Escaparate 27/2014: Librería Miranda (Bueu)
Escaparate da librería Miranda de Bueu do 23 de axullo de 2014 con motivo da presentación de Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto.
Escaparate da librería Miranda de Bueu do 23 de axullo de 2014 con motivo da presentación de Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto.
Cheo histórico no salón de actos do Museo Massó de Bueu para asistir á presentación de Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto organizada pola libraría Miranda. Máis dun cento de persoas vibramos durante unha hora cos relatos, coa música e coa emoción dun serán no que se viviu a épica dos mariñeiros galegos que máis alá do paralelo 48 procuraron os camiño do mar.
Comezou Xurxo Souto a súa intervencion confesando que este libro «era unha ousadía, xa que xeralmente as cousas do mar se calan en terra, ninguén nos aprendeu nada do mar». «Pretendín transcribir as historias dos mariñeiros que foron máis aló do paralelo 48, que entraron nos mares de cuberto e máis da parte de fóra, Os tres codillos, O calcetín, O Gran Sol, ou aqueloutros máis afastados do Volcán de Porcupine ou do Rocal do Con, esa illa entre Irlanda e Islandia». Falou despois Souto de que «Irlanda foi sempre unha obsesión para a cultura galega, sobre todo na música, o que non é estraño xa que os portos galegos de Irlanda, como Bantry, Dingle ou Galway, son a periferia da periferia, onde mellor se conserva a lingua gaélica». Defendeu Xurxo que Vigo e A Coruña, onde están os portos do Berbés e do Muro, epicentros do mar de Galicia, «son a mesma cidade e que rabeen os repunantes».
Relatou Xurxo Souto, con algunha cantarea polo medio, as historias referidas a Bueu, desde a das botas de Riobó, as mellores do mercado, tan importantes para o pé do mariñeiro, famosas dende san Pedro de Miquelón a Trintxerpe, pasando polas de José de Loira de Cela e de Benito Estévez, até a de Lito Gago, un dos gaiteiros do mar, fundador da banda de gaitas Manxadoira de Bueu. A intervención espontánea do propio Lito relatando unha nadal en Terranova foi un dos momentos máis emocionantes do serán. Antes, Xurxo gabara ben chufados aos gaiteiros do mar, «levar un gaiteiro a bordo é unha regalía». A intervención de Rubén Bastón, compañeiro daquel programa inesquecible, Mil Ribeiras da Radio Galega, salientou a importancia destes músicos, que chegaron a gravar un LP no Gran Sol, e o traballo de Xurxo Souto na recpueración e conservación da súa memoria.
No treito final da presentación, antes das repichocas de Xurxo e de Miguel de Cela, Souto advertiu que «este non é un libro de naufraxios, o naufraxio non é épica, é un accidente laboral que debería ter sido posible evitar contando con máis medidas de seguranza marítima,» «máis seguranza e menos épica dos naufraxios», reclamou. »Este é un libro de aventuras, un libro de amor, un libro de descubertas, un libro de pintura, un libro de música, un libro do século vinte, mais tamén un humilde manifesto de futuro. Galicia é o centro do mar, a nosa principal industria, somos a maior potencia pesqueira de Europa. O libro pretende apenas poñer en valor aos galegos como centro do mar.»
As próximas recaladas dos Contos do mar de Irlanda serán as do Festigal, o 25 de xullo ás 20:30; no Museo do Mar de Noia, o 30, ás 20:30 horas; e a da Feira do libro da Coruña, o sábado 2 de agosto, ás 21:15 horas. Medre o mar!
Acompañei onte a Carlos Reigosa na presentación en Compostela de Kid Salvaxe, o seu primeiro libro de poemas. O escritor da Pastoriza comezou confesando que con dezasete ou dezaoito anos, cando chegou a Madrid, ía ao ximnasio do Palacio de Deportes onte tiña compañeiros como os boxeadores José Legrá e Velázquez. «Eu nunca pelexei, xa que sei que non tendo fame o boxeo non ten sentido. Porén, para min as imaxes máis poéticas da vida son as boxísticas. Todos os días temos que nos enfrontar con algún rival. O boxeador comeza o combate coa cara limpa e acaba como a vida, coas marcas dos golpes. Iso foi o que representou Miguelanxo Prado de marabilla na imaxe da cuberta do libro».
