Artigos

Onte 2098: Premios da Crítica de Galicia 2020

Comunicamos onte os Premios da Crítica de Galicia 2020 nunha rolda de prensa emitida por You Tube. Remataba así unha semana de xuntanzas virtuais dos oito xurados (máis de 14 horas en Google Meet), na que neste ano de pandemia moito aprendín sobre as dificultades existentes aínda na utilización das ferramentas da comunicación dixital como tamén das facilidades que proporcionan. Máis alá do formato das deliberacións e da comunicación do ditame, aínda queda pendente a entrega das estatuíñas de Martín Códax, pareceume outra excelente colleita da nosa creación e promoción cultural, probablemente, expresión do momento extraordinario nalgúns eidos como a poesía e o cinema e audiovisual ou da necesidade de recoñecemento dalgunhas traxectorias de décadas ou da excelencia de proxectos e iniciativas máis recentes.

Velaí o premio para Feliz Idade (Kalandraka 2019) de Olga Novo e O que arde de Óliver Laxe, premios de Creación Literaria e Cine, respectivamente, obras memorables pola súa calidade e enraizamento da nosa identidade na cultura universal. Velaí as traxectorias de Margarita Viso, a decana das compositoras galegas, premio de Música; de Alfonso Costa, destacado pintor da xeración esquecida, premio de Artes Plásticas; dos Monicreques de Kukas, compañía creadora xenuína deste xénero en Galicia, premio de Artes Escénicas ou da Festa do Marisco do Grove, unha das festas gastronómicas máis antigas e enraizadas na cultura popular, premio de Cultura Gastronómica. Como moi relevante é o libro do historiador Bieito Alonso, Anarquistas galegos en América (Galaxia 2019), premio de Investigación, como tamén o é o extraordinario labor que na rede desenvolve o equipo de GCiencia, premio de Iniciativas Culturais e Científicas.

Tras corenta e tres edicións, sen faltar ano ningún, os Premios da Crítica de Galicia, unha iniciativa privada, plural, interxeracional e independente, continúan tomándolle o pulso ao estado da nosa creación e industria culturais, inseridas na tradición e memoria galegas. Unha iniciativa na que esta edición participaron activamente e de forma altruísta sesenta e cinco persoas durante os tres últimos meses, xenerosidade e dedicación que merecen a nosa maior gratitude. Con todo, como organismo en diálogo coa nosa industria cultural, que vive outro dos seus momentos críticos, os Premios da Crítica de Galicia precisan introducir melloras para acompañar as mudanzas e retos do propio sector. Aí continuaremos.

A derradeira oportunidade para Samil

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar unha oportunidade para as praias de Samil:

Vía GCiencia souben da recreación interactiva da elevación do mar publicada na rede por Afundación. Unha recreación virtual para un total de 62 puntos da beiramar da península ibérica, na que se compara unha fotografía da situación actual (2020) e a estimación do terreo que quedaría baixo o mar no ano 2100, segundo a interpretación dos estudos realizados por Climate Central, unha organización  independente que investiga e informa sobre o cambio climático. Máis alá da alarma que poidan provocar estes prognósticos, que tratándose de grandes conxuntos de datos poden incluír algúns erros, chama a atención que no Atlántico galego, onde son comparados 22 espazos de beiramar, os territorios asolagados debido a elevación estimada do nivel do mar nun metro, modificarían completamente a paisaxe actual até facela irrecoñecible. Sucedería na illa de Arousa, cuxo territorio quedaría severamente reducido ou no Val Miñor onde as praias de Ladeira, Lourido e Gaifar estarían ameazadas. Prognósticos que obrigan a tomar conciencia de que a rexeneración dos océanos é unha tarefa urxente, sendo responsabilidade das xeracións actuais reducir a acidificación das augas e a contaminación dos ecosistemas terrestres e marítimos.

Neste prognóstico a recreación sobre o que podería suceder co porto de Vigo non pode ser máis preocupante xa que grosso modo serían anegados a maior parte dos espazos portuarios que, non o esquezamos, foron gañados ao mar ao longo dos sucesivos recheos da ría ao longo do século XX. Un xeito de xustiza poética da propia natureza que devolvería ao mar o que se lle foi roubando. No en tanto tratándose dunha predición a tan longo prazo debería ser utilizada apenas como unha referencia para orientar a organización e optimización do uso dos actuais espazos portuarios e, canto menos, evitar novos recheos. Porén, ese non semella ser o criterio da actual Autoridade Portuaria que meses atrás anunciou no marco do Plan Estratéxico do Porto de Vigo 2018-2018 a ampliación dos espazos portuarios con novos recheos. Velaí o anuncio dun de 5.000 metros cadrados coa intención de ampliar a lonxa, o que afastaría do mar o edificio do auditorio deseñado polo arquitecto César Portela como unha grande fiestra sobre o mar. Por non falar dos proxectos de novos recheos en Bouzas (165.000 metros cadrados) ou no propio peirao do Areal sobre os que os responsables do concello de Vigo e do Ministerio de Fomento teñen que decidir.

