Listado de la etiqueta: ige

Desastre

Tras coñecer un adianto dos datos da enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre uso e coñecemento do galego (2023), non é doado escoller a palabra que mellor representa a situación de retroceso que sofre a nosa lingua. Unha catástrofe representada pola porcentaxe histórica de 53,77 % de castelanfalantes que superan a de 46,23 % de galegofalantes ou por esoutra non menos alarmante de 80,79 % do alumnado de ensino obrigatorio menor de catorce anos que nunca emprega o galego de forma habitual, o que supón apenas un colectivo de 31.000 galegofalantes. Como desacougante é que nese tramo de idade escolar o 32,44 % do alumnado recoñece non saber falar en galego, cifra que duplica a de 2008, o que amosa o fracaso do modelo de educación plurilingüe incapaz de garantir o obxectivo, recollido nos documentos curriculares vixentes, de acadar idéntica competencia oral e escrita en ambas as dúas linguas oficiais ao remate do ensino secundario obrigatorio. Agravado nas cidades, como é no caso de Vigo, onde os galegofalantes representamos apenas o 13,46 % ou tamén na Coruña o 15,18 %, e, sobre todo, entre a rapazada onde apenas supoñen o 16,19 %, moito menos da metade ca vinte anos antes, semellante desastre agoira que na fronteira de 2040 desapareza de forma irreversible a cativada que fala galego, o que constituiría o anuncio dunha extinción anunciada. Datos que obrigan ao goberno de Alfonso Rueda a mudar de raíz a súa política lingüística educativa e derrogar decontado o Decreto 79/2010 de plurilingüismo, tanto polo obxectivo fracaso que representan estas cifras de uso e coñecemento entre a poboación escolar como para asumir a responsabilidade ineludible no seu fomento e protección. Só así podería recuperarse o consenso necesario para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua de 2004, acordo roto, non o esquezamos, pola doutrina de «imposición del gallego» coa que Feijoo gañou as súas primeiras eleccións e comezou o desastre para o idioma galego que hoxe lamentamos.

Publicado en Nós diario: 16/10/2024

Que pasa co galego en Vigo?

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos datos do estado da lingua en Vigo:

Das sete cidades galegas, Vigo é onde menos galego se fala: apenas o 15,4 % da poboación viguesa afirma ser usuaria prioritaria do galego (o 49,3 % en Galicia), segundo datos da enquisa do Instituto Galego de Estatística de 2018, recollidos por Fernando Ramallo, catedrático de Lingüística da Universidade de Vigo no seu libro recente (recomendabilísimo e referencial), Que pasa co galego. 32 preguntas sobre a situación social da lingua (Xerais 2023). Porcentaxe da cidade olívica que hai dez anos era do 24,7 %, o que para o sociolingüista vigués constitúe «un exemplo paradigmático de castelanización» e supón unha «evolución demoledora que de continuar coas condicións que favoreceron esta castelanización recente, o uso do galego será case residual nas xeracións seguintes».

Situación dramática para o galego, semellante á de Ferrol (17,7 %), A Coruña (20 %) e Pontevedra (23 %), cidades tamén moi castelanizadas, que contrasta coas dos núcleos urbanos máis galegófonos Lugo (44,7 %) e Santiago (43,9 %), como en certa medida sucede en Ourense (33,5 %). Porcentaxes desacougantes dunha presenza xa anecdótica do galego en Vigo ás que se unen as non menos significativas do 2,1 % dos fogares vigueses nos que todos os seus membros maiores de cinco anos falan galego habitualmente, cando a media galega é do 22,7 %, e de que en máis do 90 % dos fogares vigueses ningunha persoa fala habitualmente galego, como sucede tamén en Ferrol e A Coruña, cando a media de Galicia é do 60,4 %.

Non obstante, en Vigo o cativo uso do galego non é uniforme en todo o concello, como sucede tamén no resto das cidades e áreas urbanas onde o galego xa non é a lingua que máis se escoita, xa que continúa habendo barrios, parroquias ou actividades onde hai moitos máis galegofalantes ca noutros e nas que se manteñen variedades diatópicas non sempre visíbeis no resto da cidade. Por ventura en Beade, Candeán, Matamá, Sárdoma, Castrelos ou Zamáns, entre outras parroquias citadas por Fernando Ramallo, ou nas festas populares de San Brais ou San Roque ou nos mercados dominicais de Bouzas ou durante a representación da Reconquista ou mesmo nas bancadas do estadio de Balaídos, «escoitaremos un galego vivo, sobre todo entre a poboación de máis de 50 anos».

