A Noite da Edicion 2009

Os editores galegos celebramos onte no Liceo de Ourense a quinta Noite da Edición, na que se entregaron os premios ás mellores producións de 2009 e rendimos homenaxe á Nova Galicia Edicións pola súa brillante traxectoria nos seus primeiros vinte e cinco anos de vida. Tras as catro edicións anteriores nas que os premios se outorgaron por votación directa dos membros da Asociación Galega de Editores, a da presente edición foi a primeira na que foron concedidos por un xurado que valorou as obras presentadas e escollidas polos editores en cada unha das categorías.

Velaí as decisións adoptadas polo xurado que como en todos os premios á obra editada serán, sen dúbida, sometidas ao debate do público. Mágoa que Rosa Aneiros non puidera recibir personalmente o seu merecidísimo premio XoséMaría Álvarez Blázquez á mellora autora do ano, xa que ao mesmo tempo recibía o recoñecemento de «Caldereta do ano» outorgado en Ferrol pola Asociación Cultura Lefre de Caldereta. Máis alá das intervencións dos gañadores (maxistral foi a do profesor don Xesus Alonso Montero, gañador do premio Ánxel Casal, na categoría de non ficción), o prato forte da noite foron a estimulante condución que da velada realizou Camilo Franco –brillantísima nalgúns momentos, sobre todo, nos envites cómicos aos númeroso políticos presentes (dous conselleiros, o de Cultura e Educación; o alcalde Ourense; o presidente da Deputación; o director xeral de Cultura)– e o discurso de Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE, que reclaou ao Goberno Galego un consenso arredor do decreto de galego e das políticas de incorporación das novas tecnoloxías nas aulas. Volvimos de Ourense, nunha noite xélida, satisfeitos da vitalidade e do inconformismo que amosa o noso sector, unha magnífica noticia para os difíciles tempos que corren.

Quen teña moita curiosidade pode ler ou baixar aquí o texto da laudatio de Nova Galicia Edicións que lin na cerimonia.

2 comentarios
  1. paidovento
    paidovento Dice:

    Tiven a sorte de ser alumno de Xesús Alonso Montero e, mais aló de consideracións persoais, as lembranzas que conservo céntranse no seu verbo fácil, na súa coidada e atinada oratoria.

Trackbacks y pingbacks

  1. […] seo da cerimonia, Manuel Bragado, director da editorial, leu a laudatio a Nova Galicia Edicións, con motivo do vinte e cinco […]

Los comentarios están desactivados.