Lugares e días vigueses da memoria
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao caso vigués do inventario de lugares da memoria:
A Lei 20/2022 de Memoria Democrática no seu artigo 51 establece a creación dun Inventario Estatal de Lugares de Memoria Democrática como instrumento de publicidade e coñecemento dos mesmos. En Galicia, até agora, foron incluídos a cidade de Ferrol, o Pazo de Meirás no concello de Sada e as Illas de San Simón e San Antón de Redondela, utilizadas polos sublevados como penal onde foron recluídas até 5.616 persoas entre as que se contabilizaron 517 mortes, ademais das que se produciron en «paseos» e fusilamentos. Como Lugares de Memoria Democrática, estes espazos deben contribuír á reparación e conmemoración da dignidade das vítimas, sen esquecer a súa función didáctica para visitas escolares. O que é importante no caso de San Simón, propiedade da Xunta de Galicia, obrigada a redefinir os seus usos actuais, como reclaman os colectivos galegos da memoria, abandonando o modelo turístico e de lecer, para convertela en monumento á resistencia e dignidade das vítimas e en lugar de instalación dun Centro de Interpretación e Documentación sobre a represión franquista, onde celebrar actividades culturais vinculadas coa temática da memoria, a paz e os dereitos humanos.
Certo que as illas non son o único espazo da memoria do Vigo metropolitano, onde se estiman foron fusiladas ou paseadas 203 persoas en diversos lugares que deberían ser lembrados e resignificados. En primeiro lugar, a Porta do Sol, onde o 20 de xullo de 1936 caeron as primeiras vítimas, entre elas Lenin Moreda, un rapaz de quince anos, vítima do fogo aberto sen previo aviso polo pelotón de soldados ás ordes co Capitán Carreró durante a lectura do bando de guerra. Acontecemento do que se cre deixou algunha pegada no mural publicitario de mosaico do león, case centenario, que acaba de ser restaurado. Como deben ser lembrados «Os mártires de Pereiró», fusilados na tapia do cemiterio o 27 de agosto de 1936, entre eles os alcaldes de Vigo, Emilio Martínez Garrido, e de Lavadores, José Antela Conde; ademais do impresor Enrique Heraclio Botana, responsable da UXT en Vigo durante catro décadas; o mestre Apolinar Torres López, presidente da agrupación socialista e responsable da «Página Pedagógica» de Faro de Vigo; o médico e veterano concelleiro Waldo Gil Santostegui; o concelleiro Ramón González Brunet; o panadeiro e candidato da Frente Popular Ignacio Seoane Fernández; Manuel Rey Gómez, delincuente común coñecido como «Vilagarcía» e os irmáns Antonino e Demetrio Bilbatúa Zubeldía, membros dunha familia socialista fortemente castigada polos sublevados.
Merecen lembranza os sete presos sacados sen explicación ningunha do cárcere vigués na madrugada do 15 de setembro de 1936, cuxos corpos baleados na caluga foron atopados de mañanciña na estrada por un grupo de leiteiras de Mos nunha curva próxima ao cemiterio de Cabral. Vítimas da chamada «Saca de Puxeiros», identificadas como Eugenio Arbones Castellanzuelo, xinecólogo e deputado socialista nas constituíntes; Adolfo Morgade Pazos, médico; Segundo Echegaray García, fillo do primeiro presidente de Tranvías Eléctricos de Vigo; Luís Bilbatúa Zubeldia, xefe do servizo de Telégrafos; Inocencio Taboada Montoro, exportador de peixe; Abraham Muñoz Arconada, funcionario de prisións e Marcial Araújo Conde, sindicalista comunista.
Como a represión continuou o 10 de decembro de 1936 no monte do Castro co fusilamento dunha ducia de persoas: Constante Moreda Vázquez, barbeiro e gaiteiro; o seu irmán, José Moreda Vázquez, contratista de obras; o pai de ambos os dous, Manuel Moreda Outeiral; Fernando Costas Méndez, carpinteiro; Manuel Acuña Gómez, o «Carabellón», pintor; Luis Ferreira Vieitez; José González Andreu, zapateiro; Fernando Lago Fernández, carpinteiro; Luis Martínez Román, albanel; Antonio Sayar Carrera, labrego; Manuel Núñez Álvarez, «Cachamuíña», panadeiro e Urbano Rodríguez Moledo, funcionario de arbitrios e escritor.
Datas e lugares referidos a represión inicial do 36, que continuaría no monte do Castro, onde foron executadas 136 persoas até abril de 1942. Outrosí sucede con episodios excepcionais como o asalto no porto ao bou Eva o 23 de abril de 1937, onde se suicidaron nove republicanos que pretendían fuxir, os paseos no monte da Guía ou na praia de Alcabre entre outros. Acontecementos que configuran unha xeografía da memoria que debe ser recoñecida e recoñecible para a veciñanza viguesa. A presenza da Cruz dos Caídos presidindo a escalinata do Castro e o Campo de Granada, monumento inaugurado polo propio caudillo en 1961 e deseñado con inequívocas connotacións franquistas, a pesar da súa insostible «resignificación relixiosa», é incompatible co espírito da Lei de Memoria Democrática e coa dignificación, coñecemento e publicidade destes espazos e días da memoria.











Lin con moito interese
O libro narra a vida cotiá en condicións deplorábeis dun dos 300.000 refuxiados, a maior parte deles, como Santiago, ex-combatentes do exército da República, nos campos de concentración de Saint Cyprien, Le Barcarès e Argelés-Sur-Mer. Lonxe de pretender retratar heroísmos, a obra relata en primeira persoa a miseria, a desgraza e o sufrimento dos internados, sometidos a situacións extremas, agravadas polas condicións climáticas, pola falta da mínima hixiene, a carencia de instalacións sanitarias, a escaseza de alimentos e auga e a crueldade dos gardas senegaleses. Xaora, ao autor cando fai memoria relatando as anécdotas desta vida tan precaria non lle falta nin o humor nin o xeito literario para construír unha peza emocionante para o lector, mesmo a pesar de que a súa intencionalidade, recollida dende o propio limiar, é ofrecer apenas un documento fidedigno e veraz sobre a vida dos exiliados españois nos campos de concentración franceses antes da ocupación alemá.
O rescate do esquecemento deste mecanoscrito constitúe, ademais, unha oportunidade para lembrar a Antonia Rodríguez Salinas, «Dona Antonia», a mestra que coa súa firmeza e sensibilidade marcou dende a súa escola da rúa Telmo Bernárdez a varias xeracións redondelás. Natural dun pequeno pobo de Guadalaxara chegou a Redondela co seu fillo Santiago para acompañar ao seu amor encarcerado na illa, unha historia extraordinaria merecedora de ser rescatada con outro lapis do carpinteiro literario. Como inesquecible e o seu labor como mestra de primaria, que utilizaba os textos de Federico García Lorca para a aprendizaxe da lectura e da escritura e axeitaba aquelas enciclopedias de Álvarez para que as súas clases de historia e xeografía preparatorias para os exames por libre fosen inesquecibles para os seus alumnos e alumnas. Memoria do labor educativo de dona Antonia que como a doutras esquecidas mestras particulares do franquismo merece ser recuperada.

