Pese a todo o espazo da beiramar viguesa máis ameazado polos efectos do cambio climático e ao mesmo tempo con máis posibilidades de recuperación é o da praia de Samil. Abandonado o proxecto de recuperación medioambiental integral da praia, previsto no PXOM de 2008, que contemplaba aumentar a anchura do areal até en cen metros e obrigaba a desprazar o actual paseo nalgúns casos até 60 metros, é imprescindible desenvolver decontado un novo proxecto que evite a desaparición a medio prazo da praia e do seu espazo intermareal. O areal de Samil agoniza debido a estrada que destruíu a duna nos anos e 50 e ao muro de formigón construído en 1971 que foron modificando o perfil natural e a dinámica da duna de xeito que xa hai zonas sen área durante os actuais temporais. Aquel Samil da praia da Argazada que coñecimos na nosa infancia como unha praia aberta e dunas con piñeirais converteuse hoxe nunha franxa de área de apenas 20 metros nos mellores casos, que chega a desaparecer nalgunhas zonas en inverno. Non hai volta de folla, os areais de Samil precisan e poden volver a recuperar o seu espazo e fasquía roubados.

Por ventura, para salvar a nosa primeira praia urbana contamos co precedente da intervención con éxito sobre o Vao, un proxecto dos servizos municipais de medio ambiente que con visión estratéxica e moita paciencia conseguiu ampliar de forma moi considerable tanto o areal como o espazo e a flora intermareais. Unha estratexia que debe emularse para devolverlle a Samil o que durante cinco décadas o formigón lle roubou. Unha intervención medioambiental que pasa inevitablemente, como propuxo o enxeñeiro vigués Pablo Brea, por desprazar o paseo actual 25 metros, derrubar as cafetarías e prescindir das piscinas e outras instalacións deportivas, o que permitiría gañar metros ao areal e rexenerar parte das dunas. Certo é que haberá que solucionar o futuro da incomprensible concesión recente dunha nova cafetaría (con licenza municipal até 2044), mais non pode ser obstáculo para acometer unha actuación prioritaria de interese xeral. Como tamén o é que semellante actuación sobre o areal debe estar integrada no ordenamento urbanístico da zona e no proxecto de mobilidade (á praia habería que chegar sobre todo en bicicleta e en transporte urbano eléctrico). Samil debe contar cunha derradeira oportunidade.

Hipertextos 003/2019: ano da Táboa Periódica

Moléculas en galego lembra no seu perfil de Twitter que 2019 é o Ano Internacional da Táboa Periódica e que por ventura en galego tamén podemos nomear os elementos químicos. Unha celebración adoptada pola UNESCO con motivo da creación da táboa hai 150 anos por Mendeleiev, cando se coñecían apenas 63 elementos. A dimensión galega do acontecemento foi subliñada por Moléculas en galego, que sortea un exemplar da Guía  dos elementos  químicos. Historia, propiedades e aplicacións, e polo xornal El Progreso que lembra que na granxa A Cernada de Palas de Reis, estes elementos cobraron vida, xa que alí hai vacas cos nomes de Magnesia, Rubidia ou Litia. En todo caso, esta celebración científica será ao longo de 2019 outra oportunidade para reivindicar a ciencia na nosa lingua, a pesar de que dende a aprobación do Decreto de Plurilingüismo a materia de Química non pode ser estudada en galego.

Gratitude as fontes: Galipedia, GCienciaCascarelo, Moléculas en galego e Praza.

Onte 1791: Festival Agrogay da Ulloa, premio do público Culturgal 2016

Recupero a intervención que lin onte na entrega do Premio do Público do Culturgal 2016 ao Festival Agrogay da Ulloa. Parabéns e gratitude para eles, como para Numax e GCiencia, candidaturas participantes neste premio que pretende contribuír a visibilizar iniciativas culturais destacadas que se desenvolven no país.

Benvidas e benvidos a este acto que ten un significado moi especial dentro da programación de Culturgal 2016. Hai catro anos creamos un premio que pretendimos constituíse unha plataforma de visibilización para as iniciativas culturais máis destacadas existentes en Galicia, fose pola súa singularidade, polo seu calado, polo seu seguimento, pola súa traxectoria…

En 2016 propuxemos ás asociacións integrantes de Culturgal que as propostas xirasen arredor do lema desta edición da feira: «Cultura, Comunidade, Futuro». Un leiv motiv que nos conduce ao que podemos facer por nós mesmos se traballamos en rede, se innovamos, se construímos horizontes. As asociacións aplaudiron que as propostas deste 2016 fose novas «pero sobradamente preparadas», é dicir, un proxecto de recente creación pero xa cun forte prestixio, seguimento e singularidade. E certamente as tres propostas cumprían esas premisas: NUMAX, o cinema e laborarorio gráfico cooperativo, radicado en Santiago; Gciencia, o portal da ciencia galega e o Festival Agrogay da Ulloa, que foi finalmente a candidatura gañadora nunha competición en liña e popular que contou cunha altísima participación.

