Listado de la etiqueta: land_rover

Cubertas

Gustei moito da cuberta de Conta Sherezade (Xerais 2025) de Suso de Toro. Unha potente metáfora visual de Pepe Barro, o noso máis destacado deseñador gráfico contemporáneo, que chama a atención sobre esta excelente novela que indaga na memoria como motor da creación literaria. Cuberta cen por cen barrosá que nos lembrou as que Barro fixera para Polaroid (Xerais 1986) e Land Rover (Xerais 1988), títulos memorables da nosa narrativa e da propia edición. Cubertas as tres que respectan as condicións da edición de calidade: primeira, a editorial: a representación do contido do libro; segunda, a comercial: a atención do lectorado potencial na libraría ou na rede; e terceira, a do marketing: o recoñecemento da marca da editora e a coherencia coa colección da que forma parte. Un traballo de síntese gráfica, que obriga a unha lectura fonda e contextual do grafista e a escoller a arte final axeitada, entre os recursos da fotografía, a ilustración e a tipografía, sen menoscabo da conversa tripartita necesaria entre autoría, edición e deseño. Imaxe que forma parte fundamental do paratexto editorial, presente en cuberta, na cuarta de cuberta e nas lapelas, que nunca deben faltar nunha publicación de calidade. Concibidas como reclamo para o escaparate da libraría, dende que o editor Edmund Evans publicou en 1852 o primeiro libro cunha cuberta de cores, e sobre todo despois de Segunda Guerra Mundial, cando a edición se fixo industria editorial, as cubertas desempeñan hoxe un papel decisivo na cadea industrial do libro. Mais aínda cando o marketing editorial e a capacidade de inundar as mesas de novidades dos xigantes da distribución do sector, atribúen que a acollida da cuberta pode condicionar o 50 % das vendas previstas. O que non está de máis lembrar cando o libro galego libra a batalla pola súa existencia nas mesas e escaparates da libraría. Coidar a excelencia das imaxes de cubertas e dos seus paratextos, como do deseño do seu grafismo, é outro reto ineludible para o libro galego.

Publicado en Nós diario: 21/05/2025

Onte 1557: Os 60 de Suso de Toro

suso_de_toro_60O noso benquerido Suso de Toro celebrou onte o seu sesenta aniversario. Unha ledicia para as moitas persoas que o queremos e admiramos. Tras o regreso á docencia e o abandono da profesión de escritor en lingua galega, que durante dúas décadas exerceu con admirable dedicación, Suso deixou un baleiro na narrativa galega contemporánea da que é trabe de ouro. A súa pentaloxía alboral formada por Polaroid (1986), Land Rover (1989), Ambulancia (1990) Tic-Tac (1993) e A sombra cazadora (1994) revolucionou os camiños diversos da narrativa galega e abriu novos públicos para ela. Unha proeza que non foi aínda recoñecida como merece. Sen esquecer que os seus libros de ensaio, dende F.M. (1991), Ten que doer (2004) a Inmateriais (2013), compuxeron un discurso crítico sobre o estado das artes e a construción da nación dende a palabra. Inquedo, comprometido, xeneroso até o delirio, disposto sempre a dar a cara, a botar unha man no labor colectivo, Suso continúa compartindo opinións nos medios dixitais galegos, españois e cataláns. Todos os nosos abrazos e beizóns para o noso Suso.

Onte 1529: «Land Rover» en búlgaro

Land_rover_bulgaroContactei onte varias veces con Suso de Toro durante a súa viaxe camiño de Sofia onde foi convidado a presentar a súa edición de Land Rover en búlgaro. Unha publicación que constitúe outra proeza de Jonathan Dunne e Tsvetanka Elenkova, editores que apostan coma ningún outros coñecemos pola tradución da literatura galega, no seu caso ao inglés e ao búlgaro dende a súa editorial SmallStations. Xaora, esta tradución ten moita miga, tanto polo feito de poñer en valor diante doutro público outro dos nosos clásicos contemporáneos, escrito hai vinte e sete anos, que como Polaroid, Ambulancia, Tic Tac e A sombra cazadora revolucionaron a narrativa galega, como polo respecto e admiración co que sabemos está sendo recibido o escritor Suso de Toro. Esta tradución de Land Rover, novela na que está o xermolo da narrativa bíblica do autor, na que se inscriben a fábula e a historia, o mito e a realidade, espreita sobre a necesidade de estudar e pór en valor a obra dun autor fulcral das letras do noso tempo.