Listado de la etiqueta: jorge_llorca

45 anos de «Vagalume»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos 45 anos que se fixeron da aparición do primeiro número da revista infantil Vagalume:

Unha das sorpresas dos meus Reis deste ano foron sete exemplares da primeira etapa de «Vagalume», un agasallo dun meu amigo moi xeneroso que coñece a miña paixón polas publicacións infantís en galego. Confeso que tan extraordinaria e emocionante regalía provocou o interese por volver sobre aquela revista infantil en galego cuxos dous primeiros números apareceron no mes de xaneiro de 1975, ano no que morreu o ditador. Nun eido onde apenas existían os precedentes daquelas catro páxinas da revista «As Roladas« (1922), escritas por Cabanillas e ilustradas por Castelao e de «Axóuxere» (1974), suplemento infantil de «La Región» dirixido por Paco Martín, aqueles 46 números de «Vagalume», publicados ao longo de pouco máis de tres anos supuxeron polo seu alcance e calidade artística e material un fito pioneiro tanto para o campo cultural galego como tamén para a galeguización dos picariños e crianzas, sen esquecer a súa achega ao desenvolvemento do cómic e dunha literatura en galego dirixida para elas.

A historia do nacemento de «Vagalume» expresa unha creación de intelixente sutileza e xeneroso voluntarismo para a causa da galeguización educativa que naqueles días do Tardofranquismo, tras a aprobación do Plan Galicia (1969) e da LXE (1970) comezaba a ser timidamente consentida. Xosé María Méndez Domenech, principal promotor da publicación, un dos activistas do 68 compostelán, tras unha condena do TOP e o seu paso polo cárcere (1972), procurando a revalorización cultural do galego no mundo rural, concibiu o proxecto inicial dunha publicación infantil co nome de «A Tixola». Unha idea que comezou a ser difundida a través dos Coloquios Europeos de Parroquias, un movemento de sectores cristiáns que intentaban vivir unha fe inculturada en Galicia, e doutras instancias do profesorado galeguista que foron capaces de vencer os obstáculos para a inscrición dunha publicación periódica en lingua galega. Unha revista para a que Lumeiro S.A, a empresa editora, escolleu o nome de «Vagalume» coa intención de asociar ao coleóptero capaz de acender luciñas na noite (en galego tamén chamado lucecú, lucerna, verme de luz ou pirilampo) coa idea do futuro da lingua nos beizos dos cativos nosos. Unha metáfora visual que non perdeu forza ningunha.

Os números que recibín corresponden todos ao segundo trimestre de 1975, cando era dirixida por Marta García de Leániz, tiña a súa sede en Santiago, estaba impresa en Vigo por Artes Gráficas Galicia, ofrecía vinte páxinas, era supervisada polo Instituto da Lingua Galega da Universidade, aparecía con periodicidade quincenal e contaba (marzo de 1975) con 1.300 subscricións, das que os dous terzos correspondían a centros escolares rurais. Unha cifra que chegaría ás 5.230 en outubro de 1977, o seu momento de maior difusión, meses antes de que a directora fose substituída polo profesor Xosé Fortes Bouzán, antes membro da UMD (Unión Militar Democrática), e a publicación se asentase en Pontevedra até a súa desaparición (tragada polas perdas) en maio de 1978 cun número dobre, o 45-46, dedicado as Letras Galegas, no que se insería unha mensaxe de despedida non exenta de esperanza: «Adeus nenos. Que sexa deica logo».

Pasadas catro décadas daquel estoupido de entusiasmo, cando os nenos e nenas que participaban nos seus concursos, escribían as súas cartas e publicaban os seus contos, debuxos ou retratos en «Vagalume» xa teñen máis de cincuenta anos, a pesar de certa inxeleza a revista non perdeu nin a súa aura nin o seu valor. Se repasamos aquelas páxinas identificamos algúns dos contidos que despois se desenvolveron nunha escola en galego. Unha ampla relación de temas dende a vida das bolboretas de Galicia, pasando pola construción dun laboratorio meteorolóxico, a celebración do entroido, os xogos tradicionais e contos populares até os episodios principais da nosa historia e os lugares e accidentes da nosa xeografía. Páxinas nas que atopamos tamén contidos de matemáticas en galego, textos para os máis pequenos de Xosé Neira Vilas (daquela traballaba na Habana como redactor xefe da revista infantil «Zunzún») e varias planas de banda deseñada dos escritores Gonzalo Navaza, Jorge Llorca ou de Pablo Rodríguez «Oitabén», entre outros moitos.

