Artigos

Onte 2103: «Unha mente que voa» de Xurxo Mariño

Un dos avances colectivos da edición en galego recente é o do inicio dun catálogo de ciencia e divulgación científica, unha carencia endémica do sector.  Aos títulos daquelas impresionantes coleccións de Kalandraka (2012) de inventarios ilustrados e animais extraordinarios, edicións pioneiras e preciosas como todas as da editora pontevedresa, engadíronse en 2016 a apertura da colección Básicos Ciencia de Xerais dirixida por Miguel Vázquez Freire e a publicación por parte de Alvarellos do libro de Jorge Mira A que altura está o ceo? Tres editoras privadas en lingua galega abrían un espazo de edición impresa con espírito de alta divulgación científica coincidindo coa discriminación que o decreto de plurilingüismo (2010) establecía coa ensinanza das matemáticas e doutras disciplinas científicas e tecnolóxicas en galego. Un compromiso e sensibilidade co futuro do idioma, ao que tampouco foron alleos os científicos e divulgadores participantes nos diversos proxectos. Esforzos editoriais (heroicos) nun sector hexemonizado pola oferta literaria e á asociada ás disciplinas das ciencias sociais recoñecidos nos propios premios anuais do sector que dende 2018 estableceron unha categoría específica de «Divulgación», na que até agora foron galardonados dous títulos científicos: Terra (Xerais 2017) de Xurxo Mariño e A que cheiran as cores? (Galaxia 2019) de Juan Casto Rivadulla Fernández.

Dentro deste espazo de edición científica encádrase Unha mente que voa (Xerais 2020), libro no que Xurxo Mariño aborda a evolución da linguaxe nos humanos modernos. Unha viaxe de dous millóns de anos sobre a relación entre a autoconsciencia, o pensamento simbólico e a linguaxe, un reto no que se trata de comprender a propia natureza humana, tamén un dos maiores problemas da ciencia actual. Lonxe dos perigos académicos dun manual de lingüística ou dun estudo de paleontoloxía, dúas das disciplinas moi presentes neste cento de páxinas, Mariño aposta por ofrecer un relato sobre a evolución dos homínidos ao fío do desenvolvemento do encéfalo e das súas capacidades simbólicas, o que xera unha mente autoconsciente e precisa da interacción social dunha comunidade.

Particular interese ten para Mariño abordar cando xurdiu a linguaxe, unha destreza exclusiva do ser humano, e como se desenvolve na infancia sen necesidade de estímulos educativos dirixidos para iso, cuestión esencial na neuroeducación actual. Como apaixonante é o relato do proceso de invención das 6.000 linguas da humanidade ao longo de 60.000 anos, como o da relación entre o xeito de pensar e imaxinar o mundo e a lingua que se fala. Espectaculares son as páxinas dedicadas á relación entre o manexo de máis dunha lingua e as capacidades cognitivas, para Mariño, un magnífico elixir para a mente. Así, as actuais técnicas de imaxe que permiten estudar o que ocorre no interior do cerebro dun ser humano que manexa dúas ou máis linguas amosan que ten maior densidade de substancia gris ca unha persoa monolingüe en rexións cerebrais relacionadas coa habilidade verbal, o control articulatorio e fonolóxico. Como existen indicios de que o uso de diversas linguas pode atrasar catro ou cinco anos a aparición de enfermidades neurodexenerativas.

Acerta Xurxo Mariño cando concibe o libro como a narración dunha aventura de misterio na que van aparecendo pegadas, non sempre concluíntes. A súa habilidade narrativa, despregada no fascinante Terra, facilita ao lector seguir o fío dun nobelo do que aínda queda moito fío, como traxecto lle queda a viaxe da Voyager evocada nun emocionante epílogo no que salienta a capacidade do pensamento simbólico como ferramenta sen límites para o ser humano. Unha mente que voa enriquece e amplía o catálogo de divulgación científica na nosa lingua. Un libro indispensable para lingüistas e, en xeral, para todo o profesorado, non debe faltar nas bibliotecas escolares e didácticas. Un libro para o lectorado curioso que asume a dúbida como alicerce do método científico e da aprendizaxe. Parabéns moitos para Xurxo, a quen sempre considerei outra das nosas persoas sabias.

