Listado de la etiqueta: pedro_bofill

Bofill, o debuxante do Faro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento de Bofill, o debuxante de Faro:

O pasado día 19 de abril morreu con noventa anos Pedro Ruiz Bofill, profesor e debuxante do Faro de Vigo durante catro décadas. Nacido en Barcelona en 1936, confesoulle a Félix Caballero nunha longa entrevista que chegara a Vigo con apenas 24 anos, grazas a que o seu irmán, que montara aquí unha óptica, o avisara de que Faro precisaba un debuxante. Pedro mudouse a correr de Madrid, onde aprendía o procedemento de entintaxe nun estudio que traballaba para a editorial Rollán, a que logo sería mercada por Bruguera e que publicaba con éxito a colección policial «Aventuras del F.B.I.». En Faro de Vigo comezou a traballar tanto para o xornal, entón dirixido por Francisco Leal Insua, como para a imprenta onde deseñaba carteis, trípticos e todo tipo de anuncios publicitarios. Ao xeito das tiras de Alex Raymond, o creador de Flash Gordon e o detective novaiorquino Rip Kirley, Bofill debutou nas páxinas do decano en 1960 cunha tira diaria policial, cuxos guións escribía o inesquecible e cultísimo Francisco Pablos.

Xaora, foi a súa páxina primeira ilustrada en Faro, a que a finais de xaneiro de 1961 dedicou ao secuestro do Santa María por un comando galego-portugués. Dende entón, sempre no cadro de persoal de Faro, Bofill ilustraría milleiros de páxinas e publicaría, sendo directores Cerezales (1961-1964) e Cunqueiro (1965-1970), centos das súas caricaturas, que consideraba só podía facer cando coñecía os aspectos máis esaxerados do personaxe. Como salientou Rafa López no seu excelente obituario en Faro, Bofill compartiu o traballo xornalístico coa súa vocación de profesor de debuxo, formado, primeiro en Madrid con Carlos Sáenz de Tejada, logo, na década de 1980, en Bilbao, onde se licenciou en Belas Artes, na especialidade de pintura e escultura. Con esa credencial superou as oposicións de acceso á función pública, como profesor de Plástica durante anos no IES de Chapela, tamén o seu primeiro director, durante 1992.

No entanto, Bofill pasará a historia da cultura galega como un dos pioneiros da banda deseñada, desde que en 1962 publicou na revista Vida Gallega, entón dirixida por Álvaro Cunqueiro e cuxa cabeceira fora adquirida por Faro de Vigo, a súa primeira historieta: El tesoro de Rande (1962), á que seguiu, o seu primeiro libro, Historia da Reconquista de Vigo (1977), sobre un guión de Lalo Vázquez Gil. Aquelas cinco pranchas, en formato comic book (17 x 26 cm), grampadas e impresas a cor, abriron o vieiro da utilización da narrativa debuxada para ofrecer información histórica de forma atractiva e visual. Bofill coa eficacia narrativa do seu debuxo de liña clara, ao xeito do cómic belga, e a súa habilidade para empregar diversos planos e recursos expresivos, abriu unhas posibilidades que ensaiaran tamén Reimundo Patiño e Xaquín Marín.

Bofill deu outro paso creativo con «As aventuras dun neno galego», a que consideramos a primeira serie do cómic en galego dirixida a lectorado novo. Con guións de Xesús Franco e asesoría histórica de Hidalgo Cuñarro, o proxecto nacido en 1983 nas páxinas d´«A pizarra», o suplemento de educación de Faro de Vigo, ampliouse a tres álbums de 60 páxinas, editados pola Consellaría de Educación e Cultura: Os homes do fin do mundo (1985), Os fillos de Breogán (1985) e A grande viaxe polo río (1988). Proxecto que deu pé a outro máis ambicioso, que lle levou varios anos debuxando de forma incansable: A historia ilustrada de Vigo (1996-1997), publicada en 72 fascículos por Faro de Vigo, nos que Bofill fixo 432 pranchas sobre textos preparados pola redacción do xornal.

Outra das proezas creativas de Bofill foi a súa colaboración con Serigrafía Galega de Álvaro Álvarez Blázquez, deseñando a maior parte das portadas da colección «O Moucho» da editorial Castrelos de Xosé María Álvarez Blázquez, aparecidas entre 1967 e 1983. Bofill aproveitou as posibilidades técnicas das tintas planas da serigrafía para ofrecer un deseño de portadas de gran unidade formal ao tempo que moi diverso pola súa facilidade para caricaturizar en situacións humorísticas, onde asoma a retranca dun «galego», ao que se lle quere icona de galeguidade. Así deixou Bofill portadas inesquecibles como a de Catecismo do labrego (1967), Sal e pementa (1968), Retorno a Tagen Ata (1971) ou A pega rabilonga (1971), entre outra que competían entón coas portadas de Xohán Ledo en Galaxia ou de Isaac Díaz Pardo en Ediciós do Castro.

Fose este novidoso traballo de deseño de portadas, fose o de autor pioneiro de centos de pranchas de narrativa debuxada, fose o labor formativo que deixou pegada sempre entrañable no seu alumnado, Pedro Ruíz Bofill merece o recoñecemento que a súa cidade de adopción non lle soubo dar. Preparar unha mostra do seu traballo gráfico é unha tarefa que non se debería adiar. Os nosos abrazos para a súa viúva e familia.

Pequena historia de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás publicacións sobre Vigo dirixidas á infancia ou ao seu emprego con finalidades didácticas:

Dentro da ampla bibliografía dispoñible sobre Vigo e a súa historia son escasos os títulos dirixidos á infancia ou concibidos para súa utilización con propósitos didácticos. Unha eiva que xa hai catro décadas tratou de atenuar o Departamento de Educación do concello de Vigo coa publicación da colección Materiais Pedagóxicos para Investiga-lo Medio, coordinada por Rafael Ojea, na que se publicou aquela primeira Guía de recursos didácticos de Vigo para a escola (1986), gromo dun dos primeiros programas de utilización didáctica da cidade artellados no estado. Un esforzo editorial do concello de Vigo que tivo continuidade na colección Datos da Concellería de Patrimonio Histórico e Medio Ambiente iniciada con Vigo nalgúns dos seus topónimos (1990) de Gerardo Sacau Rodríguez e na que ao longo da década se publicaron unha decena de títulos.

Un catálogo didáctico sobre a historia de Vigo ao que o Instituto de Estudios Vigueses (IEV) fixo importantes achegas na súa colección de Materiais Didácticos iniciada con A cultura castrexa. Vigo hai 2000 anos (1994), ao que seguiron, A Prehistoria. As raíces de Vigo (1995), Vigo Romano (1997) e Vigo Medieval (2000), obras de Hidalgo Cuñarro en colaboración con José Manuel Rodríguez Sobral e na cuarta de Rafael Sánchez Bargiela. Serie á que complementou o Atlas Básico de Vigo e a súa área (IEV, en coedición con Xerais, 1999), concibido como material didáctico de consulta que pretendía ofrecer unha panorámica do Vigo metropolitano en tres tempos: a memoria do pasado histórico, as encrucilladas do presente inestable (entón na fronteira da mudanza de século) e as expectativas de desenvolvemento futuro. Intencionalidade compartida por Vigo na historia (A Nosa Terra, 1998), unha excelente síntese da historia viguesa en 64 páxinas preparada por Basilio Cegarra, apoiada en documentación visual moi coidada e rigorosa, que dende a súa publicación foi o primeiro referente nas bibliotecas escolares viguesas para traballar a historia da cidade metropolitana.

Panorama da divulgación histórica viguesa na que merecen un espazo principal os dous volumes da Historia Ilustrada de Vigo que Faro de Vigo publicou en 1996 en 72 fascículos de dezaseis páxinas. Un logro editorial no que se mesturaban os textos históricos e a ampla documentación gráfica rescatada por un equipo de redactores do decano (José Ángel Otero Ricart, Rogelio Garrido, Fernando Franco, Eduardo Rolland, Luis Piñero, Javier Mosquera, J.A. Xesteira, Juan Carlos Recondo, Francisco J. Gil e Chema García) coas seis páxinas de cómic debuxadas e coloreadas por Bofill (na súa maior parte) e Javier Aguilera sobre os guións de Patricia Álvarez Hernández. Unha obra que merece unha reedición actualizada, ou canto menos a súa dixitalización, para facilitar o acceso dos escolares. Como tamén foi valiosa Un día dentro de las murallas (La Voz de Galicia, 1996), obra de Carlos Núñez, ilustrada na súa maior parte por Evaristo Pereira, na que destacaba a vontade divulgadora na presentación de textos e ilustracións.

No contexto de semellantes antecedentes, apareceu con espírito anovador Pequena Historia de Vigo (Embora 2022) froito da colaboración creativa do escritor Pedro Feijoo e do ilustrador Xosé Tomás. Un álbum que sintetiza os tópicos esenciais da historia de Vigo, dende o seu carácter castrexo até cidade da movida da década de 1980, dende o Vicus romano ao do «desarrollismo» franquista, dende a invasión do caudillo viquingo Gundraed ao Vigo dos grandes arquitectos de comezos do século XX. Temas que non esquecen a presenza de Rosalía naquel Vigo de Chao e Compañel nin do Vigo corsario dos primeiros fomentadores nin tampouco aquela vila transformada en cidade tras o episodio da Reconquista. Como tamén lembra a historia da oliveira, icona da cidade, e non esquece a recuperación de viguismos, como ghicho, patatillas ou manises. Unha obra que combina con habilidade as olladas panorámicas sobre os grandes acontecementos dunha historia bimilenaria coas notas de detalle, unha fórmula de fino espírito didáctico que aventuramos contribuirá a interesar a persoas novas na historia dunha cidade que quizais pensaban carecía dela. Un traballo referencial e divulgativo, froito do excelente e documentado guión de Pedro Feijoo, un dos mellores divulgadores da memoria viguesa, como do debuxo arquitectónico de Xosé Tomás, que non renuncia ao seu humor retranqueiro nin a desenvolver páxinas memorables e homenaxes emocionantes (velaí a  presenza do diario Galicia de Paz Andrade, Siniestro total ou a editora Xerais, entre outras). Un libro importante para a bibliografía viguesa que recomendo vivamente e non pode faltar nas nosas bibliotecas escolares nin nos andeis das persoas curiosas pola historia de Vigo.