Poema de hoxe 159: «Oh meus camiños brancos» de Aquilino Iglesia Alvariño
Oh meus camiños brancos! Meus camiños.
Oh meus brancos camiños da ilusión!
Poema de hoxe 159: «Oh meus camiños brancos» de Aquilino Iglesia Alvariño/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Oh meus camiños brancos! Meus camiños.
Oh meus brancos camiños da ilusión!
Neste Día das Letras no que celebramos a proeza de Manuel María como poeta nacional galego, cómpre non esquecer o seu compromiso como editor de poesía, como libreiro e como activista cultural.
A vocación de Manuel María como editor foi precoz, xa que iniciou esta actividade en 1949, cando apenas contaba vinte anos. Sendo alumno de sétimo de bacharelato promoveu co seu compañeiro Manuel Antonio Sopena a publicación das follas de poesía «Xistral», título co que os agasallara Luís Pimentel, a quen Manuel coñecera xunto con Celestino Fernández de la Vega e outros galeguistas na tertulia do Cantón Bar (máis tarde do Méndez Núñez). Un ano despois foi Aquilino Iglesia Alvariño quen xestionou con Celso Emilio Ferreiro e Sabino Torres a publicación na colección de poesía Benito Soto de Pontevedra do seu primeiro libro Muiñeiro de brétemas (1950), co que iniciou a súa etapa de poemarios de corte existencialista, ao que pertencen tamén Morrendo a cada intre (1952) e Advento (1954), nos que aparecen os abraios e os berros angustiados do poeta adolescente de intensidade e sinceridade abrumadoras. Aquela revista Xistral, unha aventura de mocidade que durou apenas dous números, foi onde publicou os seus primeiros poemas, xunto aos de autores lucenses consagrados como Luís Pimentel,Álvaro Cunqueiro ou Aquilino Iglesia Alvariño.
Actividade editorial que Manuel María retomará en 1952 cando promove en Lugo co pintor Ánxel Johán a Colección Xistral de poesía, reutilizando así o nome que lle agasallara Pimentel, o das serras setentrionais que separan a súa Terra Chá do mar, como aproveitando a experiencia da colección pontevedresa onde publicara o seu libro alboral. Manuel María coidará e xestionará a edición de media ducia de libros de poemas, cinco deles en galego, para o que contará coa axuda económica achegada polos membros da peña do Méndez Núñez. «Pimentel, Ricardo López Pardo e algúns outros puxeron 250 pesetas cada un», confesoulle Manuel María a Xosé Manuel del Caño no seu libro entrevista. Cinco poemarios hoxe emblemáticos do emerxer literario dos cincuenta, fose pola novidade das súas autoras, como polo regreso de poetas que publicarán con anterioridade ao 18 de xullo: O paxaro na boca (1952), o primeiro libro de Luz Pozo Garza; Íntimas (1952), o título inicial de Pura Vázquez; Poemas pendurados de un cabelo (1952) de Ricardo Carballo Calero; Da miña zanfona (1954), un dos últimos libros de Ramón Cabanillas e Orballo espido (1955) de Manuel Casado Nieto. Unha colección emblemática que morreu, segundo confesou o propio Manuel María, “porque había coa censura uns trámites tremendos”, un eufemismo elegante para expresar as dificultades do xove editor.
Manuel María non foi orixinal para bautizar a súa terceira tentativa editorial como Ediciós Xistral, un proxecto que se anticipou un par de anos á apertura en 1970 da Libraría Xistral, onde vendería tamén cerámica de Sargadelos, que dirixiu súa compañeira Saleta Goi nas Galerías Fontecha de Monforte de Lemos. Un proxecto editorial no que dende 1968 a 1975 publicou catorce títulos, dos que trece corresponderon á colección Val de Lemos de poesía, na que contou coa colaboración de Baslio Losada e a dirección de Lois Diéguez. Manuel María conseguiu que Xistral, a pesar da súa modestia, fose unha referencia no seu tempo, conseguindo, como sinalou Darío Xohán Cabana, «que algúns autores seguisen publicando e outros empezásemos a publicar». Unha iniciativa editorial á que non foron alleas as dificultades do propio Manuel María para publicar os seus poemarios. Galaxia publicáralle Mar maior (1962) na colección Sanlés que dirixía Celso Emilio Ferreiro, mais rexeitáralle a edición da segunda edición de Terra Chá (1967), á que engadira vinte e sete novos poemas. Dificultades, ás que se engadía o carácter social e político da súa produción daquel tempo, que o obrigaron a procurar saída nas Edicións Nós de Buenos Aires para dous dos seus libros Versos para un país de minifundios (1969 e Remol (1970).