Como non perderon valor as dúas páxinas dedicadas a Castelao no número 12 (xuño 1975) con motivo do 25 aniversario do seu pasamento, preparadas polo propio Ramón Piñeiro e ilustradas por Siro. Como premonitorio é o editorial no que se comenta a aprobación do decreto (maio 1975) polo que se incorporaron como materias optativas do Ensino Xeral Básico as linguas vernáculas, feito que a revista celebra, a pesar de que recoñece que «aínda hai moito camiño que percorrer». 45 anos do esforzo pioneiro de «Vagalume» non poden ser inútiles.

 

Onte 1126: A novela de Ferrol

Eduardo_Fra-Jorge_Llorca_23-10-14

Acompañamos onte a Jorge Llorca na presentación d’ O violín de Rembrandt en Ferrol. A libraría Sargadelos encheuse para escoitar os discursos de Eduardo Fra Molinero e o autor, vellos amigos ferroláns, sobre este Premio Blanco Amor de novela  no que as artes e a cidade de Ferrol teñen un grande protagonismo.

XG00226001Comezou Eduardo Fra referíndose ao «humor paveiro, moi de Ferrol, que impregna toda a novela, unha retranca moi especial que creo só se dá ao final do Noroeste». Confesou, despois, que sentia proximidade do protagonista, «ese profesor de Historia da Arte que vai poñendo diapositivas, lembroume os silencios que se producían nas miñas clases cando proxectabamos cadros de Veermer, o que eu denomino pintura silenciosa». «Ese personaxe entra con moita initimidade no lector, vive nunha cidade na que chove moito, refuxiándose en espazos bastantes íntimos, cantinas, bares, tascas e cafetarías. Unha cidade de interiores como é a nosa, Ferrol. Interesoume este profesor, quizais por identificación setimental, mais tamén polo feito de que procurase o refuxio na arte como profesional, mais tamén como vivencia, xa que na arte, como noutras dimesións da economía, cómpre diferenciar entre valor e prezo». «Dámoslle o mesmo valor a un violín se sabemos ou non que é un stradivarius? Ou a un cadro se é un Rembrandt?»

Continuou Eduardo Fran confesando que lle impresionaran «algunhas descricións das paisaxes ou a narración de situacións moi divertidas, como a da carreira de cabalos que semella unha sublimación da feira do trece». «Como tampouco puiden quitarme da cabeza cousas referidas á visión que tiñamos da nosa cidade, nas que semellaba escoitar ao autor nas nosas conversas de hai anos, onde estaba moi presente esta ollada especial con ese humor paveiro. Nesas conversas aprendín o significado da palabra “chambón”. Dende aquela sei que aquí en Ferrol, como sucede na novela, podía aparecer nalgún chambón un stradivarius, por que non?»

Rematou Eduardo Fra facendo unha reflexión sobre a percepción que existe de Ferrol, «unha cidade da que constatemente se escoita falar mal». «A novela de Jorge conta como se fose un psiquiatra todas as intimidades, frustracións, emocións, todas as ensoñacións desta cidade. Como historiador sei que iso só se pode facer dende as novelas. Conseguiuno Torrente para representar o Ferrol da década dos corenta na Voda de Chon Recalde,  consígueo agora Llorca n’ O violín de Rembrandt para representar o Ferrol de finais dos setenta.» «Sei que todas as cidades teñen novelas que van explicando o seu corazón íntimo. O violín de Rembrandt ofrece o de Ferrol. Sei que esta novela vaille tocar a fibra a moitos ferroláns. Recoméndoa moito.»

