Listado de la etiqueta: cebreiro

Onte 1976: Presentación de «Falemos de caricatura» na Coruña

Acompañamos onte a Siro e a Félix Caballero na presentación do seu libro Falemos de caricatura no Espacio Lector Nobel da Coruña. Un acto que constituíu, tamén, unha humilde homenxe a Siro, como pai da caricatura xornalística galega, ao tempo que unha reivindicación do humorismo gráfico galego como unha das expresións máis xenuñinas das artes visuais.

Despois de expresar a súa ledicia por participar nun libro con Siro, «o que constitúe un privilexio«, Félix Caballero lamentou que aínda existía pouca investigación sobre o humorismo gráfico galego. Lembrou cando coñeceu a Siro e como fora o presentador en Compostela do seu primeiro libro, Pienso, luego embisto. Pra rematar considerou que Falemos de caricatura é un libro tanto teórico como práctico, sendo «un acerto o seu carácter conversa, que permite unha lectura amena ao tempo que ofrece a posibilidade de desvelar de forma natural algún segredo da técnica da caricatura».

Na súa intervención Siro lembrou que publicara o seu primeiro libro en 1971 recollendo viñetas que publicara en Ferrol diario. «Aquel meu primeiro pecado orixinal foi un desastre de edición. Como sucedeu tamén co segundo que publiquei en 1975. Decidín, dende entón, que non publicaría un libro até que non estivese completamente satisfeito. E así o fixen en 1980 cando Galaxia me editou Pecados capitais., o que podo considerar o meu primeiro libro. Dende entón quedei satisfeito con todos os libros que publiquei. Con todo, desde hai tempo quero publicar só libros sobre temas que non se teñan abordado no noso ámbito. Así o fixen nos libros que preparei sobre o humor no Quixote e sobre a relación de Castelao coa arte europea, que me acaba de publicar Garañón, a nova editorial de Ferrol. E así xurdiu este libro sobre a arte da caricatura que foi a actividade que me deu de comer ao longo da miña vida».

Siro lembrou como se incorporara á redacción de La Voz de Galicia en 1983, despois de traballar na oficina técnica de Bazán como deliñante. «Quería facer humor gráfico, pero os directores fixéronme caricaturista político. Juan Ramón Díaz pediume que fixese a caricatura política do día. E así, ao longo de vinte e un anos fixen máis de nove mil». «Desque me xubilei tiña unha débeda coa caricatura. E propúxenme facer un tratado da caricatura que non existía como tal, nin pola profundidade nin polo rigor do libro que presentamos».

Siro comentou despois a caricatura da portada do libro, a que Cebreiro preparou de Castelao, «unha xenialidade dunha elegancia insuperable, que podería figurar en calquera antoloxía da caricatura no mundo enteiro», «unha caricatura que une na mesma imaxe ao mellor caricaturista que deu Galicia, Cebreiro, e ao creador do humor gráfico galego, Castelao». Rematou lembrando a figura de Xosé María Cao Luaces, «o patricarca da caricatura en Arxentina a principios do século XX, que era de Cervo, marchou aos vinte e cinco anos para Bos Aires onde chegou a director da revista Caras e caretas;  unha publicación que sabemos chegaba a Rianxo e que sen dúbida coñecía Castelao». Como lembrou taén a figura de Juan Carlos Alonso, «un rapaz que fuxiu como polizón dende Ferrol, entrou como recadeiro na redacción de Caras e caretas e que se puxo a debuxar alí con dezaoito anos para chegar a ser o mellor debuxante do seu tempo. Este ferrolán foi o inventor do photosop con lapis, acuarelas e pastel. Alonso é o mellor caricaturista que coñezo».

Martes lardeiro

No artigo da semana en Faro de Vigo falo sobre a festividade do Martes de Entroido.

Non foi doado este ano correr o Entroido. As choivas, que non nos abandonan dende Nadal, impediron que merdeiros e mascaritas corresen en Vigo diante do Meco dos recortes chantado na Porta do Sol, obrigando a adiar o desfile de comparsas para o vindeiro sábado, o que por fortuna alonga uns días o Entroido xa en tempo de Coresma. Porén, os ballóns e babuxadas non impediron que as farturas e excesos do Entroido se estean celebrando nas mesas nosas con cocidos, laconadas e enchentes de larpeiradas deste tempo, as froitas da tixola ou do ferro, que así bautizamos ás orellas, filloas, follas de limón e flores.