Manuel María publicou en Val de Lemos dous poemarios, Proba documental (1968) e Canciós do lusco e fusco (1970), ademais do seu Auto do mariñeiro (Brevísima farsa dramática en tres tempos) (1970). Colección á que incorporou voces consagradas como a de Celso Emilio Ferreiro, entón en Caracas, con Terra de ningures (1969), a de Xosé Neira Vilas, daquela en Cuba, con Inquedo latexar (1969) e a de Bernardino Graña con Non vexo Vigo nin Cangas (1975). Mais e sobre todo, Manuel María apostou por unha xeración de poetas novos como a chairega Margarita Ledo Andión, que publicou alí os seus dous primeiros libros Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto (1970) e O corvo érguese cedo (1973). Outro tanto sucedeu cos tamén lucenses Lois Díeguez con Canciós para un agromar branco e azul (1968); Darío Xohán Cabana con Home e terra (1970); Fiz Vergara Vilariño con Encontro cos tiburós ( 1973) e Xosé Lois García, autor de Borralleira para sementar unha verba (1974). Colección que se completou co libro de Luís Álvarez Pousa Os cás da vida (1972) e cos Poemas na voz de Antón Campelo (1969).
Margarita Ledo comentoulle a Mercedes Queixas que o nome de «Val de Lemos» «condensa dalgún xeito, o modo de andar a terra de Manuel María», a forma dos libros era «povera», «de urxencia, libros feitos cos medios á man e na imprenta do (tamén libreiro) Villarrabide de Sárria». «Val de Lemos» foi, para Margarita Ledo, «un lugar de encontro e de crenza no futuro; foi a revancha da palabra contra a súa desaparición; foi a lingua galega como sinal das contrabandistas».
As Edicións Xistral enriqueceron o polo editorial galego alternativo á Galaxia de Del Riego, controlada literaria e politicamente por Ramón Piñeiro. Un espazo editorial no que se situaban tamén a lucense editorial Celta, as Edicións Castrelos do poeta Xosé María Álvarez Blázquez e as Ediciós do Castro do recén creado Laboratorio de Formas de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, Uns poucos anos antes que aparecesen as novas editoras da Reforma Política, como Edicións do Rueiro, Alvarellos, Edicións do Cerne e xa en 1979 Edicións Xerais de Galicia. O nome de Edicións Xistral nese período reaparecerá da man de Manuel María como selo de publicacións nacionalistas da ANPG, un catálogo onde se publicaron títulos tan emblemáticos como as novelas Antón e os iñocentes (1976) de Méndez Ferrín e Galou Z-28 (1976) de Lois Diéguez, o ensaio Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galiza (1976) de Francisco Rodríguez ou o poemario Cantos rodados pra alleados e colonizados (1976) do propio Manuel María. Mais ese xa é outro capítulo da historia da edición galega no que compriría afondar no futuro.
Por último, neste repaso do labor editorial de Manuel María, non podemos esquecer o seu papel na alianza de Xistral con Edigsa, a compañía discográfica catalá, que producía a «nova canço catalana». Grazas a esta acordo creouse un sello conxunto Xistral-Edigsa que gravará os primeiros discos de Voces Ceibes e os Poemas ditos coa súa voz (1968), un moi orixinal documento sonoro no que Manuel María adiantaba cinco poemas inéditos de Remol, que segundo Saleta constituíu «o grande éxito da Feira do libro da Coruña de 1968». Unha colaboración editorial á que noi allea a presentación que Manuel María fixera do concerto de Raimon no estadio da Residencia de Estudantes Compostela o 9 de maio de 1967, un acto no que prendeu a faísca da “Nova Canción Galega” nin a súa participación, tamén como presentador, no mítico concerto de Voces Ceibes no teatro Capitol o primeiro de decembro de 1968.
