Artigos

Do hectógrafo ao encerado dixital

Na RGE 75 de Nova Escola Galega (moitos parabéns por estas tres décadas longas da publicación educativa máis veterana en lingua galega) publico un artigo sobre a mudanza dos materiais escolares utilizados nas últimas catro décadas. Un exercicio de memoria da renovación pedagógica en Galicia e tamén unha reflexión prospectiva que agardo contribúa a un debate que vaia máis alá do eido da innovación didáctica hoxe en voga.

Os mestres e mestras activistas da renovación pedagóxica da miña xeración identificabámonos polo emprego do hectógrafo, a imprenta dixital de xelatina[1], un recurso que utilizabamos para editar os materiais didácticos que preparabamos para as nosas aulas. Unha práctica laboriosa, tirada das técnicas Freinet da Escola Moderna, que nas escolas unitarias era aínda máis frecuente ca nos grupos escolares, xa que alí contaban co adianto que supoñían aquelas multicopistas, as famosas «Gestenert», capaces de imprimir centos de copias a partir dun clixé mecanografado ou picado cun punzón. Anos despois chegaron aos centros de EXB as primeiras fotocopiadoras, o que supuxo outra revolución na confección de soportes didácticos, e xa ao inicio da década dos noventa as primeiras computadoras e a posibilidade que algún profesorado pioneiro ensaiou de conectarse á primeira internet (1996).

A utilización do hectógrafo, asociada decote a outras técnicas do ensino cooperativo (texto libre, imprenta escolar de tipos móbiles…), supoñía un modelo didáctico no que se substituía o libro de texto como material escolar único (ou principal) polas actividades, boa parte delas de carácter cooperativo, que a mestra preparaba para o seu alumnado, o que por si mesmo supoñía un esforzo de achegamento das aprendizaxes ás súas necesidades e intereses. Un modelo «heroico» de elaboración de materiais propios que caracterizou o traballo dos mestres e mestras que a comezos da década de 1980 formaban parte do Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega (MCEPG) ou do colectivo Avantar de Ferrolterra, fundadores con outros colectivos pedagóxicos de Nova Escola Galega (1983), que comezaron tamén a participar na elaboración dos primeiros libros de texto en galego, cun enfoque alternativo aos ofrecidos até entón, coa intención de contribuír a unha mudanza metodolóxica e a unha efectiva galeguización educativa.

Así naceron as primeiras coleccións de libros de texto de lingua e literatura galega para EXB de Xerais, «O Noso Galego» (1981-1984) e «Canles» (1986-1988) da autoría dos membros do Grupo Avantar de Nova Escola Galega, o método globalizado «Nobelos de Papel» (1986) para 1º e 2º de EXB ou a serie «Ámote Mundo» (1985-1987) de 3º a 5º de EXB, a primeira en galego para a área de Coñecemento do Medio. Outro tanto sucedeu con algúns títulos publicados no mesmo período por Vía Láctea edicións, en colaboración tamén con Nova Escola Galega, concibidos para ser utilizadas como lecturas escolares en galego: O misterio das badaladas (1986) de Xabier DoCampo ou Proxecto pomba dourada (1988) de Miguel Vázquez Freire, por citar dous casos. Series e títulos concibidos dende modelos didácticos novidosos, como o enfoque comunicativo no ensino da lingua ou a globalización nas aprendizaxes primeiras baseadas na experiencia e no ensino cooperativo, ao tempo que abertos a utilización na aula doutros recursos didácticos, con atención preferente á creación da biblioteca de aula, ao emprego diario da prensa e dos medios audiovisuais.

A creación dos centros comarcais de recursos (1987-1988) levou por vez primeira e de forma sistemática o vídeo aos centros de EXB, sobre todo o cine, o que supuxo outra volta de porca na diversificación dos recursos didácticos. Como tamén para ser utilizada na educación xeral básica apareceu a serie «Galicia en imaxes» (1980) do grupo Escola Aberta, milleiros de diapositivas con apoio informativo que constituíron a primeira enciclopedia en imaxes sobre contidos de xeografía, historia, etnografía, arte e natureza do país. Idéntica intención tiveron os audiovisuais didácticos, formados por carpetas de diapositivas, cinta e folleto impreso, publicadas polo colectivo pontevedrés Ollo de Sapo (1984-1990) sobre o ciclo de festas anuais (Magosto e Entroido) ou figuras galegas como Castelao ou Rosalía de Castro. Un recurso, o diaporama, a proxección de diapositivas acompañada de narración sonora, que non tardou en transformarse noutra xanela da aula cara o que sucedía tras os muros da escola. Un modelo diversificado que se foi complementando coas primeiras edicións de recursos musicais –velaí as cintas das diversas edicións do certame Cantareliña (1983-1991), organizado polo grupo Saraibas– ou de experiencias pioneiras de utilización da radio con intencionalidade educativa, como as promovidas por Xesús R. Jares en Vigo con motivo do Día escolar da non violencia e pola paz (1984) ou polo colectivo de profesorado de Ponte nas Ondas (1995), experiencia afortunada de colaboración educativa transfronteiriza, que por ventura continúa na actualidade.

