Artigos

Onte 2111: Edición educativa e normalización

Anunciouse onte a publicación do número 78 da Revista Galega de Educación na que se dedica un espazo monográfico interesantísimo aos 10 anos do decreto de plurilingüismo. Agradezo á coordinadora do monográfico e ás responsables da revista o convite a participar nesta análise con este texto:

Non se podería entender o proceso de normalización da lingua galega no sistema educativo non universitario durante o proceso autonómico sen a achega realizada polos docentes que elaboraron materiais didácticos orixinais e polas editoras educativas que os publicaron e distribuíron. Como tampouco se pode escribir a historia da edición en lingua galega no mesmo período sen dedicar un capítulo ás publicacións didácticas en lingua galega destinadas tanto á ensinanza do galego como á súa utilización como lingua vehicular en diversas áreas e materias.

Unha relación entre edición educativa e galeguización do ensino que segundo os traballos de Antón Costa Rico ten as súas raíces nos textos de Sarmiento que demandara entre 1766 e 1769 a existencia de libros impresos en lingua galega para a educación da infancia e da mocidade, citando entre eles unha gramática, un dicionario etimolóxico e outro onomástico, un silabario, un curso de historia natural e unha descrición xeográfica de Galicia.

Dous séculos e medio despois de que Sarmiento forxara aquel proxecto de edición educativa en galego por ventura foi amplamente superado xa que na actualidade contamos con todos estes recursos impresos, formando parte dun catálogo histórico educativo de máis de catro mil títulos. Unha oferta editorial educativa en galego que dende hai catro décadas ven supoñendo anualmente case unha cuarta parte dos títulos (no último lustro arredor de 500 referencias), case a metade da facturación do sector editorial galego (en 2016 arredor de 10 millóns de euros). Mais se lle engadimos a edición lexicográfica e a infantil e xuvenil, que utilizan tamén os centros escolares como a súa canle principal de distribución comercial, que supoñen arredor do 35 % do volume da edición e o 28 % de facturación, podemos comprender a importancia que para a edición en galego supón a cuestión educativa: o 60 % da súa produción e case o 80 % das súas vendas.

Porén foi este un proxecto que se desenvolveu moi devagariño, acompañando ao proceso de galeguización escolar, promovido nos anos do tardofranquismo e do período preautonómico (1969 – 1980) polo voluntarismo dos grupos galeguistas de renovación pedagóxica,  mais que a partir da aprobación do Estatuto de Autonomía e da Lei 3/1983 de normalización lingüística e o seu desenvolvemento posterior foi asumido como tarefa preferente por un novo sector editorial daquela en proceso de profesionalización e profunda modernización dos seus catálogos, dos seus procedementos de edición e comercialización, como da formalización da relación cos creadores dos contidos didácticos e dos aparellos gráficos.

Un sector editorial en galego que nas tres últimas décadas desenvolveu a súa oferta aproveitando tanto as diversas ondas de renovación curricular obrigadas polas diversas reformas (LOXSE 1990, LOCE 2002, LOE 2006, LOMCE 2013) como o desenvolvemento normativo dun modelo de normalización lingüística que até 2009, con ires e vires, foi incrementando formalmente o uso do galego como lingua vehicular en todas as etapas educativas non universitarias, mais que nunca evitou a precariedade do seu uso nin asumiu un modelo que puidese ser considerado de inmersión lingüística.

Desenvolvemento de catálogo iniciado co Decreto 135/1983, que obrigaba a aprendizaxe do galego como materia, semellante ao modelo de lingua estranxeira, que consolidou a oferta de materiais didácticos de lingua galega e abriu unha pequena oferta para materiais vehiculares dos niveis Preescolar e Ciclo Inicial de EXB. Houbo que agardar ao curso 1987-88 para que aparecese o primeiro decreto que establecía o uso do galego como lingua vehicular nunha parte do currículo, o que levou ás editoras a preparar a súa primeira oferta en galego para a área de Ciencias Sociais dos ciclos medio e superior de EXB.

Tras diversas iniciativas de sectores galeguistas, entre as que destacou a proposta de Nova Escola Galega (Un modelo de normalización lingüística para o sistema educativo galego, 1988), e as mudanzas na estrutura do sistema educativo que supuxo a LOXSE, aprobouse o Decreto 247/1995, un fito decisivo para edición educativa en galego, xa que supuxo unha considerable ampliación da oferta vehicular galega en dúas áreas da Primaria e da Secundaria, así como de materiais globalizados na educación infantil e primeiro ciclo de Primaria. Tras a aprobación por unanimidade do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004), da Lei 17/2006 do libro e da lectura e da Galicia e o Decreto 124/2007 que o desenvolvía para o uso e a promoción do galego no sistema educativo, o sector editorial ampliou a súa oferta de materiais até case a totalidade das áreas e materias dos niveis non universitarios.

