Listado de la etiqueta: Age

«O libro dixital: presente e futuro»

Este ano o tradicional Simposio sobre o libro e a lectura, que se celebrará os xoves e venres vindeiros,  xirará sobre o presente e futuro do libro dixital. Énchenos de fachenda que este encontro profesional, organizado pola Asociación Galega de Editores,  iniciado hai cinco anos, se consolidase como unha cita de referencia para tomarlle cada ano o pulso aos temas principais do sector do libro en Galicia.

Ademais, o  programa desta edición (pode baixarse en pdf), alóngase cun curso para editores sobre o mesmo tema, impartido polo noso admirado Javier Celaya.

Agradezo aos organizadores o convite que me fixeron para intervir o venres a primeira hora de mañá para falar sobre «O libro dixital en Galicia». Dentro das escasas posibilidades da nosa axenda nestas semanas xa de campaña de nadal, daremos conta dos contidos dos debates e intervencións que, con certeza, serán seguidos con maior atención en diversos blogs de lectura e libros.

O preocupante estado da edición en galego

Representantes da AGE presentaron onte dous documentos que amosan de forma contundente o preocupante estado actual da edición en galego: o Estudo do comercio interior do libro 2007 e un novo informe sobrea mellora do sistema de préstamo do libro de texto. Dous documentos (que desmiuzaremos no blog devagariño) que amosan, ademais, a triste herdanza que deixa o goberno bipartito sobre o libro galego: baixa da produción do libro en galego (tanto en número de títulos, de exemplares como de tirada media), perda de peso do libro en galego no conxunto do noso sector editorial (tanto na produción como na súa visibilidade mercado), retroceso da facturación do libro en galego, desaparición de librarías, … Datos que corresponden ao ano 2007, un tempo aínda de importante crecemento económico, razón pola que a publicación destes datos é aínda máis preocupante na coxuntura actual de clara restrición no mercado. Datos que veñen corroborar agora as valoracións que fixemos hai meses. No entanto, é unha estupenda noticia que ás portas do inicio dunha nova lexislatura e da constitución dun novo goberno, o conxunto do sector do libro presente unido o diagnóstico e a alternativa para os seus problemas. Agardemos que signifique o inicio dun repunte para o sector do libro en galego.