Listado de la etiqueta: RAG

Reloxos vigueses

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos reloxos públicos vigueses:

A Academia Galega define a palabra reloxo como «un instrumento de diversas formas e sistemas de funcionamento, que mide o paso do tempo e indica a hora que é». Utilizado dende a civilización exipcia para medir os movementos do sol e sinalar as partes do día, a historia do reloxo foi mudando ao fío dos avances da tecnoloxía mecánica, instalándose en igrexas e edificios públicos como referentes da vida de cada unha das cidades, vilas e comunidades. Este foi o caso de Vigo que, ademais de contar co horizonte do seu reloxo natural da ría, no que ao longo do día vai avanzando o sol até agocharse en Cabo Home, conta con moitos outros reloxos públicos moi populares, algúns desaparecidos como xa temos sinalado neste espazo de Campo de Granada. Foi o caso do instalado no balcón de Radio Vigo (1950), en Príncipe 53 primeiro, ou daqueloutro do Cable Inglés, instalado a comezos do século XX, na fachada da Casa Bárcena de Velázquez Moreno, un reloxo electromecánico que cada 60 minutos recibía por cable a hora exacta do meridiano de Greenwich, tendo unha exactitude que non tiña ningún outro na cidade, servindo de referencia para o resto dos reloxos públicos, sendo substituído en 1914 por outro de maior tamaño; facéndose popular entón en Vigo a frase «levo a hora do Cable». Como tamén desapareceron os catro reloxos do farol de Urzaiz de Jenaro de la Fuente, cando foi trasladado a Bouzas.

A pesar destas perdas, aínda paga a pena pasear devagariño pola cidade identificando ou fotografando nas alturas os reloxos públicos vigueses. Un itinerario que debe comezar localizando os tres reloxos de sol do Vigo vello. O primeiro, o que se pode contemplar na casa Pereira de Castro (século XVIII), alí onde a praza da Constitución fai esquina coa rúa Triunfo. O segundo, o cuadrante solar declinante da Colexiata, gravado en 1837 no lateral da igrexa da rúa da Palma, polo reloxeiro Juan Agustín Domínguez, peza que Xosé María Álvarez Blázquez elixiu para ilustrar a cuberta do seu libro A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo (Monterrei 1960, Xerais 2008) e converteu nunha das iconas da propia cidade. Reloxo de sol moi complexo que José Espinosa Rodríguez na súa Tierra de Fragoso (Faro de Vigo, 1949) di lembra o que eran de uso obrigado durante a idade media en igrexas e castelos e que observados polos vixías servían para que estes anunciasen as horas con cornos ou campás. E o terceiro, apenas un gnomon, unha peza de ferro duns escasos vinte centímetros, chantado á altura do balcón do primeiro andar da casa dos Pazos Figueroa (século XVI), na praza de Almeida, reloxo rescatado polo escritor Pedro Feijoo en Camiñar o Vigo vello. Un paseo pola historia da cidade (Xerais 2018) e do que o mestre Pedro Díaz Álvarez xa daba pistas no seu libro A caracola de pedra. Percorrido polo barrio histórico de Vigo (1982, 1998). Reloxos de sol aos que cómpre engadir o da igrexa de Bouzas e o recuperado na estación marítima.

Paseo que continúa na vista da torre da Colexiata, onde en 1860 se instalou un reloxo mecánico, substituído en 1973 por outro eléctrico. Itinerario onde non pode faltar o reloxo do edificio central da Caixa de Aforros, dunha esfera de dous metros, instalado con mecánica suíza o 6 de decembro de 1958 baixo a escultura de seis metros do anxo do aforro de José Planes. Peza para a que o reloxeiro vigués Botana preparou un carillón que dende entón interpreta un programa musical coñecido pola veciñanza toda: a «Alborada» de Pascual Veiga ao amencer (ás oito), o «Ave María» de Schubert  ao mediodía e «Negra sombra» ao solpor (ás dez), substituídos en Nadal pola panxoliña «Noite de paz». Outrosí é icona viguesa, o reloxo da torre do Instituto Santa Irene na praza de América (1946), o único mecánico que queda en Vigo, parado durante décadas, rehabilitado non hai dous anos e utilizado para dar as doce badaladas do aninovo. Como tamén recuperou a hora (2006) o reloxo do Marco da man da viguesa reloxaría Pagán (1921) de María Berdiales, especializada na instalación e conservación deste tipo de pezas, como as dos edificios de Correos na Alameda, do Santander e Bankinter na praza do farol de Urzaiz ou o reloxo da fachada da Estación Marítima, entre outros.

