Onte 632: A proeza da canteira

Os celtistas quedaremos sempre agradecidos pola vitoria da Real en Riazor, que nos permitiu conservar a categoría e vivir uns instantes de ledicia tan intensa coma fugaz. Mágoa que esta permanencia fose a costa do Deportivo do noso admirado Fernando Vázquez. Mais o malfado destas vidas galegas cruzadas só é explicable co sintagma «fútbol é fútbol» que define un deporte (tamén un formidable negocio) capaz de desbordar a emotividade colectiva co xogo inocente do azar e as súas combinacións. Dende ese punto de vista, a permanencia do Celta foi unha sorpresa, máis ben unha proeza, se temos en conta as súas escasas probabilidades matemáticas para evitar o descenso. Mais tamén, con maior acougo na análise, é un feito explicable, se valoramos a fe teimosa do equipo noso (sobre todo do adestrador Abel Resino) en confiar nas súas propias posibilidades e en evitar dar nada por perdido. Con todo, a pesar dos erros na xestión do cadro de xogadores (Pranjic, Demidov, Park, as fichaxes internacionais, quedaron no palco, fóra da convocatoria), o éxito deste Celta radicou na consolidación do proxecto da canteira da Madroa. Seis ou sete xogadores da casa por partido, once nesta convocatoria decisiva fronte ao Espanyol, explican tanto o éxito como a fraxilidade que arrastrou esta Celtiña das nosas angueiras. O mellor xogador de onte foi o porteiro Rubén Blanco, un rapaz que vai para figura e non rematou aínda o Bacharelato. O gol da permanencia naceu das biqueiras de fantasía de Iago Aspas, que agardo triunfe e madure como xogador desequilibrante na Premier League. A xestión dos inquedantes minutos finais correspondeu a Borja Oubiña, o cabezaleiro desta xeración de futbolistas galegos. A clave do éxito radicou nos canteiráns, aí está a orixe da proeza que onte celebramos. A pesar da marcha de Iago Aspas e Roberto Lago, a continuidade do proxecto de canteira a vindeira tempada está asegurada coa incoporación ao primeiro equipo de valores como Rubén, Santi Mina e Madinda, tres xogadores cunha fantástica proxección. A partir de finais de agosto, volveremos a emocionarnos en Balaídos. Arriba corazóns celestes!!!

Grazas ao pintor Antón Pulido que preparou esta imaxe para abeizoar aos celtistas.

Onte 600: No día do jazz

Cousa bonita é que a Unesco celebre dende o pasado ano o Día Internacional do Jazz coa intención de enxalzar esta música de orixe afroamericana como unha linguaxe de entendemento universal. O jazz é unha das expresións culturais do século XX, e non lle falta razón a Unesco cando considera que constitúe un símbolo de unidade e paz, sendo un promotor da innovación artística e un estímulo do diálogo intercultural. Mais o jazz forma parte da nosa educación sentimental, xa que o ritmo de swing vivimos momentos importantes nas nosas vidas. O jazz é cousa bonita coma este «No more blues» de Cassandra Wilson.

Onte 580: Lembrando a Gianni Rodari

Agustín Fernández Paz lembrounos onte en dúas anotacións no seu blog o aniversario do pasamento de Gianni Rodari, un dos autores que máis influíu na nosa formación como educadores. Eu tamén fun dos mestres que descubriu nos anos oitenta as pegadas de Rodari nas páxinas de Cuadernos de Pedagogía e dos que leu abraiado a Gramática da fantasía na edición de Reforma de la Escuela, un deses libros marcantes na nosa formación literaria e pedagóxica. Grazas a Agustín por facernos volver reparar en Rodari, un autor que non perdeu vixencia ningunha.

Onte 570: «A nena e o grilo nun barquiño»

Son fan de Magín Blanco, hoxe o cabezaleiro da música infantil galega. Até onte non tiven oportunidade de enchouparme no seu novo traballo A nena e o grilo nun barquiño, a segunda entrega do proxecto protagonizado por A nena e O grilo co que o valdeorrés se dera a coñecer ao público infantil da man de OQO editora. Ilustrado por Leandro Lamas, FOL Música inicia con este moi coidado libro disco de Magín a súa andaina na edición infantil, o que moito debemos agradecer ao veterano selo musical do moañés Fernando Luaces. Máis aínda cando se aposta por un orixinal modelo de edición expandida na que se inclúen trece cancións, outros tantos contos e unha proposta de xogos. Libro para ler, escoitar, bailar ou reler de forma individual e compartida.