Onte 1112: «O violín de Rembrandt»

o_violin_de_rembrandt_09-10-2014

Magnífica primeira presentación d’ O violín de Rembrandt, a novela de Jorge Llorca gañadora do Premio Blanco Amor 2013. A magnífica sala cultural da Librería Arenas encheuse para escoitar ao autor e ao  Xabier DoCampo falar dunha novela na que dialogan as artes plásticas e a literatura. Comezou Docampo abeizoando a elección de Patrick Modiano como premio nobel de literatura. Referiuse despois ao que entendía por novela: «unha narración que conta o que lle sucede a uns personaxes nun tempo e nun lugar concreto, utilizando unha linguaxe determinada, o que a converte en obra literaria». «Coa novela de Llorca, entramos non só no territorio da narración, tamén no da literatura.» Insistiu Xabier na importancia do lugar na novela, «xa que un individuo fabrica alí o seu destino, rodeado doutras persoas que só alí cobran significancia». «Na novela de Llorca, na que chove durante toda ela, o lugar cobra unha significación histórica». A seguir, salientou a importancia duns personaxes, «que se lle van pegar ao lector», »rodean ao protagonista e toman esa cidade nunca nomeada, rodean a un home en soidade». «A soidade é o tema principal desta novela.» »O destino fai que cando as cousas van rodando paren no pé do protagonista, un iluso, un soñador, un pobre infeliz, de xeito que a fortuna quede enchoupada aos seus pés. Alí se lle abren os seus soños.» «Esa fortuna que lle toca en forma dun rembrandt e dun stradivarius. Con estes dous elementos Jorge arma unha novela que ten todos os elementos acaídos para conquistas ao lector e facelo sen ningún tipo de concesión.»

Continuou Docampo referíndose ao carácter xeracional d’ O violín de Rembrandt: «esta é unha novela dun tempo, entre os anos 1979 e 1980. Todo na novela tende a referenciarse no pasado.» Sinalou o seu carácter musical: «esta é unha novela chea de música, que constitúe a recuperación da música de toda a vida do protagonista. Sabemos que a música ten un papel evocador na nosa vida. Isto está moi presente na novela». Referiuse o presentador a esta altura do seu discurso ás relacións entre pintura e literatura: «na novela de Jorge o personaxe é o propio tempo, xa que a literatura o que pretende atrapar é o tempo, mentres a pintura é a luz». «esta é unha novela da arte, que ten unha presenza continua». Abordou tamén os personaxes, »esta é unha novela de tipos e non de arquetipos. Llorca fai máis forza na singulariedade ca na súa representatividade». Detívose o orador na cuestión do humor e da retranca na obra:«esta é unha novela chea d ehumor, impregnada de humor irreverente e cósmico». «É tamén unha novela absolutamente retranqueira. Ollo!, a retranca non é a ironía. A retranca é darlle as voltas a cousa para mirala do outro lado». Xa no treito final da súa intervención, Docampo caracterizou O violín de Rembrandt como novela de intriga «construída de forma maxistral, cun comezo a media res que constitúe un acerto». Despois de gabar o xeito de artellar os planos en continuidade. rematou sinalando «acertos literarios tremendos nunha xoia literaria a carón doutras xoias do Premio Blanco Amor».

Onte 1071: Outono literario

outono_literarioEmulando a famosa «Rentrée literaire» francesa, anunciamos onte as primeiras novidades do outono literario de Xerais. Recuperamos así as rotinas da promoción e a ilusión pola aparición nas librarías de novos proxectos, algúns tras moito tempo de de traballo autoral e de edición do noso equipo, como o Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato, coordinado por Xosé Cid Cabido, a novidosa serie «Formig4s» de Pere Tobaruela e Andrés Meixide ou o libro sobre Los Suaves que preparou Javier Domínguez para a serie Extramuros. Anunciamos tamén a prometedora colleita dos Xerais 2014 de Ledicia Costas, María Reimóndez e Eduardo Santiago; o regreso aos andeis das narracións de Suso de Toro, Jorge Llorca, Xabier Quiroga, Carlos Reigosa; así como as novas entregas das series xuvenís de Jaureguizar e Anxo Fariña. E no mes de novembro aparecerán novos títulos de Diego Ameixeiras, Manuel Portas, Carlos Callón, Marilar Aleixandre, Xosé Ramón Pena, Xosé Tomás… As nosa angueiras continúan sendo procurar a excelencia nun catálogo dirixido a públicos diversos e visibilizar as nosas publicacións na libraría e nos diversos espazos de comunicación cultural. Comeza, pois, para nós, a campaña de outono.

