Artigos

Vigo cidade vagalume

A revista A Movida convidoume a colaborar na edición impresa deste mes de decembro, onde publiquei unha versión reducida deste texto:

A imaxe que proxecta unha cidade é un compoñente esencial da súa identidade e un referente para a súa cidadanía. Unha imaxe que no caso de Vigo, durante tantos anos a cidade da oliveira, foi mudando ao longo das últimas décadas ao compás das mudanzas que se foron producindo na alcaldía do Campo de Granada. Daquel Vigo obreiro das décadas dos setenta e dos oitenta, da reconversión naval e dos luns ao sol, a cidade estrépito de X.L. Méndez Ferrín, o Vigo da movida de Siniestro Total e Golpes Bajos, de Aerolíneas Federales e Trenvigo, pasamos ao actual Vigo charramangueiro, sobreiluminado da dinosebe e do Alfageme na rotonda, unha cidade vagalume, excéntrica, un novo Lepe, como o definiron os membros de Cain, o Colectivo de Admiradorxs da Iluminación Navideña.

Certo é que cada alcaldía democrática quixo deixar a súa impronta nesta imaxe. Manuel Soto, o primeiro e valente alcalde democrático e galeguista fixo daquel Vigo revolcado que cantaba Xela Arias en Denuncia do equilibrio, o Vigo de Ascón e dos conflitos do estudantado con Vitrasa, unha cidade das esculturas, colocando no mesmo ano (1991) catro pezas extraordinarias noutros tantos espazos emblemáticos: o Sireno de Francisco Leiro na Porta do Sol, os Cabalos de Oliveira na Praza de España, a Porta do Atlántico de Silverio Rivas en Travesas e o Monumento ao traballo, os bautizados como Redeiros, de Ramón Conde entre Urzaiz e Gran Vía. Catro pezas de arte contemporánea galega, de moi diferente fasquía, cuxa instalación non estivo exenta de polémica, mais que foron capaces de mudar o espazo urbano e co tempo de converterse en iconas queridas polas diversas xeracións viguesas de entre séculos.

Carlos Príncipe quixo facer do Vigo unha cidade dos museos capaz de competir cos doutras cidades euroatlánticas, como Porto, Compostela e A Coruña, que no mesmo período desenvolvían cadanseu proxecto de infraestruturas culturais. Durante o seu mandato xestáronse os proxectos arquitectónicos de Abrir Vigo ao Mar e do primeiro Plan Urban para o Vigo Vello, ademais do deseño de tres museos, construídos con fondos europeos: o Marco. Museo de Arte Contemporánea de Vigo na rúa do Príncipe, recuperando o vello Pazo de Xustiza e Cárcere; o Museo do Mar de Galicia, instalado no antigo matadoiro municipal de Alcabre e o Verbum. Casa das Palabras na praia de Samil. Tres pezas arquitectónicas moi valiosas que despois dunha década de ser abertas ou ben non consolidaron os seus proxectos museísticos ou mesmo son abertamente cuestionadas.

Durante a alcaldía de Lois Pérez Castrillo desenvolvéronse os proxectos da Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e do Centro Galego de Fotografía no Casco Vello, para contribuír a rexeneración do Casco Vello, e comezouse o de Auditorio Mar de Vigo en Beiramar, coa intención de situar a Vigo á altura das cidades atlánticas da música, singularmente Porto, Santiago e A Coruña. Angueira que polo momento quedou en auga de castañas, xa que os resultados artísticos, polo momento, foron discretos e os económicos ruinosos, tras a quebra da concesionaria.

Vigo nunca contou neste período con políticas culturais públicas, esas capaces de enxergar dúas décadas, capaces de solucionar lacras como o seu déficit bibliotecario endémico ou proporcionar continuidade á programación de festivais e exposicións das diversas artes, algunhas tan relevantes como a Fotobienal, as Xornadas de Música Contemporánea, promovidas por Enrique X. Macías, ou o propio Marisquiño, hoxe sumido na incerteza. Cando se anuncia unha gran Biblioteca do Estado en Travesas ou unha factoría cultural na Panificadora, cómpre lembrar que o que Vigo precisa é un proxecto cultural estratéxico, deseñado coa participación dos diversos sectores e colectivos culturais e xestionado con criterios estritamente profesionais. É tempo xa de superar a política cultural das ocorrencias de alcaldes e concelleiros, como a daquel Agustín Arca que chantaba volcáns nos paseos de Coia e canastras de baloncesto en canto curruncho atopaba. A pesar da sobreiluminación de nadal e da súa contaminación luminosa, outro Vigo das artes e das letras, continúa sendo posible.