Tras escoitar o traballo musical unhas cantas veces expreso o meu entusiasmo e a miña emoción. Os trece temas son unha marabilla marabillosa na que Blanco volve sobre un mundo infantil propio construído con referentes poéticos populares e amables melodías popeiras. Acertou de cheo arriscando cun traballo moito máis narrativo có primeiro, onde destacan pola súa facilidade os temas de ritmos roqueiriños como «O Rocanrol Dragón», «Tris Tras tres» ou «A Formiga Lúa», homenaxe a aquela formiguiña coxa coa que comezou na escrita Marilar Aleixandre. Marabilla marabillosa son tamén as pezas máis agarimeiras, nas que Magín emociona con enorme facilidade. Este é o caso da balada  «Voga, voga», «A nana da avoa» (o único que tema que non compuxo nin arranxou Magín) ou a fermosísima «Soñar», ao ritmo de doce de bossa nova coa se pecha o traballo.

Mención á parte merece o himno «Todos son capitáns», que escoitei en directo na presentación en Ourense d’ O capitán Aspaniatas e o misterio das Burgas, interpretado con Tonhito de Poi. Unha peza de estrutura clásica na que Blanco apela á unión e á solidariedade, valores que rezuman en todo este traballo que destila ledicia e entusiasmo. Con todo, a miña canción preferida é «Don Ramón», coa que comeza o disco, unha homenaxe a un bibliotecario que garda na cabeza os personaxes dos contos. Marabilla marabillosa que moito recomendo. Con todas as apertas para Magín Balnco e os seus editores.

Campo do Fragoso CXXXVI

OUBIÑADA

Foi a de onte unha tarde dunha grande oubiñada, tanto polo gol decisivo do capitán celeste coma polo seu extraordinario partido no que sostivo ao Celta fronte ao mellor equipo do mundo. Poucas veces celebramos tanto un gol do grande Borja Oubiña, insignia do Celta desta década, como esta marabillosa cabezada, caíndo en chapa preto da área pequena. Un gol memorable, fermoso, que permite aos nosos continuar con maior pulo na pelexa pola permanencia. E non foi doado acadar este empate, que soubo a gloria, fronte a este Barça construído arredor dun Messi obsesionado por golear en Vigo e acadar outra das súas marcas.

Abel Resino adiantou a defensa, afastou aos seus laterais das bandas e con Insa e Pranjic construíu un trivote no medio do campo baixo o control de Borja. Este debuxo táctico permitiulle xuntar as liñas e reducir os espazos arredor de Messi, o que supuxo ademais reducir o tempo de posesión do Barcelona. Resultou un acerto, sobre todo polas posibilidades que tiveron Orellana e Augusto para chegar a área de Pinto, mais tamén un grande risco no terreo defensivo, xa que facilitou uns amplísimos corredores polos que Tello e Alexis intentaron buscarlle as costas aos nosos laterais Jony e Roberto Lago, aos que lles tocou a peor parte.

O partido foi tan igualado coma xusto resultou o marcador final. Foi de tenteo o primeiro cuarto de hora, no que o Barça xa procurou a entrada dos seus extremos. O Celta respondeulle coa velocidade dun Orellana motivadísimo e coa vontade diesel de Augusto, a quen lle foi anulado un gol no minuto doce. A posesión pasou ao Barcelona, mais o Celta non perdeu nin a súa intensidade nin a súa orde nin a súa paciencia, procurando atopar a mínima oportunidade para quebrar a cintura de Piqué. Cando os nosos aínda se recuperaban da primeira xenialidade de Messi, apareceu unha ocasión de ouro para eles. Park foi derrubado na área de Pinto, tras outra combinación de Orellana e Augusto. Un penalti non sinalado, que sería “compensado”, sete minutos despois, preto da media hora de xogo, cando o árbitro non quixo ver unha falta semellante de Roberto Lago sobre Messi.

Durante o treito final da primeira parte o xogo estaba moi vivo en ambas as dúas áreas. Oubiña xutou moi duro sobre Pinto, aproveitando na área un erro colosal de Piqué. Respondeu Messi cun servizo sobre Tello que a promesa guindou a Marcador. O Celta quería, e puido. No minuto 37, volveuno intentar Orellana. Entrou na área, caneou a dous defensas e deixou que fose Insa quen marcase o primeiro tanto dun biqueirazo. Decontado respondeu Messi cun saque de falta maxistral, desviado in extremis por Varas. Mais, un minuto despois sería Tello quen igualaría o marcador, cando por fin, despois de moito intentalo, pillou as costas de Jony.

Tras a reanudación o Barcelona recuncou na súa estratexia de entrada polas bandas. Nunha destas tiradas, Messi fabricou o gol que precisaba o seu historial. Abriu moi profundo sobre Tello, que despois de superar ao seu defensor centrou para que o astro arxentino marcase a pracer. Faltando menos de vinte minutos o encontro diante de tan poderoso rival semellaba perdido. Porén, o Celta de Resino non se rendeu. A entrada do medio centro gabonés Madinda foi decisiva. Das súas biqueiras naceu a incrible igualada. Un balón gañado polo canteirán permitiu o centro de Orellana que viu como quedara só Oubiña na área pequena. Non fallou o gran capitán. Foi un partido inesquecible para a nosa memoria como afeccionados. Poderemos contar que vimos marcar a Lionel Messi o seu primeiro gol en Balaídos, no mesmo encontro no que Borja Oubiña respondeu cunha gran cabezada para a historia do celtismo.

