Listado de la etiqueta: ctnl

Mil primaveras máis

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao discurso de Álvaro Cunqueiro no que acuñou o sintagma «Mil primaveras máis»:

Por coñecida que fose, sempre emociona ler, e aínda moito máis escoitar, a apoloxía que en defensa de Galicia e da súa lingua fixo o escritor Álvaro Cunqueiro o 24 de abril de 1980 na histórica homenaxe que recibiu no hotel Samil de Vigo. Un texto oral, pronunciado de forma improvisada e emocionada, sen mediar apunte escrito ningún, concibido como manda do seu epitafio, que un ano despois se convertería en extraordinario legado ao futuro da lingua e patria galegas. Homenaxe que lembra moi ben o editor Bieito Ledo, entón xerente da editorial Galaxia, onde se argallou e presentou como iniciativa dun grupo de amigos, coincidindo coa aparición no catálogo da editora de Reconquista 1 do primeiro volume da obra en galego completa, o de poesía e teatro, e dun disco (elepé) con poemas do mindoniense recitados na voz de Xohana Torres e acompañamento da arpa de Emilio Cao. Iniciativas promovidas coa intención de subirlle o ánimo a don Álvaro, entón moi baixo, fose polas súas penalidades de saúde como pola aldraxe que o 28 de xaneiro moito o amolara, no acto de investidura como doutor honoris causa da Universidade de Santiago de Compostela, xunto a Camilo José Cela e o filólogo alemán Joseph M.Piel, tras unha protesta estudantil dirixida, sobre todo, contra o reitor José María Díaz Suárez Núñez.

Lembra Bieito Ledo que ao acto non puido acudir o alcalde Manuel Soto, mais que si acompañara ao autor de Merlín e familia no descubrimento da placa que dende entón leva o seu nome. Como non esquece o editor de Padroso ás numerosas adhesións recibidas, entre elas a dos Reis de España, nin que foi Carlos Casares quen deu paso ás intervencións do reitor da universidade, de Domingo García Sabell, entón presidente da Real Academia Galega, e de Paco del Riego, o amigo de toda a vida, que precederon ao memorable discurso de Cunqueiro, que por ventura quedaría gravado (e accesible hoxe en Youtube). Unha alocución de construción maxistral alicerzada toda sobre a expresión máis xenerosa e ampla da gratitude: «Quero dar as gracias a Deus por haber nacido nesta nación galega entre vós, por haber nacido no voso tempo e ser amigo voso…» Estratexia oral que lle serve, tamén, para dar conta da fala como cerna da identidade nosa: «Louvado seña Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, por haberme ensinado a decir “rula” e “abidueira” e “dorna” e “ponte” e “fonte”, e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte.»

Peso decisivo da fala que don Álvaro pondera no contexto do seu compromiso como escritor de ficcións, tarefa que non é outra que contribuír a crear e fortalecer o idioma, unindo o seu futuro co da propia Galicia, mesmo cando aínda non se constituíra o primeiro goberno autonómico galego (1981): «As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa esta outra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixera facer un eloxio, e eu estivera dando herba na terra nosa, podería decir a miña lápida: “Aquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.» Unha formidable ollada política na Galicia do porvir na que Cunqueiro, no cabo da súa vida, asume que a duración da nosa comunidade de mortos e vivos (o pobo galego e a súa memoria) depende da subsistencia do seu idioma. Desexo de don Álvaro de «mil primaveras máis para Galicia» que o discurso galeguista axiña transformou polo de «mil primaveras máis para a lingua galega».

O discurso de Cunqueiro e o sintagma das mil primaveras callou como icona galeguista sendo adoptado dende entón para identificar diversas iniciativas galeguizadoras. En Vigo é inevitable lembrar a campaña «Mil primaveras máis», promovida na primavera de 1986 por Radio Popular de Vigo e a Asociación de Pais en Defensa da Lingua (APADEL), reclamando o ensino en galego, que conseguiu máis de 2.500 asinaturas encabezadas polas de X.L. Méndez Ferrín e a do propio alcalde Manuel Soto, sempre comprometido coas iniciativas de fomento de uso do galego, que fixo do Vigo daquela referente na defensa da lingua. Como tamén foi inesquecible a campaña «Por min o galego terá mil primaveras máis», promovida por Prolingua na primavera de 2014, solicitando un compromiso individual que tecese unha rede de afectos ao redor do idioma. «Mil primaveras» acuñadas hoxe nos premios homónimos, promovidos dende 2019 pola CTNL, que recoñecen cada ano os mellores proxectos de fomento do galego. Grazas, don Álvaro, por esas mil primaveras máis para Galicia e a súa lingua!

