Artigos

Vigo e a cultura contemporánea

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á desparición do Festival ALT de artes escénicas no marco da actual política cultural en Vigo:

antes_metralla_matarile_alt_vigo

A pasada fin de semana celebrouse a derradeira edición de ALT, o festival alternativo das artes escénicas de Vigo, que dende 2002 desenvolveuse na nosa cidade. Reducido nesta edición a seis actuacións, este ALT 2017, bautizado como “FinALT”, ofreceu no Marco os catro espectáculos integrados no “ALT procrea en feminino”, programa de apoio ás creadoras galegas da AGADIC, onde se presentou “bailarina”, o traballo da catalá Sonia Gómez, reinterpretado pola galega Begoña Cuquejo na súa peza “bailarina hipnótica”, ademais das performances “sujeto visible – sujeto invisible” de Masu Fajardo e “Wakefield Poole” de Celeste González. Un programa escénico que se completou no auditorio do concello co espectáculo de Matarile Teatro “antes de la metralla” e no Instituto Camoens co espazo gastronómico “La cuina furtiva, chegado dende Valencia.

Organizado pola asociación Noescafé Teatro e nacido cando en Vigo non existía nin o Teatro Ensalle (2003) da rúa Chile nin fora creada a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD, 2005), o festival ALT apostou cada ano por traer as propostas máis innovadoras da danza e teatro contemporáneos. Máis de duascentas compañías e medio milleiro de artistas participaron nestes dezaseis anos nunha programación que se desenvolveu en instalacións culturais como o Marco ou o Auditorio Municipal, mais tamén nos espazos públicos transformados en escena, dende escaparates de comercios, rúas e prazas até hoteis, a lonxa ou os propios vitrasas. Sempre coa intención, segundo palabras de Lola Correa, a súa directora, de ofrecer “un festival de corte alternativo en pleno século XXI, onde cómpre seguir experimentando, exhibindo, invadindo os terreos desolados dos escenarios polos menos contestatarios para enchelos de irreverencia, que é a fin de contas o lugar onde deben estar os/as artistas”.

Segundo os seus responsables, o festival ALT vese obrigado a despedirse pola falta de apoio económico do seu principal patrocinador, o concello de Vigo, cuxa achega diminuíu de forma traumática nas últimas edicións, dende os 60.000 euros dispoñibles en 2012 aos 10.000 da última edición, cantidade á que se sumaban no orzamento as achegas aínda moito máis cativas da Xunta de Galicia, da Universidade de Vigo e da propia asociación organizadora, ademais dos ingresos por taquilla daqueles espectáculos de pagamento. Unha redución que provoca finalmente o colapso económico do festival e obriga aos organizadores, a pesar do seu voluntarismo entusiasta e de contar cun público incondicional, a abandonar a organización do festival ou a procurarlle unha sede alternativa. Redución orzamentaria que non é allea, tampouco, ao contexto de recortes do sector das artes escénicas que de 2009 a 2015 diminuíu en Galicia os seus orzamentos nun 70 % inviabilizando a actividade dun sector xa de por si moi precarizado, onde apenas o 6 % dos seus integrantes pode vivir do seu traballo.

O ALT engádese a esa longa lista de festivais e eventos culturais vigueses desaparecidos nos últimos anos, dende a inesquecible Fotobienal ao Vigo a Escena, dende o Festiclown ao Vigo Transforma. Como esoutra lista de festivais en perigo de desaparición como o Sinsal de novas músicas, o Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea ou o Imaxina Sons de jazz, que cada ano emiten o seu desesperado s.o.s. Citas todas elas de referencia, nacidas dende a cerna da creación cultural, xestionadas con poucos cartos e cos criterios de calidade e independencia como sinais de identidade. Eventos que proxectan a Vigo no panorama internacional como referente das diversas expresións das artes contemporáneas, afastados dos modelos de espectacularización da industria cultural e do lecer, que sabemos tan efémeros como anodinos.

Cómpre atallar este devalo cultural tan desacougante. Vigo precisa definir de vez o seu modelo cultural estratéxico no marco metropolitano, que oriente a medio e longo prazo as programacións de eventos e o funcionamento das súas redes de bibliotecas, museos e centros culturais. Un modelo onde as expresións da cultura contemporánea, como o ALT ou a Fotobienal, teñan recoñecido o seu peso e a súa viabilidade. Como é imprescindible que as persoas, empresas e institutcións vencelladas á creación, difusión e xestión cultural expresen con liberdade e independencia a súa opinión e orienten nun Consello Municipal de Cultura un proxecto asumido de forma corresponsable polas diversas administracións con competencias na cultura viguesa (Concello, Universidade, Deputación, Xunta e Goberno de España). De non facelo con urxencia e con esa altura de miras, Vigo corre o risco de caer na irrelevancia cultural.

Onte 1481: Premio do Público do Culturgal 2015

culturgalA corenta días do comezo da súa celebración, onte Culturgal 2015 anunciou as tres candidaturas do seu Premio do Público: Curtocircuíto-Festival Internacional de Cine de Santiago, Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e Sinsalaudio. Tres magníficas candidaturas, tres magníficos proxectos expresión de innovación e comunicación cos públicos nos eidos do cine, o teatro e a música en Galicia. As votacións quedaron abertas até o 21 de novembro, data na que coñeceremos o porxecto que será homenaxeado o domingo 6 de decembro en Culturgal. Tras completar a venda de stands con máis de dous meses de antelación, a primeira vez que sucede en oito edicións, as expectativas para este Culturgal 2015 son excelentes, tanto pola mudanza na distribución do espazo expositivo, polo incremento de expositores, a diversidade e calidade da programación de actividades (da que coñeceremos algún adianto nas vindeiras semanas), como pola participación de diversos públicos nunha edición que xirará arredor do eixo da «Palabra e comunicación».