Con todo, foi o libro de texto impreso o recurso didáctico que monopolizou e, aínda, lidera a mediación didáctica na aula tanto en Primaria como en Secundaria, sobre todo en Bacharelato, identificado como manual. Un recurso didáctico, editado pola forte industria editorial española, formada por dous grupos non confesionais (Anaya e Santillana) e varios selos católicos (SM, Edebé, Edelvives), que veu supoñendo un terzo da facturación do conxunto do sector do libro en España (2.139 millóns de euros en 2017), capaz de adaptarse con enorme facilidade ao disposto sobre metodoloxías didácticas e utilización dos recursos didácticos nas diversas reformas curriculares, que se viñeron sucedendo dende a LXE (1970), cando naceu como tal o sector editorial, ao fío do desenvolvemento dos «Programas renovados de EXB» (1971), pasando pola LOECE (1980), a LOXSE (1990), a LOCE (2002), que non chegou a aplicarse, a LOE (2006), até a máis recente a LOMCE (2013). Reformas educativas de signo «progresista» ou contrarreformas «conservadoras», que dunha ou doutra maneira mencionaron sempre nos seus documentos curriculares a necesidade de utilizar nos procesos de ensino, aprendizaxe e avaliación recursos didácticos diversos, o que nunca supuxo que o libro de texto, baixo diversos formatos e presentacións, fose relegado da súa hexemonía nas aulas.

Un fenómeno que tamén se produciu en Galicia onde a oferta do libro de texto, a partir de comezos de século, foise ampliando cara a formatos de libros de aula proxectables, aos que se engadía materiais técnicos de programación e avaliación como a recursos orientados ao tratamento da diversidade e reforzo das aprendizaxes. Unha oferta privada que, así o debemos recoñecer, axudou a ampliar nalgúns momentos a utilización do galego como lingua vehicular na Educación Infantil ou en áreas como Matemáticas, Tecnoloxía, Física e Química, fenómeno ao que non foron alleas as axudas públicas que as editoras recibiron da Secretaria Xeral de Política Lingüística, que sería reducidas de raíz a partir de 2009 e da aprobación do vixente Decreto para o Plurilingüismo.

O pulo do libro de texto nas dúas décadas de entre séculos contribuíu a difundir entre o profesorado o contido das reformas curriculares e os modelos de ensino aprendizaxe e avaliación prescritos polas autoridades educativas, ao tempo que homoxeneizou os contidos curriculares, as prácticas de aula e, en xeral, o que entendemos como cultura escolar. Éxito do sector editorial educativo que comezou a minguar en Galicia cando comezaron a ensaiarse diversos modelos de préstamo nas etapas do ensino obrigatorio (2005-2006), así como cando a Consellaría de Educación ampliou de catro a seis anos a utilización dos libros (Orde de 29 de maio de 2013) e cando se iniciou a experimentación de modelos de educación dixital, nos que se minguaba ou suprimía o emprego dos recursos didácticos impresos.

Na actualidade, inmersos de cheo na revolución dixital e robótica, vivimos unha situación de profunda mudanza no emprego dos soportes didácticos, xa que é irreversible que o libro de texto impreso vaia perdendo en reformas curriculares futuras a súa hexemonía sendo substituído por un modelo hibridado, no que coexisten recursos impresos e electrónicos, presidido, xa na maioría das aulas, dende Infantil a Bacharelato, pola pizarra dixital interactiva, ese grande ollo de acceso a internet e de interacción dixital dentro da propia aula. Un modelo de hibridación disrutiva, na medida que precisa do desenvolvemento de competencias específicas para o alumnado e para o propio profesorado, chamado a modificar os contidos da cultura escolar e o carácter e o acceso aos diversos recursos dixitais (libros dixitais, wiquis, actividades interactivas, xogos dixitais…). Un modelo no que se comparten recursos dixitais en liña, que xa non se presentan nin distribúen como secuencias curriculares completas de materia e curso, o que constitúe unha mudanza de enorme transcendencia. Velaí as experiencias institucionais como as do Espazo Abalar ou Edixgal ou as privadas dalgúns editores privados galegos como Xerais, que poñen a disposición do profesorado unha miscelánea de recursos dixitais, que poden ser identificados por temática ou tipoloxía, que permiten modelos de aprendizaxe máis individualizados e flexibles cos ofrecidos polos libros de texto impresos, o que obriga a un novo papel do docente.

