Onte 1281: Novos títulos de Astérix en galego

asterix_papyrus_cesar

Na feira do libro de Boloña anunciouse onte o título do que será o triséximo sexto álbum de Astérix, O papiro de César, que aparecerá en todo o mundo o 22 de outubro de 2015 e será publicado en galego por Xerais. Coma xa sucedera co álbum anterior, Astérix e os pictos, publicado en outubro de 2013, os autores serán o guionista Jean-Ives Ferri e o debuxante Didier Conrad, que adiantaron en Boloña que a acción da nova entrega se desenvolverá na Galia e «coma sempre sucede en Astérix haberá batallas, novos personaxes, un moi perigoso e zoinamoina, romanos a labazadas e se abordará un tema característico da sociedade moderna.» Antes da publicación desta nova aventura, a comezos do mes de maio estarán dispoñibles nas librarías as novas edicións en galego da terceira e cuarta entrega da serie de René Goscinny e Albert Uderzo , Astérix e os godos e Astérix gladiador, traducidas por Xavier Senín e Isabel Soto. Sen dúbida, 2015 será un gran ano para os seareiros galegos de Astérix e Obélix.

Onte 1279: Día das Artes Galegas

CARTAZ DÍA DAS ARTES GALEGAS

Pareceume un acerto a iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes, que preside o pintor Manuel Quintana Martelo, de instituír dende este ano o «Día das Artes Galegas» coa intención de exaltar, divulgar e promover a creación artística en Galicia. Como tamén o foi o de escoller para esta efeméride a data do primeiro de abril, en lembranza da mesma xornada do ano 1188, coa que se certifica nas limeiras do Pórtico da Gloria aquel como obra do Mestre Mateo. Comézase así unha nova institución da nosa cultura exaltando ao Mestre Mateo, o xenio renovador da arquitectura e escultura románicas, retratado para a ocasión con todo o xenio de Miguelanxo Prado.

Sobre a figura de Mateo, o mestre de obras da Catedral de Compostela dende 1168, non se ten investigado abondo na nosa cultura. Coa intención de saber máis sobre a súa figura recorrín onte á erudición de Xosé Filgueira Valverde no seu traballo, «Datos y Conjeturas sobre la biografía del Maestro Mateo«, publicado no seu libro Historias de Compostela (Bibliofilos Gallegos, 1970; Xerais, 1982), onde aos datos achegados pola historiografía romántica, o polígrafo pontevedrés apenas engade a posibilidade de que o pai de Mateo fose o arquitecto da ponte de Salime, sobre o río Navia. Moito queda aínda por afondar, coñecer e poñer en valor de quen foi un dos piares da cultura de noso.

Xaora, este Día das Artes Galegas da Academia de Belas Artes, como a proposta que hai varios anos xa fixera a viguesa asociación A Nave das Ideas, homenaxeando ao pintor Urbano Lugrís, á actriz María Casres e ao músico Xesús Bal y Gay, supón unha ollada transversal, modernizadora e vivificadora da cultura galega, aínda moi ancorada nos límites do fenómeno literario. Celebrar a nosa creación artística no seu conxunto, sexa a literaria, a musical, plástica, dramática, cinematográfica ou transmedia, supón unha oportunidade para que a cultura galega recupere azos e alento en tempos moi difíciles como os que vivimos.

Onte 1271: Mapa das e dos poetas de noso

Marabilla este mapa de Noelia Gómez, utilizando ThingLink, que recupero do blog de Carlos Callón, para festexar o día da poesía. A localización das gravacións realizadas para a videoteca da AELG conforma un impresionante mapa das e dos poetas de Galicia. Iniciativas coma esta ou coma o poemario electrónico de Fran Alonso poñen en valor esta efeméride para a poesía galega. Beizón!