Non é doado explicar o devalo desta presenza do galego en Vigo intensificado no que vai de século XXI, un período no que o castelán consolidouse como lingua predominante na rúa, tanto nos usos familiares e coloquiais como nas interaccións comerciais e administrativas, ademais de ser a lingua empregada habitualmente nas emisións da radio e televisión locais por parte do alcalde e dos concelleiros e concelleiras, coa excepción dos nacionalistas. Dende hai oito décadas, coincidindo coas primeiras décadas da ditadura franquista, o castelán foi devorando ao galego que quedaba nas cidades galegas, probablemente, por ser considerada como a lingua do progreso e do benestar, facilitadora da mobilidade social, un proceso que coincidiu coa imparable urbanización da sociedade galega, que en Vigo supuxo se duplicase a poboación e se fose reducindo progresivamente o número de galegofalantes.

Secasí, o problema principal para o futuro do galego non é tanto que non sexa utilizado pola mocidade como que o galego xa non se escoita nos seus fogares. Unha cuestión relevante xa que, salienta o profesor Ramallo, «a lingua aprendida en espazos alleos ao núcleo familiar non garante o seu uso, ficando, mesmo residual». Unha inseguridade que ten moito que ver cos prexuízos cuñados sobre o uso do galego que conforman toda unha ideoloxía que deforma a percepción do idioma, dende que o galego é unha lingua que proporciona menos oportunidades laborais, educativas e sociais ca o castelán e o inglés, pasando de que falar galego é cousa de vellos ou de persoas de aldea até que é sinal inequívoca de militancia no bloque ou do pertencer ao colectivo do profesorado de galego.

Falemos galego ou falemos castelán, dificilmente contaremos os vigueses e viguesas (como o resto de galegos e galegas) cunha singularidade tan nosa que ao mesmo tempo nos diferencia e identifica como é a do idioma galego, unha alfaia milenaria de valor incalculable, patrimonio colectivo (material e inmaterial) que a todos define e a todos corresponde evitar a súa desaparición. Unha situación que non é doado reverter, mais que debe ser considerada polo concello de Vigo como unha das súas actuacións patrimoniais preferentes. Respectar a vixente e modélica Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1988, poñer en marcha un estudo para coñecer en profundidade a actual situación sociolingüística na cidade e fortalecer o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística e do Consello Social da Lingua son actuacións que non poden ser adiadas.

En galego Vigo vai

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre a situación do idioma galego ao fío da enquisa estrutural a fogares do IGE sobre coñecemento e uso do galego e do castelán en Galicia:

A recente enquisa estrutural a fogares sobre o grao de coñecemento e uso (oral e escrito) do galego e do castelán, realizada en 2018 polo Instituto Galego de Estatística, amosa o preocupante estado da nosa lingua, sobre todo entre as xeracións novas e nos espazos urbanos. Unha radiografía sobre a realidade social do seu uso que expresa a consolidación dunha fenda lingüística xeracional, xa que a pesar de que o galego é lingua coñecida polo 88,05 % da poboación maior de 5 anos e falada polo 52, 29 %, o castelán xa é a primeira lingua das xeracións novas, tanto para a poboación en idade escolar, entre os 5 a 14 anos (73,88 %), como para a mocidade, as persoas entre os 15 a 29 (62,61 %).

Situación que se mantén no ámbito familiar onde o 44,34 % dos pais e nais falan en galego sempre cos seus fillos, cifra que se reduce ao 34,12 % nas súas relacións de amizade, ao 29,57 % cos colegas de traballo ou ao 27,88 % cos médicos. Fenda lingüística que se agranda a nivel dos usos escritos habituais, onde o galego apenas acada o 16,88% das persoas enquisadas, porcentaxe que sube até o 36,19% entre aquelas falan sempre en galego. Cifras, en todo caso, que expresan a consolidación da tendencia de substitución do galego polo castelán, tanto no seu uso como coñecemento, o que semellaría máis incomprensible, tras a entrada do galego na escola dende hai catro décadas. En definitiva, un número considerable de cidadáns mantén a súa lealdade coa utilización do galego como a súa lingua vehicular primeira, aínda que este uso diminúe nos espazos sociais formalizados. Expresado doutra forma, canto máis vellos somos, máis galego falamos; e canto máis novos, utilizamos máis o castelán.