A cultura galega no Vigo do 78, unha arela común

No suplemento de Faro de Vigo que conmemora hoxe os 40 anos de Prensa Ibérica publicaron este meu traballo sobre a memoria cultural viguesa:

Hai unha fotografía que Magar tirou para Faro de Vigo o 16 de maio de 1978 nunha sala do Hotel Samil-Praia que representa o tránsito que tras a morte de Franco comezou a producirse na cultura galega desde a cidade de Vigo, un tempo de cambio e esperanza, onde todo semellaba posible, coñecido como Transición, ao que a historiografía actual denomina de forma máis obxectiva como Reforma Política. A instantánea recolle un momento da deliberación do xurado de Creación Literaria, unha das cinco modalidades outorgadas na primeira edición dos Premios da Crítica Galicia, organizados polo Círculo Ourensán Vigués da rúa Venezuela, presidido entón por Bieito Ledo Cabido, daquela dono da libraría Ir Indo, situada no segundo andar das novas Galerías de Príncipe.

Unha fotografía na que é doado identificar a sete persoas, membros daquel xurado para a historia da nosa cultura, representativas do que entón constituía a expresión da pluralidade interxeracional e ideolóxica da literatura galega. Comezando pola esquerda da mesa aparecía o profesor Emilio de Gregorio Fernández, que actuou como secretario en representación dos organizadores; ao seu carón sentaba Pilar Vázquez Cuesta, a única muller, profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago (tamén a única existente en Galicia nesa altura); na fronte estaban Basilio Losada, o sempre influínte tradutor e profesor de galego-portugués da Universidade de Barcelona, nacido en Láncara; e ao seu lado a Carlos Casares, entón profesor de Bacharelato no Instituto de Rodeira de Cangas do Morrazo, autor de Xoguetes para un tempo perdido (1975), novela gañadora do premio concedido pola editorial Galaxia con motivo do seu vinte e cinco aniversario, que participaba no xurado uns poucos días antes de ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, a proposta dos seus mentores Ramón Piñeiro e Domingo García Sabell. Na esquerda da fotografía aparecían Paco Martín, o profesor lucense de EXB, director de Axoúxere, («Semanario do neno galego»), publicado polo diario La Región, ademais de narrador novo, autor da novela No cadeixo, finalista do Premio Galaxia; e Celso Emilio Ferreiro, o poeta de Celanova en toda a súa madurez, que tras a súa campaña política como candidato ao Senado pola Candidatura Democrática Galega rematara de publicar Cimenterio privado na colección Pombal de Edicións Castrelos, antes de morrer aquel nefasto 31 de agosto de 1979 na súa casa da avenida de Castrelos; e, por último, X.L. Méndez Ferrín, catedrático do Instituto Santa Irene, un dos fundadores do Partido Galego do Proletariado, que tiña tamén recente a publicación de Con pólvora e magnolias (1976), libro de poemas de ruptura, editado con encanto alternativo polo vigués Grupo Rompente.

Na fotografía botamos en falta ao escritor Eduardo Blanco Amor, que entón vivía en Vigo, cidade onde finaría na soidade dun taxi, na noite do primeiro decembro de 1979, mais que a pesar de aparecer no programa do ditame dos premios non chegou a participar na reunión. Foto documental oportunísima, como tantas outras de Magar, un dos cronistas daquel tempo revolcado de incerteza, que pode servir de fondo para reconstruír o devir da literatura galega de fin de século. Testemuña dunha xuntanza moi propositiva, na que se escolleu como mellor libro literario galego do ano 1977 ao poemario Mar e naufraxio do ponteareán Alfonso Pexegueiro, editado polo Círculo de Investigacións e Estudios Sociales (CIES), do que se destacou na acta do ditame «o esforzo importante no camiño de conquerir unha renovación das técnicas expresivas da lingua poética galega». Mención que se fixo ao interese da obra finalista, Silabario da Turbina do colectivo poético Rompente (Antón Reixa, Manuel Romón e Alberto Avendaño), da que se salientaron «unhas especiais características renovadoras produto dunha nova xeración poética».

