Artigos

A primeira páxina poética de Xela Arias

O escritor Henrique Rabunhal convidoume a participar no volume Xela Arias: liberdade, subversión, innovación,  número 20 do Caderno de estudos Xerais da A. C. Irmáns Suárez Picallo:

«Un século,  un día, un minuto, un nada»

Antes da publicación en Dorna 3 (1982) de «Vin… / … unha árbore no canto dunha lúa preñada de soños…», o que se ven considerando como o primeiro poema de Xela Arias, nas páxinas do número 178 d’ A Nosa Terra, correspondente á semana do 26 de febreiro ao 4 de marzo, na sección «Guieiro» (de creación poética e narrativa) apareceu unha páxina completa que baixo o título «Un século, un día, un minuto, un nada» está asinada por Xela (poemas) e Xosé Guillermo (debuxos). Polo que coñecemos esta pode ser considerada como a primeira páxina poética de Xela Arias, publicada xusto o día que celebraba vinte anos. Un traballo que inicia tamén a fecunda colaboración artística ao longo dunha década entre a xove poeta e o pintor Xosé Guillermo (1947-2009), o creador do concepto «artenauta» e inventor da Fundición Nautilus (1993) desde a que promoveu espectáculos aéreos e terrestres de grandes dimensións.

Unha colaboración froito da súa amizade e do seu encontro creativo en 1980 nos locais de Xerais onde Xela Arias traballaba como oficinista e correctora e Xosé Guillermo frecuentaba como deseñador das primeiras portadas da editorial da colección Montes e Fontes (Crónica de nós de X.L. Méndez Ferrín e A fuxida de Xosé Manuel Martínez Oca) e das ilustración dalgúns libros de texto ou de carácter didáctico (Cantigas galegas. Flauta, gaita e canto de Xosé Luis Fernández Castro). Unha colaboración continuada no debut de Xela Arias en «Faro de Vigo», o 4 de xuño de 1983, na que baixo o epígrafe de «Creación» e o título «Un feixe de versos novos», Xela Arias publicou catro dos seus poemas, acompañados dun comentario entusiasta do poeta Carlos Oroza e por un retrato a pastel extraordinario, que formaría parte dos corenta que expoñería dous anos despois na Casa da Cultura de Vigo. Colaboración que se estendería a outras publicacións como o fanzine Katarsis, promovido polos irmáns Paco e Víctor Tizón, onde Xela Arias publicaría no seu número 3 o poema «Érgome» (1984) e no número 5 «Os ollos ben pechados» (1985), ilustrado a pluma por Xosé Guillermo.  Conexión artística brutal que condensada na edición de Denuncia do equilibrio (1986), o primeiro libro de Arias que ilustraría, portada incluída, Xosé Guillermo coa técnica da colaxe, tan característica das publicacións literarias daquel momento.

Un encontro creativo que Xela Arias lembraría dez anos despois no poema «Epístola. Biografía» que lle dedicou a Xosé Guillermo no primeiro número da Glu… Glu… Periódico discontinuo (1993) publicado pola Fundición Nautilus:

«Eu tiña dezaoito anos e ti a idade de cristo menos un mes.
Non me deitaba contigo (¿viches como se di dunha muller?).
Deixara os meus estudios e traballaba, pero entre Novalis
almorzaba Rimbaud xantaba Verlaine e ceaba Baudelaire
(Novoneyra ou Ferrín de aperitivo).
Apareces ti, que dun trazo debuxas figuras enteiras
mitolóxicos enxeños, que retratas anceios tralos rostros,
e viaxamos na lancha de Cangas coma quen cruza altánticos
salvando treboadas, falando moito, creo, non sei de qué,
e imos beber absenta nunha taberna (para min que só era nome
invento dos franceses literatos do século pasado, e mira, non),
ennovelamos narcóticos máis mística poética. Estaba ben. E ti
pintabas, pintabas. Roubáchesme tres poemas, pintáchelos,
e vinos nun xornal: ¡tírasme ó mundo!, ¿e agora qué?
Pintas e pintas e pintas….