Onte 959: Máis sobre a Xeración da Esperanza

antoniagamallo_1362227675_82Tras diversos comentarios e conversas comprendín que non estiven moi acertado cando definín a Xeración da Esperanza só polo criterio da idade. Sen dúbida é máis axeitado para confeccionar esta nómina de narradores e narradoras utilizar a data da súa primeira publicación individual arredor do inicio do novo século.

Dese xeito, á relación anterior habería que engadir a narradoras como Medos Romero (2000), Eva Moreda (2002), Dolores Ruíz (2002), Anxos Sumai (2003), An Alfaya (2003), Chelo Suárez (2003), Teresa Moure (2004), Begoña Paz (2004), Rexina Vega (2007),  Mariña Perez Rei  (2007), María Solar (2008), Elena Gallego (2010), Goretti Fariña (2011); así como a narradores como Manuel Veiga (1998), Xabier López López (1999), Xesús Fraga (2000), Hixinio Puentes (2000), Xabier Quiroga (2002), Xosé Monteagudo (2002), Miguel Anxo Fernández (2002), Xesús Constela (2003), Xerardo Agrafoxo (2003), Adolfo Caamaño (2004); Anxo Fariña (2004), Daniel Ameixeiro (2004), Sechu Sende (2004), Marcos Calveiro (2006), Xurxo Sierra Veloso (2006),  Agustín Agra (2006), Rafael Laso (2006), Domingo Villar (2006), Héctor Carré (2007), Carlos Freire (2007), Silverio Cerradelo (2007), Xosé Manuel Pacho Blanco (2007), Juan Tallón (2007),  Xabier Paz (2008), Alberto Canal (2008), Jorge Llorca (2009), Manuel Portas (2010), Iván García Campos (2010), Ignacio Silva (2011),  Xaime Toxo (2011), Manuel Iglesias Turnes (2012), Ignacio Vidal Portabales (2013), Xosé María Lema (2013), Pere Tobaruela (2013), Manuel Gago (2013), entre outros.

En definitiva, son máis de setenta as narradoras e narradores en lingua galega –aos que con certeza habería que engadir algún nome que queda atrás (polo que pido desculpas)– que iniciaron o seu vieiro co novo século. Unha noticia para a esperanza da nosa narrativa en tempos de difíciles.

Onte 728: Novos Blanco Amor

Revisamos onte os ferros de Dióxenes en Dolorida de Ignacio Vidal Portabales, obra gañadora o pasado ano da XXXª edición do premio Blanco Amor. Unha novela inusualmente divertida para a literatura galega actual, mesmo moi atrevida na introspección que propón sobre as relacións de parella entre homes e mulleres, coa que este profesor de Mercantil da Facultade de Dereito da USC, descoñecido nos ambientes literarios, inicia o seu percorrido na narrativa galega. Aparición sorpresiva e inminente que coincide co fallo esta fin de semana polo concello de Ferrol da edición deste 2013 do premio Blanco Amor, que recaíu na novela de Jorge Llorca O violín de Rembrandt; novela (cen por cen ferrolá) que, como coa anterior, moito me fixo rir, unhas veces polo seu carácter paródico, outras polo carácter irreverente dos acontecementos relatados. Dous Blanco Amor enfiados tanto polo carácter anovador e divertido das novelas gañadoras como polo feito curioso de ser escritas por autores debutantes serodios sen vinculación profesional co mundo literario, o que quizais poida supoñer unha interesante ampliación de límites para a nosa narrativa. Novelas e autores que merecen a nosa atención.