Listado de la etiqueta: drácula

Xela Arias en tres conferencias

Con motivo do 25 de xullo publico un texto sobre Xela Arias incluído no suplemento do «Día de Galicia» de Faro de Vigo, que agora reproducimos na súa versión completa:

Foi Xela Arias poeta transgresora de vocación intermedial, Lou Reed feminina, facedora e modeladora dunha lingua de raíz popular aprendida no berce familiar, sempre na procura da liberdade creadora e da independencia como elementos de autoafirmación dunha escrita activista comprometida co valor das artes, co feminismo e coas causas da lingua, do medio ambiente, da paz, da solidariedade onde non faltou a súa voz. Foi Xela Arias rigorosa editora literaria de mesa durante unha década en Xerais, pioneira na fixación de criterios ortotipográficos para a necesaria modernización da edición en galego de hai catro décadas. Foi delicada tradutora literaria responsable dun catálogo pioneiro de case cincuenta títulos anosados ao galego, algúns referenciais como As bruxas, Contos ao teléfono, Dublineses, O derradeiro dos mohicanos ou Drácula, o que contribuíu tamén ao proceso de normalización do catálogo editorial en lingua galega. E foi, convén non esquecelo, Xela Arias responsable dunha valiosa obra ensaística recollida nunha ducia de prosas non ficcionais dispersas en xornais e revistas, en diversas entrevistas e sobre todo nos textos das tres importantes conferencias que pronunciou, onde é posible identificar boa parte das súas principais preocupacións políticas e literarias.

Primeira conferencia (1988): o idioma como piar

Ditada o 25 de marzo de 1988, dentro das xornadas de linguas e literaturas catalá e galega da Universidade Complutense de Madrid, cando contaba con apenas vinte e seis anos, traballaba en Xerais e acababa de publicar o seu primeiro libro de poemas, na primeira conferencia, «Paixón de militancia e escuros desertores», recollida no número 6 da Revista de Filología Románica (1989), Xela Arias expresou a súa convicción de que o idioma é «o principal signo dunha cultura», o piar sobre o que se artella un sistema literario, razón pola que consideraba que «se escribir pode ser un acto revolucionario, facelo en galego é unha revolución sempre». Un idioma que para Xela Arias constituíu a cerna de todas as súas actividades literarias e vitais, fose como poeta, editora, tradutora ou docente, como acuñou en verso memorable «non hai idioma abondo para recoñecérmonos» (1994), na súa defensa en recuperalo como a mellor mostra do respecto do país por si mesmo (1989) ou na vontade de preservalo  da propia manda testamentaria (2002): «Facede o que mellor vexades, pero pídovos que conveñades amarrar forza precisa e combinada para o combate por animar, iluminar e sumar vida a esta que nos arrefría cos tempos xa pasados e os que están por vir: lingua que nós somos, que sobamos, entre todos inventada».

Segunda conferencia (1991): o compromiso feminista

Ditada o 14 de setembro de 1991, dentro do Encontro de escritores galegos e portugueses celebrado en Santiago nunha mesa redonda sobre «Muller e literatura», nesta intervención recuperada como texto por Camiño Noia e publicada no volume Xela Arias. Quedas en nós (Xerais 2004) Xela Arias expón da forma valente e atrevida que a caracterizou a súa visión da escrita de mulleres e do feminismo. «O meu compromiso está en escribir dende min. E eu son muller, miope e galega. Só cando esqueza iso deixarei de ser fiel ao feito das mulleres, das miopes e das galegas». Afirmación da súa lealdade co movemento feminista e galeguista que xa expresara na viguesa revista Congostra (1988), «porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados», e na entrevista que Manuel Rivas lle fixera en La Voz de Galicia (1990): «Dáme rabia ter que dicir que son feminista. Pásame igual co nacionalismo. Deixarei de ser unha cousa ou outra cando as nacións asoballadas non o sexan e as mulleres non estean discriminadas…».

Terza conferencia (2001): a poesía territorio de liberdade

Ditada o 4 de maio de 2001 no Círculo das Artes de Lugo, en presenza de Manuel María, na que sería a súa derradeira conferencia, «Para que os poetas hoxe?», Xela Arias fixo unha vibrante alegación sobre a «poesía como único territorio humano verdadeiramente libre» e unha defensa do «poema [como] un pasquín na conciencia, un libelo, que funciona como un panfleto nas memorias e nas lembranzas que nos conforman a historia propia». Unha defensa da poesía como «un dos poucos miradoiros libres que ten a sociedade» que expresara quince anos antes naquela autodefinición memorable por retranqueira en La Voz de Galicia, coincidindo coa publicación de Denuncia do equilibrio (1986): «Como regra vital, a independencia, claro. Como regra poética concibo a poesía como a intersección da poesía e a melodía». Fórmula sobre a que reflexiona unha década despois na entrevista no mesmo xornal con María Xosé Porteiro: «Considero que todo produto artístico debe saír da autoanálise da análise crítica e social. Por iso ten sentido a arte, se non sería artesanía. Só escribo cando teño ganas e algo que dicir. Busco a mestura da miña ideoloxía coa miña estética, previa á necesaria depuración».

