Onte 2067: «Ex Libris. The New York Public Library»

Nunca esquecerei a visita que fixemos a sede da quinta avenida da Biblioteca Municipal de New York. A imaxe daquel policía maior de cor facendo taichi no xardín da biblioteca permanece aínda na memoria daqueles dias felices de turistas en Manhattan. Lembranzas anovadas durante as tres horas e cuarto de Ex libris, o extraordinario e monumental documental do mestre Frederick Wiseman, un fluír de vida cotián novaiorquina, tamén unha emocionante gabanza da lectura e do valor da biblioteca pública como institución de integración comunitaria.

A película é unha lambetada audiovisual, na que se entrenobelan longas intervencións orais (presentacións de libros, conversas con autores, xuntanzas do persoal bibliotecario, discursos, clubes de lectura…), que vai conformando un alegato a prol do acceso democrático ao coñecemento e a participación do lectorado (a cidadanía) na xestión da propia institución.  Un autorretrato da propia biblioteca publica concibida como unha  catedral laica, aberta no corazón da cidade dende hai máis dun século ao avance do coñecemento e ao fluír das artes todas. Mais tamén a instánea dunha institución en crise nun momento de mudanza profunda (2016-2017) que se prepara para transformarse nunha rede que permite ao lectorado de todas as condicións (funcionais, sociais e xeracionais) o acceso información e a lectura en soportes diversos. Unha transformación proxectada sobre dous retos: o primeiro, o carácter hibridado e descentralizado dos servizos e, o segundo, a intencionalidade inclusiva de cada unha das súas actuacións. Todo un programa para calquera cidade do noso tempo. Recomendo esta alfaia do cine documental, indisensable para letraferidos e amantes dos libros como para profesionais da edición e da biblioteca.

O xogo do coronavirus e outros recursos na rede

Entre os recursos dispoñibles na rede para crianzas sobre o coronavirus e a corentena na casa paga a pena recomendar media ducia dos que consideramos de maior interese para o noso alumnado de Infantil e Primaria.

1–. «O xogo do coronavirus», vídeo dun minuto e medio de duración. Creado polo enfermeiro Santiago Santana na canle en YouTube do Consello General de Enfermaría propón as crianzas a forma correcta de lavar as mans como a medida preventiva máis importante fronte ao coronavirus. O xornal El País publicou un artigo no que explica o reto que pretende consolidar un hábito esencial, máis aínda neste momento.

2–. Aulas galegas, portal educativo sen ánimo de lucro no que se ofrecen recursos en lingua galega para os diversos niveis educativos e áreas curriculares. Aconsellamos moi especialmente o seu espazo dedicado ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, onde de poden ver contos, actividades con lingua de signos

3–. Retrincos de cores, caderno emocional (descargable en pdf), elaborado polo Grupo de intervención Psicolóxica en Catástrofes do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e moi útil para abordar esta emerxencia sanitaria a través do debuxo.

4–. Academia de Inventores, un espazo de YouTube, promovido pola editorial Edelvives, no que se están emitindo en liña clases de robótica, programación, mecánica e ciencia, todos os días ás 17:00 horas.

Cada día da semana aborda un nivel: os luns, os Baby inventores (3-5 anos); os martes, os Mini inventores (6-8 anos), os mércores, os Inventores junior (9-11 anos), os xoves, os Inventores Senior (12-14 anos) e os venres, os Inventores Master (15-18 anos).

5–. «¿Que es el Coronavirus?», vídeo de dous minutos e medio de duracion. Preparado pola pola canle de YouTube Happy Learning Español explica aos nenos e nenas en que consiste o coronavirus, cales son as súas consecuencias e que se debe facer para evitar o contaxio. Nesta canle hai un amplo abano de vídeos didácticos para o alumnado de Primaria.

6-. «Iniciativas e actividades para levar mellor o illamento», espazo do blog Con los niños y adolescentes na mochila, no que se ofrece á familia un amplísimo repertorio de actividades para compartir na casa durante a corentena: contacontos, manualidades, guías de experimentos en vivo en Instagram, ximnasia e actividades físicas, lecturas ou viaxes virtuais a museos ou exposicións.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

 

Onte 2066: Café de redacción con João Soares


Continuamos onte as actividades da Fundación Luzes co Café de redacción con João Soares, o editor que foi presidente da Cámara de Lisboa, eurodeputado e ministro de Cultura do primeiro goberno de António Costa. Os xornalistas Xosé Manuel Pereiro, Valeria Pereiras e Daniel Domínguez conversaron durante máis de hora e media co político portugués sobre o proxecto europeo, a formación do goberno Costa, a ruptura do arco de gobernanza entre socialdemócratas e conservadores, como sobre as posibilidades de mudanza nas vindeiras Galegas. Unha conversa que resultou moi significativa tamén sobre as relacións e os prexuízos existentes entre Galicia e Portugal, tan virados de costas coma próximos no afectivo. Un pasiño máis na posta en marcha do proxecto da FL e a súa procura de espazos de debate e garantía.

Onte 2063: Café de Redacción con Néstor Rego


Iniciamos onte na Coruña as actividades da Fundación Luzes con Café de Redacción con Néstor Rego. Conducido por Xosé Manuel Pereiro, os xornalistas Manuel Rivas, Soniza Vizoso, Anxo Luxilde e Marcos Sanluis preguntaron durante máis de hora e media ao deputado do BNG no Congreso sobre as cuestións máis polémicas da axenda galega. O acordo de investidura asinado entre o PSOE e BNG e as reaccións que provocou en Feixó, as posibilidades de formar unha alternativa  de cara as vindeiras Galegas e a unidade nacionalista foro algúns dos fíos desnobelados por Rego devagariño con espírito didáctico non exento de humor e amenidade.

Transmitido en streaming e con impacto nas redes, este primeiro Café de Redacción forma parte dun ciclo de actividades con formatos diversos co que a Fundación Luzes pretende contribuír a fomentar o debate público e a presenza dun xornalismo crítico na sociedade galega actual. Agradecemos a participación xenerosa de Néstor Rego e dos profesionales que con el conversaron nesta estrea da FL que terá continuidade con outra convidada no vindeiro mes de febreiro.

Onte 2055: «Matria», a ollada desmitificadora de Álvaro Gago


Por fin puiden ver Matria, a curtametraxe premio do xurado en Sundance (2018), premio da Crítica de Galicia 2018 de Cine e Artes Audiovisuais, entre outros 60 galardóns, liberada na rede como agasallo de nadal de Álvaro Gago, o seu director. Unha alfaia narrativa de vinte e un minutos, tan luminosa como austera, onde se fusiona a ficción e os recursos documentais para seguir a vertixe estresante dunha xornada calquera de Ramona, unha traballadora maior da conserva. Un retrato brutal dunha matriarca, escrava dunha cultura familiar machista e dun entorno laboral onde rexe a cultura do abuso, o insulto e a obediencia. Coa cadencia abouxante dos berros noxentos da encargada da fábrica e co ritmo dos desprazamentos en bicicleta da protagonista pola illa, Gago ofrece un film fascinante e pouco compracente, onde apenas hai acougo para un agarimo ou para un sorriso como aceno de rebeldía e esperanza.

A interpretación de Francisca Iglesias Bouzón, a protagonista, é memorable, como dificilmente esquecible é a súa ollada, expresión da dor profunda que sofren estas mulleres humildes, exhaustas polo traballo na fábrica e na casa. Unha ollada poética e necesariamente desmitificadora sobre o matriarcado galego. Parabéns a Álvaro Gago, que leva trazas de converterse no Kiarostami galego,  por esta peza poderosa pola súa simplicidade narrativa e profundidade do retrato humano. Recomendo a súa utilización como recurso didáctico nos centros educativos.

Onte 2049: «Eroski/Paraíso»

Emocioneime onte na presentación nos Multicines Norte de Eroski/Paraíso, esoutra proeza de Jorge Coira e Xesús Ron. Unha «comedia underground», como foi definida polo director chairego nas súas primeiras palabras, que afonda nas orixes do desarraigo e do alleamento da xeración nosa, a dos galegos e galegas que temos hoxe entre 5o e 65 anos. Unha película que completa nas pantallas o pack de Chévere da súa exitosa peza teatral, cuxo texto pode lerse no libro editado por Kalandraka. Ao remate da proxección, Coira confesou das dificultades de meter o cine dentro do cine, un proxecto sempre arriscado, máis aínda cando a peza teatral introducía o cine na escea. Unha viaxe de idea e volta da que os realizadores saen con moita fortuna afondando no traballo de documentación do magnífico texto de Chévere e nas interpretacións absolutamente memorables do cadro actoral.

Emociona cada plano e cada frase de Patricia de Lorenzo, que encarna a unha de tantas nais que nestas tres décadas perderon a súa lingua e case a súa identidade. Conmove tamén a interpretación de Miguel de Lira, ao xeito dun Peter Pan de Arcos, un emigrante soñador e aparentemente inxenuo, aínda capaz de ilusionarse co proxecto cinematográfico da súa filla, que procura nas súas orixes máis íntimas azos de esperanza.

A pesar das gargalladas inevitables da comedia, nalgunhas escenas de morrer coa risa, a pesar das escenas musicais do entusiasmo daquelas noites felices de ansia, o filme vai deixando nos seus coidados detalles un pouso de profunda amargura. Velaí a traxedia da perda dunha paisaxe recoñecible ou a denuncia sutil do agromar dunha nova emigración nun país que semella cada vez máis inviable. Velaí esa escena final inesquecible na que a familia enxerga o seu futuro diante dos andeis. Outra valiosa peza de produción low cost desta sorprendente factoría ficcional do cinema galego independente. Convén non perder este Eroski/Paraíso, paga moito a pena.


</>

Onte 2048: «Longa noite» de Eloy Enciso


Despois do éxito d’ O que arde, fomos ver onte Longa noite, un filme emocionante de Eloy Enciso sobre a imposición do medo ao medo durante a ditadura franquista. Como fixera xa en Arraianos, onde utilizou textos de Jenaro Marinhas del Valle e actores non profesionais, Enciso repite fórmula apostando por un elenco de actores amadores e polos textos do propio Marinhas e doutros autores da literatura do exilio, como Luís Seoane, Ramón de Valenzuela, Max Aub, para finalizar co valor das cartas de condenados franquistas, como textos da memoria popular. Un xeito poderoso de amosar como se inoculou o fascismo no pasado e como pode inocularse na actualidade. Utilizando o recurso narrativo de quen regresa ao fogar despois de saír do cárcere, estratexia narrativa que coincide coa película de Laxe, Enciso ofrece tres retratos naturalistas de vidas oprimidas polo medo, onde non se agocha nin a vítimas nin a verdugos, mais onde non existen tampouco heroes nin discursos moralizantes.

Gustei  das interpretacións dun elenco de actores e actrices amadoras capaces de establecer unha distancia entre a calidade dos textos literarios e un rexistro de fala máis popular e contido. Mención á parte merece o excepcional  traballo visual de Mauro Herce, tamén director de fotografía d’ O que arde, capaz de representar a investigación visual sobre a noite na penumbra da fraga, unha atmosfera de sometemento e silencio, onde a presenza dos ceos estrelados achega un horizonte de certa esperanza. Escenas finais que lembran a cadros románticos, tanto polo protagonismo de árbores centenarias en pleno inverno como pola hábil combinación de silencio e luces cativas, metáfora de tempos de escuridade.

Longa noite amosa que o fenómeno do novo cinema galego e a súa aposta por narrativas na tradición do cine europeo non é flor dun día nin cuestión dun realizador de talento privilexiado. Parabéns a Enciso, a Beli Martínez, a produtora, e a NUMAX, a distribuidora, por película tan memorable. Paga a pena.

O que arde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar O que arde, o filme memorable de Oliver Laxe:


A estrea en vinte salas galegas do filme O que arde de Oliver Laxe coincide co segundo aniversario dos incendios que puxeron en perigo a coroa vexetal da área metropolitana viguesa e provocaron dúas vítimas mortais en Chandebrito aquel fatídico domingo, 15 de outubro de 2017. Unha coincidencia fortuíta que convida a compartir esta extraordinaria película, protagonizada por Benedita e polo seu fillo Amador, mais tamén a reflexionar sobre o sucedido tras aquela vaga incendiaria e sobre as promesas e compromisos para mudar a política forestal.

Recoñecida co premio «Un certain regard» do Festival de Cannes 2019 ­–un certame onde Laxe xa fora premiado en 2010 pola súa opera prima, Todos somos capitáns, localizada nun centro de menores de Tánxer, e onde volveu ser recoñecido coa súa segunda longametraxe en 2016, Mimosas, gravada no Atlas marroquí– dende a primeira até a derradeira escena O que arde é unha película impresionante de beleza estarrecedora, onde os montes dos Ancares galegos son considerados non só como unha paisaxe marabillosa se non tamén como outro protagonista máis da narración. Velaí ese comezo inesquecible, no que o espectador asiste atónito a caída de altísimos eucaliptos, arrasados por unha escavadora, ao ritmo dun andante de Vivaldi, como da sobrecolledora batalla final que contra o lume libran os afoutos bombeiros forestais, filmada de forma documental e case heroica por Oliver e polo seu director de fotografía, Mauro Herce, de xeito que conseguen facer sentir na sala escura o latexo da terra ferida e a violencia do lume incontrolado.

Xaora, O que arde é unha historia familiar do regreso a casa de Amador, un pirómano que volve do cárcere e non quere ser axudado nin confesar o que sinte nin pensa. Un relato contado apenas por elipses visuais, por diálogos esenciais e longos silencios, rotos por frases chave, como esta de Benedita: «se provocan sufrimento é porque sofren». Narración inzada de momentos de tenrura e compaixón a carón da cociña de ferro, ou outros lírico-simbólicos, como esoutro da Benedita abrigada do ballón na cortiza dun castiñeiro, marcas narrativas dun director obsesionado en toda a súa filmografía en afondar no máis recóndito da dignidade humana e na súa relación íntima coa natureza.

Definido por Laxe como un «melodrama de bágoas contidas», O que arde retrata un mundo que morre entre a dignidade dos humildes sen renunciar a perpetuar a beleza desa Galicia aldeá agonizante. Como fixera tamén a redondelá Diana Toucedo en Trinta lumes (2018), Laxe filma como membro dunha tribo en vías de extinción identificando as pegadas na memoria das vivendas e nas cortes, como se se tratase dun fantasma sen recambio demográfico nin produtivo, fenómeno que algúns xa chaman o «holocausto rural de Galicia», estudado nun ensaio recentísimo, A morte de Galicia (Xerais 2019), volume de lectura moi aconsellable, coordinado polo historiador Isidro Dubert.

O que arde non pretende ser unha tese sobre a problemática incendiaria en Galicia, máis alá da animadversión do director pola presenza invasora do eucalipto sobre o territorio e das talas sobre as que axexa o propio Amador cando acompaña as vacas. Con todo, Laxe deita unha ollada sobre o fenómeno dos pirómanos chea de tolerancia, quizais para salientar así a ausencia de medidas políticas sobre os intereses arredor do sector forestal en Galicia, sobre a propiedade do monte, o devalo demográfico ou do propio cambio climático, que tamén forman parte das causas desta noxenta industria do lume en Galicia.

O que arde é un filme sobre xente rota, que ama e sinte dor en silencio. Unha película conmovedora e emocionante, capaz de abrir conciencias e corazóns no seu intento de representar sen renunciar a beleza a extinción da cultura tradicional da Galicia de montaña. Unha película que, ademais, obriga a repensar as políticas forestais que provocaron catástrofes como a lembrada en Chandebrito e preguntarse se dende entón mudaron, se se puxeron en marcha máis medidas de prevención, se as zonas devastadas foron limpadas e comezaron a ser repoboadas, se foron mobilizados os predios abandonados e incorporados ao banco de terras para ser cultivados..

Esta inquedante película en lingua galega de Oliver Laxe,  demostra que aínda existen fendas na industria para ofrecer un cinema de autor sen aditivos de azucre nin conservantes de saudade. Tras unha década de traxectoria, tras tres longas premiadas en Cannes, aquel Oliver Laxe, que nos descubrira o crítico Martin Pawley en 2008 na curta París#1, coa que o director coruñés pretendía responderse á pregunta que é Galiza, é hoxe unha das figuras europeas indiscutibles do cine de autor. Vaian ao cine a compartir a emoción deste cume do cine galego, hoxe unha das expresións máis punxentes da cultura na nosa lingua.

Onte 2040: «Coñecendo a Astrid»


Interesoume moito Unga Astrid (2018) [Conociendo a Astrid], o biopic sobre a escritora sueca Astrid Lindgren. Pernille Fischer Christensen ofrece un retrato dos anos de mocidade, anteriores ao comezo da súa escrita, salientando o carácter feminista, rebelde e independente da autora de Pippi medias longas (excelente a versión galega de Kalandraka). Mágoa que a directora danesa non arriscase máis na narración da historia desta nai adolescente obrigada a parir soa fóra do seu país e, anos despois, a intentar conquistar os afectos do seu picariño. Xaora, a excelente interpretación de Alba August, capaz de modular as expresións de entusiasmo coas da dor, decepción e desamparo, salvan a credibilidade deste retrato conmovedor da escritora que nos anos da súa despedida, cando recibe todos os afectos e agarimos dos seus lectores e lectoras escolares, lembra os anos difíciles. Moi recomendable para as mediadoras e persoas amantes da literatura infantil e xuvenil.

Onte 2033: «Trinta lumes»

TRINTA LUMES / THIRTY SOULS (trailer) from Diana Toucedo on Vimeo.

Non vira até onte Trinta lumes, a engaiolante longametraxe de Diana Toucedo, na que  explora o impreciso territorio da desaparición. Unha película de beleza hipnótica na que tras a ollada inocente de dous preadolescentes, Alba e Samuel,  que esculcan entre as moitas casas abandonadas da súa aldea da Serra do Courel a memoria do alí vivido, a directora redondelá  compón un poema visual que exalta unha natureza insurxente e fantasmagórica. Abandonando a facilidade dos etnografismos documentais, Toucedo arrisca por ofrecer un retrato naturalista dunha cultura tradicional en extinción inevitable, onde é posible aínda visitar as marxes do misterioso, do descoñecido, do invisible e da propia morte. Concibida coa potencia gráfica dun poema telúrico de Novoneyra, Toucedo transforma a procesión do acompañamento nunha ringleira de lanternas vagalumes que vocean desacougadas na procura de Alba. Velaí a forza narrativa desta opera prima multipremiada, que  recomendo vivamente.