[…]

Impórtame ultimamente un felino vermello esculcando a selva
e unha garza inverosímil a manter distancias;
un paxaro enferruxado ameazador e vixiante
e unha cuadrícula de cores que navego sen buxola.
Cousas así, as que me importan.
Sei que préme-lo temón dun nautilus acorazado
disposta ás vintemil e mais sempre á contra pola cidade–
Eu agora, o XIX no seu sitio, fago lume noutras cociñas,
constrúo noventas que me encantan….

Este encontro artístico, entre a poeta e o pintor, entre o poema e a obra plástica, sería o primeiro achegamento artístico de Xela Arias, que continuaría con outros artistas vigueses como Pedro Sardiña, que ilustrou a páxina manuscrita por Xela Arias en Faro de Vigo o 16 de agosto de 1984, e co fotógrafo Xulio Gil co que compartiría o proxecto de libro e exposición Tigres coma cabalos (1990).

Transcrición da primeira páxina poética de Xela Arias

«Un século, un día, un minuto, un nada…»

Soio
Soio
Soio
Morrer morto
Nas rodas do tranvía
Soio
Suicidio
De formigón
Nas entrañas da técnica
Soio
Canto de neve
Desvanecendo ideas
Soio

Chove
Mesto e miudo

As gotas chaman á porta das herbas

Unha anduriña di que ten fame
Un home di que ten presa

Chove
e o tempo vaise mollando.

A luz do sol
entra pola ventana
a esbarar
a rir
é fuxir?
ou será chegar?
Soio sei que dende logo
rir e esbarar.

ti
eu
il
e soio somos un,
neve no firmamento que nos engole
eu
il
ti
e soio somos un,
longo camiño de estrelas
curto tempo-reló de área
il
ti
eu
e soio somos un,
a buscar outro e outro
pra ser un máis grande.

Xela (poemas) e Xosé Guillermo (debuxos)

 

Xela Arias, escachar a palabra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día das Galega nas Letras que A Sega dedicou a Xela Arias:

O pasado xoves, 15 de agosto, a Plataforma de crítica literaria feminista A Sega homenaxeou a Xela Arias no parque do Castro de Vigo. Como centro da sexta edición do Día das Galegas nas Letras, unha convocatoria anual coa que este colectivo pretende facer visible de forma poliédrica, aberta e participativa o papel das creadoras na cultura galega, duascentas persoas participaron ao longo de toda a xornada en diversas actividades literarias e musicais, iniciadas cun itinerario imaxinario, conducido pola escritora Susana Arins, pola vida de Xela Arias, a escritora falecida en 2003, con apenas corenta e un anos, para quen se reclama o recoñecemento da Academia Galega no Día das Letras Galegas.

No manifesto da xornada lido pola escritora Beatriz Maceda, as compoñentes da Sega expresaron o seu compromiso de «espallar a rebeldía e o talento incomparable de Xela», «a treboada apoiada no permanente espello», ao tempo que salientaron a súa capacidade para «arrasar os marcos, desbotar as imaxes, para quedar coas palabras»; para transgredir e transcender con «cada palabra escrita co sangue da vida», fose na poesía, na tradución e na edición, eidos nos que «retorceu as palabras, ata escachalas».

Lembranza que continúa as que no inverno A Sega organizou nas librarías Chan da Pólvora e Lila de Lilith de Santiago e as que na pasada primavera tiveron lugar no concello de Redondela con motivo de asignar por votación popular a Xela Arias o nome da Biblioteca Pública Municipal de Chapela e da inaguración do grafiti no IES de Chapela, onde foi profesora substituta de lingua e literatura galegas no curso 1999-2000, no que se recolle un dos versos dun poema que publicara en 1994 no Boletín Galego de Literatura 11: «Independénciome para que eu saiba / onde quero estar atada, [onde, / as fronteiras ou a morte das fronteiras]».

Homenaxes que coinciden, ademais, coa publicación da edición da súa Poesía reunida (1982-2004) (Xerais 2018), preparada pola profesora Chus Nogueira, un fito na recuperación da obra de quen sempre reivindicou a condición de muller escritora e reaccionou contra o carácter invisibilizador das etiquetas e dos movementos xeracionais. Unha edición na que se recollen todos os seus libros publicados en vida, Denuncia do equilibrio (1986), Tigres como cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003) e reúne, ademais, a súa ampla obra dispersa, dende a recitada no Festival de Poesía do Condado, no que participou con continuidade dende 1983, até a publicada nas páxinas de Faro de Vigo dos oitenta ou nas revistas Dorna, Luzes e Festa da palabra silenciada.

