que este país con xente nova tan aquelada ten un futuro luminoso?

Etiquetas: ,

Campo do Fragoso XVIII

CONTRA UN MURO
Fernando Vázquez sabía que o Valencia do fachendoso Quique Sánchez Flores é o conxunto que posúe o maior rigor defensivo e a capacidade máis intensa de presión dos que participan no campionato. Para facerlle fronte a xogo tan difícil, o adestrador celeste reforzou, coa entrada de Iriney, o medio do campo, e procurou a profundidade de dous extremos natos (Núñez e De Ridder) buscando que estes coa súa velocidade e capacidade de desborde proporcionasen balóns francos que finalizasen Canobbio e Baiano. Porén, este modelo táctico resultou un rotundo fracaso xa que os celestes, a pesar do seu alto ritmo de xogo e do seu coraxudo empuxe da segunda parte, nunca foron capaces de facerse coa área central (controlada con autoridade por Albelda e Baraja) nin moito menos rachar a disciplina defensiva que impoñían Ayala e Albiol. Por riba, a pésima noite de Núñez e Baiano (ambos os dous moi desafortunados, precisan pasar con urxencia pola cura de humildade que proporciona varias xornadas no banco) e a capacidade endiañada para o contragolpe de Villa, Aimar, Regueiro e Angulo acabaron por desarborar aos nosos. O Valencia, o equipo máis italiano da liga española, demostrou que para saltar o seu altísimo valado defensivo os seus rivais precisan de grandes doses de fantasía atacante, de acerto na definición e de disciplina e intensidade defensiva, cualidades as tres das que careceron o sábado á noite os de Fernando. Os celestes estreláronse impotentes contra un muro -o magnífico xogo antipático, sobrio e eficaz dos valencianistas- que non souberon superar. Outra vez será!

Etiquetas: , ,

Vigo e as bibliotecas

No artigo da semana abordo a cuestión do estado das bibliotecas en Vigo a raíz da negativa do Ministerio de Cultura de concerderlle a Vigo unha biblioteca de titularidade estatal.
Foto da Biblioteca Central de Vigo (© J.Albertos)

Congreso Galego da Lectura

Grazas a Txetxu fomos seguindo estes días con moito interese o desenvolvemento do Congreso Nacional de Lectura de Cáceres. Semella que, coa excepción da insistir na retórica de considerar a lectura e o libro como unha cuestión de estado (aquí en Galicia expresamos esta mesma idea identificando o libro como “sector estratéxico”), non existiron moitas propostas novidosas sobre cómo impulsar esa mobilización da sociedade a prol da lectura. Eis onde está o miolo de problema do que tanto falamos: é moito máis doado enunciar a gabanza da lectura ca establecer políticas compartidas para promovela como hábito saudable par os cidadáns.
A pesar do incerto dos resultados deste tipo de convocatorias, non estaría de máis que neste mes dos libros as Consellarías de Cultura e Educación convocasen conxuntamente un Congreso Galego da Lectura a celebrar a finais deste ano. Un gran encontro deste tipo –onde deberan participar autores, editores, mediadores, lectores e administracións públicas– debería constituír o revulsivo que precisamos para lanzar o Plan Galego da Lectura. Os axentes galegos da lectura precisamos visualizar publicamente un debate nacional sobre a revolución lectora que queremos promover. Temo que a pesar das boas intencións expresadas polos responsables actuais das Consellarías de Cultura e Deporte e de Educación algo está fallando na coordinación das súas accións sobre o libro e a lectura que debería constituír un elemento transversal e unha prioridade do goberno bipartito. Este abril dos libros debería servir para intensificar o ritmo das políticas públicas sobre o libro e a lectura en Galicia. Neste tema non podemos ir tan amodiño.
Actualización (09-04-2006): sobre a cuestión da lectura recomendo visitar interesantes propostas e reflexións recentes:

Etiquetas: ,

A paciencia da araña

É unha marabilla esta oitava novela protagonizada polo comisario Salvo Montalbano. Andrea Camilleri demostra, outra vez máis, que é un mestre da melancolía intelixente para lectores cultos que asumen o reto de participar na construción dun texto esixente. Como sucedera na anterior, Camilleri propón que o lector poña en cuestión as súas crenzas e asuma aos seus medos, sabendo que aínda que é difícil abandonar a tristeza deste mundo que nos disgusta, sempre hai un resquicio para a esperanza.
Aos camilleristas, unha auténtica confesión secreta á que pertenzo (desque lin O can de terracota), non fai falta recomendarlla, xa que lle temos lei ao mestre siciliano. Aos que ainda non se atreveron ou manteñen prexuízos (por tratarse dun autor con moitos milleiros de lectores en todo o mundo), aconséllolla vivamente. Depararálles moitas sorpresas e creo que logo seguirán con esta e, quen sabe?, se co resto das outras.

Compromisos do presidente

No acto de presentación do derradeiro volume da EGU (parabéns, Bieito!) o presidente enunciou os compromisos do goberno galego coa industria editorial. Touriño sinalou que “é vontade do Goberno galego” establecer canles de diálogo permanente cos editores, traballando conxuntamente con eles en mesas técnicas e de seguimento e escoitando as súas opinións e propostas sobre todas as cuestións relacionadas co mundo do libro e a lectura. Así mesmo, referiuse á importancia “básica e medular” do sector editorial na conformación do sistema cultural galego. “É un sector de certa importancia económica, constituído por máis de corenta empresas, que mantén centos de postos de traballo vinculados directa ou indirectamente a el e que nos últimos anos vén facturando cantidades que oscilan entre os 15 e os 20 millóns de euros”, sinalou. “Pero os datos económicos –engadiu- non esgotan nin dan conta da verdadeira importancia dun sector que ten como principal misión manter viva a publicación de libros en lingua galega”.

Guía bibliotecas escolares Infantil e Primaria

Pode consultarse xa na rede a guía para a selección de fondos documentais nas bibliotecas escolares de Infantil e Primaria. A selección foi realizada por un grupo de traballo, o Grupo Guía, con representación de GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), AGABEL (Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura), Biblioteca Nova33, Federación de Libreiros de Galicia e Asociación Galega de Editores, coa coordinación da Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Á hora de decidir os materiais que aparecen nesta guía tivéronse en conta criterios de calidade, idoneidade e diversidade. A guía recolle:
  • Dous centos de imprescindibles: unha selección de títulos, en galego e castelán, publicados con anterioridade ao 2002 (aínda que consten edicións actualizadas)
  • Xoves promesas: unha escolla de títulos que destacan pola súa calidade e idoneidade para os lectores a quen van dirixidos, entre os publicados dende xaneiro de 2002 ata xuño de 2005.
  • Promesas con estrela: relación de títulos de referencia polos premios que acadaron (2002-2005)
  • Materiais informativos: selección de títulos de carácter informativo axeitados a estas idades.
  • Outros soportes: materiais presentados en soporte magnético ou electrónico e distinto formato (DVD, vídeo, audio, multimedia), de carácter informativo ou lúdico, publicados a partir de xaneiro de 2002 e seleccionados en función do seu interese para seren empregados no contexto escolar.
  • Enderezos electrónicos de interese para o profesorado e para o alumnado, de contido informativo e lúdico.
  • Recursos para a selección: editoriais galegas con coleccións destinadas ao público infantil, enderezos electrónicos, revistas especializadas, bibliografía e outros recursos a disposición do profesorado para afondar nas súas buscas de materiais.
Moi recomendable como ferramenta na selección dos materiais informativos e literarios que poidan adquirirse e na organización das propias bibliotecas.


Etiquetas: