Onte 766: Cara de cospedal

Diante da excelente foto de Carlos Barajas na que aparece Dolores de Cospedal seguindo no xulgado as declaracións no plasma de Luís Bárcenas, que a acusaba de recibir dous sobres de 7.500 euros entregados por el mesmo nos despachos do partido e do Senado, os lexicógrafos acuñarán a frase «cara de cospedal» para as actualizacións futuras dos seus dicionarios. A nova frase será unha excelente exemplo didáctico para expresar a suficiencia e o poderío de quen se sabe moi por riba de acusacións e das penalidades que sofren os cidadáns do común: «Non, non recibín sobre ningún, díxolle ao maxistrado con cara de cospedal». A foto é tamén un excelente recurso didáctico para utilizar na nova materia de «Valores éticos e civicos», que o partido de Cospedal incluíu na LOMCE para o alumnado que non curse Relixión.

Onte 761: A lectura xuvenil como pasarela

Sigo dende hai tempo o excelente blog no que a profesora Gemma Lluch dedica atención ás narrativas dirixidas aos adolescentes e ás prácticas na web de promción da lectura. A raíz da publicación hai un mes dunha anotación que respondía á pregunta «a lectura xuvenil é unha pasarela para a educación literaria», xerouse un debate moi interesante ao que os editores educativos e de coleccións e titulos da denominada «literatura xuvenil» non podemos quedar alleos. Neste debate é sempre útil diferenciar entre lectura e lectura literaria, como tamén entre relatos de características paraliterarias e textos literarios, nos que se encadrarían aqueles da tradición literaria, dende as obras clásicas aos textos fundacionais das nosas culturas. Comparto a análise de Gemma Llluch de que nalgúns contextos educativos a lectura xuvenil pode ser unha pasarela para acceder a unha educación literaria; mais tamén poderiamos afirmar que hai razóns para todo o contrario. Seguindo este debate, semella esencial a secuencia e as características do traballo de aula preparado polo profesor ou profesora de lingua e literatura. A clave, en definitiva, estaría en como se traballan as competencias de comunicación e expresión oral e escrita, nas que a lectura ten un peso decisivo, como na abordaxe da literatura como a súa gozosa expresión artística. Recomendo as anotacións e o blog de Gemme Lluch, guieiros nun debate que non está moito menos pechado.

Onte 743: Des-normalización

Valentina Formoso pon o dedo na chaga. No artigo publicado na sección «Voces» de Prolingua denuncia as políticas sibilinas con función des-normalizadora sobre a cultura galega e para a lingua en particular. Unha choiva morna que vai enchoupando de prexuízos a valoración da cultura e linguas de noso. Este é, entre outros, o caso dalgúns contidos de libros de texto de Lingua castelá e literatura que negan a nosa lírica medieval galego-portuguesa, incluíndoa no corpus da «literatura castelá». Outrosí sucede cos contidos referidos á sociolingüistica e as escasas e prexuizosas referencias ás linguas cooficiais recoñecidas na propia Constitución. Probablemente nesas páxinas de materiais curriculares de importante difusión en todo o sistema educativo español, incluído o galego, poidamos atopar algunhas das raíces dos prexuízos e actitudes desgaleguizadoras tan presentes no actual ensino secundario, como as actitudes anticatalás ou antivascas, por fortuna só presentes en sectores minoritarios. Recomendo o excelente artigo de Valentina Formoso.

