Matria
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Matria, a longametraxe de Álvaro Lago protagonizada por María Vázquez:
O 25 de novembro de 1989 estreouse no cine Fraga Sempre Xonxa, a primeira longametraxe de Chano Piñeiro, tamén a primeira rodada en 35 mm do cinema galego e durante case tres décadas o filme en galego máis visto da historia. Estrea que formaba parte de Cinegalicia, nacido en Vigo coa vontade de ser o grande festival de cinema en Galicia, aínda que despois quedase nunha única edición na que tamén se estrearon outras dúas películas en galego, Urxa de Carlos A. López Piñeiro e Continental de Xavier Villaverde. Sesión recordada decote por Uxía Blanco, a Xonxa da fita do chorado boticario de Torrecedeira, hoxe concelleira viguesa de Muller e Normalización Lingüística, por aquel aplauso de quince minutos da platea en pé do Fraga, que serviu de adral da fantasía colectiva que procura dende entón facer cinema en Galicia e na lingua nosa. Acontecemento xeracional que Uxía Blanco lembrou no pase privado en Vigo de Matria, a película do director vigués Álvaro Gago, protagonizada por María Vázquez, tamén unha das rapaciñas do elenco infantil de Sempre Xonxa, que perseguía bolboretas tras Caladiño, serendipia afortunada que pecha o círculo iniciado polo soño cinematográfico amador de Piñeiro co trazado agora pola profesionalidade de Gago, que entón contaba apenas con tres anos.
Despois de máis de tres décadas, o cineasta vigués, que regresou ao país despois de formarse en teatro en Chicago e ampliar estudos de cinema na London Film School, presentou Matria, a súa primeira longametraxe na pasada Berlinale, na sección Panorama, e a súa protagonista María Vázquez, obtivo a Biznaga de prata á mellor interpretación feminina no Festival de Málaga, recoñecementos que aventuran unha grande acollida do público na súa estrea a vindeira fin de semana. Proxecto que Gago iniciara en formato curtametraxe cunha peza homónima de 21 minutos, dedicada e protagonizada por Francisca Iglesias Bouzón, actriz non profesional, a muller que coidara ao seu avó despois de quedar viúvo, premiada polos xurados dos festivais de Sundance, Cans e Seminci, como do Premio da Crítica de Galicia de 2018 de Cine e Artes Audiovisuais, que entón destacara que Gago «asumía o risco narrativo de fusionar a ficción cos recursos documentais coa intención de deitar unha ollada que desmitificase o mito do matriarcado galego». Continuidade dun proxecto narrativo, agora de 90 minutos, protagonizado tamén por Ramona, esa muller incansable que inmersa na precariedade laboral intenta sobrevivir nunha vila do Salnés como mellor pode.
Conservando os vimbios temáticos da curta, aos que se incorporan, entre outras novidades, a conflitiva relación interxeracional e de desapego coa filla cando a moza procura o seu camiño vital, a sororidade coas amigas pendentes do teléfono (marabilloso o cameo de Francisca Iglesias como responsable do bar) ou o acougo da relación co señor Pepe e co seu can, a interpretación monumental de María Vázquez, no papel dunha Ramona renacida unha década máis nova, sostén todo o urdime narrativo, sendo capaz de hipnotizar e emocionar ao público apenas coa súa presenza tan permanente como trepidante na pantalla. Gago, Vázquez e Catoira, directora de fotografía, que utiliza un estilo sobrio e intuitivo, moi próximo ao documental, ofrecen un retrato memorable dunha muller brava, dunha antiheroína que bulindo sen parar dun traballo a outro, sempre mal pagado, se ocupa dos coidados das outras persoas pero esquece os dela mesma. Unha narración cativadora e abraiante, concibida para facer visible o traballo oculto das mulleres da conserva e dos frigoríficos, mariscadoras, limpadoras ou coidadoras obrigadas a non poder parar nunca. Matria é a traxedia gravada co lume da cotiandade de mulleres invisibles que sofren a precariedade en soidade e soportan a rutina do maltrato.
Consciente do carácter político do seu cine, na liña do dos belgas irmáns Dardenne e dos retratos de clase de Ken Loach, Gago non renuncia nin as sutilezas do humor retranqueiro nin a explorar a ollada da esperanza nun inesquecible plano final, cheo de matices, amosando que o cine é unha arte emocional de proximidade. E como sucedera na curta, Gago conserva a fala dialectal do Corbillón, Vilanova e da illa de Arousa, onde se localiza tamén a longa, sabendo que o retrato de Ramona debía estar tamén definido pola lingua que emprega e por como a emprega. Unha lingua utilizada para definirnos e facernos visibles no mundo, un modelo que agardamos se consolide en todo ese cinema galego indie, cando comeza a abrirse un espazo nos festivais internacionais e nas querenzas de públicos diversos.
Recomendo moi vivamente que acudan ao cine a emocionarse con Matria, que aventuro está chamada a constituír un acontecemento para o noso cine e para a nosa cultura contemporánea.