Renovación foi a palabra preferida por este xurado único que asumía o espírito de tolerancia e pluralidade dos organizadores (profesionais vigueses de diversos eidos que na súa maioría frisaban os trinta anos) destes premios de recoñecemento (sen dotación económica ningunha), mais que con motivo da celebración anovada e popular do día das letras galegas (entón sen recoñecemento institucional) pretendían dende a iniciativa civil poñer en valor de forma normalizada a cada vez máis voluminosa produción cultural galega nos diversos eidos: a creación literaria, a investigación, o ensaio, a mellor iniciativa cultural e o mellor disco de música galega.

Abonda con repasar a nómina doutros gañadores daquela edición para facerse unha idea do que bulía na cultura do país naquel momento. En Investigación recoñecéronse os traballos xeolóxicos de Isidro Parga Pondal, membro da xeración do Seminario de Estudos Galegos; mentres que en Ensaio foi premiado Recupera-la salvación, un dos primeiros libros do teólogo Andrés Torres Queiruga, editado por SEPT, a editorial viguesa que pretendía ser «órgano dunha nova conciencia cristiá no relixioso, no económico, no social e no político».

Como moi significativo foi o premio de Iniciativas Culturais outorgado ao Museo do Pobo Galego, institución civil creada para «investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos», que abrira as súas primeiras salas no Mosteiro de San Domingos de Bonaval apenas o ano anterior co apoio dos intelectuais galeguistas do momento e de figuras maiores destacadas como Xaquín Lourenzo e Antón Fraguas. Xurado de Iniciativas Culturais do que formaban parte, entre outras persoas, a escritora María Xosé Queizán e o empresario renancentista e creador de Sargadelos Isaac Díaz Pardo, que salientou o valor da revista Vagalume, dirixida por Xosé Fortes Bouzán, como «primeira publicación lograda destinada á infancia, un mundo con total dereito a recibir mensaxes na súa fala e dispor dun órgano no que se expoña a súa sensibilidade». Toda unha declaración de intencións para unha literatura infantil e xuvenil aínda por nacer.

Outrosí sucedeu no premio ao mellor disco, outorgado por un xurado no que actuaba como secretario o compositor Enrique X. Macías, un dos animadores culturais vigueses máis inquedos daquel tempo, xurado que non conseguiu acadar un consenso e adoptou a decisión salomónica de conceder tres premios ex aequo a expresións musicais moi distintas de entender a tradición: ás cantigas galegas con orquestra dos séculos XIX-XX de María Uriz e aos primeiros discos do grupo de música (vigués) de taberna A Roda e ao grupo de folc Milladoiro, creado pola fusión do cuarteto de gaiteiros Faíscas do Xiabre de Catoira e algúns membros do Grupo Roi Xordo.

Aqueles primeiros Premios da Crítica Galicia de 1978 foron tamén unha certa expresión daquel Vigo revolcado da Transición, moi castigado pola primeira onda da reconversión naval na factoría de Ascón, cuxos obreiros (un cadro de 1.850 persoas) de forma heroica estiveron en folga durante oito meses, dende o 2 de febreiro ao 7 de outubro de 1978, tratando impedir o peche das factorías de Ríos e Meira. X.L. Méndez Ferrín escribiu, ao fío da súa participación naquel xurado, que «nunha inesquecíbel cea celebrada en Samil na que (lembro agora con emoción) nos acompañaba Celso Emilio Ferreiro, un piquete de traballadores de Ascón se dirixiu aos asistentes en petición de solidariedade», que os participantes naquela cea, cuxo cuberto custaba 800 pesetas, exerceron non só aplaudindo aos obreiros, senón tamén coas doazóns entregadas na mesa que mantiñan na porta da sala, entre as que estiveron as 84.000 pesetas polas que foi poxada a estatua de Sargadelos (unha homenaxe ao trobador vigués Martín Codax) do premio compartido da modalidade de «Mellor disco». «Vigo élles así –continúa Ferrín– e os Premios da Crítica Galicia son un produto galego, pero especificamente vigués». Opinión compartida polo profesor Xesús Alonso Montero, membro do primeiro xurado de II.CC., para quen naquel momento de inicio do posfranquismo «Vigo converteuse en cátedra, motor e referente no acontecer cultural galego no sentido máis amplo e dinámico».

