Listado de la etiqueta: agustín_fernández_paz

Onte 562: Marilar Aleixandre, emoción compartida

Excelente homenaxe a que a XIV edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra tributou onte á escritora Marilar Aleixandre. Tras a emocionante laudatio de Fina Casalderrey, Marilar pronunciou un discurso titulado «A ledicia de ler, unha ledicia compartida». Comezou a intervención, confesando que a súa nai ensináralle a ler cando tiña apenas tres anos e medio: «O meu primeiro libro, un de cincenta e o seu zapatiño de cristal, ensinoume que ler é compartir emoción e imaxinación». Relatou, despois, a importancia que para ela tiveron nos anos cincuenta, cando vivía en Ceuta, uns discos de vinilo, que lle permitiron a ela e aos seus irmáns escoitar no tocadiscos contos como «O soldadiño de chumbo», ou «A caixa de mistos». «Así comprendín que o segredo dun conto reside en compartir a emoción». Continuou preguntándose, se podía haber ledicia na lectura dun conto triste: «Pode, xa que a ledicia vai da man da emoción, como demostran as fotos de Virxilio Vieitez que van á raíz da emoción». «Os contos que suscitan emoción e ledicia son os escritos en serio. Coa literatura infantil e xuvenil escrita en serio aprendemos a emocionarnos, a diferenciar as emocións verdadeiras, escritas en voz baixa, daqueloutras falsas, a pesar de que poden presentarse revestidas de materiais vistosos, que agochan o seu baleiro». Tras referirse á importancia que para ela tivo a lectura da Ilíada, «onde non existen personaxes bos e malos, só destinos tráxicos», expresou a «emoción compartida» que en cada edición consigue xerar este Salón do Libro de Pontevedra. Pechou a homenaxe a presenza sobre o estrado, entre grandes aplausos, da mascota do Salón, de Fina Casalderrey e Agustín Fernández Paz acompañando á autora d’ A formiga coxa. Beizóns para Marilar Aleixandre!!!

Onte 533: Galician Songs

Saber de libros da literatura galega traducidos a outras linguas é para min unha das noticias profesionais máis estimulantes. A carencia dun programa público ou dunha estratexia país de proxección da literatura e da edición galega no mundo (cuxa necesidade teño reiterado aquí até o aborrecemento) é suplida, até hoxe, unhas veces por iniciativas illadas de editores internacionais de curiosidade entusiasta e outras polo azar ou polos vieiros da providencia laica. Concibo cada unha destas edicións traducidas coma un milagre que debemos celebrar.

A comezos desta semana recibín un exemplar de Galician Songs, a edición de Small Stations da tradución de Erín Moure de Cantares gallegos. Un fito na nosa historia literaria, que coincide por riba coa celebración do cento cincuenta aniversario da proeza de Compañel, xa que se trata do primeiro libro completo en inglés de Rosalía de Castro. Onte recibín a imaxe da cuberta e contracuberta da edición coreana d’ O lapis do carpinteiro, publicada pola editorial Illusionist, coa que esta novela de Manuel Rivas acada as trinta linguas traducidas. Outro fito extraordinario para a nosa historia literaria, o do libro máis traducido da nosa lingua. Coreana tamén é a fermosísima edición da última tradución d’ O único que queda é o amor, o libro de relatos polo que Agustín Fernández Paz recibíu o seu premio nacional. Tres milagres que celebramos con fachenda na alborada da festa rosaliana.

Onte 508: #DoutorAgustin

Para todos os amigos de Agustín Fernández Paz foi unha fachenda tremenda acompañalo no seu acto de investidura como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Sabiamos que non era outra homenaxe máis das recibidas nos últimos anos polo autor de Contos por palabras. Tratábase do seu recoñecemento institucional como educador, como mestre de mestres, probablemente tamén o recoñecemento implícito o labor da súa xeración –á que Henrique Costas na súa magnífica laudatio definíu como «Xeración de mestres narradores», á que tamén temos bautizado  aquí como «Xeración Lamote (da que forma parte xunto a Xabier DoCampo, Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín»– na creación e pulo da literatura infantil e xuvenil en galego. Tratábase, ademais, como tamén salientou Costas, de recoñecer no #DoutorAgustin un «exemplo de ética coa Terra A Nosa e coa Terra enteira», ese compromiso que o novo doutor definiu no seu discurso como «o trazo máis característico da cultura galega, o de ser célula de universalidade, a vontade de sermos unha peza máis no mosaico mundial das culturas; a conciencia de que só se pode ser universal desde a asunción das propias raíces». Agustín artellou a súa maxistral intervención sobre o eixo de seis lembranzas e unha narración. Tempo haberá de lela e gozala devagariño como merece. Adianto tres parágrafos anotados na libreta que me pareceron marcantes.