Sen esquecer, ademais, que canto máis grandes son as localidades se reduce de forma moi apreciable a utilización do galego como primeira lingua habitual dos fogares: un 45,70 % nas de menos de 10.000 habitantes e só un 5,66 % nas de máis de 50.000. Entre as sete grandes cidades ábrese outra fenda lingüística, xa que é importante a diferenza existente entre o 44,70 % da poboación do concello de Lugo que fala habitualmente en galego e o 15,21 % da do concello de Vigo. Cifras de galegofalantes habituais entre as que se sitúan a do concello de Ferrol (17,69 %), da Coruña (19,98 %), de Pontevedra (23,00 %), de Ourense (33,51 %) e de Santiago de Compostela (43,89 %). A maior cidade galega, Vigo, é na que se emprega máis o castelán de forma habitual (84,80 %), o que non impide que a cifra de galegofalantes aumente até o 25,50 % no conxunto da comarca de Vigo (territorio que inclúe Redondela, Val Miñor e Louriña) e ao 40,56 % no Morrazo. É ben triste recoñecer que a altura de 2018, o concello de Vigo é o pechacancelas da clasificación de galegofalantes.

Porcentaxes que apuntan a un devalo considerable do número de galegofalantes (a metade en apenas dúas xeracións), como a unha preocupante tendencia á desaparición do idioma galego, sexa pola súa incapacidade para facerlle fronte á presión homoxeneizadora da cultura urbana como para preservar a súa transmisión xeracional nas cidades metropolitanas, mesmo a pesar da resistencia (heroica) de moitas familias comprometidas en non rachar esa cadea milenaria. Cifras que expresan o fracaso das políticas lingüísticas no ámbito educativo, onde a pesar dunha teórica utilización parella de ambas as dúas linguas dentro das aulas, o seu emprego oral nos patios de recreos redúcese á metade. Como tampouco podemos considerar satisfactorio para o futuro do galego que a pesar de que o seu uso protagonice o 26,28 % dos textos das redes sociais, supoña apenas o 3,96 % da lectura de prensa ou o 5,14 % da de libros.

Diante de situación tan inxusta e desigual para o futuro do idioma galego, non é momento para o conformismo nin para agardar unha doce agonía. Cómpre actuar tanto dende as competencias e responsabilidades das administracións públicas como dende a iniciativa colectiva cidadá, sen menoscabo do imprescindible compromiso individual, tan necesario para crear modelos de comunicación alternativos e superar tantos prexuízos, un dos virus máis perigosos para o futuro do galego.

No caso do concello de Vigo abandonar a derradeira posición no emprego do galego debería constituír unha ansia compartida por todas as institucións, asociacións e cidadanía viguesas. Non estaría de máis actualizar e velar polo cumprimento da Ordenanza de Normalización Lingüística de 8 de novembro de 1988, aínda en vigor, a primeira das aprobadas en Galicia. Como tampouco estaría de máis, rememorando aquela modélica campaña en man común de 1994 «En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai», promovida polo concello de Vigo e a Xunta de Galicia, que os responsables públicos se comprometesen a utilizar o galego de forma preferente nas súas intervencións.

 

Onte 1667: Cifras do sector cultural en Galicia

Luzes30Nos últimos días publicáronse varios traballos nos que se fixan as cifras claves do sector cultural en Galicia. Os dous magníficos artigos publicados no monográfico das Letras da revista Luzes, “Canto pesa a cultura?” de Marcos Lorenzo e “Cultura e subvencións: crónica dunha fábula” de César Lorenzo, desfán prexuízos moi consolidados sobre as dimensións do sector. Xaora, o estudo Instituto Galega de Estatística Análise do sector cultural (un informe de 58 páxinas que pode baixarse en pdf) pon en evidencia a importancia dun sector que en 2011 supuxo o 2,0 % do PIB galeego (1.103.918 €) e un 3,0 % do emprego (30.878 persoas ocupadas), cifras próximas ás doutros sectores claves da economía galega como o da pesca (2,1 % do PIB e 2,9 % do emprego) ou o da fabriacación de automóbiles e compoñentes (2,3 % do PIB e 1,7 % do emprego). Tempo haberá de debullar as cifras deste informe sobre o noso sector cultural que achega datos por subsectores e tipos de actividade. Sorprendente.