Onte 1586: Asociación positiva co galego

imagenOs vinte anos que celebra esta fin de semana a CTNL merecen todos os parabéns. Dúas décadas de moi proveitoso traballo dun colectivo de profesionais a prol da lingua galega compartindo sintagmas de entusiasmo e simpatía. Como ben salientou onte Nel Vidal, que despois de nove anos de traballo arreo abandona a presidencia do colectivo, a estratexia de todas as súas campañas (Gústame o galego, Como cho digo, Agasallo.eu…) foi pular pola asociación do galego coa «positividade, a modernidade e o orgullo«, convencidos que así se poderían desmontar prexuízos e mellorar a percepción que a cidadanía galega ten do seu propio idioma. Os membros da CTNL pertencen por méritos de seu á Galicia inconformista e esperanzosa. Expresamos a nosa gratitude e admiración. Beizón.

Onte 1506: Concellos polo galego

encontro_galego_concellosÉ un nova moi esperanzadora que representantes de setenta concellos, reunidos no Encontro de Política Lingüistica Municipal convocado pola CTNL, asumisen o compromiso de crear unha rede a prol do galego e do seu impulso. A elaboración de ordenanzas para o impulso do galego e a creación e impulso de servizos de normalización lingüístico son dúas medidas esenciais para que os concellos recuperen o pulo a prol do idioma de noso. Ademais, compartir experiencias de éxito como o proxecto Apego, para a socialización dos picariños, o funcionamento dos clubes de debate, os programas de animación á lectura ou o apoio municipal ás actividades en galego dos centros educativos son outros vieiros a compartir polos membros da rede, Abofé que a celebración en 2016 do centenario da fundación das Irmandades da Fala debería constituír unha oportunidade para recuperar o entusiasmo cidadán polo idioma. Agradécese este esforzo en man común de concellos de diversas filiacións políticas. Un exemplo a emular noutros eidos. Mil parabéns aos promotores e concellos participantes.

Onte 1400: Apego, que o seu nome sexa propio

logo_completo_apegoReparei onte por un chío da Coordinadora de ENDL no magnífico texto das recomendacións do programa Apego para axudar en tan importante decisión como é a de escoller nome dun fillo ou filla. Co agarimo e rigor co que está concibido todo este programa socioeducativo, dirixido ás familias que deciden que o galego teña un lugar nas súas vidas, o texto propón que cada familia valore a posibilidade de poñerlle un nome en galego pola orixinalidade, atractivo e o seu carácter propio, o que contribuiría a súa diferencia dentro da sociedade global. Como nomes en galego hai moitos, «e bonitos e orixinais», o programa fai unha ampla proposta deles, dando conta da súa orixe e significado.

Recomendo compartir no eido educativo os excelentes contidos de Apego, «un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial», que nestes momentos desenvolven os servizos de normalización lingüística de trece concellos (Ames, A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo) e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Ben sería que tras a constitución de novas corporacións en concellos e deputacións, se incorporasen novas entidades a este programa de esperanza para a lingua galega.

Onte 1301: Que se vexa! O galego

que_se_vexa«Que se vexa! O galego» é outra magnifica iniciativa normalizadora promovida pola CTNL. Un chamamento a facer do galego unha «lingua viva, útil, moderna, atractiva, visible». «Queremos un idioma de tod@s. E queremos que se vexa» afírmase na presentación desta proposta concibida para celebrarmos o Día das Letras Galegas. A CTNL propón «o lema QUE SE VEXA! O GALEGO, para que quen queira o utilice para salientar esa idea de darlle protagonismo ao idioma e para destacar que os actos programados se centran en visibilizar unha lingua viva e rica válida para todos o ámbitos e situacións.» Unha iniciativa de autoorgullo lingüístico que paga moito a pena axudar a espallar.

Onte 1015: Transmisión interxeracional do galego

transmision_xeracional

Interesoume moito o anuncio que coñecín onte da celebración en Carballo do 9 ao 11 de xullo do curso de verán «Para transmisión interxeracional do galego», organizado pola Universidade da Coruña en colaboración coa CTNL. Ninguén pode negar que as politicas lingüísticas actuais son incapaces de facerlle fronte ao imparable proceso de substitución lingüística, unha fractura (unha hemorraxia) que de non ser pechada (ou atallada) decontado pode levar á desaparición do galego. Só coñecendo e reflexionando sobre os condicionantes determinantes que dificultan ou rachan a transmisión da lingua, outrora natural, no eido familiar e no da escolarización temperán e primeira, será posible restaurar a cadea e enxergar un novo futuro para o noso idioma. Xaora, como demostra o contido do programa do curso, existen experiencias e modelos de intervención que melloran a transmisión interxeracional. Coñecelas e visibilizalas axudará a crear modelos e prácticas normalizadoras. A pesar de non podermos participar, seguiremos pola rede os contidos deste curso tan interesante.