Continuou Reigosa dicindo que «son un prosista, un narrador, non son poeta, a pesar de que fixen poemas en galego toda a vida, aínda que até agora nunca fixera nada por publicalos». »Este Kid Salvaxe está condicionado pola morte do meu pai, razón polas que os poemas están cargados de pasado, creo que hai textos de gran vitalidade, máis cargados todos de memoria». «Son consciente que vivín aqueles tempos nos que a poesía estaba cargada de futuro, con voces como as de Celaya, Ferreiro ou Blas de Otero, poetas aos que coñecín en Madrid». «Como sei, tamén, que a poesía ten algo de confesional. Son consciente que Os outros disparos de Billy, aqueles aforismo escritos como poemas en prosa, estaban cargados de futuros, onde estaba moi presente a música de Bob Dylan».
A seguir dixo Reigosa que «Kid Salvaxe ten unha unidade, a que lle proporciona a idea de que vida non está ben feita. Isto é mellorable». «Sei que Kid Salvaxe mantén un fío con Oxford, amén, a miña primeira novela, onde se propoñía cambiar todo e se sabía como facelo. No entanto, sendo o autor e o mundo o mesmo, en Kid Salvaxe hai un entusiasmo distinto, outra ollada». Antes de ler uns cantos poemas do libro, resumiu Reigosa: «creo que os poemas teñen unha harmonía das visións desconcertadas, froito dun estado de ánimo consecuencia da experiencia persoal». Na quenda de preguntas, Carlos Reigosa lembrou as bágoas de Celso Emilio Ferreiro despois de escoitar recitar o seus poemas ao xornalista cordobés Felipe Mellizo.
Memorable foi a presentación d´ Os televisores estrábicos no Rúa. O salón do magnífico restaurante da rúa de San Pedro quedou pequeno para acoller tanta xente que veu escoitar a Ramón Vilar no día do seu debut compostelán. Abriron o acto dúas pezas de membros de Brincadeira e unha intervención vibrante do xornalista Roberto Noguerol que actuou como mantedor do serán literario e musical.
Comezou Roberto Noguerol dicindo que «Os televisores estrábicos é un libro que me ten deslumbrado». «Ramón Vilar é un autor no que se xuntan na mesma persoa a paciencia do poeta e a agudeza do xornalista, o que lle permite ofrecer un libro extraordinario. Sutileza, empatía e moito rock and roll están presentes nestas catorce pezas, que conforman un álbum completo con entidade propia». «A agudeza implacable do xornalista está nestas páxinas por que Moncho é un profesional consciente de que o mellor xornalismo está entre liñas, Moncho é un xornalista con percebes nos collóns, aposta por ese xornalismo que non entra nos xornais mais que si lle gustaría facelo aos xornalistas. O xornalismo como contraste entre o que lle interesa á xente e o que é interesante». Antes de chufar ao autor como «como gran contador de historias, polo seu hábil manexo do coloquial en cada un dos relatos», rematou Noguerol cualificando o libro de «colleita gourmet», «un libro dunha boa persoa, dun bo xornalista, dun gran escritor».
Pechou o serán Moncho Vilar cunha intervención na que relatou a famosa anécdota da viaxe á presentación compostelá do libro de Sucasas, un conto oral que merecería formar parte do propio libro. Antes de ler algunhas das opinións recibidas dende a aparición do libro, reflexionou sobre a intencionalidade do libro e do propio título, salientando o seu «interese por abordar as crises sociais», «a soidade actual é terrible, a pesar das redes sociais perdéronse espazos de socialización, hoxe estamos mirando aos televisores estrábicos, aqueles que miran en varias direccións».Rematou Vilar insistindo na idea de que «a crise non mate a esperanza» e en dúas cousas que pretendeu transmitir: «a primeira, a vida doe, doe moito»; a segunda, estamos obrigados a vivir de pé, porque a vida é marabillosa e non se pode vivir axeonllados».
Quedei engaiolado coa reportaxe de The Guardian sobre os librosbanco en Londres, «Books about Town», unha desas marabillas ideadas polos poderes públicos no Reino Unido para o fomento da lectura. 50 bancos en forma de libro, dedicados cada un deles a un autor ou personaxe literario relacionado con Londres e ilustrados por un artista diferente, expóñense por toda a cidade durante os meses de xullo e agosto para ser poxados a comezos de outubro coa intención de obter fondos para The National Literacy Trust. Os promotores desta iniciativa, que lembra a Cowparade, pretenden que os londinienses e os visitantes gocen da experiencia de sentar nun libro cun libro na man. Os espazos públicos transfórmanse en espazos de lectura, a cidade nunha grande biblioteca ao aire libre, onde descubrir títulos, autores e ilustradores. Unha iniciativa para pasear polos parques públicos e sorprenderse cos libros e a literatura.