Non debemos esquecer que dentro do calendario do Entroido tradicional galego é data principal para cumprir co rito da comida carnavalesca a de hoxe, a do Martes de Entroido ou “Martes lardeiro”, chamado así xa que é o derradeiro día para gozar dos praceres do “lardo”, que ese é o nome da graxa do touciño, tanto en galego coma castelán. Connotación da xornada coa cultura do porco que, por certo, se mantén en portugués como “Terça-Feira Gorda” ou en francés como “Mardi Gras”, nome que recibe tamén todo o período dos carnavais en Nova Orleáns no estado estadounidense de Luisiana onde hoxe se celebra un dos desfiles carnavalescos máis famosos do mundo.

No xantar do Martes lardeiro a carne de porco é a grande protagonista, sobre todo presentada no que Picadillo chamaba “cocido alegre”, ese onde é maior a proporción de carnes ca de verduras (mellor repolo ca grelos), garbanzos e patacas. O cocido galego é, sen dúbida, o prato forte deste día, mentres no norte de Portugal o é a orelheira de porco, acompañada de feijoada branca e doutras carnes de porco. No entanto, sabemos que hai mesas galegas que para hoxe prefiren o lacón con grelos, prato considerado por Cunqueiro como “rei da cociña galega”, que algúns aconsellan servir en dúas fontes, unha para os grelos e as patacas e outra para o lacón e o chourizo; aínda que hai cociñeiras que lle engaden orella e cachucha (chamada noutros lugares cachola ou cacheira), a cabeza de porco salgada citada no século XVIII polo Padre Sarmiento no seu “Coloquio en duascentas coplas galegas” entre outros ingredientes da cociña do noso Entroido: “E tamén estaban / os bufetes cheos / de lenguas, chourizos, / perniles, codelos, / de lacós, cachuchas, / fociños de cerdo, / nuns pratos moi anchos / e todo friento”. Noutras mesas galegas, como as do Cebreiro, os Ancares e o Bierzo, o pote do Martes lardeiro está protagonizado polo botelo ou butelo, chamado androlla na comarca do Bolo, embutido preparado coa tripa máis gorda do porco que se enche con pequenos cachos de carne con óso (de costela e soá) picada e adobada con allo, pemento picante e loureiro.

Na sobremesa do Martes lardeiro non poden faltar as froitas da tixola. Entre elas a raíña son as filloas –bautizadas como marruchos no Val Miñor, freixós na Mariña de Lugo, “filhoses” no norte de Portugal, “frisuelos” en Asturias, “crêpes” na Bretaña ou “pancaques” no Mar de Prata–, unha larpeirada na que ovos, fariña e sal se mesturan cun líquido que pode ser caldo, auga, leite ou mesmo sangue (no tempo de matanza). Tan queridas son as filloas na terra nosa que Cunqueiro sentenzou que non se “debería permitir que ningún restaurante se cualificase como galego sen ter pasado antes a proba da filloa e sen ofrecer este produto na carta cada semana”.

No Martes lardeiro non poden faltar, tampouco, as crocantes orellas de entroido –orellas de frade no norte de Lugo, chaolas en Cariño–, cuxa composición coincide coa das filloas, aínda que se lle incorpora a reladura de limón, anís, lévedo e manteiga. Nalgunhas familias en Martes lardeiro ofrécense follas de limoeiro, unha auténtica delicia culinaria galega a recuperar, como as flores, feitas cun ferro en forma de flor que se molla no amoado e somérxese logo en aceite quente, onde a pasta fritida conservará a forma da flor de ferro. Larpeiradas fritidas todas do Martes lardeiro nas que o etnógrafo portugúes Ernesto Veiga de Oliveira identifica un acto cerimonial que “representa unha práctica máxica de expulsión de demos ou forzas anímicas nocivas”. Tamén son sobremesas desta xornada os buñuelos de Beluso, o bandullo ou “mixtura gallega” da que falaba Picadillo, que aínda se prepara nalgunhas casas do Morrrazo, o tripón dóce de Sober, a bica de Laza, os sapos da Limia de Xinzo e a torta do Cigarrón de Verín, larpeiradas propias do triángulo máxico do entroido tradicional ourensán.

Aproveitemos as horas deste Martes lardeiro para gozar das larpeiradas salgadas e dóces do entroido, ben sabemos que tras delas continuarán os rigores e penalidades deste tempo ruín. Ben o adianta a sabedoría do refraneiro popular galego: “Adeus, martes de Entroido, es valente gandul: tres días de boa vida, sete semanas de xexún”.