«Para entrar tes que saír» e «Entra por onde saíches». Eses son os lemas que se podían ler na entrada de acceso da segunda e terceira edición, respectivamente, do Festival Agrogay da Ulloa, que se celebra no mes de agosto en Cumbraos, no concello lugués de Monterroso. Dar maior visibilidade e reivindicar a diversidade afectiva, sexual e vital no rural, dinamizar e axitar culturalmente a comarca, así como organizarse para dignificar e recuperar a vida nas aldeas a través do respecto ás tradicións e do impulso de lazos cooperativos son algúns dos obxectivos centrais desta iniciativa, que xa atrae a público de fóra de Galicia.

O Colectivo Agrogay da Ulloa ten como principal obxectivo visibilizar a diversidade tanto social como natural. Ademais, aposta por mostrar e defender outros principios como a sostibilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial, e o ecofeminismo. O festival celébrase nos terreos da Granxa Maruxa, en Cumbraos, detrás da cal está a urbanita reconvertida en granxeira, Marta Álvarez Quintero, unha das organizadoras do festival xunto, entre outras persoas, a Braulio Vilariño e o músico Davide Salvado, todas elas pertencentes á Asociación Agrogays da Ulloa. Hoxe contamos coa presenza de Braulio e Marta.

O termo «agrogay» tal como o entenden na Ulloa propón tamén outro modelo gay fronte ao imperante nas urbes, asociado nalgunhas ocasións á vida en guetos ou ao consumismo. Música ao vivo, teatro (na edición 2016 contaron coa compañía Chévere), feira de artesanía, cine ou obradoiros son algunas das actividades que forman parte do programa deste festival autosustentado e sen ánimo de lucro, que non recibe axudas institucionais e no que o público debe abonar unha entrada para financiar os gastos do evento. A organización facilita a mobilidade en autobús entre os diferentes espazos do festival (granxa, concello e área natural de A Peneda). E aínda que pareza unha obviedade, na organización reseñan que «non fai falla ser gay para vir e gozar do Festival Agrogay, nin tampouco vivir na aldea. Simplemente estar dacordo cos valores que defendemos».

Para Culturgal é un pracer outorgar hoxe o Premio do Público 2016 ao Festival Agrogay da Ulloa. Agradecidos por prestarse a este xogo e agradecidos porque para nós este premio é unha ferramenta tamén para comunicar, para enriquecer o proxecto Culturgal, para difundir e difundirnos. Grazas!

Onte 1258: 0 % reitoras

científicasCon motivo do día internacional da muller publicáronse moitos textos. Entre eles, rescatei unha reportaxe que Eduardo Rolland publicou o pasado ano en GCiencia sobre a situación da muller nas universidades galegas que sei non perdeu actualidade. E abofé que os datos son contundentes. A pesar de que as mulleres son o 54 % do alumnado e o 63 % das persoas graduadas nas nosas universidades, as catedráticas representan apenas o 14 % e as profesoras titulares o 35 % dos cadros docentes, mentres as limpadoras son o 100 %. Como non deixa de ser significativo que as mulleres representen apena so 20 % nas spin-off das universidades españolas. Ademais, o feito que de que aínda non houbese unha reitora en ningunha das tres universidades galegas expresa que na nosa contorna universitaria persiste unha profunda desigualdade. Outrosí sucede no eido directivo das empresas, onde a presenza das mulleres continúa sendo moi baixa. A procura da igualdade real no mundo do traballo, tanto salarial como de responsabilidades, continúa sendo unha causa pola que todas as persoas debemos continuar loitando.

Onte 1105: Hortensia

Souben polo GCiencia, unha desas marabillas da internet galega,do trinta aniversario do Hortensia, un furacán inesquecible. Lembro que daquela había uns poucos días que viviamos en Panxón, nun apartamentiño diante do arco visigótico. O día anterior chovera e chovera, Cando regresamos da escola, fomos ao bar de Tavo, daquela o único que había no porto. Alí escoitei a profecía dun vello mariñeiro agoirando unha galerna de moito sandiós. E non se trabucou. As ondas da Madorra chegaron a estrada de Monteferro e na praia de Gaifar o mar asolagou o paseo, quedando ao pé dos edificios e dos chalés, protexidos con trabes de madeira. En Galicia cada xeración ten unha galerna na súa memoria. Na nosa foi a do Hortensia, presentada polos servizos meteorolóxicos de entón apenas como restos dun ciclón tropical. Despois fixéronse as obras do dique de abrigo do porto de Panxón. Nunca máis volveu a fereza do mar ás dunas de Gaifar. Quen dixo que non estamos afeitos a lidar con galernas e furacáns?