Unha edición moi agardada que permite por vez primeira acceder ao corpus completo da poesía de Arias, que concibiu o texto poético como espazo de indagación e experimentación coa linguaxe. Indagación de quen, segundo a poeta e académica Ana Romaní, «non se comprace», «da que se interroga e non se acomoda». Esculca que a propia autora confesa acometer «para entenderme e facerme entender, para comprender o mundo no que vivo», actitude que contribuíu á renovación do discurso poético galego e do feminismo dos anos oitenta, aos que acompañou como pioneira. Foi Xela unha autora convencida de que a poesía «sempre é temeridade, incendio» un medio de evitar «sentir a covardía», actitude expresada co verso «vencerse é cousa de se tratar», título do traballo músico-poético que nos seus últimos días compartía con Fernando Abreu, chamado tamén da homenaxe que as asociacións profesionais da edición, tradución e escritura lle renderon en Vigo en maio de 2004 .

Foi dende os seus primeiros textos outro dos trazos caracterizadores do cromatismo da poesía de Xela, ademais dos xogos fónicos, a transgresión dalgunhas convencións da escritura e do característico emprego de colocacións pronominais, deseñar unha completa xeografía urbana, na que inevitablemente identificamos o Vigo da súa mocidade, o barrio do Calvario do instituto Castelao, onde cursou o bacharelato. Cidade onde Xela expresaba a súa vontade de reinventarse cada día, ao xeito dun Loud Reed feminino, cando entre 1987 e 1989, escribiu cinco letras para o disco El desertor (1991) de «Desertores», o grupo musical dos irmáns Díaz. O Vigo da movida, de cuxa crónica ela discrepaba e que ela definiu de forma luminosa como «cidade revolcada», quizais por que en Vigo nunca foi doado diferenciar os límites tan imprecisos entre a dor e o pracer.

Volvendo sobre a obra esencial de Xela Arias, Vigo ampliaría de forma significativa os límites do seu mapa literario, tanto polo seu carácter radicalmente contemporáneo como polas posibilidades que ofrece unha autora que, como sinalou o manifesto da Sega, «fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario». Xela Arias , quedas en nós.

60 anos de Follas Novas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo, coincidindo co 25 de xullo, a lembrar a experiencia de Follas Novas, iniciativa que hai sesenta anos promoveron Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda:

O 15 de xullo de 1957, aniversario da morte de Rosalía de Castro, o matrimonio de escritores Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda inaugurou no seu propio fogar de Buenos Aires, na rúa Asunción 3035, o que bautizaron como Follas Novas, unha empresa editorial galega concibida para reunir todo o que se publicaba en galego e sobre Galicia en calquera lugar do mundo. Pepe e Anisia, daquela uns mozos recén casados, presentaron a iniciativa como “feira permanente do libro galego”, unha organización editorial e libreira continuadora do labor a prol do libro galego que viñan desenvolvendo sociedades e centros galegos e o activista e polifacético Luís Seoane que, contando coa colaboración de Arturo Cuadrado, impulsou edicións de libros galegos nas coleccións Hórreo e Dorna da arxentina Emecé Editores e máis tarde nos selos propios como Nova (1944), Botella al mar (1946) ou Citania (1957).

Un esforzo de resistencia da edición galega no exilio destinado tamén a facerse oír na propia Galicia interior, nos tempos difíciles do franquismo feroz onde os exemplares das edicións destes libros e revistas (como Galicia emigrante) chegaban de matute nos fondos das maletas emigrantes, sendo distribuídos despois de forma discreta nalgunhas librarías comprometidas, como a famosa anticuaria Monterrey de Pi e Margall 14, aberta dende 1948 por Luís Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez.

Segundo confesou Xosé Neira Vilas no se discurso de ingreso na Academia Galega, «A cultura galega en Buenos Aires: 1950-1960», no seu primeiro ano de actividade Follas Novas comezou a distribuír as edicións de autor e os fondos de Emecé e Nova dispoñibles, aos que se engadiron os que chegaban de Galicia, os primeiros publicados por Galaxia, Bibliófilos Gallegos e a colección de poesía Benito Soto, que comezaban a reiniciar a actividade editorial galega no interior. Imprimiu catálogos, creou un sistema postal de novidades, que se distribuía entre asociacións de emigrantes, exiliados e universidades, ademais de instalar vitrinas en oito sociedades galegas da capital arxentina, onde se expoñían os libros galegos máis recentes.