Onte 939: Respectar a nosa elección

Dentro da magnífica campaña «Como cho digo», publicouse onte unha peza na que expreso a miña convicción de que os medios de comunicación deben respectar a opción daquelas persoas que declaramos en galego. O feito da transcrición das nosas palabras na lingua na que foron expresadas, ademais de respectar o noso dereito a utilizar o galego, debería supoñer unha maior fidelidade informativa.

Onte 925: Como cho digo :-)

Outra vez a CTNL ofrece unha campaña modélica e moi atractiva de normalización da lingua galega, desta volta co obxectivo de visibilizala nos medios de comunicación. Colectivos profesionais, sociais e cidadáns, ademais de persoas a nivel individual, promovemos esta campaña coa intención de reclamar aos medios de comunicación o dereito a que non agochen a nosa lingua, algo tan doado coma escasamente frecuente, o de non sermos traducidas cando realizamos declaracións ou é solicitada a nosa opinión. O galego utilízase moito máis do que hoxe aparece nos medios de comunicación. Unha situación que é posible reconducir, se cada unha das persoas e colectivos que o utilizamos decote reclamamos o noso dereito a sermos respectadas. Unha mensaxe clara, expresada por persoas procedentes de eidos profesionais diversos (xudicatura, profesorado, investigación, cultura, deporte, xornalismo…), recollida nun fermoso deseño audiovisual, abonda para viralizar a campaña nas redes sociais e procurar o apoio popular. O éxito semella garantido. Coma sucedera con «Gústame o galego» e Agasallo.eu, o presentado onte é outro modelo a emular por outras iniciativas (tan necesarias) que pretendan aumentar o perímetro do abrazo da nosa lingua. A nosa gratitude para os membros da CTNL, especialmente para Nel Vidal, primeiro promotor da campaña, por ser capaces de compartir e contaxiar tantas doses de entusiasmo e optimismo en tempos dificiles. Beizóns para «Como cho digo :-)».

Onte 816: Agasallo.eu

Agasallo.eu foi un dos proxectos que se presentaron no espazo tecnolóxico do Culturgal 2013. É unha plataforma en liña que compila, difunde, dá a coñecer e recomenda agasallos en galego para todas as idades, todo tipo de acontecementos e épocas do ano. Unha iniciativa de visibilización dos produtos e servizos galegos, singularmente da nosa industria cultural (libros, discos, artesanía, tecnoloxía, audiovisual…), textil e alimentaria, ao tempo que de promoción de consumo responsable (tamén na nosa lingua). Promovida pola activísima e sempre innovadora CTNL, Agasallo.eu será presentada oficialmente o vindeiro 11 de decembro e poñerase ne funcionamento ao longo desta semana. Unha iniciativa de normalización moi inclusiva, potenciadora da autoestima e da industria e comercio cultural galego. Chamo a apoiala de forma entusiasta.

Onte 771: O galego de primeira

Este apoio do Celta de Vigo á lingua galega vale o seu peso en ouro. Un modelo de comportamento empresarial socialmente responsable, unha iniciativa activadora de autoestima pola lingua propia nun entorno en aparencia cada vez máis desgaleguizado. Ben sabemos que a utilización do galego na megafonía de Balaídos remóntase ás corporacións de Manuel Soto, hai case tres décadas, incluída na primeira ordenanza de normalización lingüística. Porén nos últimos anos déronse novos e importantes pasos galeguizadores en Balaídos, especialmente o darlle carácter oficial a versión galega do himno celeste e á utilización do galego de forma unánime polas peñas. No entanto, o de onte constitúe un feito histórico, xa que o Celta como institución, o seu cadro de xogadores e técnicos, son os que de forma entusiasta protagonizan esta peza viral, que no primeiro día xa tivo máis de tres mil visionados. Ademais, a iniciativa «Gústame…» da CTNLG, presentada no último Culturgal, despois de pasar por centros educativos e eventos diversos, amosa outra volta a súa eficacia: directa, divertida, persoal, transversal, inclusiva, agarimeira. Gústame o galego do Celta, gústame o galego de primeira. Beizóns ao Real Club Celta e aos promotores desta marabilla.