Listado de la etiqueta: marcos_valcárcel

A ledicia de ler

Falando na rúa co escritor Manuel Veiga lembramos «A ledicia de ler», a sección que Carlos Casares mantivo en La Voz de Galicia entre 1975 e 1992, antes que iniciase «Á marxe», aqueloutra columna máis breve na que durante unha década expresou todos os días no xornal coruñés, o que Dolores Vilavedra acuñou como «a súa expresión narrativa da vida». O inesquecible Marcos Valcárcel suxeriu que «A ledicia de ler», epígrafe afortunado sobre a lectura, constituíu un espazo semanal para falar de libros e cultura galega co que Casares pretendía emular probablemente aquela sección de Robert Escarpit en Le Monde, «Au jour le jour», ao que a profesora Vilavedra engadiría o coñecemento que o entón profesor de instituto debía ter de El deseo de leer (Península 1974), o informe no que o propio Escarpit  e Robert Baker abordaban temas arredor do libro, a lectura e os dereitos de autoría. Daquel exercicio hedonista de paixón pola lectura do limiao, un legado de catrocentos artigos, quedamos co seu afán de compartir as lecturas literarias que lle agradaban, e facelo sen a intencionalidade analítica da crítica académica, fosen tanto clásicas como das novidades da incipiente industria editorial galega. Como quedamos coa súa actitude empática de celebrar a lectura como un acto de pracer que quere compartir, adiantándose ao decálogo de dereitos do lectorado de Daniel Pennac en Como unha novela (Xerais 1993). Casares anticipaba tamén na sección a ollada xenerosa dunha lectura compartida, como a dalgunhas comentaristas da narrativa galega nas redes (bookstagramers e creadoras de contido) ou nos espazos de crítica nos xornais, que contribúen todas cos seus textos a dar a coñecer e a orientar aos públicos, o que non debería impedirlles, como adoitaba Casares, facer comentarios ben agudos e valoracións historiográficas documentadas sen perder nunca as boas formas da escrita. Contaxiar o gozo da lectura, a casariana ledicia de ler, continúa sendo imprescindible para a saúde da edición galega.

Publicado en Nós diario: 19/06/2024

Parladoiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar a publicación de Parladoiro, o libro que escolma a obra xornalística de Ramón Otero Pedrayo.

parladoiroDentro da obra oceánica de Ramón Otero Pedrayo, o patriarca por excelencia das letras galegas do século XX e creador da prosa culta no noso idioma, non se ten salientado como merece a súa monumental achega ao xornalismo como primeiro columnista que publicou decote en galego. Un corpus de máis dun milleiro de artigos literarios, que Otero comezou a publicar en “La Centuria” (1917) e a partir de 1921 de forma regular na revista “Nós”, onde publicou o seu primeiro texto en galego, “Irlanda política no século XIX”.

Unha actividade de publicismo galeguista incesante que desenvolveu até o seu pasamento en 1976 en moi diversas publicacións como “La Zarpa”, “A Nosa Terra”, “Céltiga”, “Vida Gallega”, “Logos”, “Grial”, “Vieiros”, “Finisterre”, “Sonata Gallega”, “Posío”, “Mundo Gallego”, “Galicia emigrante”, “Tapal”, “Gelmírez”, as emisións galegas de BBC e nos xornais “Galicia”, “Faro de Vigo”, “Pueblo Gallego”, “La Voz de Galicia” e, sobre todo, nos composteláns “El Correo Gallego” e “La Noche”, onde dende 1947 a 1949 desenvolveu a serie titulada baixo o rubro de “Parladoiro”.

Obra xornalística escolmada e organizada por vez primeira en 1973 polo catedrático de Filosofía Carlos Baliñas nun volume titulado, tamén, “Parladoiro”, revisado polo autor e concibido entón pola editorial Galaxia como a primeira entrega das súas “Obras selectas”. Libro inatopable durante moitos anos que, catro décadas despois, acaba de ser reeditado pola fundación e editorial oterianas dentro da biblioteca dedicada ao autor de Trasalba. A edición deste “Parladoiro” contribúe ao proxecto de posta en valor do xornalismo oteriano, angueira iniciada coa edición de “Teoría de Galicia. Obra xornalística completa en ‘Vida Gallega’ 1926-1963” (Alvarellos, 2007), modélico volume de catrocentas páxinas preparado polo inesquecible Marcos Valcárcel, quen no limiar analiza tamén a decisiva contribución de Otero Pedrayo ao noso xornalismo literario.