Onte 2075: A vampira 451 de Ledicia Costas

Ledicia Costas agasállanos nesta reentrada con Vampira de biblioteca, un novo libro da súa factoría creativa, ilustrado por Víctor Rivas. Unha aventura cen por cen ledicia que integra tres das súas principais liñas de traballo: a exploración de medos e perdas no inframundo paralelo, creado en Escarlatina; a indagación no eido do coñecemento e da tecnoloxía utilizando a estética steampunk, iniciada n’ A señorita Bubble e A balada dos unicornios; e a recreación do mundo dos animais estraños e a creación de sociedades compartidas cos seres humanos, presente n’ As peripecias de Extravaganzza Pérez. Tres esteos literarios que prenden nunha mesma trabe, a voz enérxica de Eleonora, a nena vampira chucha tinta e vegana que relata a súa historia como defensora dende hai máis dun século dos fondos da biblioteca de Coímbra ameazados pola terrible praga do couzón real que pretende papalos.

Nas páxinas iniciais, a narradora e protagonista propón á lectora que se quere gozar desta aventura literaria antes debe descalzarse e identificar e escribir os seus medos, aquelas cousas ou situacións que lle producen un profundo desacougo. Só despois poderá poñerse máis cómodo na cama ou no sofá e saber todo o que lle aconteceu a Eleanora e aos morcegos Xa e Mon cando coñeceron ao avó Mariano e a súa familia toda. Un pacto inicial coa lectora que tamén o é de exaltación apaixonada do valor dos libros e das bibliotecas, ameazados tanto polos perigos do temible couzón da morte como pola idiotez e alienación provocada polo uso doutros soportes onde procurar información, como internet, as redes sociais ou os videoxogos.

Vampira de biblioteca pertence a esa clase de grandes libros sobre o mundo dos libros. Unha defensa da cultura do libro protagonizada neste caso por unha vampira punki, tamén vixía dos libros e lectora letraferida, que como aquel bombeiro Montag de Fahrenheit 451 (parabéns a Xerais pola nova edición deste clásico), pretende poñer a salvo un por un os imprescindibles da  biblioteca ao seu cargo (como Drácula, o vampiro máis respectado de toda a historia) chuchando a tinta das súas páxinas para poder inxectalas noutro soporte e deixalas fóra de perigo. Unha xenerosa estratexia, como a de procurar as palabras perdidas na casa dos humanos, que leva a historia, nun xiro inesperado e moi brillante, á exploración do valor da amizade, como algo que medra se a alimentas e a cultivas. Lemos tamén para querer e ser queridos, o que obriga a considerar a lectura como unha actividade vinculada ao eido emocional.

Ledicia Costas acerta de cheo cando ofrece unha aventura literaria de amizade entre vampiros, humanos e animais dirixida a un lectorado autónomo (a partir de 9 ou 10 anos) cando comeza a compartir a experiencia lectora sobre libros impresos coa utilización do hipertexto da web, a iniciarse no uso da comunicación nas redes e adestrarse no uso dos videoxogos compartidos. Acerta Ledicia cando fai esta exaltación imaxinativa e atrevida do valor dos libros e da bibliotecas fuxindo das mexericadas do aroma ou cheiro dos libros e outras trapalladas propias dos que non entenden que a hibridación da lectura é hoxe un camiño sen volta. Ledicia por medio de Eleanora, a súa vampira 451, defende os libros por que como aquel Montag de Bradbury sinte que detrás de cada libro hai unha persoa que  fala . Velaí o milagre e a marabilla da lectura pola que paga tanto a pena vivir aventuras como cada unha que nos ofrece Ledicia, facernos humanos. Recomendo vivamente esta Vampira de biblioteca, libro importante.

Onte 360: «La semilla inmortal»

Relín algúns dos capítulos de La semilla inmortal. Los argumentos universales en el cine, un ensaio de Jordi Balló e Xavier Pérez, que hai unha década me recomendou Agustín Fernández Paz. Dende entón, frecuento as páxinas dun libro que é para min unha gozada . Máis de trescentas páxinas nas que se fai un repaso aos vinte argumentos fundacionais da ficción, presentes nas obras literarias canónicas e logo desenvolvidas polo cinema ao longo do século XX. Vinte argumentos nos que para os autores residirían a cerna de calquera ficción literaria ou cinematográfica nas súas máis diversas variacións. Aquí aparece «a viaxe na procura dun tesouro», sementado na historia de Jasón e os argonautas na procura do vellocinio dourado e desenvolvido na pantalla por Spielberd en Indiana Jones ou nas road movie e outros filmes de fronteira. «O retorno do expatriado», nacido da Odisea, desenvolto en películas tan diferentes como Paris, Texas ou Centauros del desierto. «A fundación dunha nova patria» presente nos versos da Eneida, desenvolta en tantos westerns, concibidos como instrumento de afirmación nacionalista. «A experiencia do intruso benfaitor», o Mesías bíblico, presente en epifanías fílmicas de Pasolini ou Bergman. A outra cara: «a intromisión do maligno», aparecido do mito da serpe que agocha o espírito do mal, levado á ficción en Drácula e Nosferatu. «A venganza», argumento que provén da Orestíada, presente en tantas vaqueiradas. «A loita dialéctica de contrarios», representada pola historia de Antígona, desenvolta en tantas películas que denuncian a guerra e a represión institucional… E así ate vinte. Un libro fascinante para achegarse ao cinema dende os territorios máis literarios onde están as sementes inmortais, as palabras que para Platón achegan o máis alto grao de felicidade para o ser humano. Un ensaio dos que paga a pena revisitar. As persoas afeccionadas ao cinema e a novela moito gozarán.