Artigos

Onte 1388: Cifras da edición galega recente

libros_samanthaO Observatorio da Cultura Galega recompilou os datos dispoñibles, procedentes do ISBN e dos estudos de Comercio Interior do Libro, que axudan a comprender o estado da edición en Galicia e en galego recente. Entre tantas cifras saliento o que entendo son algunhas claves e tendencias.

Primeira. Tras unha importante diminución do 47,53 % do número de títulos editados en Galicia e do 43,99% dos editados en galego, entre 2010 e 2013, no pasado ano (2014) produciuse un incremento do 15,4 % da edición galega e do 23,63 % da edición en galego. Incrementos que se deben, sobre todo, aos da edición electrónica que se duplicou no último ano en ambos os dous casos. No entanto, o libro dixital supuxo en 2014 o 20,1 % en Galicia e o 26,37 % do editado en galego. Porcentaxes que acreditan no proceso de hibridación da actual oferta (ca non da facturación) do noso sector editorial.

Segunda. A edición en galego, no entorno do proceso de hibridación (2008 a 2014), mantense en porcentaxes superiores ao 60 % do libro editado en Galicia. Neste contexto no último ano é significativa a importante baixada do número de títulos traducidos do castelán e a continuidade da dependencia do subsector do libro escolar e infantil e xuvenil, aínda que o primeiro xa exprese unha clara tendencia á baixa do número de títulos editados.

E terceira. Que o sector editorial e as persoas relacionadas coas actividades da edición en Galicia ocupen a 5.438 persoas é unha estimación moi a ter en conta, máis aínda nun sector de actividade que perdeu un 35 % do emprego dende 2008.

Mágoa que non contemos aínda cos datos máis desagregados do estudo do Comercio Interior do libro de 2014, que se coñecerán, previsiblemente, a comezos de outubro coincindo coa inauguración de Liber. En todo caso, entendo que estes datos do OCG expresan unha tendencia a un lixeiro repunte da actividade editorial da man do libro electrónico (ca non do libro impreso) e unha diminución da oferta do mercado paraescolar, a pesar de que continúa artellando a actividade de creación e distribución do sector.

Onte 752: Cifras da edición galega en 2012 (I)

No Líber presentouse a edición impresa do Comercio Interior del libro en España 2012, o estudo de referencia sobre o estado do sector editorial privado encargado pola Federación de Gremios de Editores de España e elaborado cos datos proporcionados polos diversos editores. Un informe que no conxunto do sector español amosa no pasado ano unha significativa redución das vendas do 10,90 % (2.471,48 millóns de euros); un decrecemento do 4,90 % no número de títulos editados  (79.175) e xa de apenas o 2,20 % dos exemplares fabricados (280 millóns). Cifras que se tomamos como referencia 2008, o ano de inicio da crise, supoñen unha redución das vendas do 22,00 % (714 millóns de euros) e do número de exemplares producidos do 15,00 % (49 millóns menos), sendo o número de títulos editados (79.175) semellante ao do ano 2010.

No caso da edición galega privada no seu conxunto os principais indicadores non presentan grandes novidades con respecto ao ano anterior. O número de títulos publicados polos editores privados galegos baixa un 12,40 % pasando dos 2.156 de 2011 (1.587 en galego, 540 en castelán e 28 noutras linguas) aos 1.888 de 2012 (1.458 en galego, 397 en castelán e 34 noutras linguas); tendencia á baixa que se intensifica no caso do número de exemplares fabricados que en 2011 foron 3.360.000 e no 2012 baixaron até 2.426.000, o que supón unha redución do 27,90 % (934.000 exemplares). Cifras que levan á que a tirada media do libro publicado en Galicia por editores privados se reduza nun 17,60 %, pasando dos 1.560 exemplares por título de 2011 aos 1.285 de 2012.

