Listado de la etiqueta: shakespeare

Días felices

Sei que somos moitos os celtistas que conservaremos a captura de pantalla da clasificación da segunda xornada da Liga 24/25 na que aparece o Celta como líder, con dúas vitorias, cinco goles a favor e dous en contra. Un inicio de tempada extraordinario, un soño de verán para gozar tras dous partidos memorables sobre a alfombra do Campo do Fragoso, tamén outras dúas impresionantes remontadas do cadro de Claudio Giráldez que desde o mes de marzo pasado como adestrador do primeiro equipo converteu Balaídos en fortín inexpugnable (onde aínda non coñece a derrota, cinco vitorias e dous empates) e, o que non é menos relevante, devolveu ao celtismo o goce do fútbol de salón, a lembranza do xogo artístico e destemido daquel Eurocelta de hai máis de dúas décadas ou dos partidos máis tolos do mestre Eduardo Berizzo. Unha celebración merecidísima da bancada que contra vento e marea sostivo ao Celta secuestrado durante sete meses horribles polo xogo ruín e desfasado que lle impuxo Rafael Benítez, adestrador que nunca entendeu nin agora respecta, velaí a súa rancorosa parrafeada recente dende Liverpool, o carácter soñador e afouto acuñado por un equipo xa centenario como o noso.

Vitoria contundente diante do Valencia que repetiu, con apenas algúns matices, o argumento principal de remontadas celestes anteriores. Con todo, os de Claudio comezaron mellor o partido que a semana anterior co Alavés, mais non souberon evitar que nun lance desafortunado, no minuto 14, na primeira chegada dos visitantes, Diego López cabecease á rede, superando a Iván Villar, que puido facer moito máis, despois dunha cadea de erros da defensa celeste, incapaz de despexar un balón que recollería Rafa Mir de chilena e remataría o perigoso dianteiro turonés. Un contratempo, asumido polos locais como acicate, o que non modifica a trama de partidos anteriores, xa que desta volta a sala de máquinas funcionaba como a seda, tanto na saída do balón dos tres centrais (Javi Rodríguez, Jailson e Carlos Domínguez) máis fluída como na cadencia e criterio que introduciu Damián Rodríguez, cunha asombrosa autoridade, para crear espazos sen balón e dirixir a proxección atacante do equipo. Estrutura táctica que permitiu que a sociedade formada por Aspas e Mingueza, dous futbolistas en estado de graza que gozan co que enxeñan, dinamitase o marcador en seis minutos con dous goles marabillosos. O do empate no 23’, grazas a asistencia do moañés sobre o catalán, que de repente apareceu na banda esquerda da área visitante e enganchou un remate brutal. O segundo no 29’, cando Óscar filtrou verticalmente sobre Iago que desmarcado realizou un perfecto control orientado e xutou certeiro superando ao temible Mamardashvili.

Dous grandes goles para conservar na memoria pola súa exacta execución táctica e beleza ximnástica, que tampouco desmerecen o terceiro de Fran Beltrán, xa no minuto 60, que aproveitou o despexe dun saque de recanto para enganchar un balón fóra da frontal da área que entrou pola mesma escuadra. Outro gran gol, probablemente candidato a un dos mellores da tempada, que pechou un marcador, que os nosos puideron ampliar, tanto no lanzamento de penalti errado por Aspas, que non mancha un ápice seu partido descomunal no que correu a velocidade dun xuvenil, como das ocasións das que dispuxo Williot, outra figura, que cada vez que chega o balón as súas biqueiras é capaz de mellorar ou finalizar a xogada. Excepcional panorama que fixo entolecer a bancada celtista, eufórica, desbordada e cantareira, que sen querelo tirou do repertorio dedicado aos días felices. Xaora, na alfombra do Fragoso non foi todo coser e cantar, e os minutos finais, nos que os de Baraja apertaron con dignidade e tiveron mesmo un poste para camuflar o resultado, obrigaron a Claudio a controlar a euforia coa entrada de Starfelt, que moito axudou a levar o barco ao porto sen contratempos.

Así e todo, o principal responsable destes días felices para o celtismo é Claudio Giráldez e o seu equipo técnico que aposta de forma moi valente por un xogo propositivo coral e un once no que a canteira galega ten un peso protagonista (co Valencia: 6 xogadores no inicio e até 9 ao longo do partido). Unha atmosfera de entusiasmo que contaxia aos propios xogadores, que poden sentirse protagonistas, como sucede con Aspas, Williot ou Mingueza, e seguros e apoiados, como acontece cos mozos da canteira. Manter ese entorno de confianza, cando cheguen os resultados adversos, que inevitablemente chegarán, é o novo reto do adestrador de Cans. Con todo, no futuro deste Celta non descartemos a intervención de Puck, o trasno protagonista d’ Un soño nunha noite de verán, a comedia de William Shakespeare, capaz como o noso Iago Aspas de mudar o curso dos acontecementos, mesmo os aínda non escritos.