Primeira: «A min, non só como cidadán, non só como o docente que fun durante tantos anos, non só como escritor en galego, esta realidade máncame no máis íntimo [referíase á política lingüística]. Que difícil é construír, canto traballo leva conseguir avances, e que doado e rápido resulta o labor de demolición!» .

Segunda: «Ás veces un sente a tentación de, como o protagonista d’A mirada de Ulises, o lúcido filme de Theo Angelopoulos, brindar «Polas esperanzas rotas. Polo mundo que non cambiou a pesar dos nosos soños». Mais, como a que movía a Penélope e finalmente se viu cumprida coa arribada de Ulises ás ribeiras de Ítaca, os azos e a esperanza no futuro camiñan sempre canda nós».

Terceira: «Escribir como un acto de rebeldía, como un acto de amor. Escribir co desexo intenso de crear algo que antes non existía. Escribir coa mesma entrega con que meu pai facía unha mesa ou un armario. E ser consciente de que «aramos sobre os mortos desta terra», de que a nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon, primeiro dos que escribiron na miña lingua, mais tamén dos de toda a literatura universal. O saber que vén de lonxe pasa a través de min, de nós, e proxéctase no futuro».

Compromiso, esperanza, amor tres palabras das grandes para un discurso memorable.

Onte 464: Vixencia dos blogs

A piques de finalizar o oitavo ano blogueando en galego de forma ininterrompida, continúo crendo que os blogs son a cerna da identidade dixital dos que participamos no procomún da rede. A irrupción da vertixe das redes sociais, informativas e profesionais semella que os foi colocando nun segundo plano, o que quizais provocou perda de audiencia e atractivo, mesmo a pesar de ser o soporte que utiliza de xeito máis xenuíno as utilidades do hipertexto. Porén, fronte a fraxilidade de Facebook e a inmediatez de Twitter, os blogs continúan sendo a referencia da memoria da rede, xa que en cadanseu arquivo gardan todo o traballo hipertextual do seu autor ou autora, unha utilidade aínda non substituída por ningún outro soporte. Ademais, os blogs son neste momento unha ferramenta didáctica e profesional imprescindible para compartir o traballo dixital. Razóns polas que para min é unha grande ledicia saber da incorporación recente á rede de blogs en galego de persoas tan amigas e tan admiradas como Agustín Fernández Paz ou Mercedes Queixas. Cadanseus blogs constitúen senllas alfaias valiosísimas para o hipertexto en lingua galega. Convido a visitalas decote. Benvidas e longa travesía!

Onte 463: En Vilalba con Agustín

A Casa da Cultura de Vilalba quedou pequena para acoller ao centenar longo de persoas que participaron na presentación d’ O rastro que deixamos e do nomeamento de Agustín Fernández Paz como socio de honra do Instituto de Estudos Chairegos. Tras a fermosa e completa semblanza que do autor realizou Manuel Castro Santasmariñas, Isabel Soto, a editora do libro, conversou con Agustín sobre os temas principais dun libro construído sobre  dúas trabes, a memoria da infancia, e polo tanto a memoria da Vilalba dos anos cincuenta do século pasado, e a reflexión sobre o oficio de escritor. Un libro no que como editor sei que está o Agustín máis xenuíno, máis próximo e entrañable. Nestas páxinas d’ O rastro que deixamos está o ADN do fillo de Antoania e Antonio, o que fixo das Fontiñas o centro do mundo.

