O Vigo de 1936
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Álbum fotográfico. Vigo 1936 de Juan Carlos Abad Gallego (IEV 2026):
Entre as publicacións que para celebrar o día do libro presentou o Instituto de Estudos Vigueses (IEV), que preside Mercedes Bangueses, destaca o álbum fotográfico Vigo 1936, testemuño visual excepcional, custodiado durante décadas pola familia Martínez González da rúa Real, o que permitiu se conservase case completo. Álbum inédito que permite coñecer a vida cotiá antes, durante e despois do alzamento e nos días difíciles da posguerra, como se refire a aquel momento o escritor Juan Farias nas súas crónicas de media tarde.
319 fotografías, máis outras trece desaparecidas, sacadas a maioría, en 1936 cunha cámara fotográfica, Zeiss Ikon Ikonta pregabre, cun obxectivo de 35 mm, é moi probable que por Hermógenes Argüelles Lareu, fotógrafo que no Anuario de Vigo de 1935 anunciaba o seu estudio na rúa Policarpo Sanz 44. Enxeñeiro de profesión, destacado fotógrafo amateur, inventor autodidacta de artefactos, era moi coñecido como presidente do Moto Club Vigo, organizador do «Rally dos Mil quilómetros», mais sobre todo por ser instalador dos equipos cinematográficos sonoros de Zeiss Icon, entón a marca de maior fiabilidade, coa que dende 1933 se proxectaba no cine Odeón na praza de Urzaiz.
Legado fotográfico estudado polo historiador Xoán Carlos Abad, autor dun longo texto informativo de extraordinario interese, unha crónica do acontecido en 1936, que permite identificar os espazos e acontecementos fotografados por Argüelles, recoñecer rostros de personaxes e, sobre todo, ilustrar o vivir cotiá da cidade desde a ollada, que non puido ser inocente, dun militante da Falanxe viguesa duns corenta anos, cuxo maior heroísmo foi participar nunha marcha de abastecemento á fronte de ida e volta e en diversas actividades públicas, como as misas de campaña e outras concentracións e desfiles nos que participaba como fotógrafo.
Presidente que foi do IEV durante os quince últimos anos, nos que desenvolveu unha xestión moi brillante da entidade, tanto na incesante produción editorial como na organización en Vigo da asemblea de centros de estudos locais, ademais de ser o primeiro e principal investigador dos acontecementos de 1936 en Vigo, con libros de referencia como Cen personaxes entorno a unha guerra. A República e a Guerra Civil na comarca de Vigo a través dos seus protagonistas (IEV 2008) ou O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo e na súa bisbarra (IEV 2019), Abad ocúpase de explicar a complexa cronoloxía do álbum, xa que apenas 138 das fotos da colección, menos da metade do material, teñen algún tipo de data.
Secasí, o autor d´A volta a Vigo en 80 lecturas. Unha aproximación á historia da bisbarra viguesa a través do seus textos (IEV 2013), achégase co seu potente gran angular de ollada de arcea ao territorio da microhistoria e ofrece as atractivas vistas xerais daquel Vigo da Segunda República que conservaba todas as praias da súa beiramar do Areal a Coia, incluída a cuncha de San Francisco; unha cidade que ampliaba o seu perfil portuario, da Laxe ao porto e mercado do Berbés, que se preparaba para recibir o monte do Castro e a Finca da Marquesa e o Pazo de Castrelos para convertelos en futuro museo e xardíns urbanos. Xaora, Abad, non renuncia a comentar os detalles nin a ofrecer historias cotiás de viguesas de nome descoñecido tanto no seu texto principal, no que vai enfiando as fotos do álbum de Argüelles, redactado ao xeito dunha crónica case novelesca daqueles días de terror, como nas sorprendentes notas de rodapé, auténticas marabillas de erudición viguesa que explican o contexto no que foron sacadas as imaxes.
A pesar de que Abad non renuncia a explicar as imaxes de Argüelles tomadas con anterioridade a 1936, a cerna do libro radica nas fotografías dos escenarios do golpe de estado, como a barricada da Casa do Pobo ou a Torre de Estanislao Núñez, que aparecen a carón daqueloutras pezas que representan certa normalidade daquel verán vigués onde se celebraron as festas populares de San Xoán do Monte e Cabral, onde participou o cuarto de Airiños de Cabral do gaiteiro Constante Moreda, que meses despois sería fusilado no Castro. No entanto son as fotos de Argüelles e os textos de Abad sobre a misa de campaña na Alameda do 16 de agosto, a concentración no estadio de Balaídos do 30 de agosto para celebrar «a reposición da bandeira bicor», as xuras de bandeira e os desfiles posteriores de requetés, falanxistas e balillas polas rúas do Príncipe, Colón ou Policarpo Sanz as que máis poden sorprender nesta completa crónica dunha cidade tomada polos militares fascistas.
Recomendo vivamente este Álbum Fotográfico Vigo, 1936 de Argüelles e Abad, un libro capaz de mudar a historia en memoria compartida, cando a vida cotiá petou coas contradicións dunha cidade arrasada polo fanatismo fascista e o seu terror branco.





A publicación de Breve historia da cidade de Vigo, o libro colectivo coordinado por J. Miguel González Fernández e publicado polo Instituto de Estudios Vigueses, constitúe un fito na historiografía viguesa como no catálogo de publicacións da nosa entidade de estudos locais. Seguindo o fío diacrónico e cun afán de alta divulgación non exento de rigor, o libro ofrece en case trescentas páxinas as claves sobre as que se alicerza a historia de Vigo e a súa área xeográfica. Un percorrido «Dende o Vigo prehistórico ao do final do Imperio Romano», estudado por Ramón Patiño Gómez e Fernando J. Costas Goberna, que presentan o patrimonio de gravados rupestres, poboamentos castrexos, vilas e instalacións de salgadura romanas. Percorrido continuado polos vieiros pouco coñecidos do Vigo medieval do poeta Martín Codax e das igrexas románicas de Castrelos, Coruxo e Bembrive, enfiados no relato de Elisa Pereira García. Vila amurallada e próspero porto pesqueiro e comercial atlántico, presentada de forma moi documentada e atractiva polo coordinador do volume no capítulo esencial dedicado á Idade Moderna.