Publicado en Faro de Vigo: 25/08/2024

Prohibido non falar: estimular a linguaxe oral na casa

A falar apréndese falando dende os primeiros meses de vida. A través da imitación os bebés descubren a lingua, aprenden as primeiras palabras e van poñendo nome o seu mundo.

A aprendizaxe da lingua oral realízase, en boa medida, na familia, sendo para os cativos todas as persoas do seu primeiro entorno, tanto a nai como o pai, a avoa e o avó como os irmáns, os primeiros modelo de uso de lingua oral.

O fogar, pois, é a primeira aula da linguaxe oral, razón pola que é moi importante que as persoas maiores cando falen cos nenos, xa dende os primeiros días, empreguen unha lingua clara o máis correcta posible, un vocabulario rico e variado, unha estrutura correcta e un ton axeitado.

Aos nenos e ás nenas hai que falarlles como se se tratase de personaxes dunha obra de Shakespeare, evitando amosarnos impacientes cando non os entendamos. Sempre é interesante preguntarlles formulando preguntas abertas, evitando que as respostas sexan sempre «si» ou «non».

O período de confinamento é unha oportunidade magnífica para estimular o emprego dunha linguaxe oral correcta e variada no entorno familiar. Ademais das actividades propostas polo centro, pode facerse noutras moitas cotiáns, como esoutras ou como as que recomenda Carlota González, mestra de AL:

1–. Compartir momentos de xogo: propostas de xogo simbólico, xogos de mesa, manualidades ou gravacións.

2–. Ler e contar contos: facerlles preguntas, propoñerlles que continúen a narración que iniciamos, mudar o comezo dun conto coñecido, dramatizar un conto, ler contos rimados, o que estimulará a súa conciencia fonolóxica e memoria oral…

3–. Cociñar en familia:a cociña é un espazo privilexiado para adquirir novo vocabulario, lendo as receitas, seguindo as súas instrucións, aprendendo o nome dos utensilios, dos alimentos ou dos diversos electrodomésticos…

4–. Hora da limpeza: unha actividade que fomenta a igualdade e a corresponsabilidade entre todos os membros da familia, mais tamén facilita a aprendizaxe de nomes e o seguimento de instrucións de determinados procesos.

5–. Poñemos a lavadora: outra actividade cotiá que permite o seguimento de instrucións e a aprendizaxe de vocabulario das prendas, dos produtos de limpeza como dos momentos do proceso (lavado, tendido, secado, pasar o ferro…).

6–. Cantar xuntos: aproveitando cancións populares e fórmulas do folclore oral (contos enumerativos, trabalinguas…).

Texto pubicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cederia.

Onte 1512: A despedida de Oroza

Ferrin_23-11-2015

Rompía a noite cando un longo aplauso de máis dun cento de persoas despedía ao poeta Carlos Oroza no cemiterio civil de Pereiró. Uns versos recitados por Uxío Novoneyra fillo, a lembranza emocionada do amigo Xabier Romero e unhas breves palabras do alcalde Caballero abondaron para pechar un acto tan espontáneo como emocionante. Unhas horas antes na Casa Galega da Cultura, onde se velou ao poeta dende a mañá, léronse as páxinas de Évame, ese rolo poético que o noso poeta camiñante deixa como herdanza. Foi Ferrín quen salientou o carácter de Oroza como «poeta absolutamente inmortal, como Shakespeare e Rosalía de Castro», así como o importante peso da palabra en cadanseu poema. Antón Patiño lembrou os días madrileños, cando creou a revista Tropos e leu fragmentos da súa poesía social dos anos da ditadura. Luís González Tosar identificouno coa palabra e reclamou para el o noso silencio, Elba Rei reinventou o ritmo de «Évame Malu», Modesto Hermida o de «Elencar», Antón Pulido o de «Alicia» e Xabier Romero reinvidicou a testemuña dun verso extraordinario: «dejaz crecer el trigo en las fronteras». Oroza marchou con discreción, iluminado polos afectos das súas amizades e polos aloumiños da familia de Xabier Romero, o seu editor, amigo e sostén vital durante os últimos anos. Si, «en el Norte hay un mar más alto que el cielo».