Aquela arela común, como escribiu o profesor Modesto Hermida, outro dos animadores culturais daquel tempo, tanto de recuperación da democracia e das liberdades, como de normalización do sector cultural e de recoñecemento da lingua galega en todos os ámbitos da actividade social, educativa e económica, produciuse antes de que existisen as primeiras institucións autonómicas e antes de que se celebrasen as primeiras municipais, o 3 de abril de 1979. Eleccións das que sairía elixido alcalde de Vigo Manuel Soto Ferreiro, apoiado por cinco grupos políticos galeguistas e de esquerda. Un Vigo de 250.000 mil habitantes en aberta crise industrial, xa que tanto o estaleiro de Barreras como a empresa de cerámica de Álvarez de Cabral, controladas in extremis polo estado, reducían mes a mes os seus cadros de persoal; mentres que a factoría de Citroën da Zona Franca tampouco pasaba polo seu mellor momento e a flota viguesa de altura era expulsada dos caladoiros de Terranova e Namibia, o que obrigou ao peche de Casa Mar e Pebsa. Unha cidade con carencias infraestruturais moi severas, nas que non chegaba a auga corrente e o saneamento a unha cuarta parte da súa veciñanza e ao 70% do territorio da súa bisbarra, que contaba apenas cunha pequena biblioteca pública, a Jaime Solá nun baixo da Alameda, e cunha rede aínda moi insuficiente de centros educativos públicos, sobre todo de Bacharelato e FP.

Nese entorno de crise económica, tamén de oportunidade, foi callando en Vigo o proxecto normalizador acuñado polo espírito da arela común. En 1979 agromaron os primeiros proxectos de modernización e profesionalización da edición en lingua galega, liderados por Bieito Ledo, nomeado xerente da editorial Galaxia, e por Xulián Maure Rivas, primeiro director de Edicións Xerais de Galicia, editoras que dende entón converteron a Vigo en capital editorial de Galicia.

No eido do teatro en 1978 creouse a Agrupación de Teatro Galego de Vigo da que formaban parte, entre outros, grupos como A Farándula, Escoitade, Máscara 17, Teatro Popular Galego (máis tarde Artello),  ou Teatro Popular Keyzán, coa intención de procurar a vertebración teatral da cidade, entre a que estaba a organización anual da Mostra de Teatro Galego de Vigo e dunha escola de teatro na cidade, ademais de procurar, entre múltiples dificultades, os primeiros modelos de profesionalización dos seus espectáculos.

No eido da música intensificouse o activismo de Xuventudes Musicais, agrupación de promoción da música culta creada en 1972 da que moito teimou Manuel Álvarez, e apareceron as primeiras tentativas de vivir da canción de músicos vigueses como Bibiano, que publicara o seu primeiro LP, Estamos chegando ao mar en 1976, ou co homónimo de Pilocha (1978). No pub Sachtmo fixéronse as primeiras performances do compositor Enrique Macías e dos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño, das que agromarían expresións artísticas moi diversas, dende a música contemporánea do inesquecible compositor de Itinerario de luz ate o grupo que en 1981 se bautizou como Siniestro Total, antes Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano, nomes que adoptaron os músicos que sendo alumnos do instituto de Coia (1978), foran El Sexteto del Blues e Coco y el de los Mil Quinientos.

Proceso de anovación que se deu tamén no mundo da artes plásticas, onde a presenza en Vigo de artistas como Laxeiro, alentou que naquelas exposicións da Praza da Princesa, promovidas dende 1976 polo crítico Román Pereiro, sementase o que sería a primeira exposición en Baiona do Grupo Atlántica (1980), que revolucionaría toda a plástica galega de fin de século.

Unha efervescencia cultural viguesa en tempos de crise que contou coa complicidade necesaria dalgúns medios locais, sobre todo de Radio Popular de Vigo, que asumiu un papel inequivocamente galeguizador e aperturista, como  as páxinas de Faro de Vigo, dirixido por Francisco Armesto Faginas, especialmente nas páxinas de Artes e Letras dos domingos, nas que continuaba facendo prodixios as traducións poéticas do mestre Álvaro Cunqueiro, que por certo, gañaría o Premio da Crítica Galicia na súa segunda edición, tras a publicación do sería o seu derradeiro libro de narrativa, Os outros feirantes (1978). Mención á parte merecen as columnas literarias combativas de Dosinda Areses, heterónimo dunha figura da literatura galega, que comezaron a ser publicadas no Pueblo Gallego, até que foi clausurado polo Goberno de UCD (1979), continuadas na Hoja del Lunes de Vigo, semanario dirixido por Gustavo Luca de Tena, editado até 1981 pola Asociación Provincial da Prensa, e máis tarde n’ A Nosa Terra.

