Artigos

Onte 948: Choramos a Gabo

imagesA conmoción expresada na rede polo pasamento de Gabriel García Márquez demostra que somos o que lemos, que cada persoa lectora establece un vínculo de afecto cos seus autores máis queridos, aos que considera no núcleo máis próximo dos seus afectos. Cando souben da noticia da morte de Gabo por un chío de Twitter, inevitablemente, viñéronme a cabeza aquelas dúas noites de lectura febril de hai corenta anos (1974) nas que na Laboral lin abraiado Cien años de soledad. Dende aquela experiencia lectora, marcante na miña formación, seguín cada unha das súas obras onde sempre atopei a continuidade do fluír da condición humana. A recente edición do libro de Carlos Reigosa, A Galicia máxica de García Márquez, permitiume conversar en varias ocasións con Dasso Saldívar, quizais o seu mellor biógrafo, que nos cedeu algunhas fotos para publicar na edición de Xerais. A edición do excelente ensaio de Reigosa serviume, ademais, para profundizar no ADN galego de García Márquez, co que el explicaba a orixe familiar do seu pulo narrativo, e nas súas tres viaxes a Galicia e norte de Portugal (dúas privadas), unha terra que admiraba coma propia. Lonxe da previsible mitificación mediática á que asistimos nestas primeiras as horas, as lectoras de todo o mundo choramos a Gabo porque nas páxinas das súas obras o primeiro cidadán de Macondo ensinounos outra ollada posible sobre o mundo e sobre cada un de nosoutros mesmos.

En Ondarreta, Donostia.

Onte 703: Reigosa fala de García Márquez

Na presentación de onte en Compostela das edicións d’ A Galicia máxica de García Márquez Carlos Reigosa despexou algunhas das incógnitas da relación con Galicia do autor de Cien años de soledad.

A primeira foi a da existencia dunha «avoa galega» do nobel colombiano, un personaxe perdido na bruma da xenealoxía familiar citado polo autor nas súas declaracións e sinalado nas referencias dos seus biógrafos Plinio Apuleyo Mendoza, Martin ou Dasso Saldívar. Para Reigosa os datos biográficos certos amosan que as avoas e bisavoas de García Márquez son colombianas, mais «as tataravoas son todas españolas. Dentro delas  intúo que unha delas, Josefa Vidal, poida ser de Ourense, xa que o escudo heráldico dos Vidal ten a súa orixe en Verín ou Trives.» «Gabo non acabou nunca de disdicirse da existencia dunha “avoa galega”, que eu entendo constitúe para el un elemento literario. Hai unha inconsciencia literaria na súa afirmación de galeguidade. Ben sabemos que os escritores poden escoller a súa familia literaria, como fixeron Valle Inclán e o propio Cunqueiro.» Relatou Reigosa despois algunhas das conversas que mantivo co colombiano a este mesmo teor.

«En 1968 falei por vez primeira con el, fíxeno por teléfono con el con motivo da publicación d’ El Otoño del Patriarca. Díxenlle que non atopara ningunha referencia a súa avoa galega en Cien años de soledad. Contestoume: “si, na forma de contar. Ela dicíame coa mesma cara de pao ‘come toda a comida’ ca ‘esta noite vin ao teu tío’ (morto hai vinte anos).» Para Reigosa nesa forma de contar «está a raíz da verosimilitude narrativa de García Márquez, nesa seriedade.» Seguiu Reigosa relatando outras conversas que mantivo con Gabo, deténdose naquel día enteiro (31 de outubro de 1991) que compartiron co colombiano na axencia EFE, «onde contou tantas e tantas anécdotas sobre Fidel Castro, así como as súas conspiracións políticas latinoamericanas». «Referíase sempre a Fidel, co que mantivo unha gran amizade, como “gallego”, que para Gabo significa “teimudo”, “que non hai quen poida dobralo”». «Tras aquel encontro de Madrid, no que non puiden preguntarlle sobre as miñas dúbidas sobre a avoa, convertinme nun perseguidor. Collino en Los Ángeles, o 7 de outubro de 1996, onde entre as presas confesoume que a súa irmá Ligia procuraba a historia dos devanceiros galegos. Díxome que avoa Tranquilina era descendente duns galegos que chegaron ao norte de Venezuela» A derradeira referencia sobre a cuestión chegoulle a Reigosa por medio da conversa a través de Plinio Apuleyo Mendoza na que Gabo dixo que «da avoa galega non sabía máis, pero por favor que o descubran, que o investiguen, porque son eu quen necesita sabelo». Para Carlos Reigosa con estas palabras, quizais, chegue a fin desta historia.