Como xa fixera na presentación de Vigo,  Agustín salientou que para todas as persoas «a infancia é esencial xa que é cando descubrimos o mundo», para expresar despois a importancia que tivo para el As Fontñas, o seu barrio, como Vilalba, a súa vila, os seus primeiros círculos concéntricos, lembrando que «todo lugar, toda vila é Macondo se se sabe contar». «A memoria, felizmente, é traidora, non é un rexistro fotográfico. Hais cousas que se esquecen e outras que se deforman. Como hai outras se sempre se lembran. Este é para min o caso da señora Xenerosa «A capadora» que viña quentarse á cociña da miña avoa. Contaba contos de medo que para min continúan sendo excepcionais. Outrosí sucede co cesto de Beti cheo de tebeos. Son fíos de memoria cos que un escrtior constrúe o o seu mundo. Neses fermentos están os fíos da vida que logo utiliza na súa obra». Logo relatou como descubrira a lectura da man do seu pai. «Meu pai e toda a súa familia lían moito. O tío Se tiña un baúl cheo de novelas, un feito que recollín en varias das miñas ficcións. Meu pai tiña unha biblioteca, dous andeis de libros, onde me aprendeu o devezo de ler. Son escritor grazas ao meu pai que me meteu este devezo de ler, que logo, anos máis tarde, me levou ao de escribir». Foi emocionante o relato de Agustín de como coñeceu ao escritor Álvaro Cunqueiro. «Foi na carpintaría familiar encargando unhas caixas para uns capóns que comprara para enviar a Néstor Luján e outros comellóns de Barcelona. “Este señor é don Álvaro Cunqueiro”, dixérame meu pai. Grazas aos libros de Cunqueiro, que o señor Crende prestáballe ao meu pai, descubrín que había libros en galego». Outras cuestións abordadas na conversa con Isabel Soto foron as referidas o oficio de mestre de Agustín, como membro dunha xeración de ensinantes «que quixemos facer unha escola democrática e íntegra», así como os seus inicios no oficio de escribir. Despois, a conversa estendeuse ao público, rematando o acto co nomeamento de Agustín como socio de honra do IECHA e cunha longuísima sesión de asinaturas. Un serán para a memoria dos que alí estabamos.

Decontado subiremos a gravación completa da intervención de Fernández Paz.

Onte 442: O rastro que deixamos

Interesante e amenísima foi a conversa que mantivo Isabel Soto con Agustín Fernández Paz con motivo da presentación en Librouro d’ O rastro que deixamos. Editora e autor percorreron ao longo dunha hora os temas principais dunha obra singular no catálogo do vilalbés, onde con grande votade de estilo se mesturan páxinas de fermosa prosa memorialística con outras de ensaística sobre o oficio de escribir.

Comezou Agustín explicando a orixe do título que le prestou Siri Hustvedt, a autora de Todo canto amei. O título forma parte dun parágrafo que confesou lle impresionar e recolleu no seu caderno de citas: «As historias que contamos sobre nós mesmos só poden relatarse en pasado. O pasado remóntase cara a atrás desde onde agora nos atopamos, e xa non somos actores da historia senón espectadores que se decidiron a falar. En ocasións, o rastro que deixamos vaise sinalando con pequenas pedras como as que Hansel deixaba tras os seus pasos». Agustín dixo que «o libro naceu hai case tres anos da intención de recoller nun volume textos ensaísticos variados que garadaba no mes disco duro. Isabel Soto puxo orde naquel caos, naquela faramallada. Logo decidimos facer tres libros: o que hoxe presentamos de carácter memorialístico, que contén tamén unha reflexión sobre o oficio de escribir; un segundo sobre temas de lingua e lectura, ao que xa lle puxemos título, A patria da lingua; e un terceiro co resto dos textos sobre cómics e diversos temas». En todo caso, tanto para o autor como para a editora, «a obsesión foi que este primeiro libro se puidese ler como un libro de ficción».

Isabel Soto formuloulle varias preguntas arredor dos límites do que se entende por ficción e polo carácter selectivo da memoria. Fernández Paz insistíu en que para el «todo lugar, todo barrio é Macondo se sabe atopar o seu García Márquez que o conte», así como tamén en que «afondar no local é sempre universal; afondar nas propias raíces, no que é teu, afondar nelas para dende aí proxectarse». Agustín recoñeceuse discípulo do Grupo Nós na súa concepción de «Galicia célula de universalidade, unha peza máis do mosaico da humanidade, á que temos obriga de facer brillar». Mais tamén lamentou as «dificultades grandes que temos na cultura galega na distribución interior dos nosos contidos e sobre todo na exterior, para que as nosas obras chegue tan lonxe como permita a súa calidade». «Na escrita hai que contar a verdade, hai que afondar na túa vida, que é do se nutre o escritor, para que cautive a calquera lector de calquera lingua e calquera país».

A conversa tamén abordou o papel da literatura para cambiar o mundo e cambiar a vida. «A postura optimista témola que manter mentres esteamos vivos. As vellas toupas continúan traballando no proceso de mudar o mundo. Hainas en moitas frontes. Aí están as ferramentas do cambio. Os membros da nosa xeración fixemos o que puidemos. No mundo do ensino algunhas cousas mudaron, deixamos a semente dun traballo que hoxe está nos libros de texto e se acepta de forma común». No entanto, tamén afirmou, valorando o que sucede na actualidade, «o fácil que é destruír e o difícil que é construír».

As preguntas finais xiraron arredor da realción coas súa sobras. Fernández paz confesou que «non hai ningún libro do que me sinta plenamente satisfeito», aínda que amosou a súa preferencia por algúns títulos como Aire negro, O único que queda é o amor, Fantasmas de luz e Non hai noite tan longa.