A edición en galego de editores privados acadou en 2012 os 1.848 títulos (1.458 publicados en Galicia, 334 en Madrid e 55 en Cataluña), o que supón unha redución do 3,85 %, xa que en 2011 os títulos foron 1.922 (1.587 en Galicia, 265 en Madrid, 67 en Cataluña, 1 en Euscadi e 2 en Andalucía). Cifras que expresan que no último ano o 78,9 % do libro en galego é editado en Galicia, o 18,1 % polos membros da Asociación de Editores de Madrid e o 3 % polo Gremi d’Editors de Catalunya. Datos que amosan, ademais, que os editores galegos reduciron nun 8,12 % os títulos en galego, que pasan dos 1.587 do ano 2011 aos 1.458 de 2012. Redución que no caso dos exemplares fabricados é do 18,07 %, pasando dos 2.340.000 exemplares de 2012 aos 1.917.000 de 2012 (423.000 exemplares). Cifras que sitúan a tirada media do libro editado en galego por editores privados en 2012 a 1.315, o que supón unha redución do 10,72 %, sendo superior á tirada media do libro editado en Galicia. O catálogo do conxunto do sector acadou en 2012 os 13.292 títulos, diminuíndo apenas un 5,00 % con respecto ano anterior. O catálogo do libro en galego situouse en 2012 nos 10.804 títulos, o que supón un incremento inferior ao 1,00 % con respecto a 2011 (10.708).

Como xa antes adiantamos a facturación do comercio interior do libro en España foi no ano 2012 de 2.471,48 millóns de euros, dos que estima corresponden o 6,00 % a Galicia, 148,28 millóns de €, o que supón unha redución do mercado do libro en Galicia do 7,78 %. A facturación das editoras privadas galegas foi de 27,53 millóns de €, o que supón un lixeiro incremento con respecto ao ano anterior do 1,30 %. O estudo estima que a facturación do libro editado en galego en Galicia foi de 21,58 millóns de €, o que supón un incremento do 0,69 % con respecto a 2012. Tanto no caso do libro editado en Galicia (27,53 millóns de €) como o editado en galego (21,58 millóns de €), as librarías independentes  continúan sendo a canle de facturación privilexiada, nun 57,80 % no primeiro caso (15,90 millóns de €) e nun 60,30 % no segundo (13,01 millóns de €. Dos datos pode estimarse que as librarías e as cadeas de librarías galegas durante o ano 2012 venderon 95 millóns de euros, dosa cales corresponderon a libros editados en galego 14,5 millóns de euros. As vendas do libro en Galicia teñen un forte carácter estacional, concentrándose nun 62,6%no segundo semestre do ano. No que atinxe ao pagamento de dereitos de autor, en 2012 foron 1,49 millón de € (o 5,20 % das vendas), o que supón unha diminución do 4,48 % con respecto a 2011, ano no que os editores galegos pagaron 1,56 millón de € (o 5,80 % das vendas).

Se cruzamos estas cifras de facturación, obtemos que a cota de mercado en Galicia dos libros editados polos membros da Asociación Galega de Editores foi en 2012 do 18,56 %. A cota de mercado do libro editado en galego sería o 14,55 %, o que supón un incremento do 0,55 % con respecto ao ano anterior, supoñendo para a canle libreira o 15,26 % da súa facturación.

Se relacionamos estas cifras de facturación coas que o sector manexaba en 2008, –ano no que a facturación do sector acadou os 33,04 millóns de €), a redución foi do 16,76%, o que estimamos que a prezos constantes supoñería unha porcentaxe superior ao 30%. No caso da edición en galego, o sector non é capaz de superar sequera as cifras dos ano 2007 (21,98 millóns de €) e 2008 ( 23,27 millóns de €), as mellores marcas da súa historia. No caso do volume de edición, o número de exemplares fabricados, tanto para a edición en Galicia como para a edición en galego, é inferior ao de 2008.

O estudo de Comercio Interior de 2012 estima a perda de emprego no sector editorial privado galego no último ano nun 19,60 %, sendo 190 persoas as que forman parte dos cadros de persoal das empresas. Perdas que dende o ano 2008, cando se estimaba o emprego en 308 persoas, acumulan unha redución do 38%. O informe tamén evidencia a redución do número de empresas do sector con actividade, que se reduce a 39, moi lonxe das 45 do ano 2008.

Nunha segunda anotación, debullaremos os datos sobre a edición e facturación por xéneros do libro editado en Galicia.

