Listado de la etiqueta: casa_da_lectura

Espazo lectura

O recoñecemento da Federación de Gremios de Editores de España a Espazo Lectura outorgándolle o Premio Liber 2024, na categoría á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público, afáganos aos que en Galicia defendemos o fomento da lectura como unha actividade compartida de socialización e reflexión crítica. Unha distinción merecidísima para este colectivo de voluntariado, que botou raíces no Val Miñor a comezos de 2008, onde constituíu unha comunidade na que persoas de distintas xeracións comparten libros, lecturas e actividades comunitarias arredor da creación literaria e de lectura como vínculo de socialización e coñecemento, con atención preferente para a lectura e a edición en galego. Un voluntariado de fomento da lectura sen ánimo de lucro que entende a lectura como actividade de gozo e coñecemento de vocación subversiva, que singulariza ao ser humano, mais tamén como competencia cívica imprescindible no exercicio da cidadanía, mecanismo de inclusión necesario para a convivencia e o benestar. Un activismo comprometido coa lectura transformada en espazo para a vida, onde é posible gozar da fascinación creada polo conto ou polo álbum ilustrado nunha das súas sesións semanais na Casa da Lectura para o lectorado máis novo. Compromiso coa maxia da lectura aparecida nos encontros con autoras e ilustradoras nas sesións do «Contomar» para lectorado autónomo, ou nos debates dos seus clubs de lectura «Sete vidas» de narrativa, «Lecturas Debuxadas»  de banda deseñada, «Daquelas que len» de lecturas feministas e «Lendo contigo» de lecturas en familia. Como actividades subversivas desta pacífica revolución lectora foron nesta década e media as da «Noite na biblioteca», as edicións de «Dar de ler como quen dá de beber» ou as «Noites Golfas» da Casa da Lectura, que amosaron a envexable capacidade de mobilización desta entidade cohesionada polos lazos de inclusión e de afecto xerados pola lectura e a cultura asociados ao libro. Parabéns intensos para Espazo Lectura.

Publicado en Nós diario: 03/07/2024

Lembranza dunha tarde feliz na Casa da Lectura: 27/05/2010.

Con «Dona Carme« e «Brancos e negros» na Casa da Lectura

Mañá á tarde irei contar á Casa da Lectura. É un privilexio que me produce ledicia e, ao tempo, un atrevemento xa que, nestes anos, non hai dúbida ningunha que adestrei pouco. Sei que compartir as palabras e os silencios cos lectores primeiros é unha experiencia irrepetible. Nestas sesións cos picariños o único que me preocupa é non lembrar as cantareas e os recitados, para eles resulta aínda máis decpecionante que para o propio contador que as palabras non flúan coma se tivesen vida propia. En todo caso non sei como  hei agradecer esta oportunidade aos meus admirados amigos e amigas de Espazo Lectura.