Cantares no Miñor

No artigo da semana no Faro de Vigo volvo sobre o centenario dos coros tradicionais galegos e o festival Cantares no Miñor.

cantares_no_miñor_2015

O pasado 7 de marzo celebrouse no Auditorio de Afundación de Vigo (que debería recuperar o seu nome popular de “Rosalía de Castro”) Cantares no Miñor, o cuarto encontro anual de Coros Tradicionais organizado por Cantares do Brión, a agrupación musical creada hai seis anos no Centro Cultural de Vincios de Gondomar. Un serán memorable para a música galega de raíz no que, ademais dos organizadores, participou o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol que o 29 de maio celebrará o centenario do seu primeiro concerto baixo a dirección de Manuel Lorenzo Barja.

Ao longo das máis de dúas horas de concerto, tanto durante a interpretación do repertorio clásico de Toxos e Froles, con temas como “Negra sombra” de Xoán Montes, “Os teus ollos” de Castro Chané, “A escala” de Pascual Veiga, coma no máis renovador de Cantares do Brión, con pezas como “Has de cantar” ou “Casto Sampedro”, composicións máis recentes do seu director Pablo Rial Salgueiro, incluídas no seu disco “Arruídos” (2014), percibimos a recuperación da tradición dos festivais musicais galeguistas e do espírito expansivo e agarimeiro que estas agrupacións corais mantiveron contra vento e marea durante un século.

Unha tradición que tivo a súa orixe en 1883 en Pontevedra seguindo o modelo acuñado polo boticario Perfecto Feijóo Poncet (o famoso dono do loro Ravachol) na agrupación Aires d’a Terra coa pretensión de dignificar as músicas aldeanas, no marco da recuperación do folclore. Patrón de enxebreza musical que deu pé ao nacemento de agrupacións semellantes noutras localidades galegas durante a segunda década do século XX, coincidindo co desenvolvemento das ideas galeguistas que levarían en 1916 á creación das Irmandades da Fala.

Son os casos de Toxos e Froles (1915) en Ferrol e de Cántigas e Aturuxos (1915) en Lugo, a agrupación nacida na Juventud Antoniana e dirixida polo violinista Xesús Rodríguez Fernández, a quen se lembra no seu centenario coa publicación dun libro cedé (Ouvirmos 2015) de Ramón González González, no que se inclúe vinte das súas gravacións, entre as que se atopa a primeira do himno galego realizada en 1918 pola Compañía del Gramófono de Barcelona. Coros pioneiros aos que seguiron outros como Cántigas da Terra (1916) na Coruña, que por ventura mantivo o seu pulo ininterrumpido até hoxe; Foliadas e Cantigas (1916) en Pontevedra; Agarimos da Terra (1916) en Mondariz; Agrupación Artística de Pontevedra (1917); Queixumes dos Pinos (1917) en Santiago; Agrupación Artística de Vigo (1918); Coral de Ruada (1918) de Ourense, Cantigas e Agarimos (1923) de Santiago e Cantigas e Frores (1948), tres agrupacións estas últimas que aínda manteñen a súa actividade.

Todos estes coros tradicionais, que coincidían decote en festivais que se celebraban en teatros (como o desaparecido Tamberlick de Vigo ou o Teatro Circo de Lugo) ou mesmo en prazas de touros como a da Coruña, respectaban patróns comúns. Un repertorio vinculado ás formas da música tradicional de noso: alalás, foliadas, muiñeiras, pandeiretadas, cantos de arrieiro…; a utilización habitual da lingua galega e de instrumentos tradicionais, incluídos os diatónicos (gaita e zanfona); a introdución de anacos de pezas teatrais, de zarzuelas galegas, así como de actuacións de danza tradicional, coidándose o emprego de decorados e iluminación axeitada; o coidado do vestiario tradicional dos participantes; a exaltación dos símbolos nacionais (himno e bandeira) foron os compoñentes principais dunha fórmula coral e asociativa que circulou de forma exitosa durante as tres primeiras décadas do século pasado nos escenarios galegos e tamén nos de alén mar, xa que como sinala a historiadora Lorena López Cobas, “ofrecía ao público emigrante a posibilidade de rememorar a súa terra natal por medio de música familiar e de recreación medioambiental”.