Coma no Reino Unido é adoito, os librosbanco poden ser patrocinados polas empresas privadas, sobre todo por editoras como Andersen Press que patrocina o bancoelmer de Mkee, ou Penguin que o fai co personaxe de Jacqueline Wilson. O catálogo de librosbanco é amplo, hai títulos do século XX como 1984 de Orwell, Febre nas bancadas de Horby, A máquina do tempo de Wells, outros clásicos como Os contos de Canterbury ou a Alicia de Carroll. Hai rotas e concursos para localizalos, un completo programa de actividades literarias, ademais dun concurso promovido por The Guardian para escoller o librobanco número 51, ese que falta nunha escolma moi dificil de pechar, que será patrocinado polo propio xornal. Os librosbanco é outra desas iniciativas británicas de promoción lectora das que tanto temos que aprender. Paga a pena tirar dese fío.
Presentamos onte en Compostela a décima monografía sobre literatura infantile xuvenil da Rede LIJMI. Un feito significativo pola continuidade dun proxecto nacido en Galicia hai unha década co obxectivo de contribuír ao traballo dos mediadores na formación do lector literario, que foi collendo pulo primeiro no marco das linguas ibéricas e agora no iberoamericano. Dez volumes, máis de catro mil páxinas editadas, que conforman unha biblioteca de didáctica da lectura única e singular na que se levan publicadas monografías sobre a narrativa xuvenil, poesía infantil, o teatro infantil, o papel do álbum na literatura infantil ou o papel dos premios literarios e de ilustración, por só citar algúns. O carácter plurilingüe dos volumes, como a súa combinación de ensaios, selección de títulos «imprescindibles» e comentarios para a educación literaria acuñaron un interesante modelo de mediación. Un proxecto editorial do que nos sentimos orgullosos.
Escaparate da Libraría Biblos de Betanzos do 26 de xuño de 2014 con parte da obra poética dos autores que acompañaron cun recital a pintora e ilustradora Isabel Pintado na súa exposición Xardín de Libros na Libraría Biblos de Betanzos: Diana Varela, Xavier Seoane, Olga Patiño, Xulio Valcárcel, Fernández Naval e Miguel Anxo Fernán Vello, que fixo tamén as presentacións.
Escaparate da librería Cronopios de Santiago con motivo da presentación d’ A voz do vento de Pemón Bouzas. Foto tirada do FB da librería o 24 de xuño de 2014.
Presentamos onte no Pazo da Cultura de Pontevedra o Culturgal 2014, que celebraremos alí do 5 ao 7 de decembro. A ampliación do perímetro de Culturgal,coa incorporación de novos expositores, disciplinas (singularmente a cultura gastronómica), públicos e a ocupación de todos os espazos do recinto; a constitución dun foro de encontro de creadores de todas as disciplinas, así como a procura dun modelo económico sostible para a feira, na que é imprescindible para a súa viabilidade a corresponsabilidade dos públicos e os patrocinios privados son os principais obxectivos que nos sinalamos os organizadores para esta edición. A obriga de Culturgal é todas as edicións sorprender,innovar e visibilizar os produtos e servizos das industriais culturais galegas en todos os seus eidos. Eis un proxecto ilusionante no que contribuiremos co noso esforozo.
Emocionante e memorable resultou no serán de onte a presentación d’ A voz do vento na rúa Cega de Cangas, ao pé da rúa Real. Case un cento de persoas ocuparon durante máis dunha hora o espazo público arredor da taberna O Rincón, un dos locais con máis sabor da vila, fundado en 1955, para escoitar a gran intervención de Pemón Bouzas sobre a novela que recupera a memoria do ataque berberisco de 1617 e anova o mito de María Soliño. Na súa intervención Pemón reconstruíu minuciosamente a vila de hai catro anos, deitada sobre a praia de Areas gordas, centro de intercambio comercial e marítimo, cuxos oitocentos habitantes foron atacados por unha impresionante flota de trece embarcacións. O relato do proceso de crise posterior que viviu a vila e o papel dalgunhas mulleres como María Soliño centrou o discurso engaiolante do narrador. Se non abondase, as numerosas intervencións do público coincidiron en abeizoar ao autor mais tamén en solicitar a celebración do cuarto centenario da invasión e do proceso do tribunal da Inquisición a María Soliño. Onte a rúa Cega cangueira convertiuse da man dunha novela en praza Maior, un auténtico galano. A nosa gratitude a Lito da libraría Maraxe pola súa axuda e a Antón por transformar a súa taberna popular, que saca semanalmente o jazz a rúa, en centro cívico e cultural. Un modelo a imitar para visibilizar o libro galego. Regresamos moi satisfeitos.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).