Constitúen un tipo especial de reloxos públicos vigueses, as sirenas das factorías de Beiramar, que xunto as guindastres forman parte da paisaxe industrial, tamén da memoria, sonora e visual da cidade nosa. Sirenas que marcaban as entradas ou cambios de quenda dos obreiros de estaleiros como Barreras, Freire e Vulcano ou de Casa Mar e outras conserveiras da ría. Como forma parte deste legado o grande reloxo da Lonxa do Berbés, inaugurada en 1949, hoxe no Museo do Mar de Galicia, ou os reloxos de fichar de Alfageme ou Albo, testemuñas de como o control do sistema de produción afectou os horarios e condicións de traballo.

Modo galego, actívao!

O sociolingüista Fernando Ramallo no seu clarificador e moi didáctico libro recente, Que pasa co galego? 32 preguntas sobre a situación da lingua (Xerais 2023), considera que o actual proceso de substitución lingüística ten como principal efecto a ruptura da cadea de transmisión familiar, o que vai reducindo tanto o número de novos monolingües como o uso do galego entre a rapazada, trazos singulares do actual estado da lingua. Unha tendencia de abandono imparable, mesmo nas casas onde se fala só ou de xeito preferente galego, o que hoxe sabemos non garante que as crianzas así socializadas manteñan a lingua da familia cando comezan a ser escolarizadas. Unha mudanza de lingua á que non é allea o feito de que as cidades, nunhas máis ca outras, sexan espazos moi hostís para que a picariñada «sobreviva» en galego. Unha forma de vida castelanizada da que non é doado saír, mais que para Ramallo mudaría «se fóra do fogar o galego tivese unha maior presenza nos espazos de socialización secundaria, como a escola, os centros deportivos, os videoxogos ou as redes sociais». Unha emancipación sociolingüística necesaria para o futuro da lingua que pasa inevitablemente pola creación de espazos de inmersión lingüística, como sucede en «Modo galego, actívao!», iniciativa da RAG, do concello e dos centros públicos de infantil e primaria de Ames. Unha valiosa experiencia piloto de colaboración entre profesorado e familias na promoción do galego cuxa vontade explícita e a asociar o uso da lingua galega coas actividades non académicas e de lecer (madrugadoras, extraescolares, escolas deportivas, campamentos de verán…, entre outras), actividades interxeracionais, intergrupos e intercentros,  que facilita cuñar así un modelo de compromiso lingüístico na infancia. Promover actividades en galego para frear a perda de falantes e fomentar o refalantismo entre os que foron monolingües iniciais, dentro e fóra das aulas, dentro e fóra das escolas, supón activar o «modo galego».

Publicado en Nós diario: 27/09/2023

Onte 536: Ferrín

A demisión de Ferrín provocoume unha sensación moi agre de melancolía e profunda tristeza. Admiro e respecto unha decisión tomada dende unha convicción moral e patriótica, na que é probable tamén influíse a decepción sobre as diferenzas existentes dentro da institución centenaria. A demisión, por moito que nos custe aceptala, non pode agochar os éxitos da xestión modernizadora que encabezou o equipo directivo de Ferrín. Como tampouco se pode esquecer que foi a oportunísima e valente presentación do recurso da Academia contra o Decreto de Plurilingüismo a clave deste periodo no que a entidade intensificou tamén a súa presenza na sociedade galega coma nunca até agora o fixera. Con Ferrín na presidencia a RAG comezou a estar presente na web e nas redes sociais, apostou pola elección de figuras como Lois Pereiro ou Roberto Vidal Bolaño ou celebrou en colaboración con outras entidades profesionais o cincuentenario do 17 de maio. Como tamén se debe valorar o esforzo tremendo de Ferrín e do seu equipo para colocar a RAG a idéntica altura (orzamentaria) co resto das institucións académicas, coa dignidade que merece a nosa lingua e a nosa cultura. Non descarto que esta inesperada demisión de Ferrín sexa un síntoma das dificultades dos proxectos culturais e políticos que neste tempo conformista enxergan o futuro e a súa construción colectiva, desprazados polas premuras curtopracistas daqueloutros que o fan apenas polo mañán. Todos os meus abrazos e admiración para Ferrín.

Don Paco del Riego e o zume da terra

[…] Don Paco, que acaba de publicar da man de Caixanova un magnífico volume titulado Vigo sentimental, conclúe mañá un mandato brillantísimo no que conseguiu revitalizar a institución proporcionándolle unha capacidade descoñecida de relación co mundo cultural e social e de independencia do poder político. En a penas catro anos de traballo febril e de centos de horas de taxi percorrendo Galicia toda, del Riego conseguiu aprobar os novos estatutos da institución, recabar axudas das administracións que permitisen un funcionamento digno da entidade, reordenar os arquivos e fondos bibliográficos, poñer en marcha os traballos dunha comisión de literatura, comezar a redacción dunha gramática, e, sobre todo, cubrir as vacantes da institución cun espírito aberto, plural e renovador: duplicando o número de mulleres presentes (coa incorporación da escritora Xohana Torres e da lingüista Rosario Álvarez), e integrando a personalidades, como Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Xosé Neira Vilas, a filólogos como Ramón Lorenzo ou Francisco Fernández Rei, ou a científicos como Díaz Fierros.