Onte 436: Premios da Crítica Galicia 2012

A denuncia dos recortes no eido da cultura e da investigación foi unha das cuestións que estivo mías presente na cerimonia na que se deu a coñecer o ditame dos Premios da Crítica Galicia 2012. Fíxoa Agustín Fernández Paz, gañador do premio de Creación literaria por Fantasmas de luz, cando lembrou o memorable discurso final d’ As uvas da ira de John Ford que remata en «Nós somos o pobo». Fíxoa Patricia Fra, a editora de Regreso a Compostela de Edith Warthon, que reiterou o chamamento do xurado de Investigación aos poderes públicos «para que o apoio e recoñecemento a investigación realizada en Galicia, non se vexa gravemente afectado polos recortes. O xurado entende que se non hai unha axeitada inversión en I+D+I non será posible acadar un desenvolvemento económico e social que asegure o benestar das xeracións futuras». Fixerona Margarita Viso e Juan Vara, membros da Asociación Galega de Compositores, premio de Música, cando defenderon o papel esencial da música para a conviencia cidadá. Fixérona Xan Rodríguez e Antonio Moure, membros da Asociación O sorriso de Daniel, premio de Iniciativas Culturais, cando reivindicaron a necesidade da protección do patrimonio galego, sobre todo no eido rural. Fíxoa Carmen Nogueira, a vídeoartista viguesa, premio de Artes Plásticas e Visuais, reclamando atención para as políticas públicas de cultura, con especial atención aos museos. Fíxoa Gustavo Pernas que recolleu en nome de Xosé Manuel Olveira «Pico», o premio de Artes Escénicas e Audiovisuais, no que foi o discurso máis explícito e apaixonado da noite, que rematou enfatizando con enerxía «Nunca máis aos recortes na cultura».

Na fotografía destacada: Agustín Fernández Paz, Patricia Fra, Juan Vara (Asociación Galega de Compositores), Carmen Domínguez, Antonio Moure e Xan Rodríguez (ambos os dous, Asociación O sorriso de Daniel). Na foto da escaleira: os membros dos seis xurados e membros da Fundación Premios da Crítica Galicia.

Onte 431: Agustín doutor honoris causa

Coñecimos onte a magnífica noticia que a Universidade de Vigo, a proposta do departamento de Filoloxía Galega e Latina, investirá a Agustín Fernández Paz como doutor honoris causa. Un nomeamento que nos enche de fachenda xa que en poucas ocasións está máis xustificada a consideración de mestre ca no caso de Agustín, quen dedicou a súa vida profesional enteira a pular polo proxecto da escola galega das pombas, combinando a renovación pedagóxica coa galeguización. Tras outras merecidísimas homenaxes, este importantísimo recoñecemento coincide coa aparición nas librarías d’ O rastro que deixamos, o libro memorialístico que presentaremos en Librouro o vindeiro 23 de novembro. Parabéns para o doutor Agustín!

[Agustín Fernández Paz, discurso de aceptación do Premio «Facer País», Láncara 27-10-2012]

Vivimos tempos difíciles. O desánimo é a única palabra que non pode ter cabida nas nosas vidas. Precisamos de todas as mans.

Onte 414: Palabras de auga

Tanto Agustín Fernández Paz como Marcos Calveiro, o autor de Palabras de auga, lembraron ao comezo da súas intervencións de presentación do Premio Merlín 2012 en Vigo, aos 70 náufragos de Alborán. Para Agustín esta traxedia é outra mostra máis da imaxe que temos de África como terra incógnita, un continente perdido do que descoñecemos case todo da súa realidade e da súa cultura, apenas coas excepcións de noticias puntuais coma as traxedias das pateiras, dunha seca e fame terribles, de guerras silenciosas ou dos desprazamentos masivos da poboación. Un continente que continúa sometido ao expolio dos seus recursos naturais, outro froito da pegada dun colonialismo europeo que nunca deixou de existir. Marcos tamén comezou as súas palabras referíndose aos «55 que tiveron a morte salgada fronte a eles, os quince que morreron (entre eles nove bebés) e os corenta que quedaron baixo a xurisdición marroquina». Despois leu un relato inédito protagonizado tamén por Amadou, o adolescente da tribo Kimba que enfía as páxinas d’ As palabras de auga. A da familia de Amadou é unha historia terrible, durísima, semellante á que viviron onte os inmigrantes que perderon a vida e a esperanza das súas familias no mar de Alborán. Palabras de auga.