Enrique X. Macías 60

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo aos concertos de homenaxe a Enrique X. Macías con motivo do sesenta aniversario do seu nacemento:

No serán de onte o grupo Vertixe Sonora, dirixido por Pedro Amaral, interpretou no Auditorio do CGAC de Santiago de Compostela «Itinerario de luz» (1994-95), unha das pezas máis emblemáticas de Enrique X. Macías. Un concerto inserido na programación das Xornadas de Música Contemporánea 2018 que co lema «Música, memoria e emoción» lembraron con diversas actividades o 60 aniversario do nacemento do compositor vigués. Un concerto iniciado con outras dúas pezas de Macías, «Adhuc» (1992-93) e «Cadencias e Interludios / Percurso» (1992), mais no que, inevitablemente lembramos aqueloutro celebrado o 15 de abril de 1995, no mesmo auditorio (sendo entón director do CGAC o pintor Antón Pulido), cando «Itinerario de luz» fora interpretada pola London Sinfonietta dixirida por Mark Foster, nun programa do que ademais formaron parte outras obras de Enrique, «Estrofas» (1993-95) e «Chambre dans l’espace» (1992-93). Concertos ambos os dous inesquecibles dun compositor sobresaínte na música contemporánea galega, española e europea, vinculado sempre ao festival compostelán do que, xunto a Carlos Villanueva (director da Aula Aberta da USC) e Tomás Marco (director do Centro para la Difusión de la Música Contemporánea), foi coorganizador da súa primeira edición de marzo de 1987.

Mercedes Rosón, alma mater ao longo de tres décadas das xornadas compostelanas (un espazo de encontro para varias xeracións de compositores e intérpretes contemporáneos), recuperou no programa desta edición un fragmento moi significativo da derradeira carta que dende Bruxelas lle enviara Macías: «Na espera de beber algo xuntos deixando entrar o sol pola galería do Auditorio de Galicia, onde soño, poesía e vida se mesturan, e signifiquemos xuntos que a creación é un xesto total e totalizador». E abofé que ao longo de dúas intensas décadas de formación autodidacta e traballo compositivo, Enrique X. Macías foi un creador total que utilizando os diversos recursos da creación sonora expresou a palpitación do existir nunha reflexión sempre autoesixente que o levou a renovar unha e outra vez a súa obra, tanto no que se refería a súa temática e preocupación estética como aos propios medios que empregaba, sen menoscabo do seu interese polas posibilidades creativas dos instrumentos tradicionais.

Os que tivemos a fortuna de gozar da amizade de Enrique X. Macías sabiamos que concibía a súa obra como unha tarefa inacabada, un proceso en permanente construción. Actualizaba decote o seu catálogo autoral, e cando escribía unha nova obra, apretado polos prazos e as dificultades de produción das estreas (tarefa da que se ocupaba con paixón), sabía que non estaba aínda rematada. O de Enrique foi un proceso creador permanente, nunca totalmente concluído, que no fresco sinfónico de «Exequias» (1992-94), amosa ese estado de procura, de inquietude, de rebeldía, como foi toda súa vida. Enrique, de aparencia tan fráxil como elegante, posuía esa forza interior, esa coraxe que lle permitía manter a súa ambición creativa contra vento e marea, por riba das incomprensións do seu proprio país, froito en boa medida da mediocridade e do conformismo do tempo que lle tocou vivir. O seu percorrido vital foi a viaxe solitaria dun heterodoxo, dun explorador do coñecemento, mais tamén dun artista profesional responsable do rigor da súa obra e das consecuencias disto para súa propia vida. Macías moveuse pola fe inquebrantable no seu traballo creativo, pola convicción de ser consecuente co logro dunha linguaxe musical persoal, nacida dunha reflexión inédita sobre a arte dos sons, que asumía diante do público todos os riscos.

O 18 de maio Enrique X. Macías tería cumprido sesenta anos. Tras o seu pasamento hai case vinte e tres, en novembro de 1995, a súa figura foise esvaecendo na nosa contorna cultural, apenas como unha nota breve nas escasas historias da música galega e foco de interese dun par de inquedos investigadores musicais. A pesar de iniciativas tan honrosas como a das Xornadas de Compostela deste ano, inauguradas coa interpretación da súa «Sonata» (1986-89) por parte da pianista galega Isabel Pérez Dobarro, e coa edición xa hai unha década de dous cedés e de tres concertos retrospectivos na Coruña, Santiago e Vigo, a figura deste xenio vigués irrepetible corre o risco de ser esquecida en Galicia. Que se volvese a interpretar a súa obra en Vigo, a cidade que tanto amou e que sempre tanto lle doeu, o porto seguro onde radicaban os seus afectos e o seu celme creativo, é de estrita xustiza. Moito máis cando aquí non se interpretou aínda «Clamores y alegrías» (1995), a súa obra póstuma, estreada en 1996 no Festival de Canarias, para a crítica o seu traballo máis acabado. Asume a Concellaría de Cultura ese reto?