Vídeo de Gol tv.

Onte 568: «Noite e brétema» de Alain Resnais

Esta película documental (32 minutos) do bretón Alain Resnais sobre a deportación e exterminio nos campos nazi é proxectada decote nas clases de Troisième (curso equivalente a 4º de ESO) dos collèges franceses para ilustrar o tema da Segunda Guerra Mundial e o nazismo.

Realizada en 1955, en plena guerra fría, a partir de material de arquivo, esta alfaia do primeiro Resnais (filmada catro anos antes da súa primeira longametraxe, Hiroshima mon amour), constituíu dende entón un muro contra o esquecemento e un alerta dos riscos da banalización do racismo e de calquera forma de totalitarismo. O monólogo poético de Jean Cayrol, supervivente de Mauthausen, locutado por Michel Bouquet, achégalle ao filme grande dramatismo, desvelando (dende o propio título) o veo de silencio que sobre estas atrocidades foron tecendo as autoridades alemás.

As imaxes son brutais, inesquecibles, mostra da faciana máis nefasta da condición humana. As secuencias finais, nas que se citan os famosos «nove millóns de mortos» (unha cifra estimada hoxe entre os cinco e os seis millóns de vítimas do exterminio), apelan á responsabilidade colectiva, non só da sociedade alemá, tamén do conxunto da humanidade con respecto ás atrocidades nazis. «Quen é responsable?» é a pregunta que fai Resnais nesta peza memorable. «A guerra adormece cun ollo sempre aberto. Quen de nós vixía desde ese estraño outeiro para advertir da chegada de novos verdugos?» é outra pregunta fulcral coa que remata este chamamento á cidadanía a construír a memoria e a manterse á espreita fronte calquera forma de totalitarismo. Noite e brétema non perdeu interese. Constitúe un excelente recurso didáctico e de formación cidadá.

Onte 564: Libro híbrido

Javier Celaya repara no seu blog na experiencia deste libro híbrido, un libro impreso en papel que pode conectarse a unha pantalla mediante un cable USB. Este invento do deseñador polaco Waldek Wegrzyn, bautizado como «Elektrobiblioteka», ten unha tinta condutora que lle permite a conexión á web e a lectura dos contidos na pantalla dun ordenador. A pesar da súa aparente rixidez, este prototipo anuncia a aparición doutros produtos editoriais que asumen a hibridación. a coexistencia dos soportes e das utilidades de ambos os dous paradigmas da edición, como unha das posibilidades deste momento de tránsito. A experiencia de edición expandida, iniciada nun soporte impreso e continuada e ampliada noutro, ensaia a nosa humilde escala estes intentos de hibridación. As posibilidades de utilización da realidade aumentada e dos códigos QR poden tamén abrir posibilidades interesantes a este novo tipo de edición hibridada.

Onte 563: O sistema educativo finlandés

Este documental dunha hora de duración, dirixido por Bob Compton e conducido por Tony Wagner, investigador de Harward, presenta de forma moi detallada as características do sistema educativo finlandés, considerado na actualidade como o mellor do mundo. Na peza explícanse ao público estadounidense algunhas das claves do seu éxito, dende o sistema de formación e selección do profesorado, pasando pola súa autonomía no desenvolvemento do currículum e a confianza das autoridades e da sociedade no seu traballo docente, até o carácter estritamente público do sistema e a gratuidade total dos seus servizos.

Ao longo de toda a peza, chama moito a atención como a consideración dos profesores como auténticos traballadores do coñecemento vertebra un sistema educativo en transformación e innovación permanente. Tras o fío de conversas e secuencias de clase (moi conseguidas) desenvólvense, polo menos, catro ideas de política educativa que identifiquei como esenciais. Primeira: a escola é un espazo que se ocupa das aprendizaxes, nin máis nin menos. Segunda: para conseguir éxito educativo (aprendizaxes e formación) é indispensable contar cos mellores e máis formados profesores e profesoras. Terceira: “en educación menos é máis”, unha forma sutil de expresar que un currículum básico reducido debe ser desenvolvido por cada centro escolar nun proceso baseado na autonomía e confianza no profesorado. Cuarta, todo este sistema alicérzase nun gran consenso político e social sobre a importancia da educación, o que lle outorga estabilidade e capacidade proxectiva.

Recomendo vivamente o documental, tanto ao profesorado coma as persoas interesadas en cuestións educativas e políticas. Máis alá de calquera tipo de perigosa mitificación, axuda a cuestionar algúns dos principios educativos que vimos utilizando. Non fai falta nin sequera facer comparacións obvias.