Follas Novas organizou actos culturais, como a grande homenaxe a Otero Pedrayo, que chegara a Buenos Aires invitado polo Centro Galego para ditar conferencias e tomar parte nos actos do Día de Galicia de 1959. Entre o 22 de xullo e o 5 de agosto de 1960 preparou a primeira exposición de prensa galega na arxentina, ademais de tres exposicións do libro galego, a do Centro Lucense de Buenos Aires; a de Montevideo, inaugurada por Lois Tobío; e a de Caracas, que contou coa participación de Emilio González López e Pura Vázquez. Cada sábado celebraba unha xuntanzas de mozos galegos e arxentinos nas que se comentaban os libros que ían chegando e se lían poesías e narracións. Follas Novas vendía libros nos actos públicos da comunidade galega, para o que contaba coa axuda de mozos vencellados ás asociacións.

Follas Novas anunciaba as súas actividades nas revistas da comunidade e contaba cunha emisión radiofónica, «Mirador bibliográfico galego», unha iniciativa pioneira onde semanalmente Elsa Fernández, unha colaboradora principal do proxecto, comentaba un libro. Ademais de establecer filiais e núcleos de colaboradores en Caracas, Montevideo, Santiago de Chile e Nova Iork, e na Arxentina en Mar del Plata, Santa Fe e Rosario. Tamén pola súa iniciativa, o 10 de outubro de 1959, creouse en Follas Novas a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, que editaba a revista «Alén mar» e mantería por anos unha fecunda actividade relacionada coa cultura e a historia dos seus ancestros.

Follas Novas tivo tamén actividade editorial iniciada coa publicación de Itinerario galego (1958) de Víctor Luís Molinari, ao que seguiron Terra aluciada (1959) do porriñés Xosé Conde e Esta es Cuba, hermano (1960) de Anisia Miranda, ademais do primeiro poemario de Xosé Neira Vilas Dende Lonxe (1960) e da súa novela fulcral Memorias dun neno labrego (1961). O propio Pepe Neira confesoume que dentro do programa editorial de Follas Novas estaba previsto facer unha segunda edición de Sempre en Galiza (1944) de Castelao, que xestionaran co Rodolfo Prada e Virxinia Pereira, «na que estaba en proceso de análise a posibilidade de incorporar dous novos capítulos que o autor non incluira na primeira». Non foi posible. Como tampouco a publicación da revista «Letras galegas», que deseñaran. O devalar da vida e os seus accidentes, o que Neira Vilas definiu como «problemas técnicos», obrigou a pechar en 1961 a aventura patriótica de Follas Novas, coincidindo coa marcha de Anisia e Neira a Cuba. Un capítulo heroico da nosa edición no exilio que seis décadas despois merece non ser esquecido.

Onte 1462: «Namoreime en Ons»

NAMOREIME EN ONS Portada.inddLin con curiosidade Namoreine en Ons (Edicións do Cumio, 2015), o libro máis recente de Staffan Mörling, o antropólogo sueco, grande especialista na dorna e na súa cultura. Novela autobiográfica ou autobiografía novelada, narra a súa chegada a illa de Ons na década de 1960 cunha bolsa para estudar as embarcacións tradicionais galegas. Xaora, a cerna do relato é a súa romántica historia de amor con Xoana, unha fermosa rapaza da illa, coa que casou e coa que vive en Bueu dende entón. A pesar dunha certa inxenuidade na utilización do punto de vista, o relato é interesante como retrato etnográfico da comunidade humana da illa de Ons hai cincuenta anos, dende a descrición das embarcacións (dorna, galeón e lancha xeiteira) e artes de pesca que entón utilizaban os mariñeiros, pasando pola da propia arquitectura até a recuperación das crenzas e lendas da cultura popular, hoxe desaparecidas, recuperadas pola memoria de Mörling. Unha entrañabke testemuña etnográfica deste galego de orixe sueca.