A segunda das incógnitas das que falou Reigosa foi das viaxes de García Márquez a Galicia. «Sabemos que realizou tres, existindo constancia documental da realizada en maio de 1983, dúas fotografías de Ramón Vilar de EFE, que aparecen no libro.» Contou Reigosa a orixe desta primeira viaxe: «Tras gañar o Premio Nobel en 1982, García Márquez entrou nunha fase de desesperación, de agobio polos múltiples compromisos que estaba obrigado a asumir. Confesoullo a Felipe González, daquela presidente do Goberno, quen lle aconsellou “regálate unos días a ti mismo”. E así foi. Cumpriu o seu desexo: “Gostaría ir a Galicia e coñecer aos meus ancestros”. Felipe González planificou esta viaxe. Encargoulle a Domingo García Sabell, entón delegado do Goberno, que actuase de cicerone en Compostela mais insistiulle en que “baixo ningún concepto lle presentes a ningún intelectual ou xornalista”. Porén, houbo unha excepción, a dun profesor do Instituto Rosalía de Castro que o identificou na Porta Faxeira.» Reigosa referiuse ao xantar en Compostela, «no piso superior do Restaurante Alameda, no que acompañaron a García Márquez e a súa dona Mércedes Barcha, García Sabell, a súa filla Teresa e os fillos desta Ricardo e Daniel». Referiuse tamén Reigosa o carácter privado e discreto desta viaxe, «na que se aloxaron no Hotel dos Tilos do concello de Teo» e na que Gabo quixo levar un lacón para enviarllo ao seu amigo Fidel Castro.» «Das outras dúas viaxes sabemos que se realizaron en coche e que entraron por Portugal. Non houbo coñecemento público nin encontros con ninguén.»

A terceira das incógnitas ás que se referiu Reigosa foi á relación entre García Márquez e Álvaro Cunqueiro, «dous escritores que se coñecían, mais que se miraron de esguello». «Alvaro Cunqueiro limitábase a dicir: “Eu síntome máis próximo de Alejo Carpentier, Lezama Lima ou Borges ca de García Márquez”. Nunca asumiron que compartían un mundo. Cunqueiro non aceptou o termo de “realismo máxico” como unha definición para a súa obra, xa que prefería o de “realismo fantástico”.»

Xa para rematar as intervencións, Reigosa definiu A Galicia máxica de García Márquez «como unha historia real contada con estratexia de ficción sobre un aspecto até agora descoñecido. Distancieime do que é un estudo académico e do seu rigor mortis, mais todos os datos que aparecen no libro son certos. É un retrato de García Márquez feito desde unha perspectiva literaria. Só lamento que hoxe xa non podo falar con el. Só podo facelo co seu irmán Jaime ou cos seus biógrafos.»

Foron numerosas as referencias desta presentación, mesmo da que se fixo eco algún medio latinoamericano, amosando o interese pola figura de García Márquez: «Carlos Reigosa indaga en la relación de García Márquez con Galicia» (Europa Press); «Reigosa revisa a ascendencia galega de García Márquez» (Camilo Franco, La Voz de Galicia); «Reigosa descobre a “avoa galega” de García Márquez» (María J. Álvarez, El Correo Gallego); «Carlos Reigosa indaga en la relación entre García Márquez y Galicia en su última obra, “elemplo de periodismo”» (20 minutos); «La abuela de García Márquez influyó en su literatura» (El Universal, México); «Reigosa dice que García Márquez le habló sobre la influencia de su “abuela gallega”» (Que!).