Non puiden evitar que os ollos se me humedecesen e un arreguizo me percorrese o corpo cando don Paco rematou o seu discurso na homenaxe que recibiu hai dúas semanas [10 de xaneiro] na súa vila natal de Vilanova de Lourenzá. De pé, orgulloso, petou enérxico na mesa cando nos recordou coa voz un chisco quebrada: «din a vida toda por unha única causa: a de que os galegos falasen a fala que rezumaba da súa terra». Diante dos seus, na dozura do horizonte dunha mañá fría de novembro, don Paco fíxonos unha chamada emocionada ás nosas conciencias acomodadas, para continuar no combate por restaurar a cadea de transmisión da fala de noso, desa cifra do que somos, do que fomos e do que queremos ser, recollendo a metáfora do Ferrín.

Don Paco é consciente do valor impagable dese zume da terra cada vez máis escaso e prezado, que mingua con cada nova xeración, nun proceso imparable que non podemos soportar de maneira ningunha, a menos que admitamos unha agonía lenta e complaciente para a nosa lingua, convertida en peza arqueolóxica da futura Casa das Palabras. Detrás do chamamento de don Paco, que me recordou o que fixo Álvaro Cunqueiro na súa homenaxe de Samil, aquelas «Mil primaveras máis para a lingua galega», están os máis recentes datos proporcionados polas investigacións sobre a nosa traxedia lingüística: nos municipios de máis de 50.000 habitantes os rapaces que utilizan o galego como a súa lingua vehicular son “rara avis”; nos últimos vinte anos, a pesar do ensino obrigatorio do galego, perdéronse o vinte por cento dos falantes; ou o incumprimento escandaloso da normativa sobre o uso do galego nos centros escolares, denunciado novamente esta semana, diante do triunfalismo da administración do PP. […]

Pareceume que pagaba a pena rescatar un fragmento dun artigo que publiquei en Faro de Vigo, o 25 de xaneiro de 2001. Esta frase pasará á historia: «din a vida toda por unha única causa: a de que os galegos falasen a fala que rezumaba da súa terra».

Lois Pereiro e a Academia Galega

A designación de Lois Pereiro como escritor homenaxeado no 17 de maio de 2011 volve demostrar o liderado da actual Academia Galega no proceso constante de actualización do pensamento e da creación galeguista. Non podo agachar que moito me emocionei cando onte lin na pantalla de twitter do meu teléfono a nova que adiantaba Iago Martínez (atinadísimo o seu artigo de hoxe). Esta designación de Lois Pereiro, como o ditame sobre o borrador do «Decreto de Plurilingüismo», énchenos de fachenda de pertencer a un país que conta cunha corporación cultural independente con semellante afouteza e intelixencia prospectiva. A Academia Galega convidounos a redescubrir a un dos poetas claves da xeración dos oitenta, que Iago Martínez e Álex Cancelo retrataron en Contra a morte, un documental que este ano resultará clave para coñecer a súa traxectoria vital e artística. A designación de Lois Pereiro desfai toda clase de prexuízos sobre a institución de Tabernas e convida á sociedade civil a corresponsabilizarse sobre o éxito da homenaxe. Agora, somos os editores, os estudosos do feito literario, o profesorado, o tecido do asociacionismo cultural os que temos a obriga de achegar á sociedade unha resposta acorde co espírito de permanente renovación do poeta apupado pola Academia. Nunha xornada de entusiasmo coma a de hoxe, as nosas beizóns todas son para Josito e a súa familia toda, e para Manuel Rivas e os restos dos membros da Academia por tan importante designación, que non vai en menoscabo de ningunha outra das candidaturas participantes nas votacións.

RAG, beizóns!

Síntome orgulloso de pertencer a un país que ten institucións propias como a Real Academia Galega. Xa expresamos a nosa opinión sobre os contidos do seu documento de análise das «Bases do decreto de plurilingüismo», un texto que pasará á historia de noso. Abondan poucos adxectivos: firme, rigoroso, delicado, extraordinario! Os membros do plenario da RAG, e especialmente os redactores que sintetizaron as achegas de todos os membros da institución (segundo os medios xornalísticos Xosé Luís Axeitos, Víctor Freixanes, Manuel Rivas, Francisco Fernández Rei e Xesús Ferro Ruibal), merecen as nosas maiores beizóns.