Poema de hoxe 129: “Definición” de Aquilino Iglesia Alvariño/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
O ventiño da mañá
límpalle os ollos á aurora
roxa de tanto chorar.
Aquilino Iglesia Alvariño, Polo correo do vento (Xerais, 1994)
Felicísimo foi o acto de onte no Club Faro de Vigo no que homenaxeamos a Xosé María Díaz Castro. Todas as intervencións foron moi brillantes e amosaron a relevancia do autor de Nimbos. Armando Requeixo, o biógrafo e estudoso do escritor de Guitiriz, presentouno como figura poliédrica, poeta durante sesenta anos e tradutor destacadísimo. Luís González Tosar, amigo e editor do poeta durante a derradeira década da súa vida, realizou o retrato humano. Contou con moita finura como Xosé María namorou por carta de María Teresa, a súa madriña de guerra, que sería a súa dona. Relatou a súa amizade con Charles Lessner, o afillado de Karl Marx, que sería en Vilagarcía, cando traballaba no colexio León XIII, o seu profesor de inglés e alemán. E lembrou Tosar con saudade e emoción aqueles días felices compartidos, nos que o poeta colaborou coa revista Dorna.
Pechou as intervencións Xosé Luís Méndez Ferrín abordando a relación de Díaz Castro con Vigo, «a capital editorial e cultural de Galicia do século XX e do comezo do XXI». Lembrou o papel esencial do poeta berciano Ramón González Alegre, director da revista Alba de Vigo, quen non seu libro Poesía gallega contemporánea, publicado en 1953 por Hugín, deu a primeira noticia do poeta Xosé María Díaz Castro. «Daquela ingnorábase en Vigo que Díaz Castro publicara en 1946 o opúsculo Nascida dun soño na imprenta e librería Celta de Vilagarcía». Continuou Ferrín recordando o decisivo que fora a publicación en 1956 da Escolma da poesía galega. IV Os contemporáneos, preparada por Paco del Riego, onde se recolleron textos de poetas inéditos como Díaz Castro. «Alí aparece o núcleo duro dos poemas diazcastrianos, dende a pérola negra, «Penélope», mais tamen outra «Penélope» a de Álvaro Cunqueiro. Unha sostense a carón da outra, a iso é o que chamamos “duelo de Penélopes”». «Daquela había sede de Díaz Castro. Un clamor para que publicase un libro en galego, cando en Galaxia había repulsión para a publicación de poesía. Así naceu a serie Sanlés, onde non aparece o carimbo de Galaxia, dirixida por Del Riego e Celso Emilio». Citou Ferrín as críticas entusiastas que recibira Nimbos, a pesar que Carballo Calero cualificara a Díaz Castro apenas como «poeta legible». Rematou Ferrín afirmando que «teñen razón aqueles que consideran que o canon da poesía galega do século XX está formando por Xosé María Díaz Castro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro e Celso Emilio Ferreiro».
Texto da presentación (pdf).
Un doce de xuño de 1909 nacía en Seivane, unha aldea do concello de Abadín o que sería o grande poeta chairego Aquilino Iglesia Alvariño.
Afortunadamente o PEN de Galicia estivo atento e este centenario do autor de Señardá (1930), Corazón ao vento (1933) ou Lanza de soledá (1961) non pasará completamente desapercibido, a pesar de que os medios apenas, coa excepción cremos que de El Progreso, repararon na noticia.
Esta tarde viaxaremos a Abadín para participar nos actos de homenaxe, preparados polo PEN Galicia e o concello de Abadín, e na presentación do libro O po dos días. Introdución á temática da poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez. A celebración deste centenario de Aquilino debe abrir un período de recuperación da obra dun dos poetas maiores da poesía galega do século XX.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).