Unha actividade editorial, baseada na publicación de libros de textos e en menor medida de recursos didácticos complementarios, que contribuíu ademais a fixación da norma ortográfica da RAG e ILG, adaptando os seus materiais didácticos ás súas recomendacións e as súas modificacións (a mais recente de xullo de 2003). Consolidación dun amplo catálogo educativo en galego ao que tampouco foron alleas as axudas directas que para a edición proporcionou anualmente a Secretaría Xeral de Política Lingüística dende a aprobación do Decreto 247/1995, que no ano 2008 acadaron o millón de euros, mais que dende a aprobación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo na ensinanza non universitaria foron reducidas polos gobernos de Feijoo en máis do oitenta por cento da súa contía, até os 170.000 euros, na súa convocatoria 2019.

Desenvolvemento do Decreto 79/2010 que supuxo para o sector editorial galego un importante retroceso da súa facturación como de redución da súa oferta, mais aínda cando coincidiu coa crise económica (2008-2015), co alongamento até seis anos do uso dos libros de texto nos niveis obrigatorios, así como co inicio do proceso de hibridación dos materiais curriculares, para os que non acadou acordo coa administración educativa galega. Decreto Feijoo que resultou moi agresivo co emprego do galego como lingua vehicular en Infantil, precisamente cando no Decreto 124/2007 por vez primeira se concretaba o seu uso nesta etapa, recoñecendo a posibilidade de establecer grupos de galego, fomentándose a adquisición da escritura e lectura en galego, e introducía ademais medidas de planificación garantindo nos niveis obrigatorios que como mínimo alumnado recibiría o cincuenta por cento da docencia en galego. Decreto de espírito galegófobo que resultou moi contestado polo profesorado galeguista, que non conseguiu impedir que milleiros de exemplares de libros de texto en galego de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química fosen destinados a pasta de papel, xa que foi impedida a súa utilización nas aulas.

Transcorrida unha década da aprobación do decreto 79/2010, á falta dunha avaliación anual dos resultados á que obrigaba a disposición adicional quinta do propio decreto, abonda con pisar os centros para saber que provocou un retroceso grave (e agardamos que non sexa irreversible) xa que non foi capaz de garantir a adquisición da dobre competencia do alumnado en ambas as dúas linguas oficiais ao remate das etapas obrigatoria e postobrigatoria e, o que me parece máis significativo, incrementou os prexuízos e diminuíu o uso do galego nas aulas como nas propias salas de profesorado. Xaora, sabemos que durante esta mesma década o galego fóra da escola infantil (estimamos apenas nun 5% as aulas que o utilizan de forma vehicular) floreceu nos concertos de música para crianzas, unha fermosa iniciativa do sector editorial e musical galego, un fenómeno galeguizador mitigador e esperanzador, como hai dúas décadas foi o Club Xabarín nas pantallas da TVG. Como floreceu nas escolas Semente e por ventura cada semana en milleiros de usuarias da rede de bibliotecas escolares.

Como esperanzadora foi a aprobación neste período da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía, nacida da iniciativa lexislativa popular Paz Andrade promovida principalmente por sectores reintegracionistas e asinada por 17.000 persoas, que compromete ao Goberno Galego a promover o ensino do portugués en todos os niveis educativos non universitarios. Unha norma que abre a porta ao modelo dun plurilingüismo restitutivo (galego, castelán, portugués, inglés) alternativo ao monolingüismo castelán imperfecto (co inglés e galego como materias antipáticas do currículum).

Neste contexto, a recente Proposta de bases para a normalización do ensino en Galiza, presentada por diferentes plataformas educativas galeguistas, incluída Nova Escola Galega, o pasado mes de agosto coincidindo co prazo indicado polo Consello de Europa para que a Xunta de Galicia informe das medidas que tomará para garantir no ensino o cumprimento da Carta Europea das Linguas, constitúe unha excelente oportunidade para emular o proceso que hai trinta anos forxou un amplo consenso arredor do estatus do galego no ensino. Recuperar o prestixio e centralidade do galego como lingua vehicular e de aprendizaxe, así como lograr a plena competencia en catro idiomas, aínda podería ser posible.

Por último, é unha obviedade que o sector editorial educativo en lingua galega debe afrontar a renovación e diversificación da súa oferta, tanto polo seu carácter hibridado (compartindo soportes impresos, dixitais e virtuais) como vinculándose de forma máis decidida cos modelos de innovación e de educación lenta e cooperativa. Superar o paradigma de libro de texto como unha única secuencia curricular anual impresa dunha materia ou área, obriga a reinventarse a un sector editorial que procurou na centralización da súa oferta a receita para compensar a perda dunha terza parte da súa facturación nunha década. Apostar por ofrecer máis servizos e acceso ca produtos podería ser unha saída para un sector auxiliar da rede educativa, que durante catro décadas resultou imprescindible, tamén, para o ensino, uso e fomento do galego.

