Artigos

Antonio Fraguas, activista galeguista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Antonio Fraguas, á figura homenaxeada este 17 de maio:

Celebramos esta semana das Letras Galegas a proeza discreta de Antonio Fraguas Fraguas na recuperación da memoria da cultura popular galega. Nacido na parroquia de Santiago de Loureiro no concello pontevedrés de Cotobade en 1905, terra de canteiros, dedicou a vida enteira a causa nobre de Galicia, fose como mestre e profesor de instituto, como investigador nos eidos da Xeografía, a Historia, a Historia da Arte e, sobre todo, da Etnografía ou como fundador e primeiro director do Museo do Pobo Galego, unha das trabes da recuperación e da difusión da identidade e da memoria do que fomos, da cultura material e inmaterial daquela Galicia rural e mariñeira hoxe xa practicamente desaparecida.

Fillo de canteiro emigrante, empregado na construción das vías do tren en Niteroi, a fermosa banda do mar do Rio de Janeiro, Antonio aprendeu as primeiras verbas e as primeiras letras dos beizos da súa nai, unha humilde labrega, antes de acudir aos seis anos á escola pública da súa parroquia, onde confesou que pouco aprendera daquel mestre de ferrado casado cunha irmá do seu pai. Por ventura, aos trece anos comezou a asistir a escola que ao pé da carballeira de Famelga abrira un mestre chamado don Antonio, que axiña convencería aos seus pais para que o espelido rapaz empezase o bacharelato no instituto de Pontevedra. Unha decisión que lle mudaría o seu destino xa que foi naqueles anos de estudante na boa vila cando coñecería a profesores como Antón Losada Diéguez e Castelao, que impartía clases de debuxo, persoas coas que compartiu o gromo da causa de Galicia, que serían tamén marcantes na súa vida.

Coa mudanza a Compostela en 1924, onde comezou os estudos de Filosofía e Letras, consolidou o seu activismo galeguista, que iniciara un ano antes en Pontevedra na Sociedade da Lingua, ingresou como membro numerario do Seminario de Estudos Galegos das seccións de Xeografía e Etnografía e Folclore, nas que desenvolvería un traballo inxente como investigador e publicista. Deste tempo son as súas primeiras publicacións en «A Nosa Terra» e na revista «Nós», como o seu clásico «O culto ós mortos» (1931), onde recollía unha conferencia pronunciada no Ateneo de Vigo. Activismo galeguista que se consolidaría nos anos da segunda República na Estrada, onde se incorporou como catedrático de Xeografía e Historia do instituto e onde a comezos de 1936 se presentou como candidato á alcaldía e acompañou a Castelao no que se cre foi o derradeiro mitin a favor do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, sendo entón Fraguas secretario xeral do Partido Galeguista da localidade da comarca de Tabeirós.

Separado da cátedra e represaliado polo franquismo, como tantos outros docentes republicanos e galeguistas, Antonio regresou a Compostela para fundar naqueles anos de horrro un centro privado na cidade vella, a Academia Menéndez Pelayo, o que non lle impediu continuar coas súas contribucións (agora, por forza, en castelán) na sección de Etnografía e Folclore do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento creado en 1943 polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas do que foi o seu primeiro bibliotecario. Despois de volver gañar a cátedra de instituto (1950), que o levaría durante case unha década a residir en Lugo, o 8 de maio de 1956 ingresou como membro da Real Academia Galega pasando a ocupar a cadeira do seu mestre Castelao. Fíxoo coa lectura dun discurso vibrante e ben fermoso, «As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán», no que lembrou con afouteza o pasamento do guieiro, a quen definiu como «a vida que viviu sempre para Galicia» e defendeu o valor do patrimonio inmaterial enfiando con moito enxeño versos populares da súa terra natal, que case tres décadas despois recolleu nun dos seus libros máis importantes, «Aportacións ó cancioneiro de Cotobade» (1985).

Asentado na súa benquerida Compostela, durante os derradeiros corenta anos da súa vida Antonio Fraguas non cesou no seu activismo galeguista, afastado a mantenta de calquera iniciativa política. O seu labor extraordinario como profesor do Instituto Rosalía de Castro (1959-1975), director do Museo Municipal de Santiago (1963), director do Museo do Pobo Galego (1976-1999), membro do Consello da Cultura Galega (1983), Cronista Xeral de Galicia (1992), a súa actividade como arquiveiro e bibliófilo, a súa paixón divulgadora nos xornais e na radio como a súa andaina polo país enteiro como ameno conferenciante e extraordinario contador de historias fixeron de Fraguas unha das personalidades galegas máis queridas e valoradas do século XX. Este 17 de maio celebramos a proeza deste mestre bo da memoria que traballou sempre por e para Galicia.

Onte 2009: «Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo»

Lin onte dunha sentada a biografía que Héctor Cajaraville preparou de Antonio Fraguas, a figura homenaxeada nas Letras Galegas 2019, que publica Xerais en Merlín. Un retrato biográfico concibido para que os estudantes descubran a figura poliédrica deste galeguista (mestre, historiador, xeógrafo, antropólogo…), primeiro director do Museo do Pobo Galego. Rigorosa na documentación e amena na construción do relato, sobre todo grazas aos textos intercalados en primeira persoa, que achegan a proximidade da voz agarimosa de don Antonio. Acerta de cheo Cajaraville, un mestre da escrita clara e exacta, salientando o caracter de activista de don Antonio, comprometido con todas as causas da lingua e cultura nosas. Máis aínda cando se trata dunha figura que a pesar de contar con trescentas referencias bibliográficas, non ten obra de ficción, o que podería constituír unha dificultade.

Esta é unha biografía referencial que moito axudará ao coñecemento nas escolas e institutos deste bo mestre, mestre bo (un título moi acaído). Recoméndoa moi vivamente e parabenizo ao meu admirado Héctor Cajaraville.