Esta hibridación dos soportes de mediación didáctica xustifícase tanto pola pola disrupción que supón a necesidade de alfabetización de todo o alumnado e dende idades temperás na lectura e escritura de hipertextos e utilidades multimodais (texto, son, imaxes e hipermedia) como pola modificación da aula como espazo físico de aprendizaxe, xa que aparecen como alternativos os Entornos Virtuais de Aprendizaxe (EVA) e a propia Biblioteca escolar, dende agora a aula principal de cada escola, concibida como centro creativo de aprendizaxes, un auténtico laboratorio interactivo de acceso á información en diversos soportes (libros impresos, e-books, blog, web, apps, cinema, música, videoxogos…), mais tamén como albeiro da lectura e escritura literarias e da alfabetización informacional (ALFIN) da comunidade educativa.

Un proceso de hibridación dixital educativa que obriga a reinventar o resto das mediacións didácticas actuais, sobre todo as referidas aos soportes impresos e a escritura caligráfica, xa que é previsible que no futuro o desenvolvemento da intelixencia artificial leve a que a robotización teña un peso de seu na escola ordinaria. A esa incrible chegada a escola dos robots que ensinan, haberá que engadir a oferta de novos EVA que poida ofrecer unha industria editorial educativa que, se non quere desaparecer de rutina, debe asumir o carácter disruptivo desta mudanza imparable.

Con todo, non vaiamos caer na inxenuidade de pensar que esta disrupción dixital, identificada como «innovación educativa histórica», asegura por si mesma unha mellora nas aprendizaxes para todo o alumnado, unha maior equidade nos centros ou unha mellora nas competencias de comunicación lingüística nun entorno educativo plurilingüe, onde o galego teña un emprego referencial. Como tampouco, ao fío do actual proceso de experimentación con materiais exclusivamente dixitais, debemos identificala cunha maior adaptación aos ritmos de aprendizaxe do alumnado nin sequera cunha participación máis activa pola súa parte. Máis alá da utilización dunha mediación impresa ou hibridada, como sucedía hai catro décadas cando os mestres nos enzoufabamos co hectógrafo ou hai tres cando empregabamos a maxia visual do diaporama na aula de usos múltiples, hoxe nas aulas dixitalizadas haberá que continuar atendendo a construción de aprendizaxes básicas sólidas e relevantes nun entorno colaborativo, onde cada alumno ou alumna traballa en grupo, interactuando, axudándose e favorecendo a comunicación. Tanto cando utilizabamos o hectógrafo como agora cando nos apoiamos na potencia das utilidades didácticas da pantalla dixital continúa sendo imprescindible que o fagamos cunha intencionalidade educativa orientada a construción de aprendizaxes significativas por parte dun alumnado crítico e competente. En fixar ese xesto educativo inclusivo está boa parte do éxito do profesorado na utilización dos recursos didácticos hibridados.


Nota ao pé:

[1] Se non lembro mal, a xelatina para imprimir preparábase con auga, azucre, glicerina e cola de peixe. Quentábase a auga e botábase o azucre remexendo para que se disolvese. Logo mesturábase coa glicerina e coa cola de peixe, volvendo a remexer para que non quedasen grumos ningúns. Logo, aquela pasta vertíase devagariño nunha bandexa e deixábase arrefriar. Para utilizar o hectógrafo, que así denominaba Celestin Freinet está técnica de impresión escolar de até cen copias, preparábase cada páxina cun clixé hectográfico, colocado entre dous folios, debuxando ou escribindo sobre o superior o contido que se pretendía imprimir. Logo asentábase o clixé sobre a pasta, para min a operación máis difícil, para que alí quedase gravado o escrito ou debuxado. Daquela xa se podía ir imprimindo, colocando cada folio sobre a prancha e retirando cada un con moito coidadiño. Para reproducir outra páxina distinta, a pasta lavábase con auga e se pasaba despois un pano agardando que secase. Un procedemento complexo que precisa algunha destreza e moita paciencia.