Na honra da familia Fraiz Castellanos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a memoria da familia Fraiz Castellanos:

O pasado sábado fixéronse oitenta e dous anos do fusilamento de Víctor Fraiz Villanueva, militante comunista, mestre nacional de 50 anos, con escola en Coia, na rúa Tomás Alonso nº 62, e de Manuel Rodríguez Careu «Chato», comerciante de 46 anos, veciño de Bouzas. Ambos os dous foran xulgados en Vigo por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte e executados ás sete da mañá do 14 de setembro de 1937 no monte do Castro. O seu delito foi ser dirixentes sindicais, Víctor un dos fundadores da Federación de Traballadores do Ensino da UGT, o «Chato» do Sindicato de Transporte Marítimo da CNT de Bouzas.

Aquela negra xornada foi lembrada durante moitos anos pola esquela que Salustiano, un do sete fillos de Fraiz, publicaba nas páxinas de Faro de Vigo cada 14 de setembro, lembrando «aos seus mártires»: ao seu pai, a súa nai Placeres Castellanos Pan e aos seus tres irmáns, Víctor, Vicente e Moncho, vítimas dunha ou doutra maneira daqueles anos de terror, tras o golpe de estado contra a legalidade republicana.

A figura de Víctor Fraiz Villanueva pasará a historia viguesa por representar xunto ao tamén mestre nacional, sindicalista de FETE e xornalista educativo Apolinar Torres López –executado o 27 de agosto de 1936 en Pereiró, xunto aos alcaldes de Vigo e Lavadores, Emilio Martínez Garrido e José Antela Conde e outros cinco militantes socialistas, noutra das xornadas máis infames para a cidade– as luces de progreso e igualdade emitidas pola educación republicana.

Mestre, fillo, neto e irmán de mestres, dende as súas escolas de Pontecaldelas, Vilaza e Coia, Víctor loitou ao longo de vinte e cinco anos de profesión pola causa do maxisterio. Fraiz foi un activista da educación nova organizando aos mestres, que entón vivían en condicións moi precarias, nun sindicato que os defendese, artellando reunións e festas escolares, creando batallóns de boys-scouts, promovendo cadros de declamación, equipos deportivos, pronunciando conferencias, publicando artigos nos xornais ou en revistas profesionais como Escuela Vivida (1935).

Víctor Fraiz e a súa compañeira Placeres Castellanos, a primeira muller da agrupación socialista de Vigo (1933), pagaron un prezo enorme pola súa angueira educativa e republicana. A súa familia – fotografada por Pacheco nun dos seus retratos en escala máis característicos– foi destrozada dende o mesmo día do alzamento que sorprendeu a Placeres en Madrid nunha reunión do Socorro Vermello Internacional, organización da que ela era secretaria do comité de Vigo. Víctor agachouse nunha casa de Gondomar e logrou pasar a Portugal, o que provocou a detención en Vigo do seu fillo Víctor Jesus (19 anos), que dende había pouco era funcionario en Madrid e viñera a visitar a súa moza. Recluído no frontón de María Berdiales, habilitado como cárcere, o rapaz correu idéntica desgraza ca do xornalista de Faro de Vigo Manuel Lustres Rivas (48 anos), xa que despois de ser conducidos á illa de San Simón aparecerían paseados noutra noite de terror o 10 de novembro de 1936 no Alto da Concheira, na parroquia redondelá de Trasmañó. Tras a detención doutros dous dos seus fillos, Vicente e Moncho, Víctor Fraiz decidiu entregarse no consulado de Uruguai a cambio de que os liberasen e tivese un xuízo xusto.

Depurado como mestre nacional en 1937, o prego de cargos, recuperado polo catedrático de Historia de Educación da USC Antón Costa Rico, amosa toda a iniquidade do réxime de Franco co profesorado fiel ás luces da educación republicana. Como tamén dúas cartas de despedida de Víctor ao seu irmán Celso e a súa muller Placeres, escritas no cárcere o 15 de agosto de 1937, exhumadas en 2002 polo seu biógrafo Emilio Garrido Moreira, expresan o desgarro atroz sufrido por esta familia.

Estremecedora foi tamén a peripecia de Placeres Castellanos, investigada pola escritora Elsa Quintas Alborés, lonxe de Galicia e impotente ante a traxedia que sufría a súa familia. Mestra e enfermeira no Madrid resistente, en 1938 desprazouse a Valencia onde traballou como secretaria da Solidariedade Galega Antifascista. Tras a caída da República, exiliouse e incorporouse en Francia en 1941 á terceira brigada da resistencia contra os nazis como guerrilleira 35.435, desempeñando un importante papel como enlace.

Unha peripecia que, finalizada a segunda guerra mundial, continuaría coa súa participación en 1945 no Congreso Internacional de Mulleres de París e co reencontro con Manuel, o seu fillo máis novo, con quen embarcaría en 1949 para Arxentina, onde vivía Celso Fraiz, o seu cuñado. Placeres regresaría a Vigo en 1955 e finaría o 25 de xuño de 1971, sendo enterrada no cemiterio de Pereiró xunto ao seu amado Víctor.

A memoria resistente da familia Fraiz Castellanos forma parte da historia viguesa e da súa loita contra a barbarie fascista. Continuemos lembrándoa cada 14 de setembro.