A posta en valor desta tradición musical de fachendosa enxebreza (música, lingua e traxe de noso) é a razón de ser de festivais como Cantares no Miñor e de publicacións e exposicións dedicadas ás agrupacións que neste e nos vindeiros anos celebran o seu centenario. Unha proeza da teimosa vontade galeguista que merece ser recoñecida no marco da grande celebración nacional que o vindeiro ano debe supoñer o centenario das Irmandades da Fala. Unha fórmula musical da nosa tradición que merece ser anovada como pretende Cantares do Brión, a agrupación de sesenta persoas presidida por Xosé García Crego, que dende o seu nacemento incorpora novas composicións contemporáneas ao repertorio tradicional. Anceios aos que non son alleos os afáns do seu director e do resto dos seus compositores. Unha aparición a do coro miñorano que está reilusionando e contaxiando de novos azos a todo o movemento coral tradicional galego. Merecidos parabéns!

Onte 1265: «Poética» de Fran Alonso

poetica_fran_alonso

Non tivera oportunidade de recomendar Poética, o libro en liña que Fran Alonso acaba de publicar. Unha creación literaria extraordinaria, un fito no emprego literario das utilidades hipertexutais, sobre todo da intertextualidade e do carácter multimodal dos textos, que integran imaxes, audicións, vídeos en tres linguas (galego, español e portugués). Un hiperlibro de poemas, unha hiperpoética rotunda, unha obra con vontade de constituírse en arca e arquivo, referente da ciberpoesía, que sitúa a Fran Alonso no cabezaleiro da literatura e da edición do noso tempo. Xaora, a forza e rotundidade desta Poética, como a súa utilidade como recurso didáctivo e soporte de fomento da lectura e de hiperescritura de poesía fan deste libro electrónico un referente internacional con inequívoca vontade de crear unha nova tradición para a nosa literatura e edición. Todos os parabéns para Fran Alonso por este hiperlibro interminable, negación da banalidade, afirmación da vontade da escrita en espiral. Unha obra aberta sobre a que volveremos. Recoméndoa moi vivamente.

Onte 1258: 0 % reitoras

científicasCon motivo do día internacional da muller publicáronse moitos textos. Entre eles, rescatei unha reportaxe que Eduardo Rolland publicou o pasado ano en GCiencia sobre a situación da muller nas universidades galegas que sei non perdeu actualidade. E abofé que os datos son contundentes. A pesar de que as mulleres son o 54 % do alumnado e o 63 % das persoas graduadas nas nosas universidades, as catedráticas representan apenas o 14 % e as profesoras titulares o 35 % dos cadros docentes, mentres as limpadoras son o 100 %. Como non deixa de ser significativo que as mulleres representen apena so 20 % nas spin-off das universidades españolas. Ademais, o feito que de que aínda non houbese unha reitora en ningunha das tres universidades galegas expresa que na nosa contorna universitaria persiste unha profunda desigualdade. Outrosí sucede no eido directivo das empresas, onde a presenza das mulleres continúa sendo moi baixa. A procura da igualdade real no mundo do traballo, tanto salarial como de responsabilidades, continúa sendo unha causa pola que todas as persoas debemos continuar loitando.

Onte 1246: Sempre Rosalía

doodle_24-02-2015

O doodle de Rosalía de onte supuxo un importante incremento da visibilidade na rede en todas as comunidades autónomas da celebración do 178 aniversario do nacemento da nosa escritora fundadora. A mobilización nas redes sociais baixo a etiqueta #EuSonRosalia, as numerosas actividades nos centros educativos e nas súas bibliotecas, a pesar de non formar parte aínda do calendario escolar, como as promovidas por colectivos culturais e feministas, constituíron a cerna dunha efeméride que devagariño vai acadando maior centralidade no calendario galego do libro e da lectura. O fenómeno Rosalía, a simpatía que supón como icona primeira do país, como personaxe predilecto dos galegos e mesmo como marca máis universalizada da literatura galega explica o éxito dunha efeméride literaria con vontade de converterse en efeméride nacional. Sempre Rosalía!