De Are More a Sinsal

No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre a involución das políticas culturais no concello de Vigo, desta volta sobre os festivais musicais e teatrais en perigo de desaparición.

A crise ameaza as políticas culturais públicas tecidas en Vigo ao longo das tres últimas décadas. Ao peche do Arquivo Pacheco e do Museo Etnográfico Liste, á paralización do plan de apertura de novas bibliotecas de barrio en Bouzas, Teis e Navia, ao esquecemento do compromiso de ubicación da tantas veces prometida Biblioteca Pública do Estado na Panificadora, debemos engadir agora a desaparición do apoio municipal a programas musicais e teatrais, a maior parte deles internacionais e cunha traxectoria moi consolidada ao longo da última década, como Are More, Marisquiño, Sinsal ou Festiclown.

O Are More, o festival de música de Vigo, promovido en 2000 por Carlos Príncipe, daquela concelleiro de Cultura, e concibido como unha programación musical de fronteira entre o popular e o clásico, foise consolidando como unha das citas artísticas de referencia en Galicia. Os escenarios do Fraga ou do Auditorio do Conservatorio acolleron algúns concertos memorables, dende o “Orfeo” de Monteverdi ás actuacións de Ute Lemper, Diego El Cigala ou José Meneses. Máis alá da realización destes grandes concertos, Are More procurou a formación de públicos prestando atención á realización de concertos para escolares, programas de música para bebés ou cursos de iniciación á música para persoas maiores de 55 anos. Ubicado decote na programación cultural dos meses de outono, tras dez anos de éxito de público, mesmo con presenza de melómanos miñotos e portuenses, a última edición de Are More foi a de 2009. Patrocinado dende o seu inicio pola Fundación Caixa Galicia e polo concello de Vigo, a crise económica obrigou a suspendelo en 2010, cando a institución financeira retirou o seu mecenado. Dende entón, a concellaría de Cultura foi incapaz de poñelo en marcha aducindo o seu custe moi elevado (600.000 euros naquel ano farturento que foi 2008). Are More semella ferido de morte, xusto cando a cidade conta cun formidable escenario para desenvolver as súas actividades, o Auditorio Mar de Vigo, no que o concello dispón de trinta xornadas anuais. Con certa retranca poderíamos dicir que neste caso cando tiñamos traxe non tiñamos percha e cando mercamos a percha perdimos o traxe.

O caso de Festiclown é diferente. Creado no ano 2001 en Pontevedra como Festival Internacional Clown de Galicia, concibido cun carácter solidario e alternativo, o evento, tras residir en Compostela, chegou a Vigo no ano 2008. Baseado nun intercambio permanente entre os artistas e o público, durante catro edicións, coincidindo coas festas viguesas, os Festiclowns encheron de ledicia as rúas e prazas nosas. A actuación de figuras internacionais como Leo Bassi ou espectáculos circenses memorables como o presentado o pasado verán polos portugueses de Circolando amosaron a capacidade deste festival para convocar a públicos amplos e interxeracionais. A concellaría de Cultura non incluíu no seu orzamento para 2012 cantidade ningunha para este evento (en edicións anteriores oscilou entre os 100.000 e os 150.000 euros), razón pola que non hai dúdida que marchará de Vigo.

Outras iniciativas musicais viguesas, tras a retirada das axudas achegadas pola concellaría de Cultura, terán serias dificultades. Creado en 2003 baixo a denominación de “Sin sal. Delicatesen de Músicas sanas”, o Festival Sinsal 2012 de músicas sosas, que se desenvolve ao longo de todo ano con formatos sempre moi innovadores, procurará sortear a crise e as políticas homoxeneizadoras da música popular. Outrosí lle sucederá ao Marisquiño, un evento multidisciplinar de cultura urbana, do que se levan celebrado na explanada do Náutico once edicións e que no pasado mes de agosto convocou a 50.000 persoas. E por se non abondase, tampouco está claro que no vindeiro verán se poida celebrar unha nova edición de Vigo Transforma, xa que este festival de música independente organizado pola empresa Esmerarte podería verse afectado polos retallazos da Consellaría de Cultura, a súa patrocinadora principal.

A concellaría de Cultura debe procurar novos modelos para súa programación, mesmo artellando acordos de colaboración en rede con outros concellos, institucións ou empresas, que permitan facer viable a continuidade desta imprescindible programación musical de carácter cultural. Todas estas iniciativas son xeradoras de cidadanía, teñen capacidade de atracción turística e van dirixidas a públicos moi diversos. Sería unha mágoa que nunha cidade como Vigo, no trinta aniversario daquilo que se chamou a movida, a programación quedase reducida a un par de concertos gratuítos de música popular en Castrelos e outros tantos de pagamento (algúns a 75,00 euros) nun extraordinario Auditorio, magoadamente infrautilizado dende a súa inauguración. Para botarse a chorar.