Onte 1901: Crónica da Feira do Libro da Coruña 2017

Rematamos onte tres días de intensa participación na Feira do Libro da Coruña. Seráns literarias todas moi concorridas  e interesantes nas que presentamos algunhas das novidades recentes de Xerais dirixidas a públicos diversos.

Comezamos o martes 1 de agosto con Costa do Solpor. O regreso da Illa do tesouro nunha sesión audiovisual na que Xosé María Lema presentou os espazos e os personaxes desta versión publicada en Fóra de Xogo da novela coa que o de Bamiro homenaxea o clásico de Stevenson, a comarca da Costa da Morte. Continuou Elena Gallego Abad, que conversou coa escritora e crítica Mercedes Queixas sobre O xogo de Babel, unha novela publicada na serie de fronteira Milmanda, na que a creadora da serie «Dragal» explora o xénero romántico, a intriga psicolóxica e a literatura de viaxes, tan pouco frecuentes en galego. Pechou a primeira xornada Xurxo Mariño que engaiolou ao público coa presentación audiovisual do seu periplo arredor do planeta recollido en Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, publicado en Básicos Ciencia, e no seu blog fotográfico Vagamundeando. Mentres que Anxo Fariña asinou exemplares na libraría Lume de 4 xinetes.

Protagonizaron a segunda xornada, a do mércores 2 de agosto, Carlos Callón, Pedro Feijoo e Ledicia Costas. Callón tirando de moita retranca presentou o seu ensaio Galegocalentes e galegofalantes, publicado na colección Crónica, e defendeu a necesidade da activación dos galegofalantes e da unión dos galegocalantes como claves para o futuro do idioma. Xaora, os minutos de ouro dunha intervención moi vibrante de Callón foron os que dedicou a denunciar a identificación que os medios de comunicación galegos fan do galego coa delicuencia. A seguir conversamos con Pedro Feijoo sobre Os fillos do lume, a novela que recibida de forma entusiasta pola crítica lidera tamén de forma indiscutible todas as listas dos libros máis vendidos en galego. Feijoo defendeu a importancia da memoria no conxunto da súa obra e a súa intención de ofrecer outra visión de acontecmentos claves da nosa historia, como a Guerra de Galicia, mal chamada da Independencia. Mentres que a escritora Ledicia Costas asinou no stand de Lume exemplares da súa obra.

Onte, na nosa derradeira xornada, foron protagonistas Xurxo Souto, Manuel Rivas e Miguel Vázquez Freire. Souto presentou a cuarta edición de Contos da Coruña, un clásico, publicado hai dezaseis anos, que constitúe un auténtico compendio de épica cascarilleira, lembrando á poeta Luisa Villalta, que morreu en 2004 sen poder presentar En concerto, o seu libro póstumo. As repichocas e os contos de Xurxo emocionaron a un público que rendido celebrou a palabra coruñesa perfecta: ORZÁN. Desenvolveuse despois a agardada homenaxe arredor de Os libros arden mal de Manuel Rivas, recoñecida co Premio Mondoñedo 10 como a mellor novela galega da década (2006-2015). Antes da lectura de tres fragmentos, Rivas defendeu «a memoria conxugada como un presente recordado, a utopía de seres que exercen o dereito a soñar», insistindo en que «o corpo da linguaxe é a liberdade», e «a literatura debe funcionar como un biodetector, capaz de desvelar zonas de misterio», para finalizar citando a John Berger: «hai que ter un pouco de esperanza».

Pechou a participación de Xerais a presentación de Demos de verán, o regreso á narrativa galega, despois de case dúas décadas, de Miguel Vázquez Freire. Foi o xornalista Tino Santiago quen presentou unha novela que definiu como de lectura moi intensa. Na súa intervención Miguel confesou que tardara dez anos en escribila, «abandoneino moita sveces, case pode comigo como escritor, mais conseguín finalizala». Desvelou que foran tres as fontes da obra. A primeira os sucesos de malos tratos a menores acaecidos en 1984 e coñecidos como o caso Edelweiss; asegunda, un encontro fortuíto que tivo en Roma, que lle permitiu crear o personaxe de Radia Ludescu e desatascar a novela; e o terceiro, a proliferación de ideas, que levaron á humanidade ao desastre, difíciles de erradicar. «Quixen facer unha novela paródica das novelas esotéricas, ao xeito d’ O péndulo de Foucault, uha novela de misterio con fondo esotérico». Rematou Miguel anunciando a apertura do blog da novela onde publicará contidos estendidos.