Onte 735: Unha historia literaria de referencia

Para os editores sempre é motivo de fachenda e satisfacción a chegada ás librarías de obras que consideramos de referencia, as chamadas a perdurar e a gañar importancia co paso do tempo, eses títulos que engalanan o noso catálogo durante anos e anos. Obras arriscadas para autores e editores neste tempo de tránsito da edición, onde a fraxilidade do dixital envellece o soporte escrito no momento da súa publicación. Esa mesma fachenda e convicción foi a que sentimos onte coa chegada do primeiro volume (dos catro previstos) da Historia da Literatura galega de Xosé Ramón Pena, máis de catrocentas páxinas nas que se reconstrúe con detalle o relato da produción literaria galega dende a Idade Media até os inicios do Rexuridmento, coincidindo coa publicación d’ A Gaita Gallega de Xoán Manuel Pintos. Sei que  cómpre agardar a publicación dos tres volumes restantes, prevista a un ritmo dun por ano, mais creo non equivocarme considerando que as achegas metodolóxicas, historiográficas e bibliográficas do proxecto de Moncho Pena están á altura das grandes (tamén escasas) historias literarias de noso, como a do seu mestre Ricardo Carballo Calero. Foi e continuando sendo o de Pena un esforzo individual enorme, teimoso, constante, diario, propio dun gran maratoniano da nosa investigación literaria. Unha actitude que merece a nosa maior gratitude como editores. Tanto polo seu enfoque comunicativo e polo novidoso de moitas das súas interpretacións e lecturas (onde creo está a cerna da obra) como pola importancia concedida ao estudo das circunstancias políticas e sociais sobre o feito literario e sobre o devir da lingua galega, esta obra de Xosé Ramon Pena posúe ese carácter perdurable, dunha historia literaria de referencia, por riba de soportes impresos e dixitais. Agardamos con expectación a recepción deste primeiro volume por parte da comunidade académica e polo conxunto do noso sistema literario.

Onte 727: Francisco a prol da causa da paz

Admiro a determinación e afouteza do papa Francisco a prol da causa da paz e contra da intervención militar en Siria. «A guerra é sempre unha derrota para a humanidade» salientou onte durante o rezo do Ángelus. Valiosas xa foron tamén as súas declaracións criticando o negocio da venda de armas, onde está tantas veces a orixe dos conflitos.Como a presenza inédita de Francisco nunha vixilia silenciosa a prol da paz, celebrada no solpor romano, acompañando a representantes doutras crenzas e persoas laicas, ateas ou agnósticas,constituíu unha novidade extraordinaria, unha mudanza profunda no comportamento da Igrexa. Imaxinamos aos párrocos galegos convocando concentracións cidadáns a prol da paz nos adros das súas igrexas? Quedo con algunhas das palabras claras de Francisco pronunciadas no serán pola paz: «A violencia non é o camiño para a paz». «O perdón, o diálogo e a reconciliacion son as palabras da paz, na amada nación Siria, no Oriente Medio e en todo o mundo.» Será posible aínda evitar o ataque?

Onte 681: Tecnoloxías emocionais

Leo en Comunicación cultural que coa universalización dos smartphones chegarán as chamadas «tecnoloxías emocionais». Semella que utilizaremos o móbil tanto para coñecer a predición meteorolóxica (graciñas 4 gotas!) como para saber do noso estado emocional. Esta é a información proporcionada xa por EmotionSense, un app que diagnostica o noso estado de felicidade ou frustración en base aos datos proporcionados polo uso do noso teléfono. O carácter terapéutico do móbil permitirá previr os nosos estados de ánimo e será tamén fonte de información para mellorar a nosa saúde. Non é ciencia ficción nin fantasía friki. Estamos ás portas da chamada «computación afectiva», a que será capaz de adiantarse ás nosas emocións. Pensemos nas consecuencias que isto pode supoñer. Outro chimpo dixital. Uff!

Onte 677: Amnesty International 50 years

Grazas a Rafael Antón, extraordinario ilustrador vigués radicado en São Paulo (unha figura a recuperar para o país noso), descubrín esta peza marabillosa dirixida por Carlos Lascano e creada con motivo do cincuenta aniversario de Amnistía Internacional. Eis algunhas posibilidades creativas da stop motion. Magnífico recurso didáctico tanto polos seus contidos coma pola súa feitura.

Onte 671: Malala ou o valor da educación

Pareceume pobre a cobertura que os medios (impresos e dixitais) fixeron en España da extraordinaria intervención nas Nacións Unidas que a moza paquistaní de dezaseis anos Malala Yousafzai fixo en defensa do dereito á educación. Apenas un minuto e medio na televisión pública mereceu esta peza estremecedora na que se reivindica o profesorado, os lapis e os libros como as mellores armas coas que conta a humanidade para mudar o mundo. Paga moito a pena conservala no arquivo como un extraordinario recurso didáctico para as aulas de formación do profesorado e como un chamamento para as nosas conciencias acomodadas na rotina. A pesar do conformismo paralizante, como ben salienta Malala con afouteza e unha determinación impresionante, a educación é a única arma posible para combatir os fanatismos e procurar a igualdade entre todos os seres humanos.