Onte 1234: «Parabéns para ti!»

Como en tantas outras ocasións son o concello de Carballo e a Mesa os promotores dunha valiosa iniciativa normalizadora: un videoclip para facilitar que nenas, nenos e maiores celebren e feliciten os aniversartios en galego.

Temos, pois, xa unha letra que facemos nosa para cantar en todos os aniversarios no momento emocionante de apagar as candeas coa familia ou compartir nas aulas a felicidade de engadir un ano máis na nosa vida:

Parabéns para ti / parabéns para ti / desexámosche todos/as  / parabéns para ti.

Parabéns para ti / nesta data querida / Moitas felicidades / Moitos anos de vida.

Hoxe é día de festa / cantan as nosas almas / para ti que hoxe é o teu día / unha salva de palmas!

Parabéns aos promotores e participantes na gravación dunha peza concibida para celebrarmos e compartirmos a vida na lingua de noso. Que rode!

Onte 1233: «Escarlatina» na lista de honra do IBBY

ledicia_costasRecibimos con satisfacción a noticia da elección de Escarlatina. A cociñeira defunta de Ledicia Costas para formar parte da Lista de Honra do IBBY do bienio 2015-2016. Recoñécese outra vez un deses textos literarios, que ademais de merecer o premio Merlín 2014 de literatura infantil e o Fervenzas ao mellor libro infantil do ano, está recibindo unha acollida calorosa entre os lectores e lectoras novos, xa que en cinco meses van xa tres edicións e varias ducias de encontros en bibliotecas escolares do país. Xaora, este fulgor de Escarlatina é o propio dunha novela nacida con vontade de clásico infantil contemporáneo, sexa pola orixinalidade da súa proposta temática e estrutura narrativa, onde a cociña e o inframundo teñen grande protagonismo, como pola súa sutileza para abordar a relación da rapazada coa morte e co auténtico valor da vida. Aledámonos do éxito de Ledicia Costas, unha das narradoras máis destacadas e máis versátiles da Xeración da Esperanza, que na primavera publicara en Xerais Narrativa Un animal chamado Néboa. Ogallá teña azos e medios para viaxar en agosto de 2016 a Auckland, nas antípodas, para recoller o diploma do IBBY. Beizóns!!!

Onte 1219: «Ranilda» ou o audiovisual no CEIP A Lama

CEIBE_2013Foi onte Seso Durán quen me abriu os ollos sobre o extraordinario traballo audiovisual que se ven realizando no CEIP A Lama. Abonda con visitar o web da biblioteca escolar, «O recanto do Leo», ou a súa páxina en Vímeo para quedar abraiado e engaiolado polas pezas producidas polo alumnado e profesorado deste centro público situado ao pé da Serra do Suído. Se Ranilda, unha curta de animación en Stop Motion, é impresionante, A escaleira deixounos coa boca aberta. Outro tanto sucedeu coas pezas que forman parte do Proxecto de Documental Integrados, «Ríos e praias en boas mans» ou «Sementa ideas, recolle futuro», nos que todo o centro traballa as competencias básicas contando coa biblioteca escolar como centro de recursos ao servizo do currículo. Un traballo recoñecido con diversos e importantes premios que demostra a potencialidade transformadora da innovación didáctica cando está inserida nun proxecto comunitario. Emocionante saber desta experiencia de escola galega, fachendosa do emprego da lingua de noso, arraizada na terra e na utilización das ferramentas comunicativas do noso tempo. Xaora, enxergando esperanza. A comunidade educativa do CEIP A Lama merece a nosa beizón e gratitude.