Artigos

Lectura en tempos de pandemia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao hábito lector durante o confinamento:

Tras cincuenta días de confinamento e ás portas de iniciar a incerta desescalada cara á que será outra das crises económicas e sociais das nosas vidas, entre as fendas do pesimismo sobre o futuro do libro e de todo o sector cultural cóanse raiolas de esperanza: «o número de persoas lectoras frecuentes incrementouse durante o peche e o seu impacto poder ter un efecto a longo prazo». Esa é a conclusión á que chega o Laboratorio Contemporáneo de Fomento da Lectura da Fundación Germán Sánchez Ruipérez tras a análise dos resultados da enquisa «La lectura en tiempos de Covid19» realizada pola empresa Conecta (a que se ocupa tamén de elaborar os barómetros semestrais de lectura) durante a primeira semana de abril, mediante entrevistas telefónicas a maiores de 18 anos que contestaron un cuestionario pechado iniciado por esta pregunta: «Cal das seguintes actividades realizou durante estes días de corentena en casa?». E os resultados do inquérito, abofé, son interesantes para coñecer as preferencias de lecer da poboación española e as mudanzas dos hábitos de consumo culturais no fogar inducidos pola reclusión e os efectos do Covid19.

Segundo os datos deste barómetro de lectura en tempos de coronavirus, «ler» cítase en noveno lugar entre as actividades ás que se dedicou máis tempo no inicio da corentena. Unha actividade asociada coa lectura de libros para o 56 % das persoas consultadas, porcentaxe que está por riba do 50 % das que se declaran lectoras semanais (o que adoita considerarse como lectoras frecuentes). Un incremento significativo, cando a lectura é a terceira das actividades que máis axuda a «levar a situación de corentena», tras «ver a televisión» (actividade preferida polo 84 % das consultadas) e «falar por teléfono» (a segunda para o 80 % da mostra). Datos aos que cómpre engadir como nota ao rodapé que o 74 % das lecturas refírense a libros de lecer, consolidando así os xéneros de ficción como a preferencia por excelencia do lectorado frecuente. Cifras que poden compararse con outras actividades estrela nos fogares durante a primeira semana de reclusión como a de «limpar e ordenar a casa» (78 %), «cociñar» (63 %), «navegar por internet» (62 %), «escoitar música» (57 %) ou «participar en redes sociais« (56 %), que proporcionan todas elas unha idea fidedigna do rango que ocupa hoxe a lectura de libros dentro do lecer nos nosos fogares.

Con todo, o que pode resultar máis significativo é comparar estes resultados cos dun estudo semellante realizado en 17 países con poboación confinada maior de 16 anos, «Coronavirus findings April 2020», coa intención de identificar os cambios en comportamentos e consumos nos fogares. Investigación internacional que conclúe que en España durante a reclusión dedicouse máis tempo ca noutros países a utilización das aplicacións de mensaxería e a falar por teléfono, mais tamén á lectura de libros, mentres que ver películas e series en streaming ocupou menos. Semella que nunha circunstancia excepcional na que en todos os países se produciron incrementos significativos no consumo de contido cultural e informativo dixital no fogar, medramos tanto como lectoras que como consumidoras de produtos audiovisuais, o que pode axudar a desfacer máis dun prexuízo sobre o futuro hibridado dos nosos hábitos de lectura. Presenza significativa da lectura nesta fase de reclusión que parece asociada ao nivel de ingresos e aos tramos de idade, sendo as rendas máis altas e as persoas novas das xeracións X (38 a 56 anos), Millennial (24 a 37 anos) e Z (16 a 23 anos) as que protagonizan este incremento esperanzador da nosa actividade lectora de libros e xornais.

Cabe preguntarse se este incremento da lectura en tempos de pandemia quedará en auga de castañas ao rematar a crise ou suporá unha mudanza estable. Ao fío do que sucedeu na última gran crise económica de 2008, que provocou a perda dun terzo da facturación do sector editorial español (e galego), en principio as expectativas deberían ser moi cativas. Xaora, tamén é certo que xa entón investigadoras como Michèle Petit advertiron na capacidade que a lectura posúe para desencadear unha reorganización do posible nos contextos máis difíciles de crise. Xa o adiantara Albert Camus no seu discurso de aceptación do Nobel (1957), o sector do libro e da lectura, dende os autorías, editoras, librarías como a amplísima e diversa comunidade de lectoras teñen a oportunidade de «labrase un arte de vivir en tempos de catástrofe»; máis aínda cando todas estas instancias acreditan na lectura como construtora de sentido capaz de contribuír ao benestar das persoas e das súas comunidades. A apertura esta semana das librarías, iso si, previa cita e gardando a distancia social, abre esta nova primavera lectora chea de novos libros e esperanzas anovadas.

Beneficios da lectura na corentena

Durante estes días de corentena, a lectura de libros pode ser para crianzas e maiores unhas das mellores posibilidades para ocupar o tempo.

Certo é que as circunstancias do confinamento, a medida que pasan as semanas, fanse máis incómodas, o que pode provocar a aparición da ansiedade e do estrés. Como tamén o uso continuado e máis intenso do habitual de internet, da radio e da televisión pode provocar unha certa saturación informativa.

Segundo o Laboratorio Contemporáneo de Fomento da Lectura da Fundación Germán Sánchez Ruipérez a lectura sen interrupcións que ofrece un libro é un remedio eficaz para contrarrestar tanto a fatiga dixital, froito dunha interacción máis intensa do habitual nas redes sociais, como a sobrecarga dixital vinculada ao «medo a perderse algo» acentuado en situacións como a da pandemia do COVID-19. Noutras palabras, a lectura de libros neste período de corentena é un factor de equilibrio entre fatiga dixital e infoxicación.

As investigacións recentes sinalan outros beneficios da lectura de libros a aquelas persoas que non poden saír da casa:

1–. A lectura de libros axuda a desconectar e a combater o aburrimento. Unha forma de saír da monotonía, de evasión momentánea.

2–. Os libros son excelentes compañeiros de vida. Os libros fan que non nos sintamos soas. A lectura facilita sentirnos persoas acompañadas, entretidas e mesmo entendidas.

3–. A lectura de libros crea vínculos con persoas achegadas ou que compartan inquietudes. A lectura é un acto individual que cando remata convida a ser compartida na familia ou de forma colectiva nas redes sociais.

4–. A lectura de libros activa a memoria e a concentración e favorece a capacidade de pensamento crítico e razoamento.

5–. A lectura de libros prevén o estrés e combate o insomnio. A lectura pode ser un antídoto contra a ansiedade provocada polo confinamento, xa que favorece a relaxación e desvía a atención cara outros temas e lugares.

Beneficios da lectura de libros na corentena que se engaden a outros que nun está demais lembrar, como actividade clave no desenvolvemento educacional, persoal e emocional das persoas.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

 

«Da pedra ao ebook», experiencias sobre o libro electrónico


Velaí a experiencia dunha primeira xeración de lectores e lectoras de libro electrónico. Interesante.