Onte 1979: Enrique X. Macías, 60 aniversario no CGAC

Participamos onte no CGAC na sesión inaugural das Xornadas de Música Contemporánea 2018 na que lembramos o 60 aniversario de Enrique X. Macías. Antes da interpretación da Sonata (1989) do compositor vigués por parte de Isabel Pérez Dobarro, Mercedes Rosón, Carlos Villanueva, Javier Macías e eu mesmo retratamos a quen foi o noso amigo desaparecido hai vinte e tres anos. A organizadora destas xornadas, presentadas baixo o lema «Memoria, música e emoción», Mercedes Rosón lembrou que coñecera a Enrique en 1987 con motivo da organización destas primeiras xornadas. Definiuno como «persoa honesta, elegante, cosmopolita, formado polas artes». O profesor Carlos Villanueva insistiu no autodidactismo de Macías, «persoa rupturista, que loitou, pero sen bandeiras, moi belixerante, moi viaxeiro, cuxo recoñecemento foi incuestionable, belicoso, a quen moito lle gustaba escribir, capaz de criticar a unha orquestra que estreou a súa propia obra».

Villanueva valorou a gran capacidade de escritura de Macías: «escribiu moito, tamén, sobre a propia obra, asumindo o autodidactismo como forma de creación». «Ninguén pode negarlle a súa orixinalidade e unha capacidade de aprendizaxe tremenda. Creou unha linguaxe moi persoal, pero moi valorada pola crítica, como amosan os textos de Tomar Marco ou García Alcalde». Rematou Villanueva lembrando que Macías, a pesar das súas viaxes, «sempre quixo volver a Vigo, onde residía o celme da súa creación». Pola súa banda, Javier Macías fixo un emocionante retrato do seu irmán, confesando que na súa familia non existía tradición musical. «Lembro a Enrique como unha persoa inqueda e sensible, dende moi novo escoitaba a música a unha altura impresionante». Recordou os seus primeiros pasos en Xuventudes Musicais e as viaxes a Alemaña, Finlandia e Polonia en 1982 «que supuxeron unha esforzo moi grande, que só compensaban as súas ganas de compoñer».

Javier Macías reivindicou que «a música de de Enrique debería interpretarse sempre, non só nos aniversarios»; «o labor de Enrique supuxo un fito para a música galega, facilitando que os xoves compositores puidesen estrear as súa sobras». «A Enrique sempre lle gustou debater, aguantou moitas críticas. Foi escrupuloso co seu traballo, quería que a súa obra se executase moi ben». Rematou Javier Macías pregando que «a Enrique hai que miralo coa prisma da súa positividade». «Enrique necesitou ser creador, como demostrou na súa derradeira peza Clamores e alegrías, que por ventura foi estreada no Festival de Canarias».

O texto da miña intervención pode baixarse aquí en pdf (sete páxinas).

Onte 582: «Unha vez», poema de Celso Emilio musicado por Enrique X. Macías

Recibín na caixa de correos un envío de Luís Ferreiro que me deixou abraiado: a composición «Poema de Requiem» que Enrique X. Macías realizou, entre o nadal de 1977 e o mes de xaneiro de 1978, sobre o poema «Unha vez» de Celso Emilio Ferreiro. Polo que puiden comprobar na primeira ollada, Macías envioulle a partitura a Celso, con quen mantiña relación de «admiración e amizade», e dende entón quedou nos arquivos do poeta. A peza para voz de soprano, banda magnética, dous magnetofóns, dous percusionistas e piano nunca se chegou a interpretar e (até o que eu sei) nunca foi incluída no catálogo do músico autodidacta vigués, moi atento sempre a mantelo vivo e actualizado. Emocionoume ver nas páxinas da partitura a caligrafía característica de Enrique, un dos creadores máis decisivos da miña xeración. Agradezo moito a Luís Ferreiro semellante galano que nos permite lembrar con saudades a un amigo inesquecible.

Aquí pode baixarse en pdf a partitura da man do seu compositor.