Rescate do galego

No artigo da semana en Faro de Vigo xustifico a necesidade de artellar un plan de rescate para o galego, ao fío dos datos do ICE sobre coñecemento e uso do galego en 2013.

galegoOs datos do IGE sobre coñecemento, uso habitual e inicial do galego en 2013 expresan a aceleración do proceso de substitución lingüística en Galicia. O galego sofre unha hemorraxia dos seus falantes habituais, que aínda son a metade da cidadanía, mentres que o número daquelas persoas que en Galicia falan sempre ou principalmente castelán avanza en todos os tramos de idade e espazos xeográficos, sendo xa esta lingua maioritaria en case todas as cidades e entre os menores de 29 anos.

Esta consolidación do monolingüismo castelán, fenómeno moi intenso nas tres cidades portuarias atlánticas, intensificouse dende 2008 un 17,50 % entre os menores de 15 anos, que utilizan o castelán nunha porcentaxe que supera o 75 %, cifra á que sen dúbida non foi allea a modificación da política lingüística educativa do goberno de Núñez Feijoo. Datos que agoiran un futuro dramático para o galego, situado no entorno do actual devalo demográfico ao bordo do perigoso cantil da súa posible desaparición neste mesmo século.

Se a lingua propia de Galicia, definida así no Estatuto de Autonomía, esmorece nestes últimos anos a velocidade de vertixe non é por causas naturais. É difícil non reparar en que foron as presións de pequenos grupos negacionistas e as súas reiteradas mentiras de “la imposición del gallego” as que levaron a Feijoo, cando chegou a presidir a Xunta de Galicia, a abandonar o consenso social e político forxado arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que avalara en 2004 sendo vicepresidente do derradeiro goberno Fraga.

Como son innegables os retrocesos para o uso da lingua galega, aí están os datos do IGE, que supuxo a posta en vigor en 2010, o tan mal chamado “Decreto de Plurilingüismo (pendente aínda de resolución xudicial), polo que o galego foi practicamente erradicado só nun par de cursos académicos dos centros de Educación Infantil e eliminado dos currículums de Matemáticas e Física e Química da educación obrigatoria, coa mesma urxencia e idéntica conmoción que require extirpar un tumor diagnosticado de daniño. Dende entón o galego non só perdeu uso entre as nosas crianzas de Infantil, privadas da súa aprendizaxe en idade tan decisiva para a consolidación das competencias de comunicación lingüística, sobre todo da lectoescritura, tamén perdeu prestixio e valor para as súas familias, consolidando actitudes negativas e prexuízos lingüísticos atávicos que comezaban a ser superados.

Ninguén pode sorprenderse agora que o galego sexa considerado pola primeira infancia como unha lingua escolar estraña e allea, coa que teñen o seu primeiro contacto como vehicular ao comezo da Primaria. Como ninguén pode negar que quedase subalternizada fronte ao castelán á hora da consecución do obxectivo da dobre e idéntica competencia en ambas as dúas linguas ao remate da ESO, imprescindible para garantir a liberdade lingüística de toda a cidadanía galega, que hoxe só ten garantida á que escolle instalarse en castelán. Os que optamos por instalarnos nas nosas vidas en lingua galega tamén merecemos que sexan respectados os nosos dereitos e que os nosos fillos non sexan considerados como seres extraterrestres na súa propia terra.

A que semella imparable onda castelanizadora das cidades portuarias atlánticas ten que ver coas opcións adoptadas polos seus gobernos e élites locais que nos últimos anos reduciron de forma drástica o emprego público da lingua galega. Este é o caso da actual corporación municipal viguesa, a que menos utiliza o galego de todas as do período democrático, esquecendo que é a lingua oficial do concello de Vigo como quedou fixado na Ordenanza de Normalización Lingüística vixente dende 1988. Con algunhas poucas excepcións, a maioría dos concelleiros e concelleiras do PSOE e do PP xa nin sequera interveñen en galego nos plenos e algúns manteñen de forma teimuda o monolingüismo castelán en toda a súa actividade pública. Abandono do uso público do galego que comparten membros de colectivos veciñais, sindicais, profesionais ou mesmo de novas opcións políticas que se presentan como alternativas.

Como temos aquí reiterado, ademais de ser un patrimonio da humanidade ao noso cargo, o galego é unha marca no espazo da globalización, o que supón unha riqueza incalculable e unha relevancia extraordinaria para Galicia e para cada un dos seus cidadáns. Xaora, non é posible conformarse diante dunha situación dramática que por ventura pode ser reversible se conta cunha maioría social disposta a corresponsabilizarse do seu futuro. O galego precisa un plan de rescate urxente, asumido por todos os poderes públicos e alicerzado sobre un amplo consenso político e social. De non aproveitar esta derradeira oportunidade, a lingua de todos caerá no abismo da súa xa inevitable desaparición.