Unha obra xornalística variadísima, tanto pola temática como pola diversidade dos medios nos que foi publicada, inzada de metáforas e referencias culturais de inequívoco carácter clásico e europeísta, na que hoxe identificamos as pegadas dunha auténtica “pantasma do século XIX” (como ao propio don Ramón lle gustaba definirse). Un vínculo co pasado, onde aparece (en palabras de Freixanes) “a memoria de todas cousas”, anticipando fórmulas utilizadas máis tarde polo máis moderno e incisivo xornalismo de opinión con poética propia e inequívoca vontade de estilo. Artigos nacidos de lembranzas autobiográficas, de variacións do ciclo anual, de novidades bibliográficas ou apenas de comentarios impresionistas, inevitablemente circunstanciais e, nalgúns casos, efémeros, referidos ao que Baliñas define como “actualidade interior”.

Artigos oterianos que van construíndo devagariño unha interpretación global de Galicia, “concibida como unha unidade indestrutible a través do espazo e do tempo” (unha nación), conformando así o que Ricardo Carballo Calero identificou como “unha auténtica teoría sobre Galicia”. Artigos nos que Pedrayo se demora na descrición continuada da xeografía de Galicia e da personalidade da súa paisaxe (“unha guía literaria de Galicia por anacos”), ou relatos nos que recrea personaxes, situacións ou evocacións de ambientes, moi próximos ao estilo envolvente da súa narrativa.

A oportuna reedición deste “Parladoiro” permite volver sobre os textos de Otero cunha ollada desprexuiciada, desfacendo os tópicos de escritor díficil. Artigos de intervención, propios dun intelectual que, como sinalou Carmen Fernández Pérez-Sanjulián, “entrega toda a súa forza de pensador e todo o seu talento creativo ao servizo da emerxencia simbólica e identitaria da súa propia nación”. Artigos que constitúen unha fotografía en palabras, apenas retratos dun instante, máis que non perderon unha miga de actualidade, como “A Galiza do pan e a Galiza do viño” (“Nós”, 1922), “O Fontán en Buenos Aires” (“La Noche”, 1947) ou “Da decadencia da conversación” (“La Noche”, 1949), onde en tempos difíciles de silencio Otero reclama o valor xeneroso e libre dos cafés e das súas tertulias.

Un espírito oteriano presente en Vigo, dende hai máis dunha década, na tertulia bautizada tamén como o “Parladoiro”, que formamos vinte persoas, homes e mulleres de moi diversas profesións, procedencias xeográficas, sensibilidades políticas e posicións ideolóxicas, unidas todas pola vontade de expresar a palabra e de compartir a escoita atenta e respectuosa, como a nosa achega á construción dunha cidade e dun país que queremos de todos. O parladoiro é o lugar onde se dá leria, onde se comparte coñecemento, emoción e opinión. Longa vida para o Parladoiro e o espírito de Otero!

Con todos os abrazos para Marcos Valcárcel

Por agardada que fose a noticia do pasamento do amigo Marcos Valcárcel non deixa de producirnos dor e grande tristeza. Sabemos que deixa unha importante obra de investigación histórica e literaria ao servizo da cultura galega, da que foi un dos seus mellores divulgadores nas tres últimas décadas. Sabemos que deixa un modelo de traballo xeneroso, desinteresado, eficaz nos eidos máis diversos da nosa cultura. Sabemos que deixa en herdanza milleiros de Andoliñas, auténticos concentrados de sabedoría e bo criterio na análise do cotián, e outros centos e centos de artigos escritos con coidada intencionalidade didáctica na procura de agrandar o límite do pensamento galeguista. Sabemos que deixa, tamén, en milleiros de amigos e seguidores unha forte pegada, xa que Marcos constitúe un referente moral polo seu comportamento amable, xeneroso e firme na defensa das súas conviccións democráticas e galeguistas, actitude que exercía cada día nas Uvas na solaina, no Instituto da Carballeira onde traballaba e ao que sempre quedará vencellada pola biblioteca que leva o seu nome ou no Liceo Ourensán, institución na que participou tan activamente animado a súa Aula de Literatura e Cultura. No entanto, sabemos que o máis importante que nos deixa Marcos é a súa extraordinaria lección humana de afouteza, coraxe e discrección para enfrontarse cos avatares máis difíciles e cabróns que nos depara a vida nos recantos do camiño. Hoxe lembramos ao amigo xeneroso co maior agarimo e saudade. As nosas condolencias para a súa inseparable compañeira e para a súa filla. Con todos os abrazos.