Día do Libro

Dedico o artigo de Faro de Vigo desta semana a celebración do 23 de abril, Día do libro e dos dereitos de autor.

Mañá, 23 de abril, celébrase en máis dun cento de países o “Día do libro e dos dereitos de autor”, unha efeméride creada pola Unesco en 1995 coa intención de homenaxear o libro “animando a todo o mundo, sobre todo ás persoas máis novas, a descubrir o pracer da lectura e a respectar a insubstituíble achega dos autores ao progreso social e cultural”. Promovida internacionalmente polo sector editorial español, que xa a viña celebrando dende 1930, coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega (unha chiscadela da historia) e coa festa cívica catalá do Sant Jordi, o 23 de abril é a grande festa do libro, das librarías e bibliotecas, do fomento da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual. Unha celebración que nesta edición centrarase na promoción da frase “Ler para vivir” (#lerparavivir) nas redes sociais e nos actos organizados en Bangkok, cidade tailandesa declarada capital mundial do libro 2013.

Para a Unesco, é innegable o poder de convocatoria que ten o libro en todo o mundo “para transmitir a cultura dos pobos e os soños dun futuro mellor”. Baixo as súa diversidade de fasquías e formatos ao longo da historia, o libro é unha das creacións máis egrexas que fixo a humanidade, a soá que cada cultura modula en cadansúa lingua. O libro é unha creación xenial da humanidade concibida para xerar a lectura, unha actividade cognitiva individual,  enmarcada nun contexto social, que Alberto Manguel considera nos define como especie, capaz de transformar a cada unha das persoas e capaz de axudar a mudar o mundo ofrecéndolle coherencia e sentido. Razóns polas que o acceso de toda a cidadanía en igualdade de condicións á riqueza dos libros, expresada na súa diversidade lingüística e cultural, constitúe un obxectivo para a comunidade internacional e unha responsabilidade irrenunciable dos poderes públicos de cada un dos estados. Esa bibliodiversidade é un patrimonio común de toda a humanidade a preservar que, como sinala o manifesto da Unesco, “fai do libro moito máis ca un obxecto puramente material, a máis fermosa invención do ser humano para o intercambio de ideas máis alá das fronteiras do espazo e do tempo”.

Esta efeméride non pode ser allea ás profundas transformacións que está vivindo o libro. Un tránsito entre o paradigma da edición impresa, fixado hai apenas cinco séculos pola imprenta gutemberiana, cara ao paradigma da edición dixital, desenvolvido polas utilidades hipertextuais e a disrupción que supuxo internet para facilitar o acceso á información e ao coñecemento. Un tránsito que provoca a coexistencia do libro nos formatos impresos e dixitais (libros impresos e libros dixitais) nunha hibridación enriquecedora e moi estimulante para o lectorado e para os profesionais da edición. Mais tamén, un proceso de mudanza non exento de problemas, sobre todo os que atinxen aos perigos da uniformización cultural que pode supoñer o control da distribución dos contidos dixitais en mans dunhas poucas empresas (estadounidenses) e as dificultades para crear unha nova cadea de valor sostible para a edición dixital compatible cos dereitos de autores e editores.

Neste 23 de abril, instalados ademais en plena crise deflaccionaria, con efectos moi virulentos sobre a redución das vendas do sector do libro, non podemos esquecer que a industria editorial achega un valor importante na xeración de emprego, na produtividade e na innovación. En termos económicos, con 23.000 millóns de euros de facturación, o sector do libro constitúe hoxe a primeira industria cultural en Europa, por diante da música, do cine e das artes escéncias. Outrosí sucede en España, onde a industria e o comercio do libro, ademais da súa indubidable contribución ao pluralismo cultural e lingüístico, é tamén a primeira industria cultural (2.772 millóns de euros de facturación), mais tamén a que menos achegas públicas recibe.

Con motivo deste día do libro, os editores galegos fixemos un chamamento á cidadanía e aos poderes públicos a prol dunha política estratéxica para  o libro e a lectura en Galicia. A posta en marcha dun plan de apoio á rede de librarías, a creación do bono cultura como instrumento de incentivación do consumo cultural, a ampliación e mellora da rede bibliotecaria pública, o apoio á rede de bibliotecas escolares, a creación dunha oficina para a promoción da literatura e do libro galego no mundo, a realización dun plan de fomento de lectura son algunha das medidas que os editores galegos reclamamos aos poderes públicos para facer efectivo o recoñecemento do sector profesional do libro como estratéxico e prioritario para Galicia, xa recollido na Lei do Libro e a Lectura de Galicia, aprobada por unanimidade do Parlamento Galego en 2006. Feliz día do libro!