Lembrando «A Pizarra»
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a publicación hai corenta anos do primeiro número d’ «A Pizarra», o semanario de educación de Faro de Vigo
O 5 de outubro de 1983 apareceu “A Pizarra”, o semanario de educación de Faro de Vigo, coordinado polo xornalista José Antonio Perozo, que contaba co consello asesor dos pedagogos e educadores Antón Costa Rico, Manuel Janeiro, Antón Lamapereira, Rafael Ojea e Miguel Vázquez Freire. Catro páxinas de temática educativa, a maior parte en lingua galega, que se publicarían de forma ininterrompida ao longo de case catro cursos (do 1983-84 ao 1986-87), que tras 141 números puxeron o seu ramo o 6 de xaneiro de 1987 cun número excepcional dedicado a contos de nadal e reis, asinados por Xabier Docampo (“Os xoguetes vellos”), Michel Tournier (“A mamá Noel”), Pere Calders (“Noite queda”) e Alberto Avendaño (“Sol pasou o Nadal na casa”), elenco literario excepcional daquel inquedo Faro de Vigo dirixido en tempos de Reconversión e da Movida por Francisco Armesto Faginas.
No seu número alboral, os promotores confesaban a súa intención de «contribuír ao progreso do ensino moderno, achegando un órgano de debate no ámbito educacional», até entón inexistente na prensa diaria galega. Vontade de servir ao ensino en Galicia e de contribuír «a potenciación dos caracteres diferenciais deste na nosa terra», nun momento no que a Xunta completaba as súas transferencias educativas, o Parlamento de Galicia aprobaba a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, o concello de Vigo montaba o seu Departamento de Educación e comezaban a súa andaina os movementos de renovación pedagóxica como Nova Escola Galega e a Asociación Sociopedagóxica Galega. Primeiro número no que centraba a súa atención, toda unha declaración de intencións, na situación das escolas de verán, os encontros de ensinantes, que constituían unha forma de reciclaxe e formación do profesorado, cando non a proporcionaba a Consellaría de Educación.
Completaban as páxinas interiores da primeira entrega un anaquel de novidades bibliográficas de temática educativa e de literatura infantil e xuvenil, ademais de dúas entrevistas, a primeira a Carlos Herans, responsable da área de expresión dramática do movemento Acción Educativa de Madrid, a outra a Xosé Martínez Blanco sobre a anovación no ensino das matemáticas. Pechaba o semanario a que se convertería nunha das seccións máis emblemáticas, “Viaxe polos colexios galegos”, dedicada ao Colexio Emilia Pardo Bazán (Chouzo), do que era entón director Manuel Garrido González. Repasar os datos da ficha técnica do centro e a entrevista co equipo directivo –1.600 alumnos e alumnas, 48 profesores e profesoras, de 32 a 38 alumnos por aula, 44 aulas, 12 fóra do colexio, das que oito estaban instaladas de forma provisional– amosa a mellora das cifras do sistema educativo nestas catro décadas.
“A Pizarra” tiña o seu “deciamos onte…” naquela “Página Pedagógica”, voceiro da Asociación Provincial de Maestros Nacionales, que dende o 6 de marzo de 1926 publicaba tamén Faro de Vigo coa intención de alertar sobre a indiferenza social e política das cuestións educativas e reclamar melloras nas escolas. Páxina que dende o 12 de outubro de 1927 aparece como “La enseñanza y los maestros”, nova sección educativa de El Pueblo Gallego. Páxinas as dúas nas que deixou a súa marca, coa súa sinatura e sen ela, Apolinar Torres, o mestre socialista mártir, fusilado o 27 de agosto de 1936, que para Antón Costa Rico converteu estes espazos xornalísticos de información educativa en «voceiro oficioso do movemento internacional da Escola Nova en Galicia e medio de difusión das súas innovacións e realizacións». Sección escrita no seu conxunto en castelán, mais que acolleu algúns textos escritos en galego por profesores vinculados co galeguismo político e cultural.
E non podemos rematar esta lembranza d’ “A Pizarra” sen citar aqueloutras catro páxinas en galego d’ “O Pizarrín”, un espazo dirixido ás crianzas, un semanario lúdico utilizable tanto na escola como na familia, publicación infantil en galego, como foran «As Roladas. Folla dos rapaciños galegos» (1922), e máis recentemente «Axóuxere» suplemento de La Región (1974-1975) e a revista Vagalume (1975-78). Primeiro “O Pizarrín” que ofrecía na sección O faiado de Francisco Santomé a construción dun barco de vela con materiais de refugallo, na de Tesouros novos e vellos a recuperación do conto de «Gatipedro» de Álvaro Cunqueiro, así como a primeira páxina d’ As aventuras dun neno galego, cómic de Xesús Franco e debuxos de Bofill, que se publicaría ao longo do primeiro curso e a sección A Trabe de ouro de Ramona Trabazo dedicada á natureza. Como en números posteriores terían entrada a construción de títeres de Eduardo A. Rodríguez Cunha “Tatán”, o cómic No corral de Don Mundo de Pepe Carreiro ou a sección Mareira na bañeira de Severino Gestoso, ademais da recomendación dun libro infantil. Unha regalía.