Onte 751: Liber 2013

Decepcionoume Liber 2013. A mudanza de ubicación a Madrid Arena non abondou para facer despegar unha feira na que se puxo en evidencia a profunda crise do sector editorial español e a actitude melancólica de boa parte dos editores. Crise expresada de forma contundente polos datos do estudo de Comercio interior del libro 2012 (presentado ao comezo da feira) que amosan unha redución das vendas do 10,9% no conxunto do sector (2.471,48 millóns de euros); un decrecemento do 4,9% no número de títulos editados  (79.175) e xa de apenas o 2,2% dos exemplares fabricados (280 millóns). Crise considerada estrutural pola maioría dos editores, como consecuencia do tránsito do paradigma da comunicación cultural e do proceso de hibridación do soportes de edición. Un diagnóstico que obriga a reconsiderar as bases sobre as que funcionou, ate agora, a cadea de valor do negocio editorial. Datos e actitudes que, porén, contrastan coa escasa presenza de novos proxectos e iniciativas nos corredores deste Liber, onde nin sequera no mal chamado «Corner Digital» se presentaron grandes novidades, quizais coa excepción dos diversos proxectos de préstamo bibliotecario de e-books e da plataforma Nubico, que fixo un importante esforzo publicitario.

Polo que atinxe á presenza galega, máis alá de que por segundo ano consecutivo nin a Xunta de Galicia nin a Asociación Galega de Editores tivemos na feira espazo de seu (os medios cos que contamos non o permiten), o máis novidoso foi a presentación de Sueños del Gatipedro, un selo infantil do que son socios a editorial Galaxia e Fol Música da discográfica Boa. As dúas primeiras e magníficas novidades, o salto ao castelán de Mamá Cabra e Magín Blanco, aventuran para o proxecto un éxito que agardamos rotundo.

Con todo, o que máis atención me chamou deste Liber foron as intervencións dos políticos do Partido Popular na cea de entrega dos Premios de Fomento da Lectura, que foi presidida polos príncipes de Asturias. Tanto José María Lasalle, secretario general de Cultura, como Ignacio González, presidente da Comunidad de Madrid, leron dúas excelentes pezas literarias sobre a historia do libro, o papel esencial dos editores e o valor do libro e da lectura para a formación integral das persoas. Porén, non fixeron referencia ningunha ás políticas públicas arredor do libro e da lectura. Ningún dos dous falou de recortes orzamentarios nas partidas para adquisición de fondos para bibliotecas ou para programas de fomento da lectura, o obxecto deste premios outorgados pola Federación de Gremios de Editores de España. Ninguén se referiu ao papel do sistema educativo na lectura nin sequera á posibilidade de apoio dos poderes públicos na promoción do libro editado en España no mercado internacional. Apenas unha referencia confusa aos retos da nova lei de propiedade intelectual e da «necesaria reforma do código penal no referido á loita contra a pirataría». Quedei abraiado, coma o resto dos presidentes das asociacións de editores que compartimos mesa, pola elegancia coa que se poden botar fóra os balóns máis comprometidos. Como tantas outras veces en actos deste tipo, saín coa impresión de que os responsables dos poderes públicos substituíron as políticas públicas de lectura por discursos fermosos sobre a importancia da lectura. Abóndalles. Deste xeito nin sequera xa teñen que xustificar os recortes nin a erradicación de programas básicos como o da adquisición de novidades editoriais para bibliotecas públicas.

O vindeiro ano será Barcelona quen recolla a testemuña da imprescindible renovación de Liber.

Onte 391: Liber e Frankfurt

A Xunta de Galicia e a AGE non contarán este ano con estand nin no Liber de Barcelona nin na Feira Internacional do Libro de Frankfurt. Rómpese así unha tradición de máis de dúas décadas de participación institucional conxunta da administración galega e do sector editorial privado nestas dúas citas, que até hoxe semellaban ineludibles. Outro efecto desolador dos recortes sobre as políticas públicas de lectura que amosa, ademais, a inexistencia dunha política estratéxica de promoción do libro e da lingua galega no mundo. O sector editorial privado galego estará presente en ambas as dúas feiras por medio dos editores que contrataron os seus propios espazos e pola viaxe comercial, organizada pola Cámara de Comercio, que a vindeira semana se realizará a Frankfurt. Agardamos que o vindeiro ano, o sector privado e a Xunta de Galicia recuperemos a colaboración no marco dun desenvolvemento estratéxico para o sector do libro que pasa neste eido pola creación dunha Oficina de promoción da literatura e do libro galego no mundo. Unha entidade pública privada que se responsabilizaría da difusión das axudas á tradución de obras publicadas en galego a outras linguas, de organizar a presenza institucional nas feiras internacionais do libro e da información web sobre o libro e a literatura galega. Agardo que vivamos tempos mellores.