Sempre Aspas
Noutra noite inesquecible de emocións desbordadas, o Celta de Iago Aspas, o mago que batía a marca de partidos xogados co Celta (534), demostrou que tamén sabe gañar diante de rivais europeos de entidade coma o Nice. Segunda vitoria consecutiva en Balaídos na competición continental que amosa tanto o excelente nivel competitivo do equipo de Giráldez (noveno de trinta e seis participantes nesta Liga Europa) como algunha das costuras deixadas á vista por Marcos Garcés, o director deportivo, á hora de confeccionar o cadro para a tempada actual; sendo a máis evidente a ausencia dun enganche creativo de talento, que substituíse a Fer López e Gabri Veiga, proporcionando a fluidez e a calidade que neste inicio de curso se están botando tanto en falta.
Responsabilidade asumida por Iago Aspas, na noite da súa emocionante homenaxe como o céltico que xogou máis partidos. Un espectáculo extraordinario, precioso, iniciado pasadas as once da noite, tras a finalización do partido e coa bancada emocionada nos seus asentos, que pola súa orixinalidade e beleza pasará a historia dos días felices do celtismo. Outra alfaia máis dese excelente traballo de comunicación do club de Marián Mouriño, baseado na creatividade, utilización punteira das tecnoloxías dixitais e orgullosa das voces do relato en lingua galega.
E se non abondase, foi tamén Aspas o mellor dos celestes diante do Nice, un equipo incómodo, moi físico que, como lle sucedera ao Celta coa Real Sociedade, xogou unha hora en inferioridade numérica, tras a dobre tarxeta amarela de Clauss, o seu capitán. Merlín de Moaña ou Príncipe das bateas que nesta noite europea e aos seus trinta e oito anos xogou ao máximo nivel os noventa e catro minutos disputados. Un Aspas que nunha forma física envexable e cunha madurez na concepción visionaria do xogo marcou apenas transcorridos dous minutos, no primeiro ataque, cun cacheirón dende vinte e cinco metros na frontal da área, potente e preciso, un xute tecnicamente sofisticado ao alcance só das estrelas.
Inicio magnífico de Iago dun partido que se presentaba prometedor para os de Giráldez, ao que os de Haise non lle perderon nunca a tensión e empataron decontado, apenas no primeiro cuarto de hora. Foi na enésima empanada da tempada dos centrais celestes, a que permitiu a Abdul Samed detectar o desmarque do seu compañeiro Cho que de excelente xute cruzado bateu a un Radu vendido. Igualábase un partido no que se mediron dous debuxos tácticos idénticos de tres centrais, catro medios e tres puntas, aínda que distintos no seu funcionamento, con máis variantes o de Claudio, que ensaiaba unha parella inédita de medio centros, Beltrán (atrás) e Miguel Román, moi por diante, cun resultado discreto.
O empate deulle azos aos xigantes franceses, moi contundentes (até o límite) nos duelos e na presión, o que dificultaba a saída ordenada que tanto lle gusta a Claudio. Tras un saque de recanto, Radu salvou unha cabezada de Abde que vimos como entraba. O Celta pasou momentos de confusión superados en canto Aspas se fixo cargo da creación de espazos e Carreira e Bryan Zaragoza, o extremo na súa mellor actuación como celeste, toleaban cos seus caneos e mudanzas de ritmo á defensa francesa. Desa dinámica naceu a expulsión de Clauss no 37’, que revirou o devir do partido.
Tras o intervalo e coa entrada de Borja Iglesias, o xogador hoxe máis diferencial do cadro, que substituíu a un Hugo Álvarez irrecoñecible e desconectado do grupo, comezou o tremendo asedio celeste que durou media hora, até que o compostelán marcou o gol que daría os tres puntos. Sen perder nunca a paciencia e a confianza, os célticos intentaron asaltar a portaría de Diouf. Entraron dende as bandas de Zaragoza e Pablo Durán, xutaron dende a frontal Román e Beltrán e desembarcaron novas ideas e pernas frescas para as bandas coa entrada de Rueda e de Mingueza. Sería o catalán quen atopou a fenda na área para que Borja rematase, o porteiro despexase con apuros e o compostelán empurrase o balón a portaría, para que o defensa francés Oppong acabase de introducilo entre as redes.
Fieis ás tradicións celtistas máis xenuínas, co resultado a favor, os minutos finais devolveron os temores á bancada que medrosa (o silencio en Balaídos é escaso e pouco frecuente) comprobaba como os franceses, que até entón deixaran a Radu como mero espectador, con cada unha das conducións polas bandas e catro saques de recanto seguidos, nos que subiu a rematar o porteiro, creaban o pánico entre os celestes que non daban avío e ameazaban derreterse como os xeados nunha tarde de verán. Por ventura, a pesar da incomprensible distracción xeneralizada dos nosos, os visitantes amosaron nula eficacia na finalización, todo un alivio.
Co derradeiro asubío do colexiado neerlandés, abriuse a merecida e emocionante homenaxe ao capitán celeste. Axiña o voo dos drones, o relato épico da súa traxectoria deportiva e as súas palabras agradecidas racharon coa pana e fixeron esquecer os minutos vividos do celtismo do padecer.
